190 Salto da Ventureira
- Provincia: A Coruña
- Concello: A Capela
- Parroquia: Santiago da Capela
- Lugar: A Ventureira
- Paraxe: Central da Ventureira
- Dirección: Non procede
- Coord. Xeográficas - Latitude: 43.406629781376765
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.040854930877686
- Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 577.794,66 m / Y 4.806.630,08 m
- Clasificación: Central hidroeléctrica
- CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
- Tipoloxía: Embalse e canle de derivación, cámara de carga e tubaria forzada.
- Comarca: Eume
- Marco Xeográfico: Canón e fragas do Eume, augas abaixo do encoro.
- Ámbito: Rural
- Acceso:
Dende Ferrol colleremos a estrada nacional N-VI que leva a Pontedeume e ó chegar á Cabanas apartaremos a esquerda pola estrada AC-564 que leva ata As Pontes pola Capela. No cruce de As Neves (A Capela) colleremos á dereita pola carreteira que leva ó poboado do Eume, e continuaremos por Gunxel baixando cara a ribeira do Eume. Na ponte da Mazoca sobre o río Sinsín seguiremos pola pista da dereita que leva á central do Eume e ó seu remate e antes de cruzar o río Eume atoparemos a vella central da Ventureira ou da Capela.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Xestión de visitas:
Historia:
O aproveitamento da enerxía dos cursos
de auga agáchase no principio dos tempos históricos. Primeiro como vía de
comunicación a favor da corrente, aproveitando o natural discorrer das augas
para o traslado e transporte de persoas e mercadorías varias. Xa nunha fase
posterior do coñecemento técnico, para facer virar unha roda con fins diversos:
elevación de auga para rega e abastecemento (noras); transmisión do xiro para
moenda (aceas e rodicios); conversión do xiro en movemento alternativo (batáns,
mazos, foles, serras).
En moito tempo a enerxía hidráulica foi
a única fonte para obtención de enerxía mecánica. Nas ribeiras dos ríos,
necesitadas de enerxía para o accionamento das súas primitivas ferramentas,
asentáronse as primeiras mostras da industria: muíños de cereal, forxas,
teares, serras, muíños papeleiros…. O desenvolvemento da máquina de vapor
liberou ás instalacións industriais do condicionamento espacial que supuñan os
aproveitamentos hidráulicos, e o carbón, que substituiría á leña como fonte
calorífica, tamén desprazou á enerxía hidráulica como fonte principal de
recursos enerxéticos mecánicos.
Pero a enerxía hidráulica habería de
ter un espléndido rexurdir vinculada a unha forma de enerxía que coñecería a
maior difusión: a electricidade. De entre todas as experiencias dos numerosos
investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani,
Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular
transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño
á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael
Faraday, que daría paso ó uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura
das pilas voltaicas.
Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe
Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente
continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en
enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas,
xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial
da electricidade.
Continuador con vantaxe de anteriores
experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das
modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás
súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.
Todos estes avances verían a súa
culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que o enxeñeiro
francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a
posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de
distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando ao ano seguinte,
empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha
potencia de 1,5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (un 56 km). A iluminación
eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse
comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas
na iluminación pública.
A adaptación das primitivas dínamos ós
aproveitamentos hidráulicos existentes para producir electricidade ía de ser
inmediata, malia que naquelas datas as limitacións na transmisión da corrente
continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas. A pesares
diso, as modestas centrais hidroeléctricas (moitas veces rudimentarias
adaptacións de antigos muíños fariñeiros ou papeleiros) constituíron a base da
electrificación daquelas poboacións próximas ó seu emprazamento.
A situación da electricidade daría o
envorco definitivo en 1887, cando o enxeñeiro serbio-croata Nikola Tesla,
descubridor en 1882 do campo magnético rotatorio e emigrado a Estados Unidos en
1884, conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna, o motor de
indución. Coa axuda financeira de George Westinghouse faría a primeira
demostración das vantaxes da iluminación con corrente alterna na Exposición
Universal de Chicago de 1893, e nese mesmo ano construiría nas cataratas do
Niágara a primeira central hidroeléctrica da historia. A demostración abriría a
porta fronte á corrente continua á moito máis adaptable corrente alterna, e
pouco despois chegaría a definitiva consolidación.
Tres anos máis tarde, coa axuda
financeira de J.P. Morgan, J.J. Astor e C. Vanderbilt, Tesla instalaría nuns
xigantescos condutos subterráneos construídos ó pé das cataratas do Niágara un
conxunto de turbinas hidráulicas Fourneyron e alternadores eléctricos que cunha
potencia instalada de máis de 100.000 HP (uns 74.600 kW) permitiríanlle a
subministración de electricidade á cidade de Buffalo (New York), a trinta e dous
quilómetros de distancia. A era da enerxía eléctrica estreaba a súa maioría de
idade e en pouco tempo, a corrente alterna desbancaría á corrente continua na
maior parte das súas utilizacións como vector enerxético en todo o mundo.
Pode admitirse que cara a 1900 a
hidroelectricidade achegaba da orde dun 0,8% a un balance enerxético mundial
dominado polo carbón (95,4%) seguido a gran distancia polo petróleo (3,6%) e o
gas (0,2%). A partires da década de 1920 o aprecio do consumidor, tanto final
como intermedio, por esta forma de enerxía fai que a potencia eléctrica
instalada creza continuamente, e que se intensifique fortemente dende 1960, até
chegar na década de 1980 a alcanzar unha participación relativa do 5,8% en
termos de enerxía substituída e do 2,3% en termos de enerxía comercializada.
Explotados os mellores emprazamentos o crecemento dos aproveitamentos
hidroeléctricos nos países desenvolvidos medra xa moi paseniño.
A industria eléctrica en España comeza
cando o empresario Tomás Dalmau e o
enxeñeiro Narcis Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a
primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de
cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos
voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a
produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor
atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a
“Sociedad Española de Electricidad”.
En
Ferrol a “Sociedad Anglo Española de Electricidad”, fundada en Barcelona en
1882, inauguraría en 1883 a iluminación do Arsenal coa electricidade xerada
nunha pequena instalación termoeléctrica, e xa contra 1888 comezaría a
funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor para
a subministración do alumeado público, instalación que sería seguida por outras
iniciativas semellantes na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e
Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro,
Betanzos e Tui (1896).
A
precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións
térmicas sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír
as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades
ás que ían subministrar. Todas son de pequeno tamaño, non superior ós
douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ó servizo
do alumeado público.
Só
temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha
central eléctrica para alumeado e forza nas súas instalacións, e ámbalas dúas
son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”,
en Xuvia (Neda), cunha hidroeléctrica; e “La Primera Coruñesa”, na Coruña,
cunha termoeléctrica.
O primeiro terzo do século XX coñecería
o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun
forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo
da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931
haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia
instalada superior ós 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos
cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”,
formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas
Coruñesas de Gas y Electricidad” estruturadas en torno ó Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da
electricidade vendida en Galicia; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación
conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa
en 1955.
Finalizada
a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do
sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié
de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de
1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os
compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír
no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante
cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General
Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse
en FENOSA en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade e A
Fervenza a comezos do século XX.
Descrición Xeral do Entorno:
A central sitúase no canón do río Eume, en pleno espazo
natural das fragas do Eume, augas abaixo da presa construída en 1960 e case
enfronte da central do Eume.
Construcción:
Iniciada no verán de 1901. Inaugurada a central a comezos
de 1903.
Abandono:
Deixou de traballar en 1959, obrigada pola construción e
posta en marcha da nova central do Eume.
Descrición:
Baixa o
río Eume dende as ladeiras de Seixobranco, na aba sur oriental da serra do
Xistral, no termo municipal de Abadín, e descende esparexéndose polos concellos
de Muras, Vilalba, Xermade, As Pontes, A Capela, Monfero, Vilarmaior, Cabanas e
Pontedeume, ata render as augas para formar a ría de Ares.
Alí
onde o Eume abandona o Forgoselo e comeza a precipitarse buscando a ría de Ares
construíuse na década de 1890, na marxe dereita e no lugar da Ventureira da
parroquia de Santiago da Capela unha central hidroeléctrica que chegaría a ser
das máis rendibles de Galicia.
Baixo a
dirección do enxeñeiro de camiños coruñés don Emilio Pan Español (quen traballaba
tamén no proxecto da central da Fervenza, en Neda), os técnicos comezaran
contra 1897 os estudos das posibilidades de aproveitamento hidroeléctrico do
salto da Ventureira. A opción elixida proxectaba o aproveitamento dun salto de
160 metros cun máximo de 3.000 litros por segundo de caudal aproveitado. Solicitábase
o aproveitamento dos caudais do río Eume e do rego de Teixido a medio de dúas
canles construídas na ladeira dereita do Eume que confluían no depósito de
regulación ou cámara de carga, e prevíase a posterior construción dun embalse
de acumulación no río Eume. Dende a cámara de carga as augas levábanse á
central por unha tubaria de chapa de aceiro de oitenta centímetro de diámetro e
uns 210 metros de lonxitude. A casa de máquinas dispuña do aloxamento das
turbinas, xeradores e transformadores precisos, construíndose unha vivenda
contigua para o operador.
No ano
1901, promovida polo Banco de Vizcaya, constituíase en Bilbao a compañía
“Electra Industrial Coruñesa” e presentábase o proxecto de construción do Salto
da Ventureira, que obtería a concesión administrativa no mes de xaneiro de 1902
e iniciaría a partires de 1903 a explotación da tamén coñecida como central da
Capela, cando xa outras dezasete “fábricas de luz” (oito delas hidráulicas) estaban
a subministrar fluído eléctrico ás vilas galegas.
O proxecto
prevía a instalación de seis turbinas Voith tipo Pelton de eixe horizontal, de
seiscentos cabalos de vapor cada unha (442 kW, cun total de 2.650 kW), pero as dificultades
financeiras levaron á modificación da formulación inicial e finalmente instalábanse
en 1902 unicamente dúas turbinas radiais Schwamkrug de admisión parcial
interior de cincocentos cabalos de vapor cada unha (aínda identificadas como 2
e 3 cos números 1165 e 1166 de J.M.Voith, Heidenheim Württemberg), o que
sumaba unha potencia total de 736 kW (uns 920 kVA).
A
central da Ventureira, coñecida tamén como a central da Capela comezara a
traballar distribuíndo electricidade pola contorna. Posteriormente a
electricidade chegaría até a cidade da Coruña por unha liña de 36.000 voltios.
Os
problemas da central da Fervenza, no Belelle, para atender á crecente demanda
ferrolá levan a que en 1909 se poña en servizo unha liña de conexión de uns
trece quilómetros coa central da Ventureira pola que esta subminístralle
enerxía a 15.000 voltios para que aquela poda complementar a súa oferta de
electricidade na comarca ferrolá.
Entre
1911 e 1920 vaise completar a instalación xeradora da Ventureira con dúas novas
turbinas (identificadas co número 4, Pelton, e o número 1, Francis), ámbalas
dúas de eixe horizontal, de dous mil cabalos de vapor cada unha. Conectaránse a cadanseu alternador
Siemens-Schuckert de 1.360 e 1.800 kVA, respectivamente. A corrente xerábase a
unha tensión de 2.200 voltios, que transformábanse para o transporte a 33.000 e
15.000 voltios. Neste período ampliárase o acordo de subministro
existente coa central da Fervenza ata os 700 cabalos de vapor (aproximadamente
644 kVA).
Coa
adquisición dos activos na Coruña da lionesa “Compañía de Alumbrado, Fuerza y
Calefacción de La Coruña y Vigo” e a participación da “Cooperativa Eléctrica
Coruñesa” (fundada en 1901), nacería en 1918 a compañía “Fábricas Coruñesas de
Gas y Electricidad”. Tanto a Cooperativa como as Fábricas Coruñesas carecían de
instalacións hidroeléctricas propias (tiñan tan só pequenas instalacións de
reserva) e dependían do fluído eléctrico que subministráballes a Electra
Industrial dende a máis que rendible central da Capela. Esta situación
remataría coa integración en 1928 da Cooperativa e a Electra na empresa
“Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad”.
O salto
da Ventureira ven recollido na estatística de 1931 do Consello da Enerxía do
Ministerio de Fomento co nome de La Capela e cunha potencia instalada de
4.000 kVA.
Ademais
da conexión coa central da Fervenza, e xa na década de 1940, conectaríase
tamén, cunha liña de menos de un quilómetro a 15.000 voltios, coa aínda máis
próxima central do Parrote ou de San Bartolomé.
En 1955
a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y
Electricidad” integraríanse en FENOSA, que continuaría coa explotación da
central da Capela ata que no ano 1959 tivera que deixar
de traballar pola falta de auga derivada da construción e posta en marcha da
nova central do Eume.
En 1982
a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) era absorbida pola
madrileña “Unión Eléctrica Española” para formar a nova empresa “Unión
Eléctrica Fenosa”: No marco da nova política enerxética xurdida das crises
petroleiras de 1973 e 1979 empréndese a rehabilitación, modernización e
automatización das entón chamadas pequenas centrais hidroeléctricas ou minicentrais,
definidas por ter menos de 5.000 kVA de potencia instalada. Mais o antano
envexado salto da Capela non podería aspirar máis á rehabilitación o ter as
augas levadas pola máis nova central do Eume.
A sa de
máquinas aínda que sensiblemente estragado, conserva moito do equipamento. O
grupo xerador número 1 fora levado ó museo que tiña Unión Fenosa na Coruña, e
tíñase a intención de acomodalo xunto co resto das pezas no Museo de Arte
Contemporáneo de Unión Fenosa (MACUF). Non entanto, trala adquisición de Unión
Fenosa polo grupo Gas Natural, o material enviouse á central de Velle
(Ourense), onde fica á espera do seu destino final.
As dúas
turbinas Schwamkrug de admisión parcial radial interior construídas por Voith
en 1902 son un verdadeiro anacronismo, xa que pronto deixarían de construírse ó
seren totalmente desterradas pola Pelton, tamén turbina de acción ou de libre
desviación, pero de admisión tanxencial exterior. Non sabemos de ningunha máis
que aínda se conserve, e pola súa singularidade deberían ser merecedoras de
especial reverencia.
Tempo de uso:
Todo o ano ¡sempre que houbera auga suficiente!
Sistema de produción:
A enerxía hidráulica é a asociada ós
recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode
aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de
auga pode proporcionar 9.800 joule de enerxía mecánica por cada metro que
descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro
pode proporcionar 9.800 watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das
máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi
grande.
O elemento ou conversor enerxético máis
antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que
transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa
sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu
movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía
facendo virar ó eixo da roda.
A tipoloxía básica das rodas
hidráulicas resúmese na roda hidráulica
vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita
por Marco Vitruvio Polion, e a roda
hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ó
non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada
antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de conversores hidráulico mecánicos
foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense
habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou
nórdico), o de roda horizontal.
Ademais da fundamental moenda de
cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de
aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de
auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns,
mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de
gran éxito ó asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade
cun rendemento próximo ao 95%.
A pesares de que as rodas hidráulicas
horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ó longo dos séculos, por contra nas
primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas) foron moitas as modificacións
introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás
condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.
A optimización nos deseños básicos logrou
instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños
de regolfo), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de
conversión normalmente superiores ó 60%.
A continua experimentación coas formas
e posición de paletas e arcaduces ten a súa culminación na roda deseñada por
Jean Victor Poncelet (1820), na que o chorro de auga a presión impulsa unhas
paletas curvadas, conseguindo unha gran velocidade de xiro e un rendemento
superior ó 70%
Finalmente, outro enxeñeiro francés,
Benoît Fourneyron, desenvolvía en 1827 unha roda hidráulica horizontal –á que
chamou turbina– que recibía a auga verticalmente ó longo do seu eixo,
enviándoa mediante unhas guías curvadas cara a outras guías, tamén curvadas,
pero en sentido contrario, situadas de xeito anular nun rodete exterior. A
reacción da auga sobre as paletas exteriores ó saír do interior do corpo da
máquina cara ó exterior, facía virar o rodete a gran velocidade, cun elevado
rendemento de conversión, da orde do 80%.
Tras toda esta bagaxe hidráulica
aparecerían os modernos deseños básicos que con moi poucos cambios chegaron até
hoxe: a turbina de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), a
turbina de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1889) e a turbina de
fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais
pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira
independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki
(1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento moi
inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes
variacións de caudal.
As máquinas hidráulicas conectadas a
xeradores eléctricos transforman cun elevado rendemento a enerxía da auga en
electricidade, e configuran as chamadas centrais hidroeléctricas. As primeiras
en construírse (despois de 1873) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha
turbina e unha dínamo de corrente continua nun muíño fariñeiro ou papeleiro xa
existente. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non
permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais
hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ó
seu emprazamento.
Pronto deseñaríanse e construiríanse
instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas
xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun
transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o
transporte da enerxía até os puntos de consumo.
Actividades laborais:
Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces
un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e
mantemento das instalacións. Para mellor atender ó servizo día e noite, as
centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa
familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza.
Emprego:
Recolle Mario Valdivieso (2000) que dende o inicio da
explotación o encargado ou maquinista da próxima Central da Fervenza fora don Pascual
Barragán Jiménez, orixinario de Puertollano (Ciudad Real), que chegara con 23
anos e alí estivera até a súa xubilación en 1946. Un dos seus fillos, Pascual
Barragán Ruiz, traballara de encargado na Central da Ventureira ata que
contra 1937 embarcara como Maquinista da Armada no Baleares, morrendo no seu
afundimento.
Materias Primas:
Produtos Elaborados:
Distribución e comercialización:
Referencias Bibliográficas:
Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia,
1750-2000.
A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN
84-95892-38-3.
Caro Baroja, J., 1995, Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias,
Instituto para
Cuesta
Diego, L., y Vallarino Cánovas del Castillo, E., 2000, Aprovechamientos hidroeléctricos, 2 vol., Colegio de Ingenieros de
Caminos, Canales y Puertos, Madrid, ISBN 84-380-0169-6.
García
Fontenla, R. (ed.), 1990, Cien años de
luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Unión
Fenosa, Madrid. D.L. M-45870-1990.
González
Tascón, I., 1987, Fábricas hidráulicas
españolas, 2ª ed. 1992, Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras
Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros, Madrid. ISBN
84-7790-147-3.
Holl, P.; Treiber, E., 1929: Turbinas hidráulicas. Trad. por Isabelino Lana Sarrate de la 2ª ed.
alemana, Manuales técnicos Labor, Barcelona: Editorial Labor.
Kyser, H., 1930: Centrales
generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana
revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.
Lara Coira, M., 1990, Las energías renovables y Galicia, Gestión Energética de Galicia,
Santiago de Compostela. ISBN
84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Gestión Energética de Galicia, Santiago de
Compostela. ISBN 84-604-0101-4.
Lara
Coira, M., 1997, Planificación energética,
apuntes de la asignatura, Ferrol: Escuela Politécnica Superior de la Universidad
de A Coruña.
Minicentrales hidroeléctricas, 1989, Gestión
Energética de Galicia, S.A. (GESTENGA), Consellería
de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia, Santiago de
Compostela.
Ministerio de Fomento, 1931: Centrales eléctricas de más de 500 kVA a fines de 1930 (anejo y mapa de
la publicación de 1931), Madrid: Consejo de la Energía del Ministerio de
Fomento.
Nadal
Oller, J., y Carmona Badía, X., 2005. Galicia
industrial (c. 1750-2005). Catálogo de la exposición: Vigo, 28 oct. 2005-22
ene. 2006; A Coruña, 2 mar. 2006-4 jun.
Pena
Espiña, X., 1986. A Formación do sector eléctrico en Galiza (1900-1925) e a
Sociedad General Gallega de Electricidad. Tese de licenciatura inédita. Santiago de Compostela: Universidade de
Santiago de Compostela.
Río Barja, F.J.; Rodríguez Lestegás, F., 1992: Os ríos galegos, Santiago de Compostela:
Consello da Cultura Galega. DL C-1426-1992. ISBN 84-87172-76-8.
Torres
Luna, M.P. de, Pazo Labrador, A.J., y Santos Solla, J.M., 1990, Los embalses de FENOSA y la geografía de
Galicia en el centenario de Don Pedro Barrié de
Valdivieso
Mateo, M., 2000: “A fábrica de luz de A Fervenza”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 3, dir.
Manuel Pérez Grueiro, Neda (Coruña): Concello de Neda, p. 129-152. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.
Índice de mapas e planos:
Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-III Pontedeume
// Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 577.794,66 m
/ Y 4.806.630,08 m