220 Fábrica da Gandarela

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Neda
  • Parroquia: Santa María de Neda
  • Lugar: A Gandarela
  • Paraxe: Muíño das Bombas
  • Dirección: 15577 Gandarela, s/n, Neda (A Coruña)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.49763553378799
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.127924799919128
  • Coordeadas UTM: ED 1950: H 29 // X 570.631,03 m / Y 4.816.660,69 m
  • Clasificación: Fabricación de papel.
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel e cartón (papel de varias calidades).
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de tinas.
  • Comarca: Ferrol.
  • Marco Xeográfico: Ribeiras do Belelle no val do Roxal.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: Unha vez en Neda colleremos a estrada AC-862 que vai cara a Ortigueira, e apenas a un quilómetro, apartaremos á dereita, cara a A Mourela e O Roxal, continuando pola CP-5503 ata o lugar de Maciñeira. Pasado o Colexio de Ensino Infantil e Primario de Maciñeira, no alto, apartaremos pola man dereita, baixando cara ao río Belelle, ode atoparemos a vella fábrica de papel da Gandarela.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Pódese ver exteriormente dende os camiños.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun creaba no corazón de China o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasaba a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.

Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos). A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde os operarios de Abu-Masafya fabricaban de liño un papel de gran calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ó do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin, financiado nos seus traballos polos irmáns Sealy e Henry Fourdrinier.

O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ó aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta.

A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.

A escaseza de enerxía, e os altos prezos dos trapos e produtos químicos, maioritariamente importados, contribuían a facer a produción española moi pouco competitiva. Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, empregándose cordas, esparto ou palla, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación asociados ao emprego do carbón, o cloruro de cal e a sosa.

A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na ribeira dereita do río Belelle, no paraxe de A Gandarela do val do Roxal.

Construcción:

Antes de 1849, ano en que aparece citada no dicionario de Madoz.

Abandono:

Como fábrica de papel, antes de 1926. Reconvertida en muíño, traballaría até comezos da década de 1980. Actualmente (2012) unha das edificacións está a ser empregada como vivenda.

Descrición:

A fábrica de papel da Gandarela sería construída antes do ano 1849, na marxe dereita do río Belelle ao seu paso polo val do Roxal, no paraxe coñecido como A Gandarela. Coñécese tamén co nome de Muíño das Bombas, polo feito de que nos muíños de cubo ou de pozo os condutos que botan a auga a presión contra os rodicios chámanse bombas.

A fábrica aparece citada no dicionario de Madoz de 1849, e figura nos Bailly-Bailliere de 1883 a 1888 como propia de Manuel López, e nos de 1900 e 1912 como da Viúva de López. O seu derradeiro propietario fora o ferrolán Manuel López Seselle, que a traballaba para elaborar papel de filtro.

Xa nestes últimos tempos como fábrica de papel, a fábrica de papel de Taxonera, augas arriba, no paraxe da Barcia, e que xa non elaboraba papel, subministráballe pasta de madeira semiseca para o seu proceso.

Despois dun período de inactividade, a fábrica da Gandarela foi adquirida por dona Josefa Vales García ao ferrolán don Francisco Dopico Seselle. As edificacións e instalacións que compoñían o complexo veñen descritas na escritura notarial de compravenda da seguinte maneira.

“Una fábrica de papel, cimentada de cal y canto sobre cuatro arcadas de cantería con su cauce de agua que viene del río Belelle y sirve de fuerza motriz para mover su maquinaria a razón de mil litros por segundo, situada donde nombran lugar de Gandarela y compuesta de siete edificios.

El primero de ellos consta de dos cuerpos existiendo en la planta baja una máquina para la elaboración de papel continuo, y el segundo cuerpo o piso principal se halla destinado a vivienda con varias dependencias, ocupando una superficie de doscientos trece metros cuadrados.

El segundo edificio, unido al anterior, consta también de dos cuerpos. En la planta baja se elabora la pasta de madera y trapos en tres molinos y en el segundo una máquina para satinar cartón, empleándose para dar movimiento a ambos aparatos, cuatro rodeznos montados debajo del primer cuerpo, ocupando dicho edificio ciento doce metros cuadrados.

El tercer edificio, asimismo de dos cuerpos, tiene en la planta baja el almacén de la pasta de madera y recorte elaborada, con una tina de hacer papel y prensa para prensarlo, y el alto para almacén y cuatro prensas para embalar y prensar el papel, y una mesa para cortarlo. Superficie setenta y cinco metros cuadrados.

El cuarto edificio compuesto de dos cuerpos, destinados el primero para almacén y casa y el segundo para carpintería y vivienda. Superficie noventa y ocho metros cuadrados.
El quinto de un solo cuerpo se destinaba a herrería y cuadras. Superficie de cincuenta y un metros cuadrados.

El sexto, completamente independiente y de un solo cuerpo, se destina a secadero del papel. Superficie de ciento noventa y cinco metros cuadrados.

El séptimo, de una sola planta, se destinaba a almacén de trapos y recortes. Superficie de cuarenta y cuatro metros cuadrados”.

O citado como sexto edificio, que semellaba un gran hórreo directamente enriba do chan, foi demolido para converter o terreo no prado que aínda vese hoxe.

A fábrica de papel sería pouco despois reconvertida para albergar varios muíños, e reutilizada para a moenda de gran, principalmente trigo e maínzo. Na Contribución industrial de 1932 Josefa Vales García figura como propietaria do muíño da Gandarela, con nove meses de moenda, unha moa para trigo e unha moa para millo.

Na Contribución industrial de 1950 o muíño da Gandarela figura ao nome de María Rico Vales, con seis meses de moenda e tipoloxía de represa.

A actual propietaria (ano 2005) é dona Celia Rodríguez Rico, neta da antedita señora dona Josefa Vales García.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose ós caudais que levara o río.

Sistema de produción:

O proceso tradicional de fabricación do papel pode describirse diferenciado nas súas cinco etapas fundamentais:

- preparación da materia prima (fundamentalmente trapos): aventado, clasificación, esgazado, abatanado e fermentación en auga con cal;
- preparación da pasta nas pías, desfacendo as fibras cos mazos do muíño (trinchado, afinado e refinado) ou elaborándoa nos cilindros refinadores;
- formación das follas de papel na tina ou na máquina continua, filtrando coidadosamente co molde ou forma a pasta xa refinada;
- prensado das follas de papel para eliminar a auga residual;
- secado das follas de papel.

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos bastante para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga con cal e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.

Un apresamento construído nunha revolta do río permitía derivar as augas a unha canle construída na marxe dereita, que, tras un percorrido de algo máis de sesenta metros, conducíaas ás instalacións da fábrica de papel, onde accionaban catro rodas horizontais (rodicios) como as dos muíños fariñeiros.

Os rodicios viraban uns eixes verticais que contaban cuns mecanismos de coroa e piñón para a transmisión do xiro a uns eixos horizontais de accionamento dos diferentes mazos. Estes eixes tiñan unhas levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

Descoñécese a configuración precisa e detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi posible que contase xa dende o primeiro momento cos tres muíños ou cilindros refinadores que menciona a escritura de compravenda do ano 1926, cilindros nos que terían lugar as labores específicas de esfiañado, afinado e desleído e homoxeneización da pasta, tralo que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario. Similar proceso tiña lugar na máquina continua de Foudrinier, ben con máis rendemento.

Retirados os pregos dos moldes púñanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de encolado co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ó aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

A chegada da electricidade supuxo en moitos casos a modernización das instalacións, substituíndo as rodas motrices por unha turbina hidráulica que arrastraba un xerador eléctrico, sendo entón a electricidade a que movía a maquinaria fabril.

No propio proceso de elaboración da pasta, a refinadora holandesa substituía ás vellas pías de esfiañado, afinado e desleído. Nalgúns casos, a máquina semicontinua, tamén chamada redonda, de bombo o picardo, substituía o traballo do alabrén (o operario que fai a folla de papel na tina coa axuda do molde) e do poñedor (o que toma a forma do alabrén e pon a folla sobre o sayal para levala á prensa) e con ela se elaboraba o equivalente a catro ou cinco tinas.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do trapo, así como no levado das follas ó secadoiro. Persoal masculino no resto das labores, na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trapos e recortes de madeiras.

Produtos Elaborados:

Papel de varias calidades.

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Asunción Pastor, J., 2002. El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración. Barcelona: Parramón. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Bailly-Bailliere e hijos, 1895 a 1937. Almanaque Bailly-Bailliere. Pequeña enciclopedia popular de la vida práctica. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, J.L., 1966. “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Fumega Piñeiro, F.X.; Sobrado Pérez, X.L., 2010. As fábricas de papel na comarca do Carballiño. O Carballiño (Ourense): Centro de Estudios Chamoso Lamas. DL OU-177-2010. ISBN 978-84-614-4756-5.

Gayoso Carreira, G., 1965. “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994. Historia del papel en España. 3 vol., 2ª ed. 2006, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, Lugo. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

Gutiérrez i Poch, M., 1999. «L’Espagne est encore dans l’enfance. Máquinas francesas y fracaso español. La mecanización de la industria papelera española (1836-1880)», Doctor Jordi Nadal. La industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya. 2 vols. Carreras, Pascual, Reher y Sudriá (eds.). Barcelona: Universitat de Barcelona, p. 1.258 y sigs. DL B-19.849-99. ISBN 84-475-2146-X.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Ministerio de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas de la industria del papel y cartón. publicadas de 1934 a 1943, Madrid.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828. Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal. 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Pérez Villar, G., 2006. “Unha ruta turística polos muíños do río Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 9, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 158-175. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Sanmartín Corral, S., 2005. “Los molinos del Belelle: posible proyecto de rehabilitación”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 8, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 36-46. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Santalla López, M., 2011. Muíños, fornos e pan de Neda. Biblioteca de Ferrolterra, Ferrol: Edicións Embora. DL C-2554-2011. ISBN 978-84-92644-36-0.
Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Valdivieso Mateo, M., 2003. “As fábricas de papel do río Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 6, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 87-96. ISSN 1139-1154.

Verea y Aguiar, J., 1803. Proyecto económico para promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia. Santiago de Compostela.

Viñas y Campi, 1866. El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas. Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-I Fene // ED 1950: H 29 // X 570.631,03 m / Y 4.816.660,69 m

Data de Actualización:

29 outubro 2012