185 Refinería La Gallega

Galería de Fotos

VerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ferrol
  • Parroquia: San Antonio da Cabana
  • Lugar: Xudres de Abaixo
  • Paraxe: O estaleiro
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.486485747454
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.259508609771729
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 559.922,40 m / Y 4.815.322,94 m
  • Clasificación: Refino de petróleo
  • CNAE: 19.20 Refino de petróleo.
  • Tipoloxía: Queroseno por destilación fraccionada
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Enseada da Cabana, na ribeira dereita da ría de Ferrol.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:

    Dende Ferrol colleremos a estrada que pola Feria de Mostras leva ata A Cabana e A Graña. Cando cheguemos á entrada do túnel e ó comezo da pendente que leva á vila da Graña, apartaremos á esquerda, á mesma beiramar. Alí atoparemos a explanada onde atopábase a refinería de petróleos e atópase hoxe o Club de Remo, e un pouco máis adiante o espléndido dique de marea de cantería, afortunadamente declarado ben de interese cultural.

Tipo de propiedade:

Pública no dominio marítimo-terrestre.

Visitable:

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Os depósitos superficiais derivados do petróleo coñécense desde hai moitísimo tempo, posto que nalgúns lugares remontan desde as profundidades e xorden na superficie da terra en forma dun produto viscoso, o betume ou asfalto natural, unha sustancia negreira que procede da oxidación dos hidrocarburos superiores da serie das parafinas.

Nos pobos máis antigos de Mesopotamia, o betume (asfalto ou betume de Xudea, do lago Asfaltites ou Mar Morto) utilizábase para conseguir a estanquidade de recipientes e embarcacións (sumerios e exipcios), a guisa de morteiro ou aglomerante como axente de unión para cimentar os ladrillos (Babilonia e Nínive), e mesmo como medicamento e combustible para calefacción doméstica.

Cara ó ano 673 a armada bizantina xa empregaba o chamado lume grego, unha arma incendiaria fabricada a partir de petróleo que se inflamaba ao contacto coa auga e ardía mesmo baixo dela, proporcionando unha indubidable vantaxe nos combates navais, que se empregou tamén nas Cruzadas e cuxo uso incendiario non declinou ata que no século XVI comezou a súa decadencia co auxe da artillaría.

A pesares destas aplicacións singulares o uso do petróleo non coñeceu maior desenvolvemento ata que cara a 1780 o farmacéutico francés Antoine Quinquet inventou unha lámpada que funcionaba alimentada por un pequeno depósito de queroseno: o quinqué de petróleo. A súa comodidade e a boa calidade da luz fixeron que o seu emprego se estendese rapidamente por toda Europa, propagándose tamén por EE.UU., impulsando con iso a demanda de petróleo para iluminación e desprazando ao cada vez máis caro aceite de balea e a outros combustibles que viñan na súa substitución (aceite de oliva, aceite de sardiña).

O aceite mineral ou aceite de roca –o petróleo– era até entón obtido en pequenas cantidades de fontes naturais, e despois normalmente había que refinalo para conseguir a calidade desexada para o seu uso como aceite lampante (queroseno), co resultado dun prezo tamén bastante elevado.

O convencemento de que de lograrse un sistema para extraer o petróleo do subsolo o aceite de roca podería ser unha alternativa economicamente rendible ao aceite de balea, decidiu a algúns empresarios estadounidenses a financiar na primavera de 1859 á que sería a primeira exploración petroleira. Comisionado pola “Seneca Oil”, Edwin Laurentine Drake, un revisor de tren retirado que se facía chamar coronel, comezaba a súa exploración en busca de depósitos de petróleo en Oil Creek Valley, preto de Titusville (Crawford County, Pensilvania).

Até entón o petróleo recollíase directamente das filtracións naturais ou de pequenos buracos escavados no terreo, pero Drake decidiu perforar como se facía cas pozas do sal. Soportando as burlas da veciñanza, cun avance de tan só un metro diario e abandonado polos seus socios, Drake tivo que recorrer ao respaldo dos seus amigos para poder continuar. O 27 de agosto de 1859, cando a perforación acadaba pouco máis de 21 metros de profundidade, a broca rachouse e decidiuse suspender o traballo. Á mañá seguinte, o perforista Billy Smith descubriu que do buraco xurdía petróleo e así “o disparate de Drake” demostraba finalmente a posibilidade de obtelo de maneira económica e en grandes cantidades mediante a perforación entubada do subsolo.

Aquela primeira experiencia supuxo unha verdadeira conmoción e no mesmo día en que o “Coronel Drake” empezaba a bombear petróleo a razón de 25 barrís diarios moitos outros promotores estaban a construír pozos nas proximidades do seu. Dez anos despois a zona producía máis de cinco millóns de barrís ao ano e iniciábase a febre do petróleo, con producións tan grandes que o prezo caera desde os 20 dólares por barril de 1859 a tan só un dólar e medio dous anos despois, en 1861.

No 1863 comezaba a aventura empresarial de John Davison Rockefeller, que se asociaba con Samuel Andrew para pór en marcha nos arredores de Cleveland (Ohio) unha pequena refinaría que producía un petróleo lampante (queroseno) excelente para iluminación ao arder sen fume, e que tivo gran aceptación no mercado. Rockefeller aproveitou a forte expansión dunha economía que aumentaba a súa dependencia do petróleo, e en xuño de 1870 as súas xa tres boiantes empresas fusionábanse para crear a Standard Oil Company of Ohio (SOCO), que estandarizaría os seus produtos para mellor lograr a fidelización da súa crecente clientela.

A empresa crecía sen cesar, con prezos baixos e produtos alcanzables para o fogar medio, vendendo mesmo por baixo do custo para incrementar a súa penetración no mercado. Desenvolveu uns trescentos produtos derivados do petróleo, desde alcatráns a pinturas, pasando pola vaselina e a goma de mascar. Coa súa agresiva política a Standard chegaría a concentrar máis do 90% do refino mundial de petróleo a principios da década de 1880, cun 70% da súa actividade localizada fóra dos Estados Unidos.

O forte crecemento da demanda mundial de petróleo, a absorción das pequenas refinadoras, a repartición do mercado entre as sete grandes compañías petroleiras (tres ex Standard Oil –Chevron, Esso e Mobil– Gulf, Texaco, British Petroleum e Shell) e o convencemento do interese estratéxico desta fonte enerxética, levou a algúns países consumidores a crear compañías de capital público para facer fronte á situación, como se fixo en 1927 en España coa Compañía Arrendataria do Monopolio de Petróleos, S.A. (CAMPSA), que expropiaría as refinarías que había polo país e que habían ido acabando en mans dalgunha das “sete irmás”.

En Galicia, foron tres as refinarías que se construíron nos anos finais do século XIX. As primeiras dúas, “Mesa, Marchesi y Martínez”, fundada na Coruña en 1881 (ficha 321), e “La Gallega”, estabelecida en Ferrol en 1883 baixo a razón social “J. Pérez, Seselle y Cía.” (ficha 185), comezaran producindo unicamente queroseno para iluminación, e a segunda tivera unha vida extremadamente curta.

“J. Pérez, Seselle y Cía.”, asentada no estaleiro de Cardemil, na Cabana, abandonou a fabricación xa en 1886, vendendo a fábrica á compañía francesa “Deutsch et Cíe.”, domiciliada en París. As instalacións serían desmanteladas contra 1900.

En tanto, a coruñesa de “Mesa, Marchesi y Martínez”, e máis a terceira, “La Viguesa”, fundada en 1887 baixo a razón social “Compañía de Destilación Babé y Cía.” (ficha 293), contaban cunha gama de produción máis ampla, pois ademais do petróleo refinado para iluminación, producían gasolina para usos industriais (fundamentalmente, os gasómetros da industria conserveira) e fornecían a Galicia e a parte de León e de Castela. A pesares diso, e de constituír contra 1894 con outros destiladores españois unha central de compras, a Sociedad Española de Compras y Fletamentos (Compraflet), arredor da década de 1910 se converterían en meros distribuidores dos produtos proporcionados pola todopoderosa e voraz Standard Oil, actividade na que se ocuparían até a súa desaparición en 1927, trala expropiación por parte de CAMPSA.

Descrición Xeral do Entorno:

A explanada na que se construíra a refinería de petróleos está hoxe ocupada polas instalacións que emprega o club de remo de Ferrol, entre a rampla da Cabana e a grada e o dique de cantería do que fora o estaleiro da Cabana, na ribeira dereita da enseada da Cabana, cuberta hoxe por un recheo que se fixera nos anos corenta cando queríase leva-lo ferrocarril ata A Graña.

Construcción:

1884

Abandono:

As instalacións de refino foran desmanteladas no 1900.

Descrición:

No derradeiro carto do século XIX o “petróleo” ou “gas portátil” (petróleo de queimar ou petróleo lampante, tamén chamado queroseno) era xa o común medio do alumeado nos candís, quinqués e lámpadas dos habitantes dos concellos de Ferrol e Serantes. O queroseno viña substituír con vantaxe ó aceite de balea e ó aceite de oliva, empregados ata entón na iluminación.

O emprego masivo deste derivado do petróleo comezara en España a partires do desembarco en Barcelona no ano 1868 dunha gran cantidade de barrís de queroseno procedentes de Pensilvania, nos Estados Unidos.

No mes de xullo de 1883 constituíase a sociedade “J. Pérez, Seselle y Cía.”, na que figuraban como socios os señores José Pérez López, Isidoro Pérez López, Juan Montero Felinge y, en representación de “José Pastor y Compañía”, Pedro Barrié Pastor. O 19 de outubro de 1884 a nova sociedade adquiría o estaleiro da Cabana, que fundara no ano 1810 Juan Antonio Cardemil e fora adquirido contra 1836 por Manuel Ciaran dedicándose fundamentalmente nestes anos a traballos de carena, e de xeito esporádico á construción de embarcacións.

Aproveitando parte das instalacións do estaleiro, a sociedade construiría unha pequena refinería de petróleos, destinada á produción de “aceite mineral” para alumeado, o queroseno. A refinería foi chamada “La Gallega”.

Consonte os datos achegados por Mario Valdivieso (2005) a fábrica contaba cun terreo amurallado pola parte de terra, con peirao, dique e bancal da cantería pola parte de mar. Na finca erguíase un edificio grande e espazoso de cachotería e ferro, de dous pisos, no que se dispoñían os elementos e maquinaria de fabricación, canda a súa cheminea de tixolos; esta construción tiña acaroado nun lateral un cuberto (tinglado) para o enchido das latas de petróleo. Había tamén un gran alboio para encher os refinadores, dous almacenes de cachotería con cuberta de madeira e tella, e dous pequenos edificios tamén de cachotería con cuberta de madeira e tella empregados como porterías e escusados.

Ademais había un edificio de dous pisos para almacén e vivenda do enxeñeiro, con outro edificio enfronte de un só piso para habitación do factor. Encostado ó muro de sostén da horta traseira dispúñase un gran almacén cuberto de madeira e lousa, e outro máis cativo ó seu carón para depósito do ácido sulfúrico e outros efectos. Unha vía férrea recorría toda a lonxitude da finca, que contaba cun gran estanque de auga doce cuberto.

No canto da maquinaria, aparatos e artefactos, contaba con cinco grandes alambiques montados en cadanseu forno; cinco grandes condensadores; dezaoito recipientes e dous grandes cilindros cerrados de fondo cónico para acidificación y neutralización, todo en ferro e coas tubarias de conexión entre os diversos aparatos. Dous grandes alxibes, un depósito de gasolina e dous axitadores, tamén en ferro. Tres grandes tanques de clareo, construídos en madeira e ferro e revestidos de chumbo. Un aparato para encher as latas. Unha caldeira tubular de vapor, coa súa maquinaria e catro bombas, tubarias e conexións precisas para o seu obxecto. Tubaria e efectos de reposto e de fragua; útiles de fogoneiro e de limpeza, e farois da iluminación da fábrica.

No ano 1886 o concello ferrolán acordaba substituír a iluminación con aceite de oliva pola de petróleo, e no mes de xullo os socios vendían a refinería da Cabana á sociedade “Deutsch y Compañía”, que xa tiña comprado en Barcelona a refinería que construíra contra 1879 a firma “Suari i Canals” e que tiña o seu propio peirao de atraque.

O empresario francés Alexandre Deutsch de la Meurthe iniciárase cunha destilería de aceites vexetais nos arredores de París en 1845, e pasaríase con grande éxito ó campo do petróleo (o seu fillo Henri sería coñecido como “o rei do petróleo en Europa”) pouco despois do comezo da súa explotación en 1859 en Pensilvania, apoiando con entusiasmo o desenvolvemento dos pequenos motores de combustión interna para automoción e aviación.

Trala compra de refinerías en Francia (Rouen, en 1881, e Saint Loubes de Gironde, en 1883), Deutsch comezaría co refino de petróleo a gran escala en España en 1889, asociado cos irmáns Rothschild. Inicialmente estabelecida en Madrid, a empresa “Deutsch y Compañía”, ademais das refinerías de Barcelona e Ferrol, mantería en funcionamento outras refinerías nos arredores de Santander, Sevilla, Alacante e Badalona. A comezos do século XX trasládase a Barcelona, constituíndo coas refinerías e a flota de petroleiros a empresa “Refinería Española de Petróleos”.

En 1925 a empresa troca o nome polo de “Sociedad Marca El León”, que sería finalmente expropiada en 1927 co estabelecemento do monopolio de petróleos en España e a fundación da Compañía Arrendataria del Monopolio de Petróleos (CAMPSA).

A fábrica da Cabana fora vendida por Deutsch no mes de xaneiro de 1900 ós señores Guillermo Ventura Martín Pérez, Luis Rey Castro e Ramón Nicolás Soler Noriega. Trala venda dos compoñentes da instalación de refino, os señores Martín e Rey venderían a refinería ó señor Soler. En 1905 a finca e as edificacións de “La Gallega” pasaba ás mans da Banca Marchesi, que a vendía ó señor John Edwin Moxey en 1913.

Xa en 1941 a vella refinería era adquirida por don Manuel Beceiro Hermida, quen a reconvertía na década de 1960 en pista de baile co nome de “Brisas del Mar”. A cheminea foi desmontada e os seus tixolos pasaron a formar parte dos muros de contención e as edificacións da que fora a mellor pista de baile de Ferrol naqueles anos.

Tempo de uso:

Todo o ano

Sistema de produción:

O proceso de elaboración dos derivados do petróleo ten hoxe unha notable complexidade aínda que en esencia segue a consistir na primitiva secuencia de limpeza, depuración, refinado e acabado dos crus de petróleo.

Normalmente o petróleo cru que se recibe na refinería contén unha certa cantidade de auga salgada e po producido pola sonda na perforación do pozo. Por decantación, quecemento e centrifugación sepáranse as impurezas antes de proceder á destilación.

A destilación consiste na separación de corpos miscibles con puntos de ebulición diferentes. Para iso procédese ó seu quecemento, desprendéndose os compoñentes que ferven a temperaturas máis baixas e que van recollerse novamente licuados trala oportuna condensación. Como os vapores arrastran consigo outros hidrocarburos de punto de ebulición máis alto, tras esta primeira destilación procédese a unha segunda destilación (chamada rectificación) que simplifica a súa composición separando máis fraccións. Pódese tamén proceder a unha rectificación combinada con fraccionamento mediante evaporacións e condensacións repetidas.

Da primeira destilación obtense bencina en bruto, petróleos lampantes (de alumeado) e un residuo de aceites pesados. Nun principio, o petróleo lampante ou queroseno era o produto capital, pois a bencina e o residuo carecían daquela de valor práctico. Cando o petróleo para iluminación perdeu importancia pola xeneralización da electricidade, os entón subprodutos pasaron a constituír os obxectivos esenciais.

Modificouse entón o proceso para aumentar a produción de bencina e de esencias para motores, en particular, a bencina de gas (gasolina), de utilización xeneralizada na puxante automoción; para elo redúcense por disociación (cracking) as fraccións de queroseno e aceites pesados (gasóleos e aceites intermedios); ademais, cunha segunda destilación dos aceites pesados obtéñense os fuelóleos, aceites lubricantes e parafinas, quedando como residuos o coque e os alcatráns.

Máis adiante a demanda crecente de hidrocarburos líquidos refinados levou á hidruración dos hidrocarburos pouco hidroxenados para aumentar as fraccións de esencias para motores (bencinas, gasolinas), queroseno, gasóleo e aceites para motores (fuelóleos) e aceites lubricantes.

Finalizada a separación das fraccións desexadas, o proceso de refinación elimina dos produtos destilados as resinas asfálticas residuais e máis os produtos de disociación que os impurifican. A refinación consiste nun tratamento con acedo sulfúrico concentrado seguido dun lavado con auga e un neutralizado con lixivia de sosa cáustica, tralo que queda o produto purificado listo para a súa comercialización.

Por último o queroseno e demais produtos obtidos metíanse en envases metálicos (latas) de diferentes capacidades para a súa expedición e venda.

Actividades laborais:

Sen datos

Emprego:

Sen datos

Materias Primas:

Petróleo cru e petróleo semi refinado.

Produtos Elaborados:

Queroseno ou petróleo lampante, e tamén bencina e alcatrán.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Lara Coira, M., 1997, Planificación energética, apuntes de la asignatura, Ferrol: Escuela Politécnica Superior de la Universidad de A Coruña.

Lindoso Tato, E., 2006, Los pioneros gallegos. Bases del desarrollo empresarial (1820-1913), Madrid: LID Editorial Empresarial. DL SE-4354-2006. ISBN 84-88717-94-6.

Manual del Ingeniero, 1942, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Gustavo Gili, Barcelona.

Nadal Oller, J., y Carmona Badía, X., 2005. Galicia industrial (c. 1750-2005). Catálogo de la exposición: Vigo, 28 oct. 2005-22 ene. 2006; A Coruña, 2 mar. 2006-4 jun. 2006. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2469-2005. ISBN 84-95892-18-9.

Sudriá i Triay, C., 1987, “Un factor determinante: la energía”, La economía española en el siglo XX. Una perspectiva histórica, Nadal Oller, J., Carreras Odriozola, A., y Sudrià Triay, C. (compiladores), 5ª ed. junio 1994, Ariel, Barcelona. ISBN 84-344-6559-0.

Tettamancy Gastón, F., 1900: Apuntes para la Historia Comercial de La Coruña. Edición facsímil de 1994. A Coruña: Ayuntamiento de A Coruña.

Tortella Casares, G. (ed.), 2003: Del monopolio al libre mercado: la historia de la industria petrolera española, Madrid: LID Editorial Empresarial. DL SE-4354-2003. ISBN 978-84-88717-32-0.

Valdivieso Mateo, M., 2005, “La refinería de La Cabana”, Columba Revista Cultural, número 5, Asociación Cultural Columba, Cobas, Ferrol, p. 21-25.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 559.922,40 m / Y 4.815.322,94 m

Data de Actualización:

15 maio 2011 / 10 xullo 2014