215 Muíño do Burrelo

Galería de Fotos

VerVerVerVerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: Allariz
  • Parroquia: San Estevo de Allariz
  • Lugar: Allariz
  • Paraxe: Ponte de San Isidro
  • Dirección: Parque Portovello, s/n, 32660 Allariz (Ourense)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.18843118248247
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.804238498210907
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 598.862,01 m / Y 4.671.605,76 m
  • Clasificación: Muíño de río.
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Tradicional dos muíños de río.
  • Comarca: Allariz.
  • Marco Xeográfico: Allariz.
  • Ámbito: Urbano.
  • Acceso: Dende Ourense, colleremos a Autovía das Rías Baixas A-52 Verín-Benavente-Madrid e despois de uns dezaoito quilómetros, apartaremos na saída 211 para coller a estrada nacional N-525 cara a Allariz. Seis quilómetros mais adiante, unha vez en Allariz, buscaremos o Parque Portovello, na marxe esquerda do río Arnoia e moi cerquiña da ponte de San Isidro, da carreteira vella Ourense-Celanova, atoparemos uns trescentos metros augas abaixo do Muíño do Burato, o Muíño do Burrelo, recuperado e hoxe en día empregado como local hostaleiro co nome de Restaurante Acea da Costa.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Si, interior e exteriormente.

Xestión de visitas:

No horario de atención ao público, tel. 988 442 288. Consultas na Oficina de Turismo de Allariz, tel. 988 442 008.

Historia:

O aproveitamento da enerxía dos cursos de auga agáchase no principio dos tempos históricos. Primeiro como vía de comunicación a favor da corrente, aproveitando o natural discorrer das augas para o traslado e transporte de persoas e mercadorías varias. Xa nunha fase posterior do coñecemento técnico, para facer virar unha roda con fins diversos: elevación de auga para rega e abastecemento (noras); transmisión do xiro para moenda (aceas e rodicios); conversión do xiro en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras).

En moito tempo a enerxía hidráulica foi a única fonte para obtención de enerxía mecánica. Nas ribeiras dos ríos, necesitadas de enerxía para o accionamento das súas primitivas ferramentas, asentáronse as primeiras mostras da industria: muíños de cereal, forxas, teares, serras, muíños papeleiros…. O desenvolvemento da máquina de vapor liberou ás instalacións industriais do condicionamento espacial que supuñan os aproveitamentos hidráulicos, e o carbón, que substituiría á leña como fonte calorífica, tamén desprazou á enerxía hidráulica como fonte principal de recursos enerxéticos mecánicos.

Con todo, na derradeira década do século XIX a enerxía hidráulica habería ter un espléndido rexurdir vinculada a unha forma de enerxía que coñecería a maior difusión en todo o mundo: a electricidade.

No caso de Galicia, “o país dos mil ríos”, a enerxía hidráulica vai ser o motor fundamental da primeira industrialización (xa contra 1775 dátanse os primeiros aproveitamentos hidráulicos da Ilustración no río Xuvia, na ría de Ferrol).

Como ocorrería na meirande parte das cuncas fluviais galegas, a do río Arnoia non vai ser unha excepción na construción de instalacións para o aproveitamento da enerxía das augas, nomeadamente muíños fariñeiros.

Na vila de Allariz, marcada dende a súa orixe por unha importante actividade artesanal, xa se documenta mediado o século XVIII a existencia de seis muíños. Un século máis adiante, o dicionario de Madoz (1846) fai referencia á existencia na vila de oito muíños, pero sen dar deles máis detalle.

A chegada da electricidade ás vilas e aldeas galegas, que comezara en 1883 en Ferrol e iría espallándose e xeneralizándose polo país nas décadas de 1920 e 1930, suporía o comezo do final das vellas instalacións hidráulicas, pois os muíños irían esmorecendo coa competencia dos novos muíños eléctricos.

No foi excepción o muíño do Burrelo, que fora quedando en desuso ata chegar á parálise total, o que vai supor a ruína funcional e o comezo da ruína estrutural da edificación e das súas instalacións.

Acollido ao programa promovido polo Concello de Allariz na década de 1990, de rehabilitación de diversas instalacións existentes no municipio baixo os criterios de respectar e conservar os valores etnográficos,construtivos e ambientais das edificacións e do seu contorno, introducindo novos valores compatibles que permitan o seu uso como estancias habitables ou didácticas, o muíño do Burrelo foi rehabilitado e respectuosamente transformado en restaurante, co nome de Acea da Costa.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño sitúase na marxe esquerda do río Arnoia, uns trescentos metros augas abaixo do muíño do Burato.

Construcción:

Posibelmente na segunda metade do século XVIII.

Abandono:

Aló pola década de 1960.

Descrición:

A presa construída no río Arnoia está conformada por cachotes e pezas de pedra colocadas a chapacuña, formando un paramento lixeiramente convexo augas arriba que eleva o nivel do río para conducir as augas cara ao muíño polo seu estribo esquerdo.

O edificio está asentado na marxe do río, en dirección nordeste-suroeste, e ten un deseño de planta rectangular paralela ao río de 7 x 10 m, cunha curiosa prolongación da planta en triángulo rectángulo no esquinal nordés, con uns 4 m de lonxitude nos catetos, o que lle da ao edificio un total de uns 13 metros de lonxitude máxima na súa fachada principal.

O edificio ten uns 4’5 m de altura sobre o terreo, con numerosos ocos abertos na envolvente vertical, o que lle confire unha singular luminosidade, aínda que daquela os ocos superiores foran inaccesibles pola súa altura sobre o chan.

A fachada principal está construída con dúas tipoloxías, unha de cachotería de gran tamaño na parte dereita, de un ancho de oito metros e ata uns tres metros de altura, que se completa con perpiaño a óso no resto da fachada. A parede nordés está tamén construída con cachotería grande, namentres que a do suroeste é de perpiaño.

A cuberta está resolta a tres augas, cunha armadura de madeira recuberta de tella curva do país. Na metade meridional do cumio da cuberta destaca o peculiar sistema de ventilación, o respiradoiro, coñecido tan so en catro muíños desta comarca e cuxa función viña sendo crear correntes ascendentes de aire para arrastrar as partículas máis finas da fariña liberadas no tremiñado do muíño. Como o tellado no que se apoia, está conformado por unha estrutura de madeira cuberta por tella curva do país, neste caso a catro augas.

Inda que en orixe o muíño contaba tan so cunha planta térrea amais do inferno, a rehabilitación doulle á construción unha segunda planta, empregándose a baixa como restaurante e a superior como sa de exposicións. A planta inferior –o inferno– da paso ás augas por un pozo ou canle paralelo ao curso do río, que contiña o rodicio que accionaba as moas do muíño. Este rodicio era de turbina, do mesmo tipo que o instalado no Muíño do Burato.

O tremiñado de madeira que acollía as dúas moas está elevada sobre a planta térrea de acceso. O esquinal triangular empregábase como cuarto das tullas, e acolle hoxe en día a cociña e os servizos hixiénicos do local.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo dos caudais que levara o río.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada ós recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.810 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.810 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.
O elemento ou conversor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar ó eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ó non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de conversores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ó asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ó longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ó 60%.

Supoñemos que as instalacións do Muíño do Burrelo tiñan un so rodicio ou roda hidráulica horizontal, do tipo de dorna ou caldeira, solidario cun eixo vertical que arrastraría unha coroa dentada de accionamento do piñón de arrastre do eixo horizontal, que movería os dous piñóns que accionaban cadansúa moa dos respectivos muíños.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Un só muiñeiro bástase para sacar adiante o traballo.

Materias Primas:

Maínzo, principalmente. Ocasionalmente, trigo e centeo.

Produtos Elaborados:

Fariñas, principalmente de mainzo, e, ocasionalmente, de trigo e de centeo.

Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Aguirre Sorondo, A., 1988, Tratado de molinología: Los molinos de Guipúzcoa, Fundación José Miguel de Barandiarán, San Sebastián: Sociedad de Estudios Vascos. ISBN 84-86240-66-2.

Bas López, B., 1997, “Recursos y técnicas en los molinos de Galicia. Una síntesis de las tipologías”, Primeras Jornadas Nacionales sobre Molinología, Fundación Juanelo Turriano, Seminario de Sargadelos y Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 22 al 25 de noviembre de 1995, Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 75, Sada (Coruña): Ediciós do Castro, p. 725-734. ISBN 84-7492-862-1.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Madrid: Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). ISBN 84-86850-64-9.

Cid Rumbao, A., 1984, Historia de Allariz, villa y corte románica. Orense: Diputación Provincial. ISBN 84-24199-68-5.

Conde Pérez, O., 2001, A construcción de carácter industrial na cunca do río Arnoia. Proxecto Fin de Carreira, Titor: Manuel Caamaño Suárez, Primer Premio Galicia 2001, Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña, A Coruña.

Euromills, 2000. Transnational Cooperation Project for the study, safeguard and valorization of the European Mills [en línea]. Disponible en Internet: http://www.euromills.net [Último acceso 19 de abril del 2008].

Fernández Lavandera, E.; Fernández Rodríguez, C.M., 1998. Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. ISBN 84-89908-29-X.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Madrid: Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros. ISBN 84-7790-147-3.

González Tascón, I., 2008, “La difusión medieval del molino hidráulico”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 99-117. ISBN 978-84-7790-470-0.

Lara Coira, M., 1990, Las energías renovables y Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. ISBN 84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. ISBN 84-604-0101-4.

Llano Cabado, P. de, 1983. Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas. Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. ISBN 84-85665-08-2.

López García, R., 2006. Molinos hidráulicos. Apuntes de historia y tecnología. Alcalá la Real (Jaén): Alcalá Grupo Editorial. ISBN 978-84-85539-86-4.

Lorenzo Fernández, X., 1983. Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, A.R., 2006, Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology, Brill, Leiden, The Nederlands. ISBN 987-90-04-14649-5.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Martínez Risco, V, 1928. “Provincia de Orense”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Morís Menéndez-Valdés, G., 2008, Ingenios hidráulicos históricos: molinos, batanes y ferrerías, Gijón: Universidad de Oviedo. ISBN 978-84-606-3057-9.

Puga Brau, X., 2003, Allariz. Recupera-lo pasado para proxecta-lo futuro. Luis Miguel Nogueiras Mascareñas (coord.), Ourense: Deputación Provincial. DL OU-134-2003. ISBN 84-96011-49-6.

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Granada-Madrid: J.M. Reyes-Fundación Juanelo Turriano. ISBN 84-89685-46-0.

Río Barja, F.J.; Rodríguez Lestegás, F., 1992: Os ríos galegos, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. DL C-1426-1992. ISBN 84-87172-76-8.

Vitrubio (Marco Lucio Vitrubio Polion), 1970, Los diez libros de arquitectura, trad. del latín, prólogo y notas de Agustín Blánquez, Barcelona: Iberia.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 226-III Allariz // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 598.862,01 m / Y 4.671.605,76 m

Data de Actualización:

30 set. 2012