209 Fornos de Lousada (Sasdónigas)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Abadín
  • Parroquia: San Martiño de Galgao
  • Lugar: Galgao
  • Paraxe: Meruxeiras
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.38243098480157
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.418045997619629
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 628.319,38 m / Y 4.804.583,30 m
  • Clasificación: Fabricación de cal.
  • CNAE: 23.52 Fabricación de cal e xeso.
  • Tipoloxía: Caleira continua.
  • Comarca: Na estrema norte da Terra Cha, lindando xa coa Mariña Central.
  • Marco Xeográfico: Fondal de Galgao, nas abas occidentais da Serra de San Martiño.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: Dende Lugo colleremos a estrada nacional N-634 en dirección Mondoñedo. Pasado Abadín apartaremos no lugar da Xesta pola carreteira que baixa á dereita cara a Galgao e Cadavedo. En Galgao miraremos polo Camiño de Santiago, baixando pola esquerda cara a Lousada, e atoparemos na beira do rego da Brea ou da Carballa –que vai chamarse máis adiante río Valiñadares– o forno de cal.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Sí, exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Despois de quizais un millón de anos de asimilación do lume como axente externo e como idea, hai uns trinta mil ou corenta mil anos que os humanos comezaban coa domesticación daquela fonte de luz e calor. E entre a queimadura sufrida polo contacto cunha arbore abatida polo raio e o traslado dun cacho de madeira ardendo ó interior da cova puideran transcorrer cen mil anos.

A calor está presente na base de numerosos procesos de transformación da materia, dende a preparación dos alimentos ata a fabricación dos máis sofisticados materiais cerámicos. Deixou anotado Plinio O Vello na súa Historia Natural: “O lume toma a area e devólvenos xa vidro, xa prata…Polo lume derrétense as pedras e fanse bronce; polo lume faise o ferro… Co lume calcinase esa pedra que forma o cemento que sostén as casas por riba das nosas cabezas… Hai varias cousas ás que é conveniente expor máis dunha vez á acción do lume. O mesmo material orixinal é unha cousa despois da primeira exposición, outra despois da segunda…”

O forno configúrase así como a ferramenta básica que controla o lume e na que se xera a calor necesaria para que teñan lugar as transformacións da materia, e foron multitude os diferentes tipos de fornos que os humanos construíron para darlle resposta ás súas diferentes necesidades de transformación da materia, dende os fornos para coce-lo pan ós fornos de fusión e tratamento de materiais, pasando por suposto polos fornos de calcinación de minerais siderúrxicos e polos fornos de elaboración do cal.

Quentarse, mellorar o confort e espantar ós animais puido ser o primeiro paso na manipulación do lume. Viría despois a preparación dos alimentos, coa necesaria aparición do instrumento ou recipiente que facilita a acción do calor e é contedor moitas veces imprescindíbel. O fogar, un sinxelo círculo protexido por pedras, foi a primeira estrutura elemental na domesticación do lume.

Todo comeza a primeira vez que obsérvase con valor de pregunta o residuo que queda no lume dos seus fogares, fose barro endurecido, po branco ou nódulos metálicos: o humano primitivo comeza aquí unha busca que inda non rematou pero que foi deixando respostas e significados. O barro endurecido pola acción da calor daría paso á cerámica; o po branco levaría á preparación do cal e o xeso; e as brillantes gotas de metal fundido solidificadas en nódulos metálicos serían o comezo da metalurxia.

Atopáranse restos dun forno de cal sumerio do 2.500 a.C., e téñense recollidas noticias do antiquísimo uso da cal (carbonato de calcio) e do xeso (sulfato de calcio), primeiro para o uso simbólico e decorativo daquel po branco, despois, xa en Babilonia (1.800 a.C.) como base para a realización de frescos e revocado de paredes. Fálase tamén do uso polos asirios dun cemento ou aglomerante feito de cal, area e calcaria triturada. Os exipcios empregaron o xeso finamente moído como estuco para decoración e como escaiola para unir bloques na pirámide de Keops (2.570 a.C.). Na Anatolia e na India coñecíase asemade o cal na decoración e na construción. 

O cal –e o xeso– está presente en tódalas culturas dende os tempos máis remotos, e foran os romanos os que difundirían o coñecemento da argamasa, un morteiro elaborado con cal aérea, cal graxa, area e auga coñecido cando menos dende o século IV a.C. (opus caementicium) e amplamente empregado en todo tipo de obras nos dous séculos derradeiros da república, o II e o I a.C.

O consumo de cal na Idade Media faise abundantísimo, tanto que nalgúns casos mesmo denunciase a contaminación nas vilas. No 1234 os homes libres de Newcastle foron autorizados para sacar “carbón de mar” (carbón mineral, pedra que se queima en razón do seu contido en xofre e materias graxas) que comeza daquela a empregarse nas caleiras en razón da escaseza de leña. No século XV fálase de certa clase de terra que arde como o carbón de leña.

En Galicia os peregrinos transportaban pedra calcaria de Triacastela ata os fornos de Castañeda (Figueiroa, Arzúa, Coruña), onde se fabricaba o cal para a construción da catedral santiaguesa.

Os primeiros fornos de cal serían moi semellantes ás carboeiras, construídos o ar amoreando pedra calcaria e combustible e cubrindo ben o conxunto con arxila para mante-la calor e impedir a entrada de aire.

A técnica da domesticación do lume correría parella coas diferentes tentativas que se foron desenvolvendo na construción de diversos tipos de fornos quer para a elaboración de cerámica, quer para a fabricación de cal ou a metalurxia dos diversos metais, perfeccionando en cada caso os deseños básicos de cada un deles para acadar a optimización dos procesos, tanto no que atinxe á calidade do produto final como no que respecta ó consumo de combustibles.

No canto do cal e das caleiras, os primitivos fornos de calcinación artesanal da pedra calcaria a partires do rudimentario braseiro no chan, foron desenvolvendo grandes estruturas cilíndricas verticais habitualmente escavadas aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria, estruturas nas que se colocaban coidadosamente as pedras calcarias mesturadas coa leña formando internamente unha cúpula a xeito de falsa bóveda baixo a cal se prendía o lume que ía calcinar as pedras para convertelas en cal.

Estes fornos descontinuos, que pasarían do emprego da cada vez máis escasa leña á utilización do máis eficaz carbón de leña, primeiro, e á do carbón mineral, despois, evolucionarían cara ós fornos continuos, de meirande produtividade e menor consumo enerxético.

Na Guía de Galicia de Don Ramón Otero Pedrayo (p. 172), atopamos a primeira referencia as canteiras de mármore de Sasdónigas: “en el fondo del valle, en la vertical de Sasdónigas, junto a la pista que lleva a Cadavedo, al pasar la cañada de Carballa, se puede ver el grupo de rocas que alimentaba de caliza a un horno comunal, el horno de la Carballa; no lejos de la cantera que llaman Galgao se encuentra otro horno que era de los vecinos del lugar”.

Xunto ao río da Brea ou da Carballa (que vai chamarse Valiñadares máis adiante), no lugar de Meruxeiras levántase un belo forno (en realidade son dous) propiedade da familia Rego de Mondoñedo. Formou parte dun proxecto ambicioso, integrado na fábrica de mármore gris azulado que co nome de "A Competidora Universal" don Germán Rego González explotaba en Lousada (parroquia de Sasdónigas do concello de Mondoñedo) e estaba destinado a fornecer cal aos campos de Abadín e Arneu.

Estes impresionantes fornos de calcinación foran construídos a comezos dos anos cincuenta para o aproveitamento dos numerosos bloques de pedra extraídos da canteira que non eran válidos para serrar na fábrica de mármore. Antes de comezar coas obras de construción dos fornos, Bernardino González García "O Chapurro" e Ramiro González García "O Penasco", veciños de Mondoñedo, visitaron uns fornos continuos construídos no Barco de Valdeorras (Ourense).

A construción dos fornos de Lousada correra a cargo da afamada cuadrilla de canteiros de Aveledo (Abadín) coñecidos como "Os Braulos", e, malia ser dez os operarios que alí traballaron, demorárase bastante polo accidentado do lugar e por tratarse dunha obra complexa e de gran envergadura.

Pese ao esmero posto na construción, estes fornos non tiveron nin moito éxito, nin longa vida; de feito, un dos fornos (o da esquerda mirando dende o camiño) non chegou a funcionar, e o outro apenas traballaría unha decena de anos.

A mestura da pedra branca (moi dura) coa de cor rosa (dura) e coa de cor azulado (branda) daba un produto dunha tonalidade escura, pouco manexable e que non reunía as mellores condicións para o encalado das paredes e muros.

A produción destes fornos era consumida polos veciños das parroquias máis próximas para branqueo de fachadas, na construción de muros, como desinfectante das cortes do gando ou como complemento nas terras de labor. Gran cantidade de cal destes fornos utilizárase na construción dos novos pavillóns do Seminario Santa Catalina de Mondoñedo e na Colonia do Arneiro.

Hoxe, as canteiras, a maquinaria, as oficinas, o taller, e os fornos están completamente abandonados, comezando a desfacerse no chan e sendo invadidos pola abundante vexetación.

Descrición Xeral do Entorno:

O forno de cal sitúanse na marxe do Camiño de Santiago no seu trazado polos termos municipais de Mondoñedo e Abadín, entre as aldeas de Lousada (Sasdónigas, Mondoñedo) e Galgao (Galgao, Abadín), na marxe dereita do rego da Brea (brea é aquí a vereda por excelencia: o camiño do norte a Santiago de Compostela) ou da Carballa, que vai chamarse máis adiante río Valiñadares.

Construcción:

Comezos da década de 1950.

Abandono:

Xa non debía de traballar na década de 1960.

Descrición:

As instalacións de fabricación de cal de Lousada teñen catro unidades perfectamente diferenciadas. Na parte superior da edificación, a plataforma de carga; debaixo, o corpo ou estrutura soporte de dous belos fornos de botella; e na parte inferior, as galerías de descarga. Ao seu carón, as oficinas, o taller, e os almacéns de carbón e cal.

Os fornos son de esmerada execución, interiormente recubertos de ladrillo refractario para protexer o resto da estrutura dos efectos da calor.

A pedra para as coccións era transportada desde a canteira en vagonetas metálicas que circulaban sobre carrís, desprazándose por riba dunha ponte construída con grandes cachotes de pedra para poder salvar un apreciable desnivel.

Na boca de descarga, unhas reixas sostiñan a carga do forno e facilitaban a evacuación do cal producido. A extracción facíase pola parte inferior do forno, coa axuda dunha manivela que facía virar unhas pezas metálicas dentadas que arrastraban as pedras calcinadas.

Tempo de uso:

As caleiras primitivas traballaban nos meses de menos chuvias, entre xuño e outubro. O deseño dos fornos continuos, coas bocas de carga protexidas, habían de permitir traballar a meirande parte do ano.

Sistema de produción:

Na primitiva explotación a pedra calcaria (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca) arrancábase na canteira e levábase a cocer en braseiros elementais preparados no chan ou nos fornos (as caleiras) dispostos con tal propósito a carón das canteiras.

A caleira, unha estrutura cilíndrica normalmente de uns catro ou cinco metros de altura e uns tres metros de diámetro interior no pe, era escavada na terra aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria. Na base, no seu fronte tiña unha abertura ou porta, a boqueira, franqueada por uns saíntes de pedra a xeito de contrafortes a cadanseu lado, os brazos, e no interior un zócalo, a zapata, todo en derredor da parede interior e cun metro de altura sobre o chan.

As calcarias ou pedras de cal íanse pondo en fiadas encol da zapata e ó chegar a certo alto as fiadas ían estreitándose formando unha falsa bóveda que enchíase de calcaria por riba ata chegar á mesma cheminea do forno. Baixo a bóveda metíase despois a leña de toxo que se tiña preparada e púñaselle lume que cumpría manter prendido cerca de tres días, ata calcinar as pedras para convertelas en cal. Segundo Xaquín Lorenzo cada fornada viña consumindo uns cincuenta carros de toxo.

Se co forno ardendo ameazase chuvia tiñan que tapalo ben con xestas por riba, pois de chegar a auga ó cal que se ía formando no interior poderíase fende-lo forno e quedar inutilizado pola forte dilatación que sofre o cal vivo (óxido de calcio, CaO) ó reaccionar coa achega e incorporación da auga para dar cal apagado ou cal morto (hidróxido de calcio, Ca(OH)2 ). Con posterioridade, o cal apagado vai reaccionando co anhídrido carbónico do aire (CO2) para cristalizar a xeito de carbonato cálcico (CO3Ca).

Rematado o proceso deixábase enfréa-lo forno e tirábase o cal con pás botándoa en cestos para vendelo ós que alí ían a procurala ou para levala á venda ó seu destino final. O forno podía ser propio, mailo corrente, como se facía cos de cerámica, é que se alugase para preparar a fornada.

O forno continuo de Lousada alimentábase de dúas canteiras, a primeira delas situada á dereita do camiño que leva a Cadavedo, e comunicábase directamente co forno. Cando o traballo nesta canteira fíxose difícil, comezaron a explotar outra situada á esquerda, polo que se fixo necesario salvar a valgada existente. Para mellor comunicar a canteira co forno construíse unha ponte de dous arcos a modo de acueduto, polo que pasaban sobre carrís as vagonetas que levaban o mineral á boca do forno.

A pedra amoreábase nunha explanada onde os homes procedían a picala. Xa convenientemente preparada, cargábase no forno en capas sucesivas de calcaria e de carbón mineral, co espesor das capas de combustible en razón inversa da súa proximidade ao fogar e as pedras máis grosas ocupando as partes máis elevadas, nas que vai estar máis tempo sufrindo e aproveitando a calor desprendida das capas inferiores.

A operación de carga tiña unha importancia decisiva, xa que había que atopar a proporción xusta de mineral e de combustible. Ademais, a súa granulometría vai ser determinante para que se establezan as correntes de aire que necesita a combustión.

Entre as diferentes capas tiña que haber algúns claros polos que o lume puidera comunicarse, para o que colocábanse achas de leña en sentido vertical, que ao queimarse poñían en comunicación as sucesivas capas. O orificio superior da carga tiña que estar ben ao abrigo do aire.

Cando o forno estaba cargado con tres capas de pedra, co carbón intercalado, dábase lume pola parte inferior, e continuábase cargando dende o momento en que se sabía que o lume xa prendera nas capas inferiores. Deste xeito evitábase ter que descargalo si non ardía ben.

A calcinación facíase de forma progresiva, primeiro cocíanse as capas inferiores á vez que se caldeaban as superiores. Cando estaban cocidas as primeiras, procedíase á súa extracción, co que baixaba a carga do forno, momento que aproveitábase para volver a encher o forno pola boca.

As relacións de espesor entre as capas podía variar en proporción de catro partes de pedra por unha de combustible, aínda que dependía principalmente da dureza da pedra coa que se fixera a carga.

Sabíase que a calcinación estaba rematada pola gran diminución na altura que se notaba no interior do forno, o que adoitaba ter lugar cando o lume chegaba a uns tres cuartos da altura. O proceso de calcinación precisaba polo menos tres días de traballo continuado.

A extracción do cal polas galerías de descarga non era doada, xa que debíase facer ben a modo, sen descompensar as pedras superiores, o que provocaría a baixada de pedras aínda non calcinadas.

Ao dispoñer dunha gran capacidade de carga, as producións alcanzaban un gran volume, e a cocción resultante aparecía en forma de pedras calcinadas, ás cales botábaselle auga para abrilas e desfacelas. Ao ser unha tarefa manual, os operarios sufrían graves problemas coas elevadas temperaturas e co po que desprendían as pedras cocidas, polo que resistían pouco tempo neste duro posto de traballo.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Pedra calcaria, “mármol” (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca).

Produtos Elaborados:

Cal vivo (óxido de calcio, CaO).

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Bauer, G. (Georgius Agricola), 1556. De re metallica. Fasimil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Último acceso 7 de abril del 2011].

Fernández Negral, J., 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

García Doural, A., 2012. “Los hornos de cal de Lousada (Sasdónigas)”, Miscelánea mindoniense. [en línea]. Dispoñible na Internet: http://www.blogoteca.com/doural/ [Último acceso 20 de agosto del 2012].

Lara Coira, M., 2010: “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Caleiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 530-531.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Caleiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 95-97. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Manual del Ingeniero, 1942, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Gustavo Gili, Barcelona.

Meijide Pardo, A., 1996, “Descubrimiento y explotación de las calizas de Moeche por el mineralogista alemán J.A. Pensel (1806-1818)”, Anuario Brigantino, nº 19, p. 171-184, Betanzos. ISSN 1130-7625.

La minería de Galicia, 1991, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Olabarrieta, B., 2007. “Materiales y métodos constructivos: del hormigón a la bóveda”, Ingeniería romana en España, Revista del Ministerio de Fomento, nº 564, julio-agosto 2007, p. 6-19. ISSN 1577-4589.

Schulz, G., 1835, Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada (Coruña): Ediciós do Castro.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 24-III Abadín // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 / X 628.319,38 m / Y 4.804.583,30 m

Data de Actualización:

25 ago. 2012