216 A Casqueira

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: Allariz
  • Parroquia: Santa María de Requeixo de Valverde
  • Lugar: Vilaboa de Allariz
  • Paraxe: Vilaboa
  • Dirección: Praza Maior, s/n, 32667 Vilaboa, Allariz (Ourense).
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.18984417717103
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.778792381286621
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 600.943,30 m / Y 4.671.795,55 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos.
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en pías (noques).
  • Comarca: Allariz.
  • Marco Xeográfico: Allariz.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: Dende Ourense, colleremos a Autovía das Rías Baixas A-52 Verín-Benavente-Madrid e despois de uns dezaoito quilómetros, apartaremos na saída 211 para coller a estrada nacional N-525 cara a Allariz. Seis quilómetros mais adiante, unha vez en Allariz, buscaremos a saída da vila pola carreteira a Xunqueira de Ambía. A uns dous quilómetros de Allariz atoparemos a vila de Vilaboa, na que buscaremos a Casa Rural Vilaboa, que fora parte das fábricas de curtidos coñecidas como A Casqueira, e que, respectuosamente recuperada, ofrece hoxe en día servizos de aloxamento e restauración.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Si, tanto exterior coma interiormente.

Xestión de visitas:

O local hostaleiro, no horario de atención ao público (tel. 988 442 424, e-mail casaruralvilaboa@gmail.com, web www.casaruralvilaboa.com). Consultas na Oficina de Turismo de Allariz, tel. 988 442 008.

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos pilos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en pilos prestados ou en pilos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento no tránsito do século XVIII ó XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ó mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente ás modernas tinarías.

Nas Respostas ao Interrogatorio do Catastro de Ensenada (1751), Allariz preséntase como unha vila proto-industrial con unha moi importante poboación artesán, centrada nos coiros (146 veciños) e nos lenzos (64 veciños). A zona na que se concentra a actividade do curtume, na beira do Arnoia, alcúmase na documentación do século XVIII como O Arroleiro, “bajando de la calle de la Cruz para el puente de San Isidro o Zapatería a mano izquierda”.

A referencia máis antiga das primeiras fábricas de curtidos alaricanas atópase nunha escritura notarial do ano 1774, na que se fala do catalán Antonio Venculey “fabricante de cordobanes y becerrillos”. Xa contra 1778 se informaba para o Diccionario Geográfico que preparaba Tomás López da existencia en Allariz “de cuatro fábricas de curtidos sostenidas por particulares”, y en 1800 o Real Consulado Terrestre y Marítimo de La Coruña informaba que existían en Allariz “seis fábricas de curtidos, cuatro de suela y dos de becerrillos; las primeras antiguas y las últimas establecidas habrá unos treinta años”.

Unha vez establecidas as primeiras fábricas, as tradicionais actividades de curtido vanse consolidar en Allariz e a súa redonda (Acea de Meire, A Portela, Vilaboa) todo ao longo do século XIX, comezando o seu decaemento contra 1870, que vai acelerarse co inicio do século XX, ata o abandono do negocio a partires de 1959, coa volta á plena actividade das fábricas cataláns e a irrupción do piso de caucho na zapatería.

Na matrícula da contribución industrial de Allariz do ano 1901, aparecen José Conde Conde, Ricardo Conde Seguín, Juan Fidalgo Conde e Miguel Rumbao Fajalde como contribuíntes de cadansúa as catro fábricas de curtidos entón localizadas en Vilaboa. O conxunto que aquí recollemos é pertencente á familia Conde.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica sitúase en Vilaboa, a carón da carreteira que leva de Allariz a Xunqueira de Ambía, no mesmo centro da vila, na súa Praza Maior, nun altiño situado por riba da valgada da ribeira dereita do rego chamado Corga de Vilaboa.

Construcción:

No século XIX.

Abandono:

Finais da década de 1950. Rehabilitada no ano 2001 como hospedaxe e restaurante.

Descrición:

O conxunto de A Casqueira ven configurado por dúas construcións separadas construídas no amplo espazo existente na parte traseira da vivenda (rehabilitada hoxe en día como Casa Rural) que da á Praza Maior. As dúas construcións desenvólvense cunha planta de dous corpos en ángulo –a xeito de letra ele– que acubilla os píos de lavado e mudanza, amais dos muíños de casca e dependencias auxiliares.

O primeiro corpo da primeira das edificacións ten planta rectangular de 8’5 x 22 m e no seu interior atópanse un total de 52 pías, agrupadas en tres grupos de dezaseis pías de 1 x 1 m cada unha, mais dúas de 1 x 5 m e outras dúas de 1 x 2 m, aproximadamente. O segundo corpo, de planta tamén rectangular, de uns 9 x 27 m de superficie, atópase pegado ao estremo oriental do primeiro, formando un ángulo de uns 135? con el, e no seu interior dispoñía de outras 15 pías, once de 1’5 x 1’5 m, tres de 1’5 x 3 m, e unha de 1’5 x 4’5 m.

A segunda edificación ten un primeiro corpo, tamén rectangular, de 23 m de lonxitude, e un ancho de uns 8 m nos primeiros doce metros e de 9 m no resto, no que acolle 23 píos de diferentes tamaños, coa singularidade de que dous deles dispoñen de cadansúa molineta para acelerar o curtido. Conta tamén cunha zona de afiadoiras ás que pode accederse por un patamal exterior. O segundo corpo, acaroado na estrema oriental do primeiro perpendicularmente a el, é de planta aproximadamente rectangular, con uns 9 x 11 m, e o seu interior acolle o almacén de casca e un muíño eléctrico para ela.

O elemento predominante nos paramentos das edificacións é a cachotería encintada de grandes dimensións, atopándose tamén zonas nas que a cantearía a óso traballada polas dúas caras percorre muros enteiros, especialmente nos espazos que contan cun gran número de ocos.

Todas as cubertas son de tella curva do país a dúas augas, resoltas con cerchas que dispoñen dun apoio central e que van ensambladas a media madeira, formando unha cruceta sobre a que repousa a cumieira.

No interior as plantas son sempre térreas, agás no segundo edificio, na zona do secadoiro e da remata á que se chega polo patamal, onde predomina a madeira e os tabiques rematados en pallabarro.

Trala restauración efectuada no ano 2001, o complexo da Casqueira acolle na vivenda e no primeiro dos edificios fabrís un completo aloxamento hostaleiro co seu restaurante, harmonizando a historia co presente ao aproveitar respectuosamente as posibilidades ofrecidas polo conxunto da edificación.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelicos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ó efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel ós pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón ós pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e voltaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos ós outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun murete circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ó seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ó cromo suplantaría totalmente ó curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.
O curtido ó alume ou curtido en branco segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas.

Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas tenerías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.
Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), cordobáns (cabra), badanas (carneiro ou ovella) e baquetas.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Sen datos, aínda que como referencia vale dicir que a ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Materias Primas:

Coiros, peles e pelicos.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas.

Distribución e comercialización:

Local, rexional e nacional.

Referencias Bibliográficas:

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Carmona Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Barcelona: Ariel, p. 23-48. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, X.; Fernández Vázquez, M.T., 1997: “Historia e actualidade do patrimonio industrial de Galicia: as fábricas de curtidos de Allariz”, Patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal, X.A. Fidalgo e X. Simal (eds.), Ourense: Diputación Provincial, p.63-79.

Carmona Badía, X., y Fernández Vázquez, M.T., 2003, A Compostela industrial: historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago, Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela. D.L. C-269-2003. ISBN 84-930667-2-9.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.
Cid Rumbao, A., 1984, Historia de Allariz, villa y corte románica. Orense: Diputación Provincial. ISBN 84-24199-68-5.

Conde Pérez, O., 2001, A construcción de carácter industrial na cunca do río Arnoia. Proxecto Fin de Carreira, Titor: Manuel Caamaño Suárez, Primer Premio Galicia 2001, Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña, A Coruña.

Córdoba de la Llave, R., 2008, “Industrias del tejido y del cuero”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 225-233. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Negral, J., 2002, Las fábricas de curtidos en la ría de Ferrol, 1783-1956, Cadernos do seminario de Sargadelos, O Castro-Sada (Coruña): Ediciós do Castro. DL C-174-2002. ISBN 84-8485-049-8.

Labrada Romero, J.L., 1804, Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja, Vigo: Galaxia.

Larruga Boneta, E., 1784-1800, Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los reales decretos, órdenes, cédulas, aranceles y ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento, tres series previstas, primera serie de 45 tomos en cuarto, sólo cuatro publicados (Castilla la Vieja, Castilla la Nueva, Extremadura y Galicia), imprenta de Benito Cano, 1787-1800, Madrid.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 550-558.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Curtidores ou coireiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 123-133. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Manual del Ingeniero, 1942, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Gustavo Gili, Barcelona.

Martínez Risco, V, 1928. “Provincia de Orense”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Meijide Pardo, A., 1986, “Las primeras industrias del curtido en Betanzos”, Untia. Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns, núm. 2, Betanzos.

Meijide Pardo, A., 1991, “Aspectos de la vida económica de Betanzos en el siglo XVIII”, Anuario Brigantino, nº 14, p. 51-70, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Meijide Pardo, A., 1998, “Entre 1770 y 1814 se establecen 14 fábricas de curtidos en la comarca ferrolana”, Anuario Brigantino, nº 21, p. 167-182, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Meijide Pardo, A., 2000, “Aportación a la historia económica y social de Pontedeume en la primera mitad del siglo XIX”, Anuario Brigantino, nº 23, p. 239-254, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828, Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Núñez Barros, R., 1994, “A industria do curtido en Pontedeume”, Cátedra. Revista Eumesa de Estudios, núm. 1, Pontedeume, p. 7-18.

Puga Brau, X., 2003, Allariz. Recupera-lo pasado para proxecta-lo futuro. Luis Miguel Nogueiras Mascareñas (coord.), Ourense: Deputación Provincial. DL OU-134-2003. ISBN 84-96011-49-6.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754, 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en línea]. Disponible en Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Último acceso 3 de agosto de 2009].

Seijas Llerena, Daniel, 2005. “Un caso de demografía industrial de principios del siglo XX: las comarcas de Caldas y O Ullán pontevedrés entre los años 1899 y 1921”. Congreso de Historia Económica, Sesión: Demografía Empresarial, Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Viñas y Campi, 1866, El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 226-III Allariz // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 600.943,30 m / Y 4.671.795,55 m

Data de Actualización:

13 outubro 2012