184 Telleira de Cesantes

Galería de Fotos

VerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Redondela
  • Parroquia: San Pedro de Cesantes
  • Lugar: San Pedro
  • Paraxe: Monte da canteira
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.29082416235835
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.620520532131195
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 531.455,38 m / Y 4.682.318,15 m
  • Clasificación: Industria cerámica
  • CNAE: 23.32 Fabricación de tixolos, tellas e produtos de terras cocidas para a construción.
  • Tipoloxía: Fabricación de tellas, tixolos e baldosas
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Enseada de San Simón, na ría de Vigo
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:

    Dende Redondela colleremos a estrada PO-363 ou Avenida de Mendiño ata o desvío de Catapeixe (PO-2903), continuando ata o cruce coa vía do tren, e a partir de aquí baixar por calquera das rúas da esquerda cara a praia de Cesantes.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Despois de quizais un millón de anos de asimilación do lume como axente externo e como idea, hai uns trinta mil ou corenta mil anos que os humanos comezaban coa domesticación daquela fonte de luz e calor. E entre a queimadura sufrida polo contacto cunha arbore abatida polo raio e o traslado dun cacho de madeira ardendo ó interior da cova puideran transcorrer cen mil anos.

A calor está presente na base de numerosos procesos de transformación da materia, dende a preparación dos alimentos ata a fabricación dos máis sofisticados materiais cerámicos. Deixou anotado Plinio O Vello na súa Historia Natural: “O lume toma a area e devólvenos xa vidro, xa prata…Polo lume derrétense as pedras e fanse bronce; polo lume faise o ferro… Co lume calcinase esa pedra que forma o cemento que sostén as casas por riba das nosas cabezas… Hai varias cousas ás que é conveniente expor máis dunha vez á acción do lume. O mesmo material orixinal é unha cousa despois da primeira exposición, outra despois da segunda…”

O forno configúrase así como a ferramenta básica que controla o lume e na que se xera a calor necesaria para que teñan lugar as transformacións da materia, e foron multitude os diferentes tipos de fornos que os humanos construíron para darlle resposta ás súas diferentes necesidades de transformación da materia, dende os fornos para coce-lo pan ós fornos de fusión e tratamento de materiais, pasando por suposto polos fornos de calcinación de minerais siderúrxicos e polos fornos de elaboración da cal.

Quentarse, mellorar o confort e espantar ós animais puido ser o primeiro paso na manipulación do lume. Viría despois a preparación dos alimentos, coa necesaria aparición do instrumento ou recipiente que facilita a acción do calor e é contedor moitas veces imprescindíbel. O fogar, un sinxelo círculo protexido por pedras, foi a primeira estrutura elemental na domesticación do lume.

Todo comeza a primeira vez que obsérvase con valor de pregunta o residuo que queda no lume dos seus fogares, fose barro endurecido, po branco ou nódulos metálicos: o humano primitivo comeza aquí unha busca que inda non rematou pero que foi deixando respostas e significados. O barro endurecido pola acción da calor daría paso á cerámica; o po branco levaría á preparación da cal e o xeso; e as brillantes gotas de metal fundido solidificadas en nódulos metálicos serían o comezo da metalurxia.

O forno cerámico foi a primeira estrutura específica que permitiu transforma-la maleabilidade da arxila nun sólido ríxido. Os primeiros obxectos de arxila cocida teñen vinte e sete mil anos e as primeiras vasillas feitas no Xapón datan de hai catorce mil anos. Unha vez descuberto o feito do endurecemento do barro pola acción prolongada da calor, os primeiros fornos eran sinxelas acumulacións de materiais combustibles amoreados nun burato canda os obxectos cerámicos, todo elo cuberto dunha capa de barro. O obxectivo de tan sinxela estrutura era triplo: reducir as perdas de calor; aumentar a temperatura do lume; e controlar o aire de combustión para variar o resultado do proceso.

Coa aparición do torno de oleiro e o incremento da produción cerámica chega a necesidade de contar con estruturas estables que faciliten a operación e permitan o control das temperaturas. E aparece o forno cerámico de cúpula e cámara dupla, unha sinxela estrutura abovedada de barro, de planta oval ou redonda, na que se introducían as pezas a cocer e que permitía un certo control da temperatura, do tempo e da atmosfera no seu interior (7.000 a.C.).

En Lugo, Boimorto e Vigo tense localizados fornos redondos de cocción de ladrillo e tella de finais do século III.

A cerámica medieval pasou un primeiro período do século VIII ó século XII de técnicas de olería rudimentarias que elaboraban cerámica común segundo os modelos visigóticos e alto medievais. Xa no século XIII a influencia cultural andalusí vai espallar por toda a península as súas técnicas e motivos decorativos, callando na clara influencia mudéxar que caracteriza a cerámica peninsular dos séculos XIV e XV.

A produción oleira e telleira en Galicia ten ata finais do século XVIII características exclusivamente artesanais e rurais con zonas que acadan unha certa especialización como agrupacións de vivendas-taller e actúan como centro de distribución comarcal, como foi o caso de Betanzos, Buño, Mondoñedo, Bonxe, Samos, Gundivós, Lobios, Niñodaguia, Portomourisco, Ramirás, Tioira, Bamio ou Prado, entre outras.

No entanto convén deixar constancia dalgunhas fracasadas iniciativas de industrialización: en 1765 a fábrica de louza ordinaria de don Pedro Costal en Tui; e en 1786 a fábrica de louza basta de don Lorenzo de Riba Otero en San Caetano de Mondoñedo. Por suposto, e xa nos comezos do século XIX, hai que salientar a fábrica de “auténtica louza ó estilo de Bristol” promovida por don Raimundo Ibáñez en Sargadelos e que traballaría entre 1804 e 1875 cunha produción de elevada calidade.

Xa na segunda metade do século XIX van ir aparecendo outros centros de elaboración de cerámica cunha certa organización industrial orientada cara a fabricación de produtos para construción (tella, tixolos e baldosas), como Ares, Narón, San Clodio, Viveiro, Santa Cruz, As Pontes, Catoira, Lestrove, Sanxenxo, Cesantes, A Guarda, O Rosal, Guillarei, Salvaterra, Maceda, Valdeorras ou Rubiana.

A partir da segunda década do século XX algunhas industrias cerámicas especializadas en materiais de construción emprenderían a definitiva reconversión a instalacións industriais, modificando estruturas, procesos e fornos para adaptarse ós novos criterios da produción capitalista.

Con poucas modificacións conceptuais ou estruturais os fornos cerámicos conservaron durante séculos as primitivas estruturas de cocción descontinua, formando en ocasións conxuntos industriais e complexos fabrís con varios fornos que permitían fornadas secuenciais e cíclicas para así poder atender ó incremento da demanda.

Habería que esperar deica a metade do século XIX para que aparecera unha novidade significativa: en 1858 o arquitecto alemán Friederich Hoffmann patentaba un forno de cámaras contiguas en disposición anular que ían sendo quentadas de maneira secuencial introducindo o carbón triturado polo teito das cámaras e avanzando o lume da quente á fría: unha cámara cocendo ía precedida pola que estaba enfreando e seguida pola que comezaba o quentamento; en total tiñan de catorce a vinte cámaras e un total de sesenta a cen metros de lonxitude.

Con este sistema non é preciso apagar o forno en cada ciclo de cocción, logrando así unha adaptación progresiva da temperatura das cámaras ás distintas fases do ciclo de cocción, unha produción continua por lotes, e un gran aforro de combustible, cun consumo inferior á terceira parte do dos fornos ordinarios.

O primeiro forno Hoffmann construiríase en Prusia contra 1859 e seu éxito no sector do biscoito (barro cunha soa cocción, tellas, tixolos e baldosas) foi indiscutible, xa que en 1867 xa funcionaban 250 en Alemaña, 50 en Inglaterra e 3 en Francia, continuando a difusión por Italia e España nos anos seguintes.

A seguinte innovación no sector cerámico foi a introdución do forno de pasaxe ou forno túnel de cocción continua (desde 1930 no levante peninsular). Neste tipo de fornos, a diferenza dos fornos Hoffmann, o lume e fixo e o que se vai trasladando son as cargas a cocer que móvense sobre vagonetas atravesando moi lentamente o longo túnel do forno que dispón na súa metade da zona de lume.

En Fazouro (Lugo) a empresa Industrias Pardiñas desenvolvera na década de 1980 un forno continuo no que a cámara é unha coroa circular case completa (como unha “C”) e o piso unha gran plataforma xiratoria na que se desprazan os paquetes de ladrillos a cocer.

Descrición Xeral do Entorno:

O complexo cerámico de Cesantes, do que se documentaran ata sete fornos, sitúanse na marxe esquerda da Enseada de San Simón, na ría de Vigo.

Construcción:

Mediados do século XVIII.

Abandono:

1928.

Descrición:

Trátase dun complexo fabril dedicado á fabricación de produtos de terras cocidas para a construción, nomeadamente tellas e tixolos.

Dos sete fornos que figuran documentados permanecen en pe catro deles, e identifícanse tamén varias pías e pozos para coller xabre, xunto con os restos doutras construción auxiliares.

No momento da máxima actividade as telleiras producían trinta e cinco mil tellas e cinco mil tixolos en cada xeira ou fornada, que duraba entre seis e oito días.

Na documentación as telleiras de Redondela relaciónanse coas de O Rosal por parentesco dos seus fundadores (a familia Salcidos), donos e herdeiros.

Como na meirande parte dos casos, as instalacións construíanse no terreo dos propietarios delas e nas proximidades das barreiras. Mentres que as barreiras eran normalmente de propiedade común, as telleiras eran de propiedade privada e os donos as alugaban para o proceso de fabricación.

Tempo de uso:

As telleiras primitivas traballaban de maneira preferente nos meses de menos chuvias, entre xuño e outubro.

Sistema de produción:

O proceso de fabricación da cerámica consta de tres fases diferentes, das que dúas, o moldeado da pasta e a cocción, aplícanse a tódolos obxectos cerámicos, namentres que a terceira fase, a aplicación de óxidos metálicos e unha segunda cocción, só aplicábase ás vasillas e azulexos ós que se lles quería dar un revestimento vítreo. O sector cerámico do barro cunha soa cocción (tellas, tixolos e baldosas) coñécese como sector do biscoito.

O proceso cerámico comeza coa extracción e recollida do barro (a arxila) e a súa preparación engadíndolle fundentes (limo, feldespato, calcaria, se non os leva xa) e desengraxantes (area cuarcífera, a sílice, e mesmo cerámica machucada, a chamota). Ven despois un tempo de maduración na balsa de podrecer para a eliminación dos residuos orgánicos que puidera conter e a obtención dun barro más puro, de doada hidratación e gran plasticidade.

Tras unha nova depuración por lavado e sedimentación dos materiais pesados, a masa arxilosa amasábase repetidamente para eliminar posibles bolsas de aire, podendo nesta fase mesturar diferentes clases de barro, tralo que a materia prima quedaba preparada para ser traballada.

A etapa seguinte era a do moldeado do barro, coa adición da auga precisa para mellor traballalo. O moldeado podía facerse de tres maneiras: a man, dándolle forma á pela ou bola de barro; en molde, introducindo o barro ben preto e estendido na forma, unha estrutura de madeira axeitada para a elaboración de tellas, tixolos ou azulexos; e ó torno, empregado para facer vasillas dándolle forma á pela posta encol dunha roda horizontal que se facía virar a man (torno lento ou baixo) ou impulsando co pe outra roda unida á primeira por un eixe vertical solidario con ámbalas dúas rodas (torno rápido ou alto, roda de olaría).

Rematado o moldeado a peza deixábase a secar lentamente, no caso da olería a cuberto da acción directa do sol que podería fender o barro aínda fresco. Nesta etapa facíase tamén o decorado das pezas de olería de cerámica común (non vidrada) con incisións, impresións, raiados e punzados sobre o barro aínda húmido. Na vasilla xa seca aplicábaselle a pintura (branca, de cal ou álcali, roiba, de óxido de ferro, ou negra, de manganeso) ou o engobe (estrato sutil e continuo de fina arxila) antes de metela no forno para remata-lo secado e proceder á cocción.

O proceso de cocción consiste no quecemento das pezas de barro xa secas para transformalas en cerámica (silicato de alumina anhidro), un material duro e poroso que non incha coa absorción de auga. A cocción é un proceso delicado que require outras tres fases: un lento quecemento inicial (lume menor, durante unhas nove horas e ata uns trescentos cincuenta graos) para que as pezas non se deformen ou creben mentres perden o que lles queda de auga; a cocción propiamente dita (lume maior, catro ou cinco horas e ata novecentos ou mil graos), na que o barro vaise transformar en cerámica; e un demorado enfreado que prolongábase tres ou catro días evitando calquera entrada de aire frío que puidera regañar as pezas.

O control do proceso tiña lugar obviamente de maneira totalmente empírica, atendendo ós fenómenos observables, como o color dos fumes (brancos na fase inicial de quecemento, negro cando tiña que comezar a cocción) e das pezas (do pardo do barro verde ó roibo das pezas cocidas).

As pezas de cerámica poden someterse ó vidrado, que consiste en recubrir a superficie cunha cuberta vítrea transparente. Para elo cubríase a parte a vitrificar cunha mestura de óxido de chumbo e area e sometíase despois a peza a unha segunda cocción, na que se formaba a película vítrea, impermeable, transparente e brillante. Nesta fase podíase ademais modificar a coloración orixinal da peza, incorporando á mestura a vitrificar outro óxido metálico da color desexada: ferro para os ocres e roibos; cobre para os verdes; antimonio para os marelos; cobalto para o azul.

No canto das pezas para construción (tellas, tixolos e baldosas) a súa elaboración é igual de coidadosa aínda que máis sinxela, xa que coma quedou apuntado levan unha soa cocción, o biscoito.

Os fornos clásicos son os de cámara dupla sobreposta, nos que a cámara inferior –a caldeira, que normalmente vai medio escavada no chan– é na que se queima o combustible, e vai cuberta por un teito furado (grellado) para que a calor e os fumes pasen á cámara superior –o forno propiamente dito–, da que é o piso, na que colocábanse as pezas a cocer, cubertas por unha grosa cúpula semiesférica de barro para mantela calor no interior do forno. Para mante-las pezas dentro do forno separadas entre elas mesmas incorpóranse uns soportes cerámicos chamados cacetas, moitas veces simplemente feitos con cachos de pezas rotas. Nos fornos máis sofisticados, construíase baixo a caldeira un cinceiro para recoller as borrallas.

O forno conta con dúas portas, normalmente enfrontadas (aínda que nalgúns están en ángulo). A porta de encanar é a empregada para carga-lo forno e da ó interior do cuberto ou pallete no que se amorean as pezas xa secas e listas para cocer. A outra porta, a de desencanar, está tapada e só se abre para descarga-lo forno. Algúns fornos teñen uns chantos nunha das paredes exteriores para poder acceder á parte superior e controlar a cocción.

A cuberta do forno pode ter variadas conformacións, dende un sinxelo cuberto elevado por riba da parte superior do forno feito de madeira e tella, ata a sofisticada cuberta de botella con ventanucos practicables para vixia-la cocción. Ademais da leñeira, normalmente a carón do pallete, a telleira contaba coa eira, un espazo amplo, co piso duro e liso, no que se realizaban os diferentes traballos e se secaban as pezas, e as pías, escavacións circulares pouco fondas e de tres a seis metros de diámetro nas que amolecíase e traballábase o barro antes de darlle forma ás pezas.

Actividades laborais:

A actividade dos telleiros (chamados tamén telleireiros ou cabaqueiros) era moitas veces itinerante, desprazándose en cuadrillas nos meses do verán as zonas de existencia de fornos cerámicos, que arrendaban temporalmente para a elaboración e fabricación dos produtos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Barro.

Produtos Elaborados:

Tellas e tixolos.

Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

A Citania Arqueoloxía, 2010. Enseada de San Simón. Estudo de Potenciación Turística. Proxecto Marisma. [en línea]. Disponible na Internet: http://www.enseadasansimon.com [Último acceso 2 de abril del 2011].

Córdoba de la Llave, R., 2008, “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Negral, J., 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

García Alén, L., 1983: La alfarería de Galicia, colaboración de Alfredo García Alén y Xosé M. Gómez Vilasó, edición facsimilar del 2008, Catalogación Arqueológica y Artística de Galicia del Museo de Pontevedra, La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-3508-2008. ISBN 978-84-95892-75-1.

Leiro Lois, A., Daporta Padín, X.R., e Otero Otero, S., 1993. As telleiras (cabaqueiros). Colección Raigame. Vigo: Ir Indo Edicións. DL VG-542-1993. ISBN 84-7680-155-6.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Oleiros e telleiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 516-530.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Oleiros e telleiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 80-94. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Manual del Ingeniero, 1942, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Gustavo Gili, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-II Redondela // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 531.455,38 m / Y 4.682.318,15 m

Data de Actualización:

12 maio 2011