219 Fábrica do Carballal ou de Taxonera

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Fene
  • Parroquia: Santa Mariña de Sillobre
  • Lugar: A Barcia
  • Paraxe: O Carballal
  • Dirección: 15509 Sillobre, A Barcia, s/n, Fene (A Coruña)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.489941817589354
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.1211656332016
  • Coordeadas UTM: ED 1950: H 29 // X 571.186,03 m / Y 4.815.806,27 m
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel e cartón (papel de varias calidades).
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de tinas
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Ribeiras do Belelle, augas abaixo da fervenza.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Unha vez en Neda colleremos a estrada AC-862 que vai cara a Ortigueira, e apenas a un quilómetro, apartaremos á dereita, cara a A Mourela e O Roxal, continuando pola CP-5503 ata o lugar de O Roxal. Seguiremos cara a Viladonelle e no cruce apartaremos á dereita para chegarmonos ao chamado Pazo de Isabel Segunda. Dende alí continuaremos pola estreita carreteira ribeirá cara á fervenza do Belelle, e pouco antes de chegar ao restaurado Muíño da Barcia, atoparemos do outro lado do río a vella fábrica de papel de Taxonera.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Si, exteriormente, dende o camiño.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun creaba no corazón de China o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasaba a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.
Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos). A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde os operarios de Abu-Masafya fabricaban de liño un papel de gran calidade.
En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ó do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.
Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin, financiado nos seus traballos polos irmáns Sealy e Henry Fourdrinier.
O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ó aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta.
A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.
A escaseza de enerxía, e os altos prezos dos trapos e produtos químicos, maioritariamente importados, contribuían a facer a produción española moi pouco competitiva. Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, empregándose cordas, esparto ou palla, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación asociados ao emprego do carbón, o cloruro de cal e a sosa.
A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na ribeira esquerda do río Belelle, no paraxe de O Carballal, na gorxa que fai o río antes do val do Roxal.

Construcción:

Antes de 1849, ano en que aparece citada no dicionario de Madoz.

Abandono:

Como fábrica de papel, na década de 1910. Reconvertida en muíño, traballaría até a década do 2000. Actualmente (2012) está a ser habilitada como vivenda.

Descrición:

A fábrica de papel do Carballal ou de Taxonera sería construída antes do ano 1849 na marxe esquerda do río Belelle, uns trescentos metros augas abaixo da fervenza, no paraxe coñecido como O Carballal. Fora renomeada de Taxonera polo nome do seu propietario mais coñecido, e trala reconversión en muíño fariñeiro sería chamada Muíño do Neno, polo alcume do seu propietario e muiñeiro, Ramón Rico Picos, O Neno.

Aparece citada no dicionario de Madoz como fábrica de papel ordinario existente en 1849. No mes de outubro de 1852 fora vendida por Juan Rosell, veciño de Santa Mariña de Sillobre e propietario tamén do entón xa destruído muíño da Barcia, a Nicasio Taxonera Marzal, coñecido impresor establecido en Ferrol. O prezo fora de vinte e cinco mil reais, e no documento de venda recóllese que “el tal Rosell” non poderá establecer no muíño da Barcia ningunha fábrica de papel nin artefacto que prexudique á fábrica “del don Nicasio”, pero que este non lle privará de reedificar dito muíño como fariñeiro.

En 1858, o señor Taxonera, seu propietario, presentou na Exposición de Santiago un lote de papel de estraza producido na fábrica. No Indicador de 1864 figura como propiedade de Herederos de Taxonera, e nos Bailly-Bailliere de 1883 a 1912 como propia de Nicasio Tajonera, fillo, tamén impresor en Ferrol.

A fábrica do Carballal ten a súa presa inmediatamente augas abaixo da saída das augas do muíño da Barcia. Da presa arranca pola beira esquerda do río Belelle unha canle de uns douscentos sesenta metros de lonxitude, que deriva as augas para a fábrica de papel. No Rexistro da Propiedade de Pontedeume figura unha descrición da fábrica.

“Fábrica de papel, con todos sus artefactos, movida por las aguas del río Belellle, ubicada en el lugar de Carballal, término de la parroquia de Santa Marina de Sillobre, ayuntamiento de San Salvador de Fene, correspondiente a este partido judicial (Puentedeume); compuesta de tres edificios principales y varios accesorios, destinados a tendidos, cuadras y otros servicios, consta uno de los edificios primeramente mencionados de dos cuerpos, y mide en junto ciento treinta y ocho metros cuadrados.

Otro, que tiene así mismo dos cuerpos y desván, midiendo en junto ochenta metros también cuadrados y el tercero compuesto igualmente de dos cuerpos y desván, midiendo ciento cuarenta metros. Los tres son de paredes de mampostería, sus vigas y pontones de roble y castaño y pisos de pino del país y de Holanda.

Los tendidos, uno de los cuales tiene dos cuerpos, miden una superficie de ciento noventa a doscientos metros cuadrados, poco más o menos, y las cuadras son de pequeñas dimensiones.

Unido al edificio y formando con él una sola finca, existe una porción de terreno que mide sesenta y cinco ferrados, equivalentes a trescientas cincuenta y seis áreas y cincuenta y ocho centiáreas, destinado a labradío, regadío, huerta, con árboles frutales, coto, dehesa de robles y monte.”

Nos seus derradeiros anos papeleiros, a fábrica de Taxonera deixara de elaborar papel, e a pasta de madeira que producía trasportabase semiseca até a próxima fábrica da Gandarela, úns centenares de metros augas abaixo dela.

No mes de agosto de 1911 a fábrica fora mercada por Manuel Nieto Prieto, Pedro Pascual Busquets e Pascual Barragán Jiménez. En 1927 Pedro Pascual vende o seu tercio a Manuel Nieto, en xa no mes de decembro de 1941, Nieto e Barragán véndenlle as instalacións e fincas colindantes a Juan Couce García, quen vainas vender ao muiñeiro Ramón Rico Picos, chamado O Neno.

A fábrica de papel sería entón reconvertida para albergar catro muíños, e reutilizada para a moenda de gran, principalmente trigo e maínzo.

Aínda no 2003, don Juan Rico, fillo de O Neno, seguía a moer na que fora un día a fábrica de papel do Carballal.

As edificacións están hoxe (2012) sendo acondicionadas para vivenda.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose ós caudais que levara o río.

Sistema de produción:

O proceso tradicional de fabricación do papel pode describirse diferenciado nas súas cinco etapas fundamentais:

- preparación da materia prima (fundamentalmente trapos): aventado, clasificación, esgazado, abatanado e fermentación en auga con cal;
- preparación da pasta nas pías, desfacendo as fibras cos mazos do muíño (trinchado, afinado e refinado) ou elaborándoa nos cilindros refinadores;
- formación das follas de papel na tina ou na máquina continua, filtrando coidadosamente co molde ou forma a pasta xa refinada;
- prensado das follas de papel para eliminar a auga residual;
- secado das follas de papel.

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos bastante para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga con cal e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.

Un apresamento construído nunha revolta do río permitía derivar as augas a unha canle construída na marxe esquerda, que, tras un percorrido de algo máis de douscentos sesenta metros, conducíaas até un gran estanque dende o que se alimentaban as instalacións da fábrica de papel, onde accionaban catro rodas horizontais (rodicios) como as dos muíños fariñeiros.

Os rodicios viraban uns eixes verticais que contaban cuns mecanismos de coroa e piñón para a transmisión do xiro a uns eixos horizontais de accionamento dos diferentes mazos. Estes eixes tiñan unhas levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

Descoñécese a configuración precisa e detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi posible que contase xa dende o primeiro momento cos tres muíños ou cilindros refinadores que menciona a escritura de compravenda do ano 1926, cilindros nos que terían lugar as labores específicas de esfiañado, afinado e desleído e homoxeneización da pasta, tralo que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario. Similar proceso tiña lugar na máquina continua de Foudrinier, ben con máis rendemento.

Retirados os pregos dos moldes púñanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de encolado co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ó aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

A chegada da electricidade supuxo en moitos casos a modernización das instalacións, substituíndo as rodas motrices por unha turbina hidráulica que arrastraba un xerador eléctrico, sendo entón a electricidade a que movía a maquinaria fabril.

No propio proceso de elaboración da pasta, a refinadora holandesa substituía ás vellas pías de esfiañado, afinado e desleído. Nalgúns casos, a máquina semicontinua, tamén chamada redonda, de bombo o picardo, substituía o traballo do alabrén (o operario que fai a folla de papel na tina coa axuda do molde) e do poñedor (o que toma a forma do alabrén e pon a folla sobre o sayal para levala á prensa) e con ela se elaboraba o equivalente a catro ou cinco tinas.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do trapo, así como no levado das follas ó secadoiro. Persoal masculino no resto das labores, na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trapos e recortes de madeira.

Produtos Elaborados:

Papel de varias calidades.

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Asunción Pastor, J., 2002, El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración. Barcelona: Parramón. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Bailly-Bailliere e hijos, 1895 a 1937. Almanaque Bailly-Bailliere. Pequeña enciclopedia popular de la vida práctica. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, J.L., 1966, “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Fumega Piñeiro, F.X.; Sobrado Pérez, X.L., 2010. As fábricas de papel na comarca do Carballiño. O Carballiño (Ourense): Centro de Estudios Chamoso Lamas. DL OU-177-2010. ISBN 978-84-614-4756-5.

Gayoso Carreira, G., 1965. “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994. Historia del papel en España. 3 vol., 2ª ed. 2006, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, Lugo. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

Gutiérrez i Poch, M., 1999. «L’Espagne est encore dans l’enfance. Máquinas francesas y fracaso español. La mecanización de la industria papelera española (1836-1880)», Doctor Jordi Nadal. La industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya. 2 vols. Carreras, Pascual, Reher y Sudriá (eds.). Barcelona: Universitat de Barcelona, p. 1.258 y sigs. DL B-19.849-99. ISBN 84-475-2146-X.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Ministerio de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas de la industria del papel y cartón. publicadas de 1934 a 1943, Madrid.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828. Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal. 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Pérez Villar, G., 2006. “Unha ruta turística polos muíños do río Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 9, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 158-175. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Sanmartín Corral, S., 2005. “Los molinos del Belelle: posible proyecto de rehabilitación”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 8, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 36-46. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Santalla López, M., 2011. Muíños, fornos e pan de Neda. Biblioteca de Ferrolterra, Ferrol: Edicións Embora. DL C-2554-2011. ISBN 978-84-92644-36-0.

Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Valdivieso Mateo, M., 2003. “As fábricas de papel do río Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 6, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 87-96. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Verea y Aguiar, J., 1803. Proyecto económico para promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia. Santiago de Compostela.

Viñas y Campi, 1866. El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas. Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-I Fene // ED 1950: H 29 // X 571.186,03 m / Y 4.815.806,27 m

Data de Actualización:

29 octubre 2012