206 Fábrica do Petirro

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Forcarei
  • Parroquia: San Martiño de Forcarei
  • Lugar: A Freixeira
  • Paraxe: Monte do Cachafeiro
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.568079157009386
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.334234952926636
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 554.784,53 m / Y 4.713.281,85 m
  • Clasificación: Fábrica hidráulica (muíño, serra, carpintería e ferrería)
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría. 16.10 Serrado e cepillado da madeira. 24.10 Fabricación de produtos básicos de ferro,
  • Tipoloxía: Tradicional dos muíños de río.
  • Comarca: Tabeirós e Terra de Montes.
  • Marco Xeográfico: Cunca alta do río Lérez.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: En Santiago de Compostela colleremos a estrada N-525 que leva a Ourense e ó chegar a Silleda, apartaremos á dereita, pola carreteira PO-201 cara Forcarei. Unha vez chegados a Forcarei, buscaremos a estrada que leva a Vilapouca por Cachafeiro. Dende a entrada do polígono industrial de Cachafeiro, un camiñiño de uns trescentos metros hanos levar á fábrica do Petirro. Se partimos de Pontevedra, enfiaremos a estrada nacional N-541 rumbo a Ourense. Pasado Cerdedo e chegando a Ventoxo, apartaremos á esquerda pola PO-534 cara a Forcarei, para facer despois o recorrido xa descrito.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público hidráulico.

Visitable:

Sí, exteriormente.

Xestión de visitas:

Pode visitarse previa concertación da visita coa propiedade, que o amosa desinteresadamente.

Historia:

O aproveitamento da enerxía dos cursos de auga agáchase no principio dos tempos históricos. Primeiro como vía de comunicación a favor da corrente, aproveitando o natural discorrer das augas para o traslado e transporte de persoas e mercadorías varias. Xa nunha fase posterior do coñecemento técnico, para facer virar unha roda con fins diversos: elevación de auga para rega e abastecemento (noras); transmisión do xiro para moenda (aceas e rodicios); conversión do xiro en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras).

En moito tempo a enerxía hidráulica foi a única fonte para obtención de enerxía mecánica. Nas ribeiras dos ríos, necesitadas de enerxía para o accionamento das súas primitivas ferramentas, asentáronse as primeiras mostras da industria: muíños de cereal, forxas, teares, serras, muíños papeleiros…. O desenvolvemento da máquina de vapor liberou ás instalacións industriais do condicionamento espacial que supuñan os aproveitamentos hidráulicos, e o carbón, que substituiría á leña como fonte calorífica, tamén desprazou á enerxía hidráulica como fonte principal de recursos enerxéticos mecánicos.

Con todo, na derradeira década do século XIX a enerxía hidráulica habería ter un espléndido rexurdir vinculada a unha forma de enerxía que coñecería a maior difusión en todo o mundo: a electricidade.

No caso de Galicia, “o país dos mil ríos”, a enerxía hidráulica vai ser o motor fundamental da primeira industrialización (xa contra 1775 dátanse os primeiros aproveitamentos hidráulicos da Ilustración no río Xuvia, na ría de Ferrol).

Como ocorrería na meirande parte das cuncas fluviais galegas, a do río Lérez non vai ser unha excepción na construción de instalacións para o aproveitamento da enerxía das augas, nomeadamente muíños e serras.

Corría o ano de 1920 cando Manuel Camba Andión, veciño de Cachafeiro, encargaba ó enxeñeiro de camiños Antonio Sáez Díez o proxecto para “Aprovechamiento de aguas para sierra y molino en el arroyo Freijeira”, no paraxe da Ponte Freixeira, poñéndose pouco despois en servizo as instalacións.

O proxecto consideraba o aproveitamento de un mínimo de 200 l/s no estiaxe e un máximo de 800 l/s no inverno, cun límite de 1.500 l/s nas avenidas. O salto hidráulico establecérase en 1’80 m, o que cun rendemento do 60% na instalación resultaba nunha potencia neta de un mínimo de 2’88 cabalos de vapor (aproximadamente, 2’12 kW). O custo de realización das obras por administración establecérase nun total de 4.217’52 pesetas, incluíndo un 1% para imprevistos, un 2% para accidentes e un 1% para seguros.

Esta pequena industria, que xa adoecía dun funcionamento deficiente, vai sufrir un incendio que arruína a cuberta do edificio e mesmo afecta os muros de carga externos, o que vai forzar o abandono da actividade e a ruína das instalacións.

No ano 1939, Manuel Márquez Rozados, un ferreiro veciño do lugar de Covas coñecido como “O Petirro”, adquire os restos do conxunto edificado, daquela nun total estado de ruína e abandono.

O novo propietario acomete a reconstrución e mellora das antigas instalacións, que van coñecerse dende entón como “A fábrica do Petirro” e que van consolidarse como un referente indispensable para a subministración de ferramenta e útiles de traballo nos contornos da Terra de Montes e Tabeirós.

O pulo, a inventiva e a habelencia do propietario foron consolidando un conxunto industrial no que a auga do rego Freixeira facía andar un muíño de cereal, unha serra de cinta, un torno de carpintería, unha cepilladora e unha serra de mesa, mais o machuco e o soprador dunha forxa.

A chegada da electricidade, nos anos derradeiros da década de 1950, suporía o comezo do final das vellas instalacións hidráulicas do Petirro: as actividades principais da carpintería e da ferrería van trasladarse a un novo taller dotado con enerxía eléctrica, e o muíño vai esmorecendo coa instalación de muíños eléctricos nas aldeas das contornas.

A fábrica do Petirro vai quedando en desuso ata a parálise total, que suporá a ruína funcional e o comezo da ruína estrutural da edificación e das súas instalacións.

Afortunadamente, mediado o ano 2010, a sensibilidade dos descendentes do Petirro e actuais propietarios, vai promover, baixo a dirección do arquitecto Francisco Márquez Taín, a rehabilitación do conxunto das instalacións baixo os criterios de respectar e conservar os valores etnográficos,construtivos e ambientais da edificación e do seu contorno, introducindo novos valores compatibles que permitan o uso da fábrica como estancia, habitable, empresarial e didáctica.

A coidadosa recuperación dos mecanismos orixinais vai permitir que o conxunto relate polo miúdo a historia empresarial que xurdiu neste lugar, e que foi o alicerce da empresa que nas proximidades da vella fábrica do Petirro sigue hoxe en día a desenvolver a súa actividade industrial.

No seguinte enlace pódese ver as instalacións recuperadas en funcionamento: Fábrica do Petirro

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na ribeira dereita do río Freixeira, do que fornecíase da auga requirida para o seu funcionamento.

Construcción:

1920.

Abandono:

Funcionaba aínda a finais da década de 1950.

Descrición:

A presa construída no rego Freixeira está conformada por cachotes e pezas de xisto colocadas a chapacuña, formando un paramento lixeiramente convexo augas arriba que eleva o nivel do río para conducir as augas cara ao muíño polo seu estribo dereito.

A edificación ten unha fasquía rectangular de 11’80 x 17’70 metros, asentada no leito do río. Tres muros de carga lonxitudinais, xunto cos dous transversais e os dous lonxitudinais externos, configuran a envolvente vertical do edificio. O material empregado na construción é xisto, reforzado en alicerces e esquinais con pezas bastamente regularizadas. A cuberta, a dúas augas, fora de armadura de madeira recuberta de chapa metálica.

A construción ten dúas plantas; a inferior –o inferno– da paso ás augas por dúas canles paralelas que desenvólvense aproximadamente de nordeste a suroeste, e que conteñen a diversa maquinaria hidráulica: a trompa, os rodicios e a roda hidráulica. Os canles son alimentados por cadanseu cubo e conducen a auga aos rodicios, á roda e á embocadura da trompa.

A planta superior, planta baixa ou tremiñado, está dividida en tres estancias. A mais pequena localízase no sur da construción, e contén o muíño e a carpintería. Acaroada e aberta ao norte, a segunda estancia –de maior luz– alberga a serra e a forxa. Finalmente, unha terceira dependencia foi engadida posteriormente no espazo definido polas dúas anteriores, sobre o cubo do muíño.

Atravesando a fachada noroeste, esténdese dende a zona do serradoiro e cara ó exterior, os carrís polos que unha vagoneta conducía até a mesma serra os troncos descargados no peirao externo de carga e descarga.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo dos caudais do río.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada ós recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.

O elemento ou conversor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar ó eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ó non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de conversores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ó asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade cun rendemento próximo ao 95%.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ó longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ó 60%.

A continua experimentación coas formas e posición de paletas e arcaduces ten a súa culminación na roda deseñada por Jean Victor Poncelet (1820), na que o chorro de auga a presión impulsa unhas paletas curvadas, conseguindo unha grande velocidade de xiro e un rendemento superior ó 70%.

Finalmente, outro enxeñeiro francés, Benoît Fourneyron, desenvolvía en 1827 unha roda hidráulica horizontal –á que chamou turbina– que recibía a auga verticalmente ó longo do seu eixo, enviándoa mediante unhas guías curvadas cara a outras guías, tamén curvadas, pero en sentido contrario, situadas de xeito anular nun rodete exterior. A reacción da auga sobre as paletas exteriores ó saír do interior do corpo da máquina cara ó exterior, facía virar o rodete a gran velocidade, cun elevado rendemento de conversión, da orde do 80%.

Tras toda esta bagaxe hidráulica aparecerían os modernos deseños básicos que con moi poucos cambios chegaron até hoxe: a turbina de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), a turbina de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1889) e a turbina de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento moi inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

As complexas instalacións da Fábrica do Petirro dispoñen de tres rodicios ou rodas hidráulicas horizontais solidarias cun eixo vertical, amais dunha roda hidráulica vertical que acciona un eixe motriz horizontal e dunha trompa hidráulica que envía aire a presión ao soprador da forxa.

O rodicio máis próximo ao río é o que acciona directamente co seu eixe vertical a moa do muíño situado no tremiñado.

Alimentado dende o mesmo cubo pero situado nun inferno separado do primeiro por un muro, atópase o segundo rodicio. Este rodicio move a coroa dentada que arrastra o engrenaxe cónico do eixe no que se sitúan un volante de inercia e dúas poleas que por medio de correas transmitían a rotación á maquinaria do taller de carpintería (serra de mesa, cepilladora e torno). Unha terceira polea no extremo do eixe arrastraba a dínamo que producía electricidade para a puntual iluminación do local.

O terceiro rodicio acciona coa coroa dentada na que remata o seu eixo vertical, un engrenaxe solidario co eixo de arrastre da serra. A impulsión deste rodicio é tan singular como complexa na súa concepción e construción, xa que a auga que chega do cubo común pola súa canle distribúese por dous canos arredor da parede do inferno, e actúa sobre as penas do rodicio saíndo por oito biqueiras dispostas na súa periferia.

A roda hidráulica vertical fórmase con dúas coroas circulares de madeira paralelas entre si e suxeitas ao eixo por catro brazos radiais. Entre ámbalas dúas coroas distribúense regularmente as vinte penas metálicas sobre as que actúa a auga que circula pola canle no que a roda se inserta. O eixo dispón dun engrenaxe (a catarina) que arrastra o piñón disposto no eixo secundario no que dispóñense as poleas para o accionamento por cadansúa correa da serra de banco e do machuco da fragua.

A trompa de auga e un sinxelo dispositivo cuxa función é a de enviar aire a grande velocidade ao soprador do fogón da fragua. Consiste nun funil metálico que conduce, acelera e verte a auga do cubo nun cano de maior sección arrastrando ao aire introducido (efecto Venturi) ata a “caixa dos ventos”, onde a auga é devolta ó río e o aire que resultou comprimido é expulsado a gran velocidade por un cano superior que o conduce até o fogón da fragua para avivar o lume e subir a temperatura de traballo.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Traballaban decote don Manuel Márquez Rozados e o seu fillo Francisco.

Materias Primas:

Cereais para o muíño, madeira para a serra e a carpintería, carbón e ferro para a forxa.

Produtos Elaborados:

Fariñas, táboas, pezas de madeira, mangos de ferramentas, ferramentas e apeiros agrícolas de ferro.

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Aguirre Sorondo, A., 1988, Tratado de molinología: Los molinos de Guipúzcoa, Fundación José Miguel de Barandiarán, San Sebastián: Sociedad de Estudios Vascos. ISBN 84-86240-66-2.

Bas López, B., 1997, “Recursos y técnicas en los molinos de Galicia. Una síntesis de las tipologías”, Primeras Jornadas Nacionales sobre Molinología, Fundación Juanelo Turriano, Seminario de Sargadelos y Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 22 al 25 de noviembre de 1995, Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 75, Ediciós do Castro, Sada, Coruña, p. 725-734. ISBN 84-7492-862-1.

Basalla, G., 1991, La evolución de la tecnología, Barcelona: Crítica. ISBN 84-7423-481-6.

Bloch, M., 1935, “Avènement et Conquêtes du Moulin à Eau”, Annales d’Histoire Économique et Sociale, 36.

Cardwell, D., 1996, Historia de la tecnología, Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-2062-847-6.

Carmona Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Barcelona: Ariel, p. 23-48. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Caro Baroja, J., 1983. Tecnología popular española. Madrid: Editora Nacional.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Madrid: Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). ISBN 84-86850-64-9.

Casanelles Rahola, E., 1998. “Recuperación y uso del patrimonio industrial”, Ábaco: Revista de cultura y ciencias sociales, núm. 19, 1998, Ejemplar dedicado a: Arqueología industrial. Testimonios de la memoria, p. 11-18. ISSN 0213-6252.

Euromills, 2000. Transnational Cooperation Project for the study, safeguard and valorization of the European Mills [en línea]. Disponible en Internet: http://www.euromills.net [Último acceso 19 de abril del 2008].

Fernández Lavandera, E.; Fernández Rodríguez, C.M., 1998. Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. ISBN 84-89908-29-X.

Fernández Negral, J., 1991, Forxas hidráulicas, mazos ou machucos no norte galego. Arquitectura, síntese histórica, e análise do artilugio mecánico, Cadernos do seminario de Sargadelos, Ediciós do Castro, O Castro, Sada, Coruña. ISBN 84-7492-533-9.

Fernández Negral, J., 1997. “Historia y arquitectura de los molinos en un municipio costero: Cedeira (Coruña)”, Primeras Jornadas Nacionales sobre Molinología. Organizadas por la Fundación Juanelo Turriano en colaboración con el Seminario de Sargadelos y el Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 22 al 25 de noviembre de 1995, Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 75, Ediciós do Castro, Sada, Coruña, p. 697-712. ISBN 84-7492-862-1.

Flores, C., 1986. “El carácter de la arquitectura popular. Tal como éramos”, Guía de la arquitectura popular en España. Revista del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo, nº 334, julio-agosto 1986, p.6-16. ISSN 0212-7148.

González Tascón, I., 1987, Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros, Madrid. ISBN 84-7790-147-3.

González Tascón, I., 1997, “Ingenios hidráulicos al servicio de la industria”, Primeras Jornadas Nacionales sobre Molinología, Organizadas por la Fundación Juanelo Turriano en colaboración con el Seminario de Sargadelos y el Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 22 al 25 de noviembre de 1995, Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 75, Ediciós do Castro, Sada, Coruña, p. 805-816. ISBN 84-7492-862-1.

González Tascón, I., 2008, “La difusión medieval del molino hidráulico”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, Madrid, p. 99-117. ISBN 978-84-7790-470-0.

Holl, P.; Treiber, E., 1929: Turbinas hidráulicas. Trad. por Isabelino Lana Sarrate de la 2ª ed. alemana, Manuales técnicos Labor, Barcelona: Editorial Labor.

Lara Coira, M., 1990, Las energías renovables y Galicia, Gestión Energética de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Gestión Energética de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-604-0101-4.

Llano Cabado, P. de, 1983. Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas. Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. ISBN 84-85665-08-2.

Llano Cabado, P. de, 2006. Arquitectura popular en Galicia. Razón y construcción. Fundación Caixa Galicia, Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-9782-463-6.

López García, R., 2006. Molinos hidráulicos. Apuntes de historia y tecnología. Alcalá la Real (Jaén): Alcalá Grupo Editorial. ISBN 978-84-85539-86-4.

Lorenzo Fernández, X., 1983. Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, A.R., 2006, Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology, Brill, Leiden, The Nederlands. ISBN 987-90-04-14649-5.

Manual del Ingeniero, 1942, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Gustavo Gili, Barcelona.

Márquez Taín, F., 2012. “A fábrica do Petirro, 1920-2012 (Forcarei, Pontevedra)”, Octavo Congreso Internacional de Molinología. Asociación para la Conservación y Estudio de los Molinos (ACEM). Tui (Pontevedra), 28, 29 y 30 de abril del 2012. [en línea]. Disponible en Internet: http://www.depontevedra.es [Último acceso 3 de agosto del 2012].

Minicentrales hidroeléctricas, 1989. Gestión Energética de Galicia, S.A. (GESTENGA). Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela.

Morís Menéndez-Valdés, G., 2008, Ingenios hidráulicos históricos: molinos, batanes y ferrerías, Universidad de Oviedo, Gijón. ISBN 978-84-606-3057-9.

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Granada-Madrid: J.M. Reyes-Fundación Juanelo Turriano. ISBN 84-89685-46-0.

Río Barja, F.J.; Rodríguez Lestegás, F., 1992: Os ríos galegos, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. DL C-1426-1992. ISBN 84-87172-76-8.

Vitrubio (Marco Lucio Vitrubio Polion), 1970, Los diez libros de arquitectura, trad. del latín, prólogo y notas de Agustín Blánquez, Iberia, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000:
Folla 153-IV Soutelo de Montes // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 554.784,53 m / Y 4.713.281,85 m

Data de Actualización:

4 ago. 2012 / 23 ago. 2012