175 Salinas de Larache

Galería de Fotos

VerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vilaboa
  • Parroquia: Santa Cristina de Cobres
  • Lugar: Larache
  • Paraxe: Enseada de Larache
  • Dirección:
    Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.33672227754668
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.64347219467163
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 529.606,34 m / Y 4.687.468,59 m
  • Clasificación: Extracción de sal
  • CNAE: 08.93 Extracción de sal (Sal mariña cristalizada).
  • Tipoloxía: Salina mariña de presa e estero
  • Comarca: Pontevedra
  • Marco Xeográfico: Enseada de San Simón
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:

    Dende Pontevedra colleremos a estrada nacional N-550 en dirección Vigo e a uns seis quilómetros e medio chegaremos ó cruce coa N-554 que aparta á dereita cara á Domaio. Continuaremos pola N-554 cara á Domaio e a uns tres quilómetros colleremos o desvío á esquerda que leva a Larache e as salinas.

  • Tipo de propiedade: Dominio público marítimo terrestre
  • Visitable:

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Van máis de dez mil anos dende que os humanos comezaran a empregar o sal na súa alimentación: hoxe sabemos que o sodio e potasio que están presentes no sal son necesarios para o equilibrio do organismo. Posiblemente o sal colleríase daquela das costras que aparecen nos lagos salgados e na beiramar, tomando exemplo do que fan os animais. De camiño ía incorporarse á dieta como potenciador do sabor dos alimentos, comezando polo pan.

O sal fixo posible a preparación e conservación de moitos alimentos. Os antigos exipcios aprenderían a facer comestibles ás amargas olivas curándoas en salmoira. A extensión da agricultura incrementou a importancia do sal en tódalas culturas. Pola súa importancia na alimentación, quer na preparación quer na conservación, o sal foi considerada como esencial na vida e desenvolvemento das primitivas sociedades. Fenicios, gregos e romanos estenderon o seu uso polo Mediterráneo, mentres as culturas celtas facían lo propio na Europa Central. A produción e o comercio do sal adquiriría grande importancia en todo o mundo. A explotación do sal en España documéntase no século V a.C., cando os colonos fenicios e gregos o empregaban para a salgadura do peixe e para a preparación dunha salsa de peixe (garum) que exportábase a Atenas.

Os pilos de salgadura de Bares, Espasante, Cariño, Mugardos, O Grove, Vilagarcía ou Nerga configuran unhas verdadeiras factorías que nos contan da importancia da conservación da pesca nunha xeografía romanizada que non podía curar toda a súa pesca ó aire mareiro, como aínda se fai co congro en Muxía.

Nas beiramares pódense recoller pequenas cantidades do sal que queda nas pedras como residuo trala evaporación da auga mariña pola acción do vento e o sol. No areal de Baldaio hai unha gran roca da que na baixamar pódese coller sal nos seus ocos, especialmente no verano: chámase A Pedra do Sal.

Ademais das chamadas salinas de charcos e de cocedoiros naturais (pequenas pozas ás que quenta o sol acelerando a evaporación), lagoas e marismas costeiras “nas que calla algún sal, ben real que pertence a todos”, a observación dos ciclos mariños axudou á preparación de estanques litorais nos que o sal cristalizaba de maneira natural. Hai tres mil anos os fenicios xa coñecían este procedemento, que precisaba de grandes extensións na beiramar con pequena pendente.

Pola importancia do sal foron moitas as salinas que se explotaron nas costas galegas, documentadas xa dende o século VI, que mesmo deron nome á península do Salnés e que foron o complemento necesario na consolidación da actividade pesqueira nas costas galegas. Xa no século IX coñécese que o rei Ordoño II ofrecera ó Arcebispado de Santiago as salinas de Noalla e do Grove, ámbalas dúas no areal da Lanzada, doazón confirmada no 886 por Alfonso III. En documentos do 955 cítase á illa de Cortegada, na foz do Ulla, como “saliniense”; no 911 é a “ínsula” do Grove a que aparece localizada nun “territorio saliniense”; e no 1115 fálase das salinas da illa de Arousa.

Sobreviven na toponimia e microtoponimia designacións que remiten de sur a norte ó pasado do beneficio do sal en albufeiras e ribeiras costeiras: A Granxa das Salinas (Vilaboa); Salinas da Seca (ó nordeste do saco de Fefiñáns, en Cambados); Salinas (na costa oriental da illa de Arousa); As Saíñas (Coroso, Palmeira, Ribeira); Punta Saíña e As Saíñas (un quilómetro o norte da vila de Noia); Punta das Saíñas (Lira, Carnota); Punta da Pedra do Sal (ó poñente da enseada de Arou, Camariñas); As Saíñas (Baldaio, Carballo); Pedra do Sal (Baldaio, Carballo); Salinas (nun fondal da ría de Ferrol, en Narón); Punta Saíñas (ó norte da enseada de Esteiro, Viveiro).

Nos primeiros séculos da Idade Media a propiedade das salinas estrutúrase arredor de certas familias podentes, que as van transmitir por herdanza e que reciben rendas pola recuperación e venda do sal. A partires do século X serán os mosteiros quen comezan a controlar a propiedade, explotación e renda das salinas. A produción salineira quedaría suxeita dende o século XI a un imposto real chamado gabela (do árabe al-kabala) ou alvaro, nun intento de mellorar as fontes de ingresos para os estados que comezan entón a crearse. Afonso VII estableceu contra o 1130 o dominio real de tódalas salinas, e a partires do reinado de Afonso VIII (ca. 1200) foi corrente o arrendamento das salinas reais para abastecer as arcas coas regalías sen ter que preocupase da súa vixilancia, coidado e mantemento.

Afonso X “O Sabio” concedería polo 1260 “dereitos de aduana” para favorecer a importación de sal e o desenvolvemento da industria da salga. Baiona, Cangas, Pontevedra, Noia, Laxe, Coruña e Viveiro obterían o alfolí que permitiríalles recibir e comerciar co sal, que recibíase regularmente de Portugal, das salinas de Aveiro, onde os galegos a cargaban directamente, baixando as veces ata o Mondego (Figueira da Foz) e mesmo a Setúbal (Alcaçer do Sal). O prezado sal tamén chegaba doutra das grandes áreas europeas de subministración, coñecida sinxelamente como “A Baía”, na Bretaña, ó redor da desembocadura do Loire (Guérande, Noirmoutier, Bourgneuf), aínda que neste caso o transporte a Galicia facíano principalmente os mariños bretóns.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ó aire con destino ós portos cantábricos, portugueses e andaluces.

O estabelecemento por Felipe II do estanco do sal para todo o reino cara a 1560 (en Castela xa era así dende Alfonso X O Sabio), ademais de mellorar a explotacións das salinas, debilitou o monopolio que sobre delas exercían señoríos e mosteiros.

Xunto cos usos xa citados na condimentación dos alimentos e a conservación do peixe e do porco, o sal empregábase, como complemento alimentar do gando ovino, na fabricación do queixo, na industria do coiro, como fundente na industria de vidro, e na fabricación de pólvora. A necesidade do sal en Galicia chegou a ser tanta que por veces reclamábase mesmo ata a que procedía da Andalucía occidental, das salinas de Moguer e Sanlúcar (Huelva), Puerto de Santa María, San Fernando e Barbate (Cádiz), no seu camiño ós portos de Flandes e de Inglaterra.

Os séculos XVI e XVII traen a Galicia una certa decadencia pesqueira, na que á escaseza de sardiña nas rías xúntase ó retroceso nos mercados mediterráneos pola introdución do arenque e o bacallau desde as pesqueiras do afastado norte e a crecida agresividade dos piratas berberiscos. Con todo aínda na segunda metade do século XVII vanse construír en Galicia algunhas notables instalacións para o beneficio do sal, como foron o conxunto das salinas do Ulló en Vilanova (Pontevedra), no fondal da ría de Vigo.

A subministración de sal diversificouse grandemente neste tempo, abastecéndose agora principalmente na baía de Cádiz, no porto portugués de Aveiro e no francés de Brouage (ó sur da Rochela e fronte á illa de Oléron), que tras a anexión de Bretaña a Francia e a perda de vantaxes fiscais das salinas bretoas do Loire veu substituílas como o produtor e exportador de sal máis importante do occidente europeo.

As salinas e os portos dos fondos das rías van colmatándose no seu abandono e os gremios debilítanse: tan pouco esperanzadora situación vaise ver crebada coa emigración cara ás costas galegas dos cataláns e, en menor medida, de vascos e maragatos, emigración que supuxo non só a modificación radical da pesca en Galicia, senón que motivou un verdadeiro cambio socioeconómico e industrial na costa galega.

En decreto de 1749 o rei Fernando VI da poderes a don Zenón de Somodevilla, Marqués de la Ensenada, para actuar nas explotacións do sal dos diferentes reinos da coroa. Na súa reestruturación da Facenda Pública estabelecería unha nova organización da renda do sal e mesmo introduciría melloras técnicas para incrementar a produción do sal. Serían uns longos anos de bonanza na industria salineira, especialmente na andaluza e na levantina, pero as salinas galegas, de sempre limitadas polas condiciones do seu clima e a bravura do seu mar, xa non recobrarían pasados esplendores.

Como anécdota destes anos cabe lembrar que no 1760 as sete cidades galegas propuxeron un arbitrio sobre o viño para costear o camiño real da Coruña a Madrid. O arbitrio estabeleceríase finalmente no 1761, pero sobre o sal no canto do viño. A entrada na Coruña dende Lugo e Betanzos segundo o proxecto do francés Carlos Lemaur aínda se coñece como A Costa do Sal.

Malia as dificultades de construción e explotación e a evidente decadencia das salinas galegas, aínda na segunda metade do século XVIII a familia Caamaño intentaría repetidas veces conseguir autorización para unha salina na illa de Sálvora, permiso que sería finalmente denegado no ano 1789 “ya que el terreno y la intemperie de toda la costa de Galicia no son a propósito para hacer salinas”.

O procedemento de esterilización do peixe e posterior envasado en recipientes herméticos adoptárase na Bretaña a altura de 1840 como unha maneira de conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura. Este proceso produtivo “ó estilo de Nantes” reducía drasticamente as necesidades de sal na conserva, e o implantarse en Galicia de maneira xeneralizada a partires da experiencia en 1879 de Juan Goday Gual na Illa de Arousa, pecharía definitivamente calquera intento de revitalizar ás apenas rendibles salinas galegas

Uns emprazamentos na mesma beiramar, coas estruturas sometidas á violencia da ondada e das preamares e os estanques sufrindo os aportes de sedimentos das ribeiras e mesmo das areas transportadas polo vento dificilmente poderían sobrevivir ó seu abandono e perdurar ó longo dos séculos. Por iso, e con moi poucas excepcións, as pegadas das vellas salinas de Galicia apenas permanecen non sendo na toponimia, malia o cal Alfredo García Alén mencionaba en 1981 que cara a enseada da Toxa aínda perduraban canais e estanques das salinas medievais da península da Lanzada.

As estruturas hoxe en día mellor identificábeis e visibles son as denominadas popularmente como “As bancas de Casó”, unhas antigas salinas, as salinas do Ulló (ulló vale por lagoa pequena ou terreo encharcado), construídas contra o ano 1637 por don Antonio Mosquera Villar y Pimentel e a súa dona Antonia Pimentel de Sotomayor. Xunto con outros terreos foron despois doadas ós xesuítas polos seus propietarios para a fundación dun colexio da Compañía de Xesús en Pontevedra. Por diversas circunstancias a efectiva cesión de salinas e terreos demoraríase deica o ano 1693, xa da man de Melchor Mosquera, fillo dos orixinais propietarios, na súa calidade de Administrador Xeral das Salinas do Reino de Galicia.

Entre 1694 e 1698 os xesuítas mellorarían a salina existente nos lugares de Gordenla e Freixeiro, a chamada “de San José del Ullóo”, e construirían tres salinas máis nos contornos desta: na parroquia de San Martiño de Vilaboa, no lugar de Porto Muíños, as chamadas “de La Cruz” e “de San Ignacio”, e na parroquia de Santa Cristina de Cobres a chamada “do Ullóo de Abaixo” ou “de Larache”.

Aínda que estimárase unha capacidade produtiva de cerca de catro mil fanegas (uns douscentos vinte e dous mil litros), contra 1727 as tres novas salinas xa non estaban operativas en razón do seu grave deterioro polos embates do mar, e posiblemente pola afectación do arrefriamento do hemisferio norte na chamada “pequena idade do xeo”, período frío que puxo fin a unha era extraordinariamente calorosa chamada óptimo climático medieval (do 800 ó 1300) e que abrangueu dende 1550 ata 1850, con tres intervalos particularmente fríos que comezaron arredor do 1650, 1770 e 1850, separados por períodos de lixeiro quentamento.

Coa expulsión dos xesuítas que ordenara Carlos III e a desamortización de Medizábal, as salinas, aínda que xa non volverán traballar como tales, van ser subhastadas e cambiarán de propietario cada certo tempo, quen as cederán ós veciños para botar herba o criar ameixas.

Descrición Xeral do Entorno:

As salinas sitúanse na pequena enseada de Larache, na ría de Vigo, nun entrante do terreo preto de Paredes.

Construcción:

Entre 1694 e 1698.

Abandono:

En 1727.

Descrición:

Ocupan unha parcela da praia no espazo intermareal e ven delimitada por un cerco de pedras.

A altura interior do estanque e inferior á que ten na ría, polo que na preamar entraría a auga e quedaría estancada. Coa evaporación o sal ía concentrándose e precipitando no estanque.

O deixar de traballar como salina foi arrendada á veciñanza para o aproveitamento dos xuncos e a herba. Máis recentemente, preparáranse socalcos para a sementeira e cría de ameixa.

Tempo de uso:

Estacional, consonte o proceso produtivo que se describe.

Sistema de produción:

Nas beiramares pódense recoller pequenas cantidades do sal que queda nas pedras como residuo trala evaporación da auga mariña pola acción do vento e o sol. Igual que noutros lugares, as salinas de charcos e ocos de pedras, xunto coas lagoas e marismas costeiras, serían os primeiros aproveitamentos do sal en Galicia.

Os fenicios aportarían a construción de estanques litorais nos que a evaporación das augas mariñas deixaría as costras de sal cristalizada para o seu aproveitamento. Con todo, estes aproveitamentos no acadarían demasiada importancia en Galicia, pois seguíase a traballar en “pozos e estanques feitos para aproveitar o sal mariño logo de moito traballo e pouco resultado”.

A observación dos ciclos mariños das mareas nas costas atlánticas axudaría á construción de estanques na franxa intermareal costeira dispostos de tal maneira que os enchían as preamares equinocciais vernais (marzo) e que quedaban libres do alcance das preamares nos meses que seguen ata o próximo equinoccio. Nestes meses, os meses do verán, a acción do sol e o vento ían evaporando a auga retida no estanque, e desta maneira o sal ía cristalizando no fondo de xeito natural ó longo do verano.

Xa na proximidade do equinoccio, por suposto antes da chegada das mareas vivas de finais de agosto e comezos de setembro (as lagarteiras), e cos estanques practicamente sen auga despois da continuada evaporación soportada no decurso do verano, procedíase á colleita do valioso sal depositado no fondo.

Con todo este procedemento precisaba de grandes extensións con pequena pendente acondicionadas no espazo intermareal, polo que foron desenvolvéndose estratexias para aumentar a efectividade do proceso reducindo a superficie ocupada. Construíanse entón varios estanques contiguos de profundidade decrecente e comunicados entre eles, nos que podía regularse a entrada e saída da auga mediante comportas. A auga do mar ía así evaporándose e aumentando a concentración en sal do primeiro, máis fondo, ó último, menos fondo, no que finalmente se recollía o sal cristalizado.

Estas estruturas acadaron o seu meirande desenvolvemento nas salinas da baía de Cádiz, coa sofisticación que supoñen os cinco tipos de estanques encadeados nunha salina e que se denominan esteros, lucios, retidas, voltas do periquillo e tallos, configuración da que non temos noticia que chegara a desenvolverse en Galicia, aínda que polos restos aínda identificábeis seica se construíran salinas de dous e tres estanques, como as do conxunto do Ulló.

Nalgúns lugares (Trapani e Marsala, en Sicilia) tamén se empregaran muíños de vento para encher os estanques e regular as achegas de auga mariña sen depender das preamares, pero non temos noticia de que se fixera en Galicia. Máis modernamente foran bombas accionadas electricamente ou con motores diesel as que fixeran tal función, pero para entón as salinas galegas eran tan só lembranza na historia.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga mariña, sol e vento.

Produtos Elaborados:

Sal mariña cristalizada.

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Bas López, B., 1991, Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Berea Cruz, E. y García Movilla, C., 1993: Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Cabeza Quiles, F., 1992: Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado. Vigo: Xerais. DL M-39.347-1992. ISBN 84-7507-688-2.

Cabeza Quiles, F., 2000: Os nomes da terra. Topónimos galegos. Noia (Coruña): Toxosoutos. DL C-1004-2000. ISBN 84-89129-97-5.

Cabeza Quiles, F., 2008: Toponimia de Galicia. Vigo: Galaxia. DL VG-472-2008. ISBN 978-84-9865-092-1.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

A Citania Arqueoloxía, 2010. Enseada de San Simón. Estudo de Potenciación Turística. Proxecto Marisma. [en línea]. Disponible na Internet: http://www.enseadasansimon.com [Último acceso 2 de abril del 2011].

Entremos na Panificadora, 2010: Inventario histórico do patrimonio industrial da ría de Vigo, Vigo: Entremos na Panificadora [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 2 de abril del 2011].

Fernández Casanova, C. (coord.), 1998, Historia da pesca en Galicia, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Ferreira Priegue, E.M., 1988. Galicia en el comercio marítimo medieval. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-85728-71-8.

García Fernández, A., 2006, "Construcións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados, Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.

López Capont, F., 1998, El desarrollo industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a Galicia, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-89748-26-8.

Mariño del Río, M., 1996, A industria derivada da pesca no Concello de Porto do Son. As salgadeiras (1774-1934), Toxosoutos, Muros. ISBN 84-89129-20-7.

Menéndez Pérez, E., 2008, Las rutas de la sal, Oleiros (Coruña): Netbiblo. DL C-627-2008. ISBN 978-84-9745-096-6.

Román Losada, A., 2009: Sal, sardiña e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo da Enseada de San Simón, Redondela: Asociación Cultural Alén Nos [en línea]. Disponible na Internet: http://issuu.com/salamatu [Último acceso 2 de abril del 2011].

Romaní García, A., 1991: A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en Galicia. Vigo: Unipro. ISBN 84-87917-01-1.

Sánchez Cidrás, A. (coord.), 1997. “A salazón en Bueu”. O candil: revista do Colexio Público de Bueu, nº 14, xuño 1997. Bueu: Colexio Público de Bueu. DL PO-2-1996. ISSN 1137-1994.

Santos Castroviejo, S., 1990: Historia da pesca e a salgazón nas Rías Baixas, Vigo: Unipro Editorial.

Sáñez Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.

Teixeira Albernaz, P. (Pedro Texeira Albornoz), 1634, El Atlas del Rey Planeta. Descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos. Felipe Pereda y Fernando Marías (eds.), cuarta edición actualizada, 2009. San Sebastián: Nerea. ISBN 978-84-96431-62-1.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 185-IV Soutomaior // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 529.606,34 m / Y 4.687.468,59 m

Data de Actualización:

13 abril 2011