181 Caleiras de Moeche

Galería de Fotos

VerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Moeche
  • Parroquia: San Xurxo de Moeche
  • Lugar: Moeche (San Xurxo)
  • Paraxe: A Caleira
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.544737670989804
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.993626594543457
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 581.421,08 m / Y 4.822.001,82 m
  • Clasificación: Fabricación de cal
  • CNAE: 08.11 Extracción de pedra ornamental e para a construción, calcaria, xeso, creta e lousa. 23.52 Fabricación de cal e xeso.
  • Tipoloxía: Caleira industrial
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Val de Moeche
  • Acceso:

    Dende Ferrol colleremos a estrada C-642 que leva a Ortigueira e Viveiro e continuaremos por ela ata chegar a Balocos, onde apartaremos a dereita cara a San Xurxo de Moeche. Alí seguiremos uns douscentos metros pola carreteira que leva a Pereiro, e atoparemos un desvío na man esquerda que sube ó monte Cido, onde atópase a caleira co seu forno e demais instalacións.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Non

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Despois de quizais un millón de anos de asimilación do lume como axente externo e como idea, hai uns trinta mil ou corenta mil anos que os humanos comezaban coa domesticación daquela fonte de luz e calor. E entre a queimadura sufrida polo contacto cunha arbore abatida polo raio e o traslado dun cacho de madeira ardendo ó interior da cova puideran transcorrer cen mil anos.

A calor está presente na base de numerosos procesos de transformación da materia, dende a preparación dos alimentos ata a fabricación dos máis sofisticados materiais cerámicos. Deixou anotado Plinio O Vello na súa Historia Natural: “O lume toma a area e devólvenos xa vidro, xa prata…Polo lume derrétense as pedras e fanse bronce; polo lume faise o ferro… Co lume calcinase esa pedra que forma o cemento que sostén as casas por riba das nosas cabezas… Hai varias cousas ás que é conveniente expor máis dunha vez á acción do lume. O mesmo material orixinal é unha cousa despois da primeira exposición, outra despois da segunda…”

O forno configúrase así como a ferramenta básica que controla o lume e na que se xera a calor necesaria para que teñan lugar as transformacións da materia, e foron multitude os diferentes tipos de fornos que os humanos construíron para darlle resposta ás súas diferentes necesidades de transformación da materia, dende os fornos para coce-lo pan ós fornos de fusión e tratamento de materiais, pasando por suposto polos fornos de calcinación de minerais siderúrxicos e polos fornos de elaboración do cal.

Quentarse, mellorar o confort e espantar ós animais puido ser o primeiro paso na manipulación do lume. Viría despois a preparación dos alimentos, coa necesaria aparición do instrumento ou recipiente que facilita a acción do calor e é contedor moitas veces imprescindíbel. O fogar, un sinxelo círculo protexido por pedras, foi a primeira estrutura elemental na domesticación do lume.

Todo comeza a primeira vez que obsérvase con valor de pregunta o residuo que queda no lume dos seus fogares, fose barro endurecido, po branco ou nódulos metálicos: o humano primitivo comeza aquí unha busca que inda non rematou pero que foi deixando respostas e significados. O barro endurecido pola acción da calor daría paso á cerámica; o po branco levaría á preparación do cal e o xeso; e as brillantes gotas de metal fundido solidificadas en nódulos metálicos serían o comezo da metalurxia.

Téñense recollidas noticias do antiquísimo uso do cal (carbonato de calcio) e do xeso (sulfato de calcio), primeiro para o uso simbólico e decorativo daquel po branco, despois, xa en Babilonia como base para a realización de frescos e revocado de paredes. Fálase tamén do uso polos asirios dun cemento ou aglomerante feito de cal, area e calcaria triturada. Os exipcios empregaron o xeso finamente moído como estuco para decoración e como escaiola para unir bloques na pirámide de Keops. Na Anatolia e na India coñecíase asemade a cal na decoración e na construción. Atopáranse restos dun forno de cal do 2.500 a.C.

O cal –e o xeso– está presente en tódalas culturas dende os tempos máis remotos, e foran os romanos os que difundirían o coñecemento da argamasa, un morteiro elaborado con cal aérea, cal graxa, area e auga coñecido cando menos dende o século IV a.C. (opus caementicium) e amplamente empregado en todo tipo de obras nos dous séculos derradeiros da república o II e o I a.C.

O consumo de cal na Idade Media faise abundantísimo, tanto que nalgúns casos mesmo denunciase a contaminación nas vilas. No 1234 os homes libres de Newcastle foron autorizados para sacar “carbón de mar” (carbón mineral, pedra que se queima en razón do seu contido en xofre e materias graxas) que comeza daquela a empregarse nas caleiras en razón da escaseza de leña. No século XV fálase de certa clase de terra que arde como o carbón de leña.

En Galicia os peregrinos transportaban pedra calcaria de Triacastela ata os fornos de Castañeda (Figueiroa, Arzúa, Coruña), onde se fabricaba a cal para a construción da catedral santiaguesa.

Os primeiros fornos de cal serían moi semellantes ás carboeiras, construídos o ar amoreando pedra calcaria e combustible e cubrindo ben o conxunto con arxila para mante-la calor e impedir a entrada de aire.

A técnica da domesticación do lume correría parella coas diferentes tentativas que se foron desenvolvendo na construción de diversos tipos de fornos quer para a elaboración de cerámica, quer para a fabricación do cal ou a metalurxia dos diversos metais, perfeccionando en cada caso os deseños básicos de cada un deles para acadar a optimización dos procesos, tanto no que atinxe á calidade do produto final como no que respecta ó consumo de combustibles.

No canto do cal e das caleiras, os primitivos fornos de calcinación artesanal da pedra calcaria a partires do rudimentario braseiro no chan, foron desenvolvendo grandes estruturas cilíndricas verticais habitualmente escavadas aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria, estruturas nas que se colocaban coidadosamente as pedras calcarias mesturadas coa leña formando internamente unha cúpula a xeito de falsa bóveda baixo a cal se prendía o lume que ía calcinar as pedras para convertelas en cal.

Estes fornos descontinuos, que pasarían do emprego da cada vez máis escasa leña á utilización do máis eficaz carbón de leña, primeiro, e á do carbón mineral, despois, evolucionarían cara ós fornos continuos, de meirande produtividade e menor consumo enerxético.

Descrición Xeral do Entorno:

A canteira e forno sitúanse na aba noroeste do monte Cido, moi preto do Castelo de Moeche, e no fermoso e rico val de Moeche.

Construcción:

As primitivas canteiras de calcaria de Moeche posiblemente iniciarían a explotación na década de 1750, levándose a pedra crúa a cocer nas proximidades dos arsenais de Ferrol. As primeiras caleiras serían construídas contra 1808. Xa na década de 1960 construiríase o forno continuo aínda existente.

Abandono:

Finais da década de 1980.

Descrición:

Entre as serpentinas da área de Moeche (A Coruña) afloran lentejones de calcaria; trátase de calcarias moi recristalizadas e pouco potentes, que foron utilizadas na elaboración de cal vivo.

E moi posible que se empregaran xa dende a máis remota antigüidade, e mesmo dende a prehistoria, pero polo momento nin a arqueoloxía nin os historiadores poden amosar pegadas ou datos fidedignos da súa explotación.

No ano 1833 era o famoso xeólogo alemán Guillermo Schulz quen deixaba unha referencia moi precisa do mineral calcario de Moeche “mármol primitivo blanco y hermoso, formando una gran veta en San Jorge de Moeche. También lo hay azulado y ambos son buenos para hacer cal, aunque el combustible la hace muy costosa”.

A referencia máis antiga da calcaria que atópase no val de Moeche procede de José Bermúdez Marina, quen o 9 de febreiro do 1750 informa que canda Jacinto de Aróstegui e algúns prácticos atoparan unha canteira de pedra de cal nos termos da xurisdición de San Sadorniño, a media legua de Neda e a dúas leguas da enseada de Caranza, onde precisaban o cal para a construción dos novos arsenais ferroláns.

Nos primeiros anos do século XIX o mineraloxista alemán Juan Pensel traballaba no Arsenal de Ferrol como responsable do forno de reverbero, e facía compatible o seu traballo como mestre fundidor co traballo de campo na procura de afloramentos de minerais. Nunha das súas excursións dacabalo vai descubrir “vetas de piedra calcar” no termo municipal de Neda. E será no 1806 cando atope no próximo val de Moeche un banco de calcaria que estima moi superior en abundancia e calidade ao achado en Neda.

Pensel vai obter contra 1808 exclusiva da fabricación e a posesión dos terreos para asentar a industria de fabricación de cal, de grande necesidade na construción e na industria de curtidos. Pensel casaría en 1812 con Damiana Somalo, filla do propietario da fábrica de curtidos da Florida, en Neda. Non sabemos onde atopábase o forno de calcinación, que podería ser o da Ferrería, no límite entre os termos municipais de Moeche e As Somozas.

A estrutura que levanta Pensel, a fábrica de cal, contaba con casa, almacéns e outros edificios que configuraban a unidade produtiva. Na primeira etapa, de uns dez anos, a fábrica de cal de Pensel tiña unha produción de dez a doce fornadas anuais, efectuadas na época de bo tempo, é dicir entre xuño e outubro.

A crecente dificultade para conseguir a gran cantidade de combustible necesario (uns doce carros de leña de toxo para cada cocedura) e a caída do consumo de cal pola decadencia das fábricas de curtidos da zona fan que contra 1816 a produción se reduza a metade.

Por estes anos Francisco Alvariño Sisero, veciño de Pumariño, na freguesía de San Xurxo de Moeche, solicita permiso para outra explotación de calcaria e fabricación de cal para o Departamento da Mariña de Ferrol. Despois dun longo preito con Pensel, que pretendía manter a súa exclusiva obtén autorización para o beneficio da calcaria.

Na metade do século (1846-1850) o documento de don Pascual Madoz describe que no municipio de Moeche existen dúas canteiras e fábricas de cal, e cabe supoñer que unha sería a de Pensel e a outra a de Alvariño.

Unha neta de don Juan Adams Pensel casaría con don José Espantoso, quen pasaría a dirixir a caleira de Moeche.

Na década de 1960 o empresario de As Pontes de García Rodríguez, don Roberto Tojeiro Díaz, mercaría á familia Espantoso o monte Cido, os terreos nos que se atopa a canteira de calcaria e o vello forno de cal daría paso ao novo proceso de calcinación industrial con carbón mineral: nacía a empresa “Caleras de Moeche, S.A.”.

O novo forno tiña unha capacidade de oitenta toneladas, e producía trinta toneladas diarias de cal. Trátase dunha sinxela estrutura adaptada á funcionalidade do sistema industrial

Na década de 1980 aínda a empresa “Caleras de Moeche, S.A.” explotaba as calcarias para a elaboración de cal, que despois empregábase nas instalacións da Empresa Nacional de Fertilizantes (ENFERSA) en As Pontes de García Rodríguez. A empresa de Moeche transformaría despois a súa actividade principal para dedicarse á silvicultura e explotación forestal, plantando de eucaliptos todo o monte Cido.

Tempo de uso:

As caleiras primitivas traballaban nos meses de menos chuvias, entre xuño e outubro. As modernas caleiras poden traballar todo o ano.

Sistema de produción:

Na primitiva explotación a pedra calcaría (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca) arrancábase na canteira e levábase a cocer en braseiros elementais preparados no chan ou nos fornos dispostos con tal propósito nas proximidades de Ferrol ou no mesmo Arsenal ferrolán. Máis adiante, construiríase a caleira a carón da canteira.

A caleira, unha estrutura cilíndrica de uns catro ou cinco metros de altura e uns tres metros de diámetro interior no pe, era escavada na terra aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria. Na base, no seu fronte tiña unha abertura ou porta, a boqueira, e no interior un zócalo, a zapata, todo en derredor da parede interior e cun metro de altura sobre o chan.

As calcarias ou pedras de cal íanse pondo en fiadas encol da zapata e ó chegar a certo alto as fiadas ían estreitándose formando unha falsa bóveda que enchíase de calcaria por riba ata chegar á mesma cheminea do forno. Baixo a bóveda metíase despois a leña de toxo que se tiña preparada e púñaselle lume que cumpría manter prendido cerca de tres días, ata calcinar as pedras para convertelas en cal. Segundo Xaquín Lorenzo cada fornada viña consumindo uns cincuenta carros de toxo.

Se co forno ardendo ameazase chuvia tiñan que tapalo ben con xestas por riba, pois de chegar a auga ó cal que se ía formando no interior poderíase fende-lo forno e quedar inutilizado pola forte dilatación que sofre o cal vivo (óxido de calcio, CaO) ao reaccionar coa achega e incorporación da auga para dar cal apagado ou cal morto (hidróxido de calcio, Ca(OH)2). Con posterioridade, o cal apagado vai reaccionando co anhídrido carbónico do aire (CO2) para cristalizar a xeito de carbonato cálcico (CO3Ca).

Rematado o proceso deixábase enfréa-lo forno e tirábase o cal con pás botándoa en cestos para vendela ós que alí ían a procurala ou para levala á venda ó seu destino final. O forno podía ser propio, mailo corrente, como se facía cos de cerámica, é que se alugase para preparar a fornada.

No moderno forno de cal de Moeche as cargas facíanse por riba e íanse alternando as capas de calcaria con capas de carbón mineral, de espesor decrecente ó irse apartando da boca. O cal obtido íase amoreando nos tres silos situados diante do forno, dende os que se descargaba en camións para o transporte os lugares de destino.

No canto de da caleira de Moeche, explotárase primeiramente de maneira superficial, e houbo que ir afondando co avance da explotación. No segundo nivel construírase un túnel para a comunicación da canteira co forno. Ó continuar profundando na procura da veta calcaria, un segundo túnel sería necesario, e máis adiante aínda construiríase un terceiro túnel de comunicación para a extracción do mineral e o seu transporte á boca do forno.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Pedra calcaria (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca).

Produtos Elaborados:

Cal vivo (óxido de calcio, CaO).

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Bauer, G. (Georgius Agricola), 1556. De re metallica. Fasimil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Último acceso 7 de abril del 2011].

Fernández Negral, J., 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

Lara Coira, M., 2010: “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Caleiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 530-531.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Caleiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 95-97. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Manual del Ingeniero, 1942, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Gustavo Gili, Barcelona.

Meijide Pardo, A., 1996, “Descubrimiento y explotación de las calizas de Moeche por el mineralogista alemán J.A. Pensel (1806-1818)”, Anuario Brigantino, nº 19, p. 171-184, Betanzos. ISSN 1130-7625.

La minería de Galicia, 1991, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Schulz, G., 1835, Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada (Coruña): Ediciós do Castro.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 7-IV As Somozas // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 / X 581.421,08 m / Y 4.822.001,82 m

Data de Actualización:

23 abril 2011