186 Fábrica de Aranza

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerAcceder
Ver
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Baralla
  • Parroquia: Santiago de Aranza
  • Lugar: Aranza de Baixo
  • Paraxe: A Cova (Piscifactoría Río Neira)
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.868227019975784
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.280073165893555
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 640.620,24 m / Y 4.747.831,30 m
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel e cartón.
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de tinas
  • Comarca: Os Ancares
  • Marco Xeográfico: Aba do Monte de Francos, no final do val de Neira
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:

    Unha vez en Baralla colleremos a estrada que leva a Aranza e Pol e a uns tres quilómetros, pasado o desvío do pazo e da igrexa e xa entre as casas de Aranza de Baixo, apartaremos á dereita camiño do couto troiteiro da Cova. A iso dun quilómetro de comezado o desvío atoparemos a piscifactoría que fora muíño fariñeiro e fábrica de papel.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público fluvial

Visitable:

Sí, exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun lograba crear en Lei-Lan (Honan, no corazón de China) o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 os musulmáns capturaban preto de Samarcanda (Uzbekistán) a algúns artesáns chineses coñecedores do oficio, que o ensinarían ós seus captores a cambio dun trato privilexiado. Desta forma, o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasou a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.

Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad (Iraq) no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos), onde no ano 1200 contaban con catrocentas moas de refinamento en funcionamento. A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde Abu-Masafya contaba con vinte operarios que empregaban liño de Valencia como materia prima, fabricando un papel de gran calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ó do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

O proceso tradicional de fabricación do papel pode describirse diferenciado nas súas cinco etapas fundamentais:

- preparación da materia prima (fundamentalmente trapos): aventado, clasificación, esgazado, abatanado e fermentación en auga con cal;

- preparación da pasta nas pilas desfacendo as fibras cos mazos do muíño: trinchado, afinado e refinado;

- formación das follas de papel na tina, filtrando coidadosamente co molde ou forma a pasta xa refinada;

- prensado das follas para eliminar a auga residual;

- secado das follas.

Os talleres contaban tamén con zonas complementarias, como a de encolado (aplicación a unha ou ás dúas caras da folla dunha fina capa dunha pasta especial –carga– para igualar a superficie, encher os poros e dar un certo grao de impermeabilidade ó papel, facéndoo resistente á auga e ós líquidos) e a de satinado (modificación do acabado do papel xa seco pasándoo mediante golpes de maza, brunido con pedra ou madeira puída, ou prensado con calor) para a preparación final de papel de diferentes calidades: fino ou groso, forte ou brando, absorbente ou repelente, secante, de escritura ou de impresión.

Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin financiado nos seus traballos polos irmáns Fourdrinier.

O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ó aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta.

O acceso a tecnoloxía estranxeira implicaba a chegada de man de obra cualificada, pois as deficiencias do ensino técnico español obrigaban á presenza de especialistas foráneos para a formación de expertos españois.

A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.

Outra dificultade radicaba na dotación de recursos, tanto materias primas como enerxía. Os contemporáneos queixábanse dos altos prezos dos trapos (35 ó 50% do custo do papel) e produtos químicos, e das dificultades de circulación dun produto de baixo valor e elevado volume (os trapos) pola ineficiente rede de comunicacións españolas. Os trapos importábanse de Italia e o cloruro de cal de Francia, necesitándose ademais cloro, acedos, sosa cáustica, resinas e colorantes, de orixes diversas aínda que tamén maioritariamente importados.

Como referencia da situación, preséntase a continuación unha comparación do ano 1866 entre os custos de fabricación de 700 toneladas de papel continuo en España e no estranxeiro, valorados en reais de vélaro.

 

España

Estranxeiro

Trapo e alpargatas

1.363.600

974.000

Produtos químicos

397.124

216.962

Carbón

269.500

30.800

Man de obra

154.000

134.000

Outros

621.927

356.290

Total

2.806.151

1.712.052

 

Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, como o esparto, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación en España (necesitábase para iso carbón, cloruro de cal e sosa), mentres que os atochales españois alimentaban as fábricas británicas, con custos de transformación sensiblemente menores pola significativa economía do carbón e dos produtos químicos.

A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na ribeira esquerda do río Neira, do que fornecíase da auga requirida para o seu funcionamento. O emprazamento elixido é un encaixe do río no mesmo final do val de Neira.

Construcción:

Antes de 1845.

Abandono:

Funcionaba aínda a finais da década de 1920. Abandonada como fábrica de papel transformouse en muíño fariñeiro, primeiro, en central hidroeléctrica, despois, e, xa na década de 1970, en piscifactoría, aínda en funcionamento no 2011.

Descrición:

Fora propiedade dos señores do Pazo de Láncara, don Gonzalo Osorio de Albaredo e dona Nicolasa Pardo de Aguiar Armada.

Figura citada no Dicionario de Madoz no ano 1845 e representada no mapa de Coello do ano 1864. No Indicador de 1864 aparece como propiedade de Gonzalo Osorio, e presentara mostras de papel na Exposición Rexional de Lugo de 1877.

Aínda de que non aparece citada nos Bailly-Bailliere de 1833 a 1855, si figura na edición de 1888, neste caso ó nome de Ramón García Blanes, que casara con Isabel Osorio Pardo. Xa non aparece citada no Indicador de 1900.

Na Xeografía de Lugo que escribira Manuel Amor Meilán entre 1923 e 1928, figura citada cun aproveitamento hidráulico do río Neira de cen litros por segundo e un salto de seis metros, cunha forza teórica de seis cabalos para a maquinaria papeleira.

As instalacións foran despois transformadas en muíño fariñeiro, derrubando varios edificios e desmontándolle ó edificio principal o segundo piso, o que se dedicaba ó secado do papel. Os píos de cantería de preparación da pasta foron aproveitados polos veciños como lagares para a elaboración de sidra. Na visita rendida por Gonzalo Gayoso en 1969 aínda recoñecíase a fasquía do edificio principal, segundo pode verse nas súas fotografías.

Nos primeiros anos da década de 1970 foi sometida a unha total reconversión, transformándose en piscifactoría. Nos prados da augas arriba da fábrica, entre o canal de derivación das augas e o río construíronse dende a presa os estanques de cría e engorde das troitas, cunha lonxitude duns cento cincuenta metros. Augas abaixo do edificio principal construíronse os estanques de depuración. Aproveitouse aínda material para os cubertos e construíuse unha vivenda para o encargado.

No mes de maio do 2011 aínda estaba traballando unha pequena central hidroeléctrica construída aproveitando a saída das augas baixo dos vellos muíños. Non queda nada que lembre a antiga fábrica de papel.

A captación das augas faise nunha revolta do río a medio dunha presa duns vinte metros de anchura. A condución das augas derivadas faise por unha canle construída na marxe esquerda do río, cunha lonxitude total de algo máis de douscentos metros que permite obter un salto de uns seis metros sobre o río para facer roular ás rodas que daban movemento ós mazos.

Trala primeira reconversión das instalacións a auga facía virar os rodicios dos dous muíños que se instalaran, un coa moa negreira e o outro coa moa albeira, ámbalas dúas aínda no seu sitio. Coa segunda reconversión as augas moven unha turbina tipo Francis de cámara aberta que acciona un pequeno alternador.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo dos caudais do río.

Sistema de produción:

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos suficiente para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.

Un apresamento construído nunha revolta do río permitía derivar as augas a unha canle que tras un certo percorrido conducíaas ás instalacións da fábrica de papel, onde vertíanse sobre unhas rodas hidráulicas verticais de gran diámetro.

Estas rodas motrices, do tipo gravitatorio de caixóns ou arcaduces, levaban os seus eixes erizados de levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

Descoñécese a configuración precisa e detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi posible que contase xa con tres grupos de mazos diferenciados para os labores específicos de esfiañado (tres pías de esgazado), afinado (dúas pías de moenda) e desleído (unha pía de homoxeneización da pasta) tras as que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario.

Retirados os pregos dos moldes púñanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de encolado co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ó aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

A chegada da electricidade supuxo a modernización das instalacións, substituíndo as rodas motrices por unha turbina hidráulica que arrastraba un xerador eléctrico, sendo entón a electricidade a que movía a maquinaria fabril.

No propio proceso de elaboración da pasta, a refinadora holandesa substituía ás vellas pías de esfiañado, afinado e desleído. Nalgúns casos, a máquina semicontinua, tamén chamada redonda, de bombo o picardo, substituía o traballo do alabrén (o operario que fai a folla de papel na tina coa axuda do molde) e do poñedor (o que toma a forma do alabrén e pon a folla sobre o sayal para levala á prensa) e con ela se elaboraba o equivalente a catro ou cinco tinas.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación dos trapos. Persoal masculino na elaboración do papel, na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trapos.

Produtos Elaborados:

Papel de varias calidades.

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Amor Meilán, M., 1928. “Provincia de Lugo”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Asunción Pastor, J., 2002, El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración, Parramón, Barcelona. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Bailly-Bailliere e hijos, 1895 a 1937. Almanaque Bailly-Bailliere. Pequeña enciclopedia popular de la vida práctica. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, J.L., 1966, “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Gayoso Carreira, G., 1965, “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994, Historia del papel en España, 3 vol., 2ª ed. 2006, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, Lugo. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

Gutiérrez i Poch, M., 1999. «L’Espagne est encore dans l’enfance. Máquinas francesas y fracaso español. La mecanización de la industria papelera española (1836-1880)», Doctor Jordi Nadal. La industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya. 2 vols. Carreras, Pascual, Reher y Sudriá (eds.). Barcelona: Universitat de Barcelona, p. 1.258 y sigs. DL B-19.849-99. ISBN 84-475-2146-X.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Ministerio de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas de la industria del papel y cartón, publicadas de 1934 a 1943, Madrid.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828, Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Verea y Aguiar, J., 1803, Proyecto económico para promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia, Santiago de Compostela.

Viñas y Campi, 1866, El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 98-IV Baralla // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 640.620,24 m / Y 4.747.831,30 m

Data de Actualización:

17 maio 2011