191 Muíño da pólvora

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Neda
  • Parroquia: Santa María de Neda
  • Lugar: Cruz do Pouso
  • Paraxe: Casa Millarengo
  • Dirección: Cruz do Pouso, 24 – 15510 Neda (A Coruña)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.50982400028219
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.122689127922058
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 571.034,91 m / Y 4.818.023,88 m
  • Clasificación: Muíño de vento
  • CNAE: 20.51 Fabricación de explosivos (foguetería).
  • Tipoloxía: Muíño de torre fixa e aspas non orientables.
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Monte de Ancos
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Ferrol colleremos a estrada C-641 que por Xuvia leva até As Pontes e Vilalba. Cruzado o río Grande e deixada atrás Xuvia, continuaremos pola mesma estrada C-641 cara a Vilalba e a iso duns tres quilómetros máis adiante, no lugar de Poulo, apartaremos á dereita pola carreteira de San Pedro de Anca, pola que seguiremos pouco máis de douscentos metros ata chegar ó lugar da Cruz do Pouso, localización das industrias pirotécnicas dos Millarengo e do antigo muíño da pólvora.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Sí; as instalacións foron rehabilitadas na década do 2000 como casa rural.

Xestión de visitas:

Na dirección antes recollida ou nos teléfonos 981 347 321 e 669 006 055 (María Jesús Millarengo). Na web http://lacasademiabuelo.es

Historia:

O aproveitamento da enerxía contida no vento mediante a súa conversión en enerxía mecánica foi levado a cabo pola humanidade desde a máis remota antigüidade. Se se exceptúa a enerxía de orixe animal, cabe dicir que, xunto coa enerxía obtida dos cursos de auga, a enerxía do vento foi o recurso enerxético natural máis antigo na historia das civilizacións.

Ademais da navegación a vela (aparece xa nun gravado exipcio do Alto Imperio, uns 4.500 anos a.C.) cara ao ano 1700 a.C., Hammurabi, rei de Babilonia, chegou a proxectar o regadío da rica meseta de Mesopotamia con auxilio da enerxía eólica. Estes primitivos muíños de vento debían de ser de eixo vertical, sen dúbida análogos a aqueles cuxas ruínas aínda subsisten na meseta iraniana. En calquera caso, Persia, Iraq, Exipto e China considéranse o berce do aproveitamento da enerxía do vento.

Un estudo sobre pneumática de Herón de Alexandría no século III a.C., describe por primeira vez unha máquina eólica de eixo horizontal de catro pas en forma de cruz que accionaba unha bomba de aire para alimentar as frautas dun primitivo órgano.

En calquera caso, até o século IX non é posible atopar un documento histórico irrefutable no que se faga mención ao uso dos muíños de vento como práctica xeneralizada. Este documento é o Libro de Enxeños Mecánicos, dos irmáns Banu Musa, datado no ano 850.

A difusión do muíño de vento como máquina capaz de producir enerxía mecánica segue dúas canles ben diferentes: o primeiro, coa civilización islámica, ocupa todo o Mediterráneo e chega até a metade sur da Península Ibérica; o segundo parte do triángulo formado por Bretaña, Inglaterra e os Países Baixos.

Os muíños de vento aparecen na Idade Media (séculos XII e XIII) en Italia, Francia, España e Portugal. Algo máis tarde localízanse en Alemaña, Países Baixos e Inglaterra. Atópanse documentados muíños de vento en Lisboa (1182), Alcobaça (1262), e Évora (1303), e desde o ano 1350 utilizábanse muíños de vento con catro aletas dispostas en cruz para a desecación dos polders holandeses. Tamén utilizábanse xa nestas datas para extraer o aceite de noces e grans, serrar madeira, transformar trapos vellos en papel, preparar colorantes en po e elaborar pólvoras.

Pode entón dicirse que, aínda que o aproveitamento da enerxía eólica data das épocas máis remotas da humanidade, é a partir dos séculos XII e XIII cando empeza a xeneralizarse o uso dos muíños de vento para a elevación de auga e a moenda de gran, baseados en deseños moi rudimentarios que, con diversas melloras, especialmente nos sistemas de regulación e orientación, manteranse até ben entrado o século XIX.

Nunha publicación europea de 1724 detállase o proxecto dun aeromotor que arrastra unha bomba de pistón por medio dun cegoñal. Pero este enxeño houbo de esperar até 1870, cando aparece no continente americano e do que retorna a Europa e implantase e difunde desde 1876 co nome de “muíño americano”, un dos máis importantes avances na tecnoloxía do aproveitamento do vento, utilizado para bombeo de auga practicamente en todo o mundo e cuxas características haberían de sentar as bases para o deseño dos modernos xeradores eólicos.

Coa introdución da máquina de vapor cara a 1774, a crecente demanda de enerxía oriéntase ós procesos termodinámicos baseados no consumo de combustibles fósiles, caracterizados polo incremento no factor de escala, a garantía de utilización e a liberdade de localización territorial, fronte á servidume asociada á utilización da auga e do vento, necesariamente vinculada a unha localización favorable, fose as beiras dos ríos ou as zonas ventosas.

O desenvolvemento dos muíños de vento interrómpese coa revolución industrial e a utilización masiva do vapor, a electricidade e os combustibles fósiles como fontes de enerxía motriz. Os muíños eléctricos pronto viñeron substituír ós muíños fariñeiros accionados pola forza do vento, do mesmo xeito que a aqueles outros que eran accionados pola auga dos ríos ou do mar.

Na década de 1970, coincidindo coa primeira crise do petróleo, iníciase unha nova etapa no aproveitamento da enerxía do vento. A aplicación das modernas tecnoloxías (en especial, as desenvolvidas para a aviación) deu como resultado a aparición dunha nova xeración de máquinas eólicas, moi perfeccionadas e cuns rendementos que permiten a súa explotación con criterios de rendibilidade económica en zonas de potencial eólico significativo.

A diferenza dos antigos muíños de vento, utilizados fundamentalmente para o bombeo de auga e a moenda de gran, a práctica totalidade das modernas instalacións eólicas oriéntanse cara á produción de enerxía eléctrica, pola facilidade para a manipulación e transporte deste tipo de enerxía e pola súa versatilidade nas aplicacións.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño situárase nun outeiro na aba do sueste do monte de Ancos, nun emprazamento aberto e elevado que focaliza os ventos alí dominantes, os ventos do nordés e os do suroeste que veñen da ría de Ferrol.

Construcción:

Cara a 1893

Abandono:

Deixou de traballar como taller pirotécnico contra 1953.


Descrición:

O muíño de vento de José Domingo Millarengo, citado por Begoña Bas (1990) como muíño de vento da Cruz do Pouso en Neda, fora construído a finais do século XIX, cara a 1888 consonte lembra a súa neta María Jesús Millarengo (Bas, 1996 e 1998). O emprazamento elixido, na aba do sueste do Monte de Ancos, cerca da aldea da Cruz do Pouso e da carreteira que comunicaba Ferrol con Vilalba e Ortigueira, conta con unha moi boa exposición ós ventos localmente dominantes, o nordés e o suroeste.

José Millarengo nacera na relativamente próxima parroquia de Doroña, no termo municipal de Vilarmaior (A Coruña), nunha familia destacada, propietaria de muíños de cereal, serradoiros e mesmo dun muíño papeleiro. José e os seus irmáns Manuel e Francisco marcharan de novos da casa familiar, e acabarían por asentarse na Cruz do Pouso. Pasado algún tempo Francisco abriría unha fundición na que tamén construía carros coa axuda dos seus irmáns, mentres que Manuel montaría un taller pirotécnico (aparece en 1888 como mestre polvorista) ó que José (rexistrado en 1892 como comerciante de ferros) ía de incorporarse contra 1893.

O muíño, acaroado á parede leste dun edificio rectangular empregado como taller de moenda e pequeno almacén era unha parte do conxunto das instalacións do taller pirotécnico, nas que se incluían o almacén de materias primas, os talleres de elaboración dos fogos e a casa vivenda co almacén de produtos fabricados.

A construción foi realizada en cachotería miúda, recebada e caleada, de 65 centímetros de espesor, cunhas medidas interiores de 6,7 x 4,9 metros. A torre do muíño vai incrustada na parede de levante, cunha planta circular de un metro vinte de diámetro interior e unha altura sobre o chan de sete metros. A parede da torre vai aumentando o espesor do metro do pe ós corenta e cinco centímetros do tope, co resultado dunha sólida figura troncocónica.

As aspas, de madeira, ían suxeitas a un eixe co seu engrene, colocados nun soporte de ferro afirmado no tope da torre que mantiña tamén o eixe vertical que transmitía o movemento xiratorio ó engrenaxe do pe do muíño, que á súa volta engrenaba coa roda de arrastre do eixo horizontal no que, xa dentro do taller, xiraban as diferentes poleas de transmisión do movemento á maquinaria. Tanto os engrenes como os eixes e os soportes do sistema de transmisión foran construídos en ferro na fundición e taller de Francisco.

O eixe motriz do taller dispuña de dúas poleas de ferro e dúas poleas de madeira, que accionaban a medio de correas ó muíño de moer o xofre (dúas pedras de gra), á peneira para o carbón e o xofre moídos, e a roda de arrastre das levas de bater ó antimonio nos morteiros ou píos de pedra asentados no chan.

Ademais da porta de entrada na parede de poñente, o taller contaba con dúas ventás na parede norte e unha na sur. A cuberta sería de tella do país sobre tramado de madeira.

O propietario e construtor do muíño da pólvora morrería con trinta e sete anos nunha explosión ocorrida o vinte de agosto de 1897. O negocio continuaría da man da súa viúva e o seu fillo Víctor, que tiña daquela catorce anos. Neste segundo período a sona do taller pirotécnico de Millarengo espallaríase por toda á comarca pola gran calidade dos seus produtos de foguetería. Víctor Millarengo morría no ano 1953 e o taller sería entón abandonado.

Na década do 2000 unha neta do fundador, dona María Jesús Millarengo faríase cargo do antigo complexo pirotécnico coa intención de conservar o mellor posible os restos daquela industria, convertendo as instalacións en un negocio hostaleiro na modalidade de casa de turismo rural.

Tempo de uso:

Todo o ano ¡sempre que houbera vento suficiente!

Sistema de produción:

A distribución non uniforme da enerxía absorbida pola atmosfera e a consecuente formación de gradientes térmicos, é a causa primaria do movemento das masas de aire e por tanto, orixe da enerxía eólica, ou enerxía do vento.

A radiación solar, absorbida irregularmente pola atmosfera, dá lugar a masas de aire con diferentes temperaturas e por tanto, diferentes densidades e presións. Estas masas de aire, ó desprazarse desde as altas cara ás baixas presións, dan lugar ó fenómeno meteorolóxico coñecido como vento.

Coa designación xenérica de enerxía eólica alúdese á enerxía do vento, asociada ás masas de aire que se desprazan sobre a superficie terrestre como resultado da combinación de certos fenómenos termodinámicos que ocorren na atmosfera cos efectos inerciais que se derivan do movemento do planeta.

Por conseguinte, podería entenderse como aproveitamento dos recursos eólicos calquera forma de aproveitamento da enerxía do vento, dos que existen non poucos exemplos: dende a navegación a vela á dispersión de contaminantes atmosféricos. Con todo, é costume agrupar baixo tal designación a conversión da enerxía do vento en enerxía mecánica, e emprégase este termo cada vez con máis frecuencia para referirse á conversión da enerxía do vento en enerxía eléctrica.

Ó actuar sobre as pas do muíño de vento, as masas de aire en movemento ceden ó mecanismo parte da súa enerxía cinética e obrígano a virar ó redor do seu eixo, proporcionando así unha enerxía mecánica de rotación que pode despois aplicarse a distintos fins, como facer virar un muíño, accionar unha bomba, mover unha serra, ou arrastrar unha dínamo ou un alternador para producir enerxía eléctrica.

Nos muíños de vento construídos en Galicia para moenda de cereais, as aspas están dispostas sobre un eixo horizontal, polo que hai que transferir o xiro mediante unhas engrenaxes a un eixo vertical, que é o que acciona a moa xiratoria. Ademais, o conxunto das aspas pode virarse a vontade do muiñeiro para orientalas enfrontadas ó vento da mellor maneira para o aproveitamento enerxético.

Nalgún caso, como ocorre cos existentes en Catoira, os muíños foron construídos co eixo na dirección dos ventos dominantes no seu emprazamento e sen posibilidade de orientación, dotándoos por iso de pas en ámbolos dous extremos para aproveitar os ventos principais e os seus opostos, que son os que alí sopran habitualmente.

No caso do muíño da Cruz do Pouso as pas eran únicas e fixas, orientadas para recibir ós ventos predominantes e virando sempre no mesmo sentido. Neste caso a enerxía do vento aplicábase para a moendo, o peneirado e o esmagado, sendo o resto do proceso o mesmo empregado na elaboración estritamente manual das pólvoras.

Trala moenda e peneirado do carbón, o xofre e o salitre, por separado, pésanse as cantidades precisas de cada un e mestúranse coidadosamente remexéndoos cunha pouca auga, preparando unhas bolas que déixanse a secar nunhas táboas. Xa secas esfaragúllanse as bolas nunha peneira e arrólanse nun pandeiro, co que as faragullas vanse convertendo en grans máis ou menos grosos consonte o tempo do arrole.

Prepáranse despois os foguetes, facendo por separado as subidas (a impulsión), os cartuchos (o explosivo), e as mechas. Móntanse os tiros xuntándoos en foguetes de un dous ou tres estalos e por último ármanse tanto as bombas coma os foguetes póndolles a vara. Son outros tamén os produtos que elabora o fogueteiro, como as luces, as retretas, as rodas de fogo ou as madamitas. Xa que non se pretende facer un tratado de foguetería, mire o curioso as descricións nos oportunos tratados.

Actividades laborais:

Os operarios do taller pirotécnico eran quen se ocupaban tamén do funcionamento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Xofre, carbón de madeira, salitre, nitrato potásico, clorato potásico, antimonio (substituído despois por selenita de aluminio).


Produtos Elaborados:

Pólvora negra, pólvora cloratada, pólvora fulminante e produtos varios de foguetería.


Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, B., 1991, Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Bas López, B., 1996: “Fireworks for the community: the use of windpower ans simple techniques in Galicia”, Gunpowder: the history of an international technology, Brenda J. Buchanan (ed.), Bath: Bath University Press.

Bas López, B., 1997, “Recursos y técnicas en los molinos de Galicia. Una síntesis de las tipologías”, Primeras Jornadas Nacionales sobre Molinología, Organizadas por la Fundación Juanelo Turriano en colaboración con el Seminario de Sargadelos y el Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 22 al 25 de noviembre de 1995, Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 75, Ediciós do Castro, Sada, Coruña, p. 725-734. ISBN 84-7492-862-1.

Bas López, B., 1998, “El molino de viento de Neda: un caso excepcional en la elaboración de la pólvora”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 1, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 109-117. ISSN 1139-1154.

Cádiz Deleito, J.C., 1992, Molinos de viento. Historia de las máquinas eólicas, ilustraciones de Juan Ramos Cabrero, Empresa Nacional de Electricidad S.A. (ENDESA), Tabapress, Madrid. ISBN 84-7952-096-5.

Caro Baroja, J., 1952, "Disertación sobre los molinos de viento”, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, VIII, Madrid, pp. 212-366.

Caro Baroja, J., 1995, Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias, Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid. ISBN 84-86850-64-9.

Lara Coira, M., 1990, Las energías renovables y Galicia, Gestión Energética de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Gestión Energética de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-604-0101-4.

Llano Cabado, P. de, 1983, Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas, Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-85665-08-2.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Fogueteiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 601-607.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Fogueteiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 194-202. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Soraluce Blond, J.R., y Fernández Fernández, X. (directores), 1999, Arquitecturas da provincia da Coruña, vol VIII. Comarca de Ferrol I: Ares, Fene, Mugardos, Narón e Neda, A Coruña: Deputación Provincial da Coruña. DL 937/1997. ISBN 84-95335-07-7.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 7-III Neda // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 571.034,91 m / Y 4.818.023,88 m

Data de Actualización:

3 xuño 2011