221 Fábrica da Mourela

Galería de Fotos

VerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Neda
  • Parroquia: Santa María de Neda
  • Lugar: Mourela Baixa
  • Paraxe: O Foxo
  • Dirección: 15510 Mourela Baixa, Neda (A Coruña)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.505499467747285
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.141040802001953
  • Coordeadas UTM: ED 1950: H 29 // X 569.562,60 m / Y 4.817.522,70 m
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel e cartón (papel de varias calidades).
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de tinas
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Ribeiras do Belelle no val de Neda.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: Unha vez en Neda, partimos da Ponte de Santa María e comezamos a camiñar río arriba pola súa marxe esquerda, polo chamado Camiño da Ponte Grande. Deixando tras nos o Muíño dos Parrandos, pasaremos cabo do Muíño do Cubo e, máis adiante, do Muíño do Carballo, para chegarmos á Ponte Grande. Continuando uns trescentos metros pola mesma marxe esquerda, atoparemos o Muíño do Carrizo, que fora a fábrica de papel da Mourela.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun creaba no corazón de China o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasaba a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.

Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos). A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde os operarios de Abu-Masafya fabricaban de liño un papel de gran calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ó do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin, financiado nos seus traballos polos irmáns Sealy e Henry Fourdrinier.

O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ó aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta.

A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.

A escaseza de enerxía, e os altos prezos dos trapos e produtos químicos, maioritariamente importados, contribuían a facer a produción española moi pouco competitiva. Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, empregándose cordas, esparto ou palla, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación asociados ao emprego do carbón, o cloruro de cal e a sosa.

A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica construíuse na Mourela Baixa, no paraxe do Foxo, na ribeira esquerda do río Belelle, cando xa no seu tramo final descorre polo val de Neda camiño da ría.

Construcción:

Antes de 1849, ano en que aparece citada no dicionario de Madoz.

Abandono:

Como fábrica de papel, posibelmente antes de 1873. Reconvertida en muíño, traballaría até comezos da década de 1980.

Descrición:

Consonte ós datos recollidos, a fábrica de papel da Mourela sería construída antes do ano 1849, na marxe esquerda do río Belelle na cabeceira do val de Neda, no paraxe coñecido como O Foxo, na Mourela Baixa. Coñecérase tamén co nome de Muíño da Tía Agustina, aínda que hoxe é máis coñecida polo nome de Muíño do Carrizo, do alcume do seu derradeiro muiñeiro, Alejandro Castro Mera “O Carrizo”.

A fábrica aparece citada no dicionario de Madoz de 1849, “a poca distancia (del Rojal) y a inmediación del río que desagua en la ría de Neda (el Belelle), se halla otra fábrica de cartón, papel ordinario y naipes; edificio sólido y de la propiedad de los herederos de don Ángel García Fernández”. No mes de xullo de 1850, os propietarios, os irmáns José Ángel, Nicasio, Ángel Andrés e Victoria García García, venden a fábrica por 250.000 reais a Francisco Ortega, veciño da Coruña.

Pouco tempo despois, no Rexistro da Propiedade de Ferrol figuran como propietarias as irmáns Elisa e Isolina Ortega Zuazo, quen aforan a fábrica e as fincas anexas a José Quintía Soria, veciño de Narón.

As edificacións e instalacións que compoñían o complexo fabril veñen descritas na antiga Contadoría de Hipotecas con data dezaseis de febreiro de 1864 da seguinte maneira.

“Fábrica de papel situada en la parroquia de Santa María de Neda sobre el río del mismo nombre lugar do Fojo a distancia de menos de un cuarto de legua y a la parte de debajo de la Fábrica de Tejidos del Rojal, compuesta de un edificio de dos cuerpos y desván de buena fábrica sobre un fondo de cuatro mil quinientos cuarenta y seis pies con el cauce que lo atraviesa y lo impulsa, de otro separado de un solo cuerpo, sobre novecientos tres pies de solar, con sus martinetes para mazar el trapo movidos por distinta rueda y con independencia de otro igualmente de un cuerpo que sirve de almacén de dos mil novecientos cuarenta pies de plan y de otro que es casa de habitación con sus cocinas sobre un solar de mil quinientos doce pies cuyos edificios con sus corrales, era y huertas intermedias y extremas ocupan el área de nueve ferrados de setecientas veinte y nueve varas superficiales como adherente a esta finca y contigua a ella por levante y poniente dos piezas de tierra o soto con castaños sauces y abedules que hacen de cabida seis ferrados: confinando por el norte con la referida finca una pieza labradía de treinta y seis ferrados; y por último a su cabecera un monte con cantera de buena calidad sin bravura nueve ferrados y dos tercios de otro; formando el todo una sola finca….”.

Morto José Quintía, a súa viúva, Juana Casco Díaz, vendería a fábrica a Antonio Gabriel Emilio Calin Agar.

Nalgún momento, a fábrica de papel tería sido modificada para acoller un muíño fariñeiro, xa que nunha certificación, anotada o 28 de novembro de 1873 no Rexistro da Propiedade de Ferrol, pódese ler entre os efectos existentes propios do muíño papeleiro “Un juego de piedras francesas, montado con todo lo necesario para moler. Un ídem de ídem del país con ídem de ídem. Cinco picas para picar las muelas”.

Na Contribución industrial do periodo 1940-1945 Alejandro Castro Mera figura como propietario do muíño da Mourela Baixa, con nove meses de moenda e dúas moas para trigo e unha moa para millo. Aínda que non aparece na contribución de 1950, volve a aparecer na de 1956, pero agora co muíño reconvertido en hidroeléctrico, o que fai supoñer que tería instalada unha turbina hidráulica para o arrastre dun xerador eléctrico, que proporcionaría a electricidade para accionar os motores das moas. Figura nesta relación de 1956 cunha moa de 1.300 mm de diámetro para trigo e dúas moas de 1.300 mm de diámetro para pensos.

Coa xeneralización da subministración de electricidade e a chegada dos muíños eléctricos, os muíños de auga foran perdendo competitividade e serían a pouco abandonados. Na Contribución industrial do ano 1976 aínda figura Alejandro Castro Mera como propietario e contribuinte dun “muíño cereal acea”.

Tralo o completo abandono do muíño, no ano 2005, o seu propietario empregaba as leiras para pasto do gando e tiña o muíño á venda.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose ós caudales que levara o río.

Sistema de produción:

O proceso tradicional de fabricación do papel pode describirse diferenciado nas súas cinco etapas fundamentais:

- preparación da materia prima (fundamentalmente trapos): aventado, clasificación, esgazado, abatanado e fermentación en auga con cal;
- preparación da pasta nas pías, desfacendo as fibras cos mazos do muíño (trinchado, afinado e refinado) ou elaborándoa nos cilindros refinadores;
- formación das follas de papel na tina ou na máquina continua, filtrando coidadosamente co molde ou forma a pasta xa refinada;
- prensado das follas de papel para eliminar a auga residual;
- secado das follas de papel.

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos bastante para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga con cal e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.

Un apresamento construído nunha revolta do río permitía derivar as augas a unha canle construída na marxe esquerda, que, tras un percorrido de uns cen metros, conducíaas ás instalacións da fábrica de papel, onde accionaban catro rodas horizontais (rodicios) como as dos muíños fariñeiros.

Os rodicios viraban uns eixes verticais que contaban cuns mecanismos de coroa e piñón para a transmisión do xiro a uns eixos horizontais de accionamento dos diferentes mazos. Estes eixes tiñan unhas levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

Descoñécese a configuración precisa e detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi posible que contase xa dende o primeiro momento cos tres muíños ou cilindros refinadores que menciona a escritura de compravenda do ano 1926, cilindros nos que terían lugar as labores específicas de esfiañado, afinado e desleído e homoxeneización da pasta, tralo que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario. Similar proceso tiña lugar na máquina continua de Foudrinier, ben con máis rendemento.

Retirados os pregos dos moldes púñanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de encolado co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ó aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

A chegada da electricidade supuxo en moitos casos a modernización das instalacións, substituíndo as rodas motrices por unha turbina hidráulica que arrastraba un xerador eléctrico, sendo entón a electricidade a que movía a maquinaria fabril.

No propio proceso de elaboración da pasta, a refinadora holandesa substituía ás vellas pías de esfiañado, afinado e desleído. Nalgúns casos, a máquina semicontinua, tamén chamada redonda, de bombo o picardo, substituía o traballo do alabrén (o operario que fai a folla de papel na tina coa axuda do molde) e do poñedor (o que toma a forma do alabrén e pon a folla sobre o sayal para levala á prensa) e con ela se elaboraba o equivalente a catro ou cinco tinas.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do trapo, así como no levado das follas ó secadoiro. Persoal masculino no resto das labores, na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trapos e recortes de madeira.

Produtos Elaborados:

Papel de varias calidades.

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Asunción Pastor, J., 2002. El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración. Barcelona: Parramón. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Bailly-Bailliere e hijos, 1895 a 1937. Almanaque Bailly-Bailliere. Pequeña enciclopedia popular de la vida práctica. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, J.L., 1966. “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Fumega Piñeiro, F.X.; Sobrado Pérez, X.L., 2010. As fábricas de papel na comarca do Carballiño. O Carballiño (Ourense): Centro de Estudios Chamoso Lamas. DL OU-177-2010. ISBN 978-84-614-4756-5.

Gayoso Carreira, G., 1965. “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994. Historia del papel en España. 3 vol., 2ª ed. 2006, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, Lugo. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

Gutiérrez i Poch, M., 1999. «L’Espagne est encore dans l’enfance. Máquinas francesas y fracaso español. La mecanización de la industria papelera española (1836-1880)», Doctor Jordi Nadal. La industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya. 2 vols. Carreras, Pascual, Reher y Sudriá (eds.). Barcelona: Universitat de Barcelona, p. 1.258 y sigs. DL B-19.849-99. ISBN 84-475-2146-X.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Ministerio de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas de la industria del papel y cartón. publicadas de 1934 a 1943, Madrid.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828. Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal. 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Pérez Villar, G., 2006. “Unha ruta turística polos muíños do río Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 9, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 158-175. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Sanmartín Corral, S., 2005. “Los molinos del Belelle: posible proyecto de rehabilitación”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 8, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 36-46. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Santalla López, M., 2011. Muíños, fornos e pan de Neda. Biblioteca de Ferrolterra, Ferrol: Edicións Embora. DL C-2554-2011. ISBN 978-84-92644-36-0.

Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Valdivieso Mateo, M., 2003. “As fábricas de papel do río Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 6, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 87-96. ISSN 1139-1154.

Verea y Aguiar, J., 1803. Proyecto económico para promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia. Santiago de Compostela.

Viñas y Campi, 1866. El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas. Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 7-III Neda // ED 1950: H 29 // X 569.562,60 m / Y 4.817.522,70 m

Data de Actualización:

29 outubro 2012