192 Fábrica de Legerén

Galería de Fotos

Ver
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Caldas de Reis
  • Parroquia: Santo Tomé de Caldas
  • Lugar: Caldas de Reis
  • Paraxe: A Tofona
  • Dirección: Rúa da Tafona ou das Fábricas, en Caldas de Reis (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.603740322460766
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.645671606063843
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 529.182,60 m / Y 4.717.088,74 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional de alpaje
  • Comarca: Caldas
  • Marco Xeográfico: Caldas de Reis
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: Unha vez en Caldas de Reis colleremos a estrada que leva a Vilagarcía de Arousa e antes de cruzarmos a ponte sobre o río Bermaña, no mesmo casco urbano, colleremos á esquerda, cara á ribeira do Umia e pasada a rúa Carlos García Bayón estaremos no grande espazo coñecido como A Tafona, no que atopábase a fábrica de curtidos de Legerén, hoxe en día urbanizado e con diversas construcións modernas.

Tipo de propiedade:

Vía pública e edificacións privadas.

Visitable:

Non ten sentido o non quedar pegada algunha das instalacións.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Non somos hoxe día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalajes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos pilos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en pilos prestados ou en pilos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento no tránsito do século XVIII ó XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ó mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente ás modernas tinarías.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na ribeira esquerda do río Bermaña, do que fornecíase da auga requirida para o seu funcionamento. O emprazamento elixido atópase entre os río Bermaña e Umia e próximo (pouco máis de douscentos metros) á desembocadura de aquel no leito de este.

Construcción:

Antes de 1764.

Abandono:

Funcionaba aínda a finais da década de 1910.

Descrición:

Das catro fábricas estabelecidas no termo municipal de Caldas de Reis a meirande delas era a de don Fermín Mosquera Vázquez, cunha capacidade total de trescentos metros cúbicos de noques ou pozos de curtido, localizada na marxe dereita do río Bermaña, augas abaixo do seu cruce coa carreteira de Vilagarcía de Arousa e á uns douscentos metros da desembocadura no río Umia.

A seguinte en tamaño, a de Legerén, na Tafona e moi próxima á de Mosquera pero na banda esquerda do río Bermaña, tiña só unha capacidade de oitenta metros cúbicos.

As outras dúas fábricas, a de Conde e a de Nieto, tiñan respectivamente corenta e seis e doce metros cúbicos.

O nome de A Tafona procede do árabe atafona co significado de muíño, as veces referido ós muíños de sangue, arrastrados por bestas, pero tamén ás aceas ou muíños de río. Nas tafonas moíase o trigo e cocíase o pan para a súa venda. A tafona de Caldas atópase documentada no ano 1557 como propiedade de Ares López de Figueroa.

As instalacións da tafona foron tempo despois aproveitadas para a construción dunha fábrica de curtidos que figura documentada dende o ano 1764, aparecendo tamén recollida con posterioridade no Dicionario de Madoz de 1845.

Contra 1820 chegara á parroquia de Rellas, no termo municipal de Silleda (Pontevedra), Beltrán Legeren, de orixe francesa, que modernizaría a freguesía construíndo muíños, unha fábrica de papel e unha fábrica de curtidos, e posiblemente relacionado coa fábrica de curtidos de Caldas.

Segundo Seijas Llerena (2005) no ano 1899 figura ó nome de “Herederos de Ramón Legerén”, os irmáns Legerén Cespón (David Legerén Cespón era daquela propietario do balneario Dávila, tamén en Caldas). Os derradeiros propietarios foran a familia Legeren Campos.

Na década do 2000 os terreos de A Tafona foron adquiridos polo Concello de Caldas de Rei coa intención de desenvolver neles un proxecto termal e hostaleiro.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo dos caudais do río.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelicos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ó efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel ós pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón ós pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e voltaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos ós outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun murete circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ó seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ó cromo suplantaría totalmente ó curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.

O curtido ó alume ou curtido en branco segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas.

Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas tenerías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), cordobáns (cabra), badanas (carneiro ou ovella) e baquetas.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Coiros.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas.

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Álvarez Limeses, G, 1928. “Provincia de Pontevedra”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Bailly-Bailliere e hijos, 1895 a 1937. Almanaque Bailly-Bailliere. Pequeña enciclopedia popular de la vida práctica. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Carmona Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Barcelona: Ariel, p. 23-48. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, X.; Fernández Vázquez, M.T., 1997: “Historia e actualidade do patrimonio industrial de Galicia: as fábricas de curtidos de Allariz”, Patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal, X.A. Fidalgo e X. Simal (eds.), Ourense: Diputación Provincial, p.63-79.

Carmona Badía, X., y Fernández Vázquez, M.T., 2003, A Compostela industrial: historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago, Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela. D.L. C-269-2003. ISBN 84-930667-2-9.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, X., et al., 1990, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Ariel, Barcelona. ISBN 84-344-6563-9.

Córdoba de la Llave, R., 2008, “Industrias del tejido y del cuero”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 225-233. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Negral, J., 2002, Las fábricas de curtidos en la ría de Ferrol, 1783-1956, Cadernos do seminario de Sargadelos, O Castro-Sada (Coruña): Ediciós do Castro. DL C-174-2002. ISBN 84-8485-049-8.

Labrada Romero, J.L., 1804, Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja, Vigo: Galaxia.

Larruga Boneta, E., 1784-1800, Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los reales decretos, órdenes, cédulas, aranceles y ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento, tres series previstas, primera serie de 45 tomos en cuarto, sólo cuatro publicados (Castilla la Vieja, Castilla la Nueva, Extremadura y Galicia), imprenta de Benito Cano, 1787-1800, Madrid.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 550-558.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Curtidores ou coireiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 123-133. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Manual del Ingeniero, 1942, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Gustavo Gili, Barcelona.

Meijide Pardo, A., 1986, “Las primeras industrias del curtido en Betanzos”, Untia. Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns, núm. 2, Betanzos.

Meijide Pardo, A., 1991, “Aspectos de la vida económica de Betanzos en el siglo XVIII”, Anuario Brigantino, nº 14, p. 51-70, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Meijide Pardo, A., 1998, “Entre 1770 y 1814 se establecen 14 fábricas de curtidos en la comarca ferrolana”, Anuario Brigantino, nº 21, p. 167-182, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Meijide Pardo, A., 2000, “Aportación a la historia económica y social de Pontedeume en la primera mitad del siglo XIX”, Anuario Brigantino, nº 23, p. 239-254, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828, Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Núñez Barros, R., 1994, “A industria do curtido en Pontedeume”, Cátedra. Revista Eumesa de Estudios, núm. 1, Pontedeume, p. 7-18.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754, 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en línea]. Disponible en Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Último acceso 3 de agosto de 2009].

Seijas Llerena, Daniel, 2005. “Un caso de demografía industrial de principios del siglo XX: las comarcas de Caldas y O Ullán pontevedrés entre los años 1899 y 1921”. Congreso de Historia Económica, Sesión: Demografía Empresarial, Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Viñas y Campi, 1866, El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 152-II Caldas de Reis // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 529.182,60 m / Y 4.717.088,74 m

Data de Actualización:

9 xuño 2011