218 Minas de Meirás ou Montefaro

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Valdoviño
  • Parroquia: San Vicenzo de Meirás (que inclúe a antiga de San Martiño de Valdetires)
  • Lugar: Lavacerido
  • Paraxe: A Mina
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.60055207015459
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.198965787887573
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 564.810,97 m / Y 4.828.057,86 m
  • Clasificación: Minería de arsénico.
  • CNAE: 08.91 Extracción de minerais para produtos químicos e fertilizantes (Cuarzo SiO2 con arsenopirita aurífera SAsFe).
  • Tipoloxía: Fendas e galerías.
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Cantís na estrema occidental do areal da Frouxeira.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: Dende Ferrol colleremos a estrada C-646 que leva a Valdoviño. Uns doce quilómetros mais adiante, apartaremos á esquerda cara a Taraza, onde viraremos á esquerda cara a Lavacerido, buscando o mar. O chegarmos ao final da pista, continuaremos a pe, subindo até atopar as pegadas das explotacións mineiras que alí beneficiaron as piritas arsenicais.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público.

Visitable:

Si, exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Galicia, carente de vales fértiles e climas favorables, carente igualmente de ocos que puidesen proporcionar refuxio seguro a grupos en evolución, non foi seguramente unha rexión propicia para os asentamentos de núcleos humanos.

Malia iso, a presión doutros grupos, que sempre chegan de oriente, forza o desprazamento cara a poñente das primitivas poboacións e o seu asentamento nas fisterras continentais. A carencia de abrigos naturais polas condicións xeolóxicas adversas destes territorios é en certa forma compensada pola existencia neles de ouro.

O ouro, un metal brando que como tal non pode contribuír directamente a mellorar as condicións de vida humana, contribúe con todo ao establecemento dun comercio primitivo dos pobos occidentais mediante o troque cos pobos máis adiantados, quen desexan o metal amarelo para o reforzamento das diferenzas sociais e das estruturas de poder nas súas colectividades.

Para a obtención do ouro procedíase á apertura dunha gabia e á desintegración da rocha do xacemento filoniano primario, quentando fortemente as paredes mediante a combustión de madeira no seu interior e provocando un brusco arrefriamento posterior vertendo auga nela, conseguindo así o regaño da pedra, que era fendida e esnaquizada despois golpeándoa con grandes mazas pendulares construídas de materiais máis duros (basaltos). Seguidamente os anacos resultantes machucábanse en morteiros de pedra para a continuación separar as partículas de ouro por decantación mediante auga (bateo), como xa se viña facendo para beneficiar o ouro aluvial dos xacementos secundarios localizados en numerosos ríos da rexión.

A descomposición interna do Imperio Romano supón o remate da súa expansión e o comezo da súa decadencia, mentres os pobos bárbaros ocupan os territorios que Roma abandona. As invasións suevas van ocupando o noroeste peninsular até o río Douro, e no inverno do 459 a penetración dos xermanos é total no territorio galaico-romano. A minería galaica sofre un estancamento que continuará baixo os visigodos e os árabes, e que só coñecerá novos pulos cando a necesidade de armas para combater ós invasores normandos ou manter as loitas feudais estimule a minería do ferro e a siderurxia.

Nos anos finais do século XIX identificaríanse nunha faixa de dous a tres quilómetros de ancho, que se estende dende a Punta de Prados (Valdoviño) até Aranga, diversas corridas de filóns de cuarzo asociado con piritas arsenicais parcialmente auríferas e arxentíferas.

A proporción de ouro no mispíquel das minas de Meirás non sería suficientemente alta para o beneficio de ouro, ao tratarse de varios filóns estreitos de curto percorrido e case sempre sobre os cantís, uns sesenta metros por riba do nivel do mar. Pero o xacemento si foi merecedor dende 1907 de labores para o beneficio do arsénico, obténdose óxidos de arsénico que se empregarían coma insecticidas.

Consonte Cueto (1928) a relativa importancia das concesións “Virgen do Porto” e “Joselín” permitiran que se instalara un forno Herrenschmit para o aproveitamento das menas de ouro repartidas en nove filóns atacados por galerías. Porén, despois de efectuar numerosas probas, desistiríase da explotación, pois non foron quen de conseguir un arsénico branco que fora aceptado polo comercio.

As minas explotaríanse noutra volta na década de 1940, e, consonte Mirre (1990), na aldea de Meirás houbo, durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) un forno para o torrado da arsenopirita e a obtención polo refino dos fumes de óxidos de arsénico para o seu uso como insecticida.

A arsenopirita fora amplamente explotada en Galicia entre 1930 e 1950, para a obtención de óxidos de arsénico empregados fundamentalmente como insecticidas, e tamén coma protectores da madeira. O arsénico e algún dos seus óxidos emprégase asemade nalgunhas aliaxes de cobre e bronce, e coma pigmentos para cerámicas, porcelanas e vidros.

Descrición Xeral do Entorno:

As minas de mispíquel de Meirás localízanse sobre os acantilados da beiramar de Taraza, na estrema occidental do areal da Frouxeira.

Construcción:

Sen descartar unhas primeiras labores superficiais prerromanas á procura de ouro, dada a proximidade do castro de Meirás, uns douscentos metros ao norte das minas, os traballos mineiros modernos, tanto superficiais como subterráneos, comezarían en 1907.

Abandono:

Tralo fracaso no refino dos óxidos de arsénico, os traballos serían abandonados contra 1928. As minas voltaran a ser explotadas na década de 1940, e de novo abandonadas.

Descrición:

As minas de Meirás son parte dunha corrida filoniana de pirita arsenical aurífera localizada nunha zona de cizalla, na que concorren o aliñamento Covas-Corcoesto-Santa Comba-Noia e o chamado aliñamento de Pontedeume. Ámbolos dous comezan en Meirás, e desprázase o primeiro uns 150 km, que pasan por Carballo, Santa Comba e Noia, e o segundo, uns 60 km, que pasan por Monfero, Curtis e Sobrado dos Monxes. Na zona de Meirás, os filóns son de pequena potencia, con pirita arsenical aurífera cun baixo contido en ouro.

Pola proximidade do castro costeiro de Meirás, cabe a posibilidade dunha explotación primitiva, anterior á dominación romana, na que se traballara a parte superficial dos filóns de cuarzo con arsenopirita aurífera, SAsFe, tamén chamada pirita arsenical ou mispíquel.

As labores mineiras para beneficio do arsénico comezarían na década de 1920, mediante a explotación en fendas dende as que se atacaban as galerías subterráneas. O mineral extraído era tratado por torrado e posterior calcinación e refino dos fumes nunha pequena instalación construída nas proximidades das minas. A falta de calidade do produto levaría á suspensión dos traballos.

A explotación retomaríase na década de 1940, beneficiando filóns “en pluma” de 0’2 a 1’5 m de potencia con direccións variables, encaixados tanto en granodiorita coma en xistos. Explotaríanse tamén fendas de mispíquel cataclástico.

As pegadas das labores mineiras aínda son visibles no terreo, agora inzado polo toxo.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Na explotación traballárase un paquete de nove filóns de cuarzo con arsenopirita aurífera, SAsFe, tamén chamada pirita arsenical ou mispíquel. Os filóns atacábanse por fendas dende as que se atacaban as galerías subterráneas, e o material extraído calcinábase mesturado co combustible no fogar do forno.

Os fumes e gases resultantes pasaban xuntos a unha serie de cámaras de condensación, nas que se depositaban os pos brancos de arsénico, escurecidos e sucios polas partículas de combustible non queimado arrastradas polo tiro.

A sucidade do produto obrigaba a posteriores operacións de refino, buscando a calidade demandada polo comercio.

Os problemas da empresa pola falta de calidade do produto levarían ó temperán abandono dos traballos.

As minas voltaran a explotarse na década de 1940, co mesmo sistema de fendas e galerías, pero con certos avances técnicos no tratamento do mineral, torrándose nun forno –posibelmente con muflas– e refinándose os fumes en cámaras para a obtención dos óxidos de arsénico.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Cuarzo con arsenopirita aurífera, SAsFe, tamén chamada pirita arsenical ou mispíquel, da que neste caso se beneficiaba o arsénico.

Produtos Elaborados:

Arsénico e ácido arsenioso (H3AsO3).

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional. Vendíase regularmente ácido arsenioso en Barcelona e Valencia.

Referencias Bibliográficas:

Bauer, G. (Georgius Agricola), 1556. De re metallica. Fasimil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Último acceso 7 de abril del 2011].

Cueto y Noval, R. del, 1928. La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Daporta Padín, X.R., et al., 1980. Galicia en mapas, A Coruña: Escola Aberta. DL C-630-1980. ISBN 84-300-3088-3.

Fernández Negral, J., 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

Ferrero Arias, A. (a.ferrero@igme.es), 4 de mayo del 2010. IGME-Santiago: Listado de valoración provisional de zonas a considerar con posible interés como patrimonio minero. Correo electrónico para Manuel Lara Coira (mlara@asociacionbuxa.com).

González Gutiérrez, Manuel (2016): “El coto minero de Valdoviño”. Ferrol Análisis: revista de pensamiento y cultura. 2016, núm. 30, p. 203-207. Ferrol: Club de Prensa de Ferrol. DL C-1873-2003. ISSN 1576-4540.

Hofman, H.O., 1925. Tratado de metalurgia general. Trad. por Rafael Hernández del original inglés del Instituto Tecnológico de Massachusetts, Barcelona: Gustavo Gili.

Lara Coira, M., 2010. “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

La minería de Galicia, 1991. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990. Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Montero Aróstegui, J., 1858. Historia y descripción de la villa y departamento del Ferrol, reedición de 1972 titulada “Historia de El Ferrol del Caudillo”, Ferrol: Gersán.

Schulz, G., 1835. Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada (Coruña): Ediciós do Castro.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 6-II Meirás // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 564.810,97 m / Y 4.828.057,86 m

Data de Actualización:

24 outubro 2012