223 Eléctrica dos Remedios

Galería de Fotos

VerVerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: Ourense
  • Parroquia: Ourense
  • Lugar: Ourense
  • Paraxe: Campo dos Remedios
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.34416881202861
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.869676351547241
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 593.244,69 m / Y 4.688.835,94 m
  • Clasificación: Central termoeléctrica.
  • CNAE: 35.16 Produción de enerxía eléctrica de orixe térmica convencional.
  • Tipoloxía: Máquina Gramme accionada por máquina de vapor alimentada por carbón.
  • Comarca: Ourense.
  • Marco Xeográfico: Ribeira urbana do Miño ao seu paso pola cidade de Ourense.
  • Ámbito: Urbano.
  • Acceso: O Campo dos Remedios atópase a carón da ponte vella (“A Ponte Romana”), na marxe esquerda do río e xunto a capela da Virxe dos Remedios.

Tipo de propiedade:

Municipal.

Visitable:

Non procede.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ó uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando ao ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1,5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (un 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública.

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1887, cando o enxeñeiro serbio-croata Nikola Tesla, descubridor en 1882 do campo magnético rotatorio e emigrado a Estados Unidos en 1884, conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna, o motor de indución. Coa axuda financeira de George Westinghouse faría a primeira demostración das vantaxes da iluminación con corrente alterna na Exposición Universal de Chicago de 1893, e nese mesmo ano construiría nas cataratas do Niágara a primeira central hidroeléctrica da historia. A demostración abriría a porta fronte á corrente continua á moito máis adaptable corrente alterna, e pouco despois chegaría a definitiva consolidación.

A industria eléctrica en España comeza cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narcis Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

En Ferrol a “Sociedad Anglo Española de Electricidad”, fundada en Barcelona en 1882, inauguraría en 1883 a iluminación do Arsenal coa electricidade xerada nunha pequena instalación termoeléctrica, e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor para a subministración do alumeado público, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896).

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas son de pequeno tamaño, non superior ós douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ó servizo do alumeado público.

Só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central eléctrica para alumeado e forza nas súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xuvia (Neda), cunha hidroeléctrica; e “La Primera Coruñesa”, na Coruña, cunha termoeléctrica.

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior ós 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” estruturadas en torno ó Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955.

Finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade e A Fervenza a comezos do século XX.

Descrición Xeral do Entorno:

A central situárase na ribeira esquerda do río Miño ao seu paso pola cidade, poucos metros augas abaixo da Ponte Vella (“A Ponte Romana”), cabe a capela do século XVI da Virxe dos Remedios.

Construcción:

1894-1895.

Abandono:

1918.

Descrición:

Dende 1891 o fundidor de orixe belga Manuel Malingre Parmentier tiña en funcionamento na súa finca da ponte do río Lonia unha pequena central hidroeléctrica ou “fábrica de luz”. Con tal coñecemento, e como concelleiro, en 1889 proporía a instalación de alumeado público eléctrico na cidade de Ourense [Malingre, 2011: 241].

O 17 de agosto de 1894 adxudicábase o alumeado da cidade por medio de enerxía eléctrica ao avogado e industrial alaricano Francisco Conde Balbís. A contía da adxudicación fora por tres céntimos por hora por lámpada de 16 buxías, cun mínimo de utilización de dúas mil horas anuais.

Ao abeiro da concesión vaise construír no Campo dos Remedios unha central eléctrica cunha máquina de vapor alimentada por carbón, para accionar unha máquina Gramme de corrente continua. A tal fin instalárase na cidade don Estanislao Reverter, un técnico procedente de Barcelona [Blanco, 1990].

No edificio da central, dun so corpo, con paredes de cantearía e cuberta a dúas augas en tella do país, destacaba a gran cheminea de ladrillo.
O 14 de xuño de 1895 inaugurábase a iluminación eléctrica, con 130 luces eléctricas e 800 farois de papel rizado.

O 10 de agosto de ese ano concretáranse o número e a intensidade das lámpadas a instalar na vía públicas, sendo 280 de 16 buxías, que darían luz até as doce da noite, reducíndose a 140 a partir desa hora e ata o amencer, máis outras 50 de 35 buxías, que reduciríanse a 37 dende a media noite até o amencer.

En 1897 Francisco Conde Balbís obtén a concesión de 1.000 litros por segundo a derivar do río Lonia no lugar de Castadón. Coa entrada en servizo en 1902 da central eléctrica de Castadón, con dous alternadores monofásicos Oerlikon de 110 quilovatios, a central térmica dos Remedios quedará como central de reserva [Carmona, 2016: 38].

Francisco Conde Balbís tiña dende 1904 un muíño fariñeiro no Pozo do Inferno do río Barbaña, e estabelecería ao seu carón dous fornos panadeiros. Tamén aproveitaría a forza das augas para xerar electricidade. Ademais de abrir un taller de curtidos na rúa do Progreso, instalaría a carón da central eléctrica dos Remedios unha serra e un almacén de carbón [Somoza, 2001: 135].

En 1905, fortemente endebedado, completaría a central hidroeléctrica do río Mao (con dous grupos) e unha liña de trinta e oito quilómetros para subministrar electricidade a Ourense. Dende 1908 dende a mesma central subministraría electricidade a Monforte de Lemos, a dezasete quilómetros, onde tiña adquiridos os activos empresariais da “Eléctrica Monfortina” [Carmona, 2016: 39].

En 1906 constituiría unha sociedade mercantil comanditaria coa entidade coruñesa “Hijos de Marchesi Dalmau” e con Isabel Buhigas Prat. Xa no mes de abril de 1909 Francisco Conde Balbís vendía os dereitos da concesión do alumeado público ao banqueiro coruñés José Marchesi Buhigas, e as instalacións muiñeiras e panadeiras do Pozo do Inferno (vid. ficha 485) ao seu sogro e notario en Trives, Benito Rodicio Gómez, quen xa explotaba no mesmo lugar outro muíño fariñeiro e unha fábrica de xeo.

Tralo traspaso da concesión a “Sociedad Eléctrica de Orense”, o subministro de electricidade a Ourense contaría, xunto coa central termoeléctrica dos Remedios, coa central hidroeléctrica de Castadón, no río Lonia (360 quilovatios, no termo municipal de Pereiro de Aguiar) e coa central hidroeléctrica do río Mao (800 quilovatios, no termo municipal de Parada de Sil).

Por outra banda, dende 1913 a pequena central hidroeléctrica construída en A Lonia por Ricardo Alarcón Lecumberri tamén subministraría fluido eléctrico a algunhas vivendas do casco urbano ourensán [Somoza, 2001: 171].

En 1918 serían desmontadas as instalacións de vapor e as dinamos da fábrica da “Sociedad Eléctrica de Orense” no Campo dos Remedios, prestándose o servizo exclusivamente dende as centrais hidroeléctricas de Castadón e do Mao.

Ante as dificultades financeiras da compañía, o Banco de Vizcaya adquiriría a empresa en 1919 [Carmona, 2016] e, para solventar deficiencias na subministración, construiría en 1928 unha nova central termoeléctrica de reserva en Portovello, nos terreos comunais de As Lagoas [Somoza, 2001: 236].

En 1930 a sociedade solicitaría permiso para o derrubamento da fábrica do Campo dos Remedios, trasladando os materiais á finca de Portovello, nas Lagoas. Nese mesmo ano, a “Sociedad Eléctrica de Orense” vai ser absorbida pola “Sociedad General Gallega de Electricidad”, que en 1955 se integraría en “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA), nunha operación máis do proceso de absorción das empresas eléctricas da rexión que estaba a levar a cabo a empresa de Barrié dende o remate da Guerra Civil española (1936-1939).

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1873) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha turbina e unha dínamo de corrente continua nun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ó seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón.

Pola incerteza do funcionamento destas primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas son de pequeno tamaño, non superior ós douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ó servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte da enerxía até os puntos de consumo.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ó servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Carbón.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Blanco Guerra, Manuel (1990). “La Eléctrica de Los Remedios”, Cien años de luz eléctrica en Galicia, Ramón García Fontenla (ed.), introd. de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa, p. 49-50. DL M-45870-1990.

Bolstorff, H. (1926). “Alumbrado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 936-965.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, Xoán (2016). La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955), Biblioteca de Historia del Gas, Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

García Fontenla, Ramón (ed.), 1990. Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa. D.L. M-45870-1990.

Kesten, P., et al. (1926). “Electrotecnia”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VII, p. 966-1227.

Kyser, Herbert (1930). Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.

Malingre Rodríguez, Ana (2011). “La Fundición Malingre de Ourense”. Porta da Aira: revista de historia del arte orensano, núm. 13, 2011, p. 225-261. ISSN 0214-4964.

Ministerio de Fomento, 1931. Centrales eléctricas de más de 500 kVA a fines de 1930 (anejo y mapa de la publicación de 1931), Madrid: Consejo de la Energía del Ministerio de Fomento.

Pena Espiña, Xesús (1986). A formación do sector eléctrico en Galiza (1900-1925) e a Sociedad General Gallega de Electricidad. Tese de licenciatura inédita. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

Rubió y Bellvé, Mariano (1914). El gas pobre y sus aplicaciones a la fuerza motriz y a la calefacción, Manuales Gallach, Colección Manuales Soler, núm. 97, Barcelona: José Gallach, Sucesores de Manuel Soler.

Somoza Medina, José (2001). El desarrollo urbano en Ourense, 1895-2000. Tesis doctoral. Facultad de Geografía e Historia de la Universidad de Santiago de Compostela [en línea] Disponible en Internet file:///C:/Users/usuario/Downloads/el-desarrollo-urbano-en-ourense-18952000--0.pdf [Acceso 19 octubre 2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 187-IV Ourense // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 593.244,69 m / Y 4.688.835,94 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en línea] Disponible en Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet? [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

13 novembro 2012 / 24 outubro 2017