202 Fábrica de Rodís

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Lalín
  • Parroquia: San Xiao de Rodís
  • Lugar: Rodís da Igrexa
  • Paraxe: A Fábrica
  • Dirección: Rodís, 4 (Fábrica de Rodís), 36596 Lalín (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.75170776
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.08666706
  • Coordeadas UTM: ED 1950: Fuso 29 // X 574.764,33 m / Y 4.733.799,75 m
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel e cartón (papel de varias calidades).
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de tinas
  • Comarca: Lalín
  • Marco Xeográfico: Ribeiras do Cello
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Unha vez en Lalín colleremos a estrada EP-6009 que vai cara ó norte, por Xaxán e Regufe camiño de Rielo e Palio. Antes de chegar a Santa Baia, apartaremos á dereita, cara Palio e Rodís da Igrexa. En Rodís colleremos o cruce cara a Cangas e, inmediatamente, o desvío que atopamos na man dereita, baixando ao rego Barbán, onde atoparemos os restos da que fora fábrica de papel.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Sí, exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun creaba no corazón de China o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasaba a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.

Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos). A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde os operarios de Abu-Masafya fabricaban de liño un papel de gran calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ó do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin financiado nos seus traballos polos irmáns Fourdrinier.

O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ó aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta.

A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.

A escaseza de enerxía, e os altos prezos dos trapos e produtos químicos, maioritariamente importados, contribuían a facer a produción española moi pouco competitiva. Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, empregándose cordas, esparto ou palla, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación asociados ao emprego do carbón, o cloruro de cal e a sosa.

A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na ribeira esquerda do rego Barbán, tamén coñecido como río Cello, ou da fábrica, ou de Porta Fixón, abaixo do lugar de Rodís da Igrexa.

Construcción:

Antes de 1850.

Abandono:

Antes de 1900.

Descrición:

A fábrica de papel de Rodís sería construída antes do ano 1850, na marxe esquerda do rego de Barbán, próxima xa a súa desembocadura no río Arnego. Participou na súa construción Juan Cendón Carballal, quen xa traballara nas obras de construción das fábricas de papel carballiñesas de Lavandeira (1838) e Bouteiro (1843).

A fábrica figura no mapa de Coello de 1856, e aparece citada no Indicador de Viñas e Campi de 1864 como pertencente a José González.

Na Exposición Rexional de Lugo de 1877 presentara mostras de papel Manuel Fernández Cota, quen figura como propietario da fábrica de Rodís nos Bailly-Bailliere de 1883 a 1888. A fábrica xa non aparece citada no anuario de 1900, quedando sen rematar tan ambicioso proxecto, efémero e incompleto, como aínda pódese mirar nos muros do espléndido edificio principal, que quedaría sen completar.

O seu actual propietario, don David Fernández González, fíxonos a cortesía de atendérmonos na nosa visita tralas pegadas do noso patrimonio industrial.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose ós caudais que levara o río.

Sistema de produción:

O proceso tradicional de fabricación do papel pode describirse diferenciado nas súas cinco etapas fundamentais:

  • preparación da materia prima (fundamentalmente trapos): aventado, clasificación, esgazado, abatanado e fermentación en auga con cal;
  • preparación da pasta nas pilas desfacendo as fibras cos mazos do muíño: trinchado, afinado e refinado;
  • formación das follas de papel na tina, filtrando coidadosamente co molde ou forma a pasta xa refinada;
  • prensado das follas para eliminar a auga residual;
  • secado das follas.

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos suficiente para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga con cal e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.

Un apresamento construído nunha revolta do río permitía derivar as augas a unha canle construída nunha das súas marxes, que, tras un percorrido máis ou menos longo, conducíaas ás instalacións da fábrica de papel, onde vertíanse sobre unha ou varias grandes rodas hidráulicas verticais de máis de dous metros de diámetro.

Estas rodas motrices, do tipo gravitatorio de caixóns ou arcaduces, levaban os seus eixes erizados de levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

Descoñécese a configuración precisa e detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi posible que contase xa con tres grupos de mazos diferenciados para os labores específicos de esfiañado (tres pías de esgazado), afinado (dúas pías de moenda) e desleído (unha pía de homoxeneización da pasta) tras as que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario.

Retirados os pregos dos moldes púñanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de encolado co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ó aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

A chegada da electricidade supuxo en moitos casos a modernización das instalacións, substituíndo as rodas motrices por unha turbina hidráulica que arrastraba un xerador eléctrico, sendo entón a electricidade a que movía a maquinaria fabril.

No propio proceso de elaboración da pasta, a refinadora holandesa substituía ás vellas pías de esfiañado, afinado e desleído. Nalgúns casos, a máquina semicontinua, tamén chamada redonda, de bombo o picardo, substituía o traballo do alabrén (o operario que fai a folla de papel na tina coa axuda do molde) e do poñedor (o que toma a forma do alabrén e pon a folla sobre o sayal para levala á prensa) e con ela se elaboraba o equivalente a catro ou cinco tinas.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do trapo, así como no levado ó secadoiro. Persoal masculino na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trapos.

Produtos Elaborados:

Papel de varias calidades.

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Asunción Pastor, J., 2002, El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración, Parramón, Barcelona. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Bailly-Bailliere e hijos, 1895 a 1937. Almanaque Bailly-Bailliere. Pequeña enciclopedia popular de la vida práctica. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, J.L., 1966, “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Fumega Piñeiro, F.X.; Sobrado Pérez, X.L., 2010: As fábricas de papel na comarca do Carballiño. O Carballiño (Ourense): Centro de Estudios Chamoso Lamas. DL OU-177-2010. ISBN 978-84-614-4756-5.

Gayoso Carreira, G., 1965, “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994, Historia del papel en España, 3 vol., 2ª ed. 2006, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, Lugo. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

Gutiérrez i Poch, M., 1999. «L’Espagne est encore dans l’enfance. Máquinas francesas y fracaso español. La mecanización de la industria papelera española (1836-1880)», Doctor Jordi Nadal. La industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya. 2 vols. Carreras, Pascual, Reher y Sudriá (eds.). Barcelona: Universitat de Barcelona, p. 1.258 y sigs. DL B-19.849-99. ISBN 84-475-2146-X.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Ministerio de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas de la industria del papel y cartón, publicadas de 1934 a 1943, Madrid.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828, Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Verea y Aguiar, J., 1803, Proyecto económico para promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia, Santiago de Compostela.

Viñas y Campi, 1866, El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000:

Folla 122-I Vila de Cruces // ED 1950: Fuso 29 // X 574.764,33 m / Y 4.733.799,75 m

Data de Actualización:

6 xullo 2012