224 La Metalúrgica

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: Santiago de Vigo
  • Lugar: Vigo
  • Paraxe: O Areal das Monxas
  • Dirección: Avenida García Barbón, 70,  36201 Vigo (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.23733500552225
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.711353540420532
  • Coordeadas UTM: ED 1950: H 29 // X 523.944,68 m / Y 4.676.402,69 m
  • Clasificación: Industria metalgráfica.
  • CNAE: 25.92 Fabricación de envases e embalaxes metálicos lixeiros.
  • Tipoloxía: Litografado e fabricación de envases de folla de lata.
  • Comarca: Vigo.
  • Marco Xeográfico: Casco urbano da cidade de Vigo.
  • Ámbito: Urbano.
  • Acceso: No casco urbano de Vigo, no barrio do Areal.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Contra 1900, o coruñés José Suárez Pumariega instalaba no Areal vigués un taller de envases para a puxante industria conserveira. Pouco despois, asociábase cun grupo de conserveiros locais e fundaban unha sociedade anónima para o litografado e fabricación de envases metálicos: nacía La Metalúrgica, S.A.

Foron os socios fundadores Juan Antonio Alonso Santodomingo, Salvador Aranda Graña, Marcelino Barreras Casellas, Federico Barreras Massó, José Barreras Massó, Guillermo Curbera Tapias, Manuel Goday Goday, Esperanza Massó Ferrer, Daniel Rodríguez Valdés e José Suárez Pumariega.

Os comezos foron complicados e o mal funcionamento da empresa nos primeiros anos levaría a José Suárez Pumariega a abandonar a empresa, para fundar en 1903 e no Campo de Coia, unha nova fábrica de envases metálicos litografados: La Artística.

Una vez superados os problemas técnicos e de organización de La Metalúrgica, esta fábrica, xunto coa tamén viguesa La Artística e máis a que dera orixe a ámbalas dúas, a coruñesa La Artística de Germán Suárez Pumariega, van situarse na cabeza do sector en España, cubrindo por máis de medio século unha importante parte da demanda de envases de folla de lata na Península Ibérica, e a meirande parte da demanda galega deles.

As innovacións nos procesos de fabricación e cerre dos envases, co progresivo abandono do soldado das tapas e a súa substitución polo rebordado ou sertido, provocou un aumento na demanda de nova maquinaria. A situación derivada da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), co difícil abasto de materias primas e de maquinaria procedentes do estranxeiro, xeraría un intenso proceso de substitución das importacións, coa reinvestimento dos beneficios acumulados na creación de talleres destinados á produción de maquinaria para a industria conserveira.

No caso das industrias metalgráficas, esta diversificación produtiva dende a litografía e a produción de latas cara as construcións mecánicas, vai sustentarse nas seccións coas que contaban para a reparación da súa propia maquinaria. E no ano 1917, La Metalúrgica decidía montar talleres mecánicos e de fundición anexos á fábrica, adquirindo terreos lindeiros para a ampliación das instalacións.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica construíuse na entón rúa Duque de la Victoria, hoxe avenida García Barbón, no que era entón un barrio periférico, unhas decenas de metros ao norte do edificio de La Molinera Gallega e da igrexa de Santiago de Vigo.

Construcción:

1900

Abandono:

Década de 1950

Descrición:

Formado na escola de Barcelona, o enxeñeiro industrial José Barreras Massó deseñou e construíu a fábrica de La Metalúrgica para proporcionar envases de folla de lata litografados á industria conserveira.

O estilo defínese coma eclecticista, e consérvase o tramo central da edificación, formado por un corpo elevado con dous de planta baixa a cada lado.

O corpo principal, de planta baixa e un andar, ten a fachada enmarcada por grandes pilastras laterais, cunha serie de vans xeminados baixo arcos de medio punto apoiados en pilastras.

A composición é simétrica, cun remate cumial conformado por unha cornixa de ladrillo con lucidos de cemento. O esquema, de xeito tradicional, destaca a utilización de cantería no zócalo, nas pilastras e nos recercados dos vans, que alternan cos paramentos de ladrillo e os revocados de cemento.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A elaboración dos envases de folla de lata litografados pode describirse diferenciado nas súas etapas fundamentais:

- abastecemento de folla de lata, estaño, chumbo, vernices;
- preparación da folla de lata para a impresión;
- litografado;
- construción dos envases;
- expedición e venda.

A organización interna do traballo viña estruturada en dúas seccións ben diferenciadas, a litografía, e a construción dos envases.

Na primeira sección decorábase a folla de lata, trasladando os modelos proporcionados polos conserveiros o elaborados pola propia empresa ás matrices litográficas. Trala descomposición nas tintas requiridas para conseguir os colores desexados, preparábase unha nova matriz para levar a cabo o proceso de impresión.

A impresión facíase nos primeiros tempos con pedras litográficas e pranchas de aluminio nas máquinas de estampar planas. Posteriormente, faríase en rotativas, de moito maior rendemento (até dúas mil follas á hora, fronte as cincocentas da máquina plana). Tamén introduciríanse procedementos fotomecánicos.

A sección de fabricación dos envases na metalgráfica iría asociada ao proceso de cambio técnico que a partires de 1900 vai substituír a destreza dos soldadores da folla de lata (verdadeira aristocracia obreira, con elevados xornais e gran poder de negociación colectiva) pola mecanización dos talleres coa introdución de prensas, embutidoras, sertidoras, soldadoras, cerradoras e outras innovacións técnicas que permitían o seu manexo por mulleres, adolescentes e nenos, forza de traballo máis barata, menos conflitiva e non sindicada.

A xeneralización dun novo tipo de envase ou lata de conservas, na que a soldadura de estaño e chumbo que ás veces contaminaba o produto envasado vai ser substituída pola presión dunhas pestanas practicadas na base e no corpo do envase sobre un ariño de goma que garantía o hermetismo do peche.

Nos envases de dúas pezas, o corpo fabricábase por embutido, dándolle forma á folla de lata nunha matriz. Nos envases de tres pezas, o corpo soldábase mecanicamente, xuntándose co fondo empregando os ariños de goma na rebordeadora ou sertidora. En calquera caso, o cliente recibía o envase coa súa tapa, xa fora para soldar ou para sertir.

Actividades laborais:

Man de obra moi cualificada (debuxantes, litógrafos, impresores) no litografado; tamén nos primeiros tempos da fabricación (soldadores), aínda que vai ser substituída coa mecanización do proceso.

Emprego:

Nos seus comezos, sesenta traballadores, maioritariamente mulleres.

Materias Primas:

Folla de lata, estaño, chumbo, vernices.

Produtos Elaborados:

Envases litografados para conservas.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Berea Cruz, E.; García Movilla, C., 1993. Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, X., 2006, “José Barreras Massó (1867-1950)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 258-281. ISBN 84-96494-83-7.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Consultora Galega, S.L., 1993-2008. Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. Catálogo de Bens Culturais, Vigo.

Cunqueiro Mora, A.; Álvarez Blázquez, J.M., 1980. Vigo en su historia. Vigo: Caja de Ahorros Municipal de Vigo.

Entremos na Panificadora, 2009. La Metalúrgica [en línea]. Disponible en Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 4 de novembro do 2012].

Giráldez Rivero, X., 2009, “Eugenio Fadrique González (1879-1971)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 334-361. ISBN 978-84-96982-37-6.

Giráldez Rivero, J., 2010. “Las empresas metalgráficas en Galicia (1890-1936)”, Investigaciones de Historia Económica, vol. 6, núm. 17, junio 2010, p. 119-148.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo // ED 1950: H 29 // X 523.944,68 m / Y 4.676.402,69 m

Data de Actualización:

14 nov. 2012