225 La Artística Suárez Pumariega

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: A Coruña
  • Parroquia: A Coruña
  • Lugar: A Coruña
  • Paraxe: Camiño Novo
  • Dirección: Calle Juan Flórez, esquina calle Nicaragua.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.36227093991459
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.408156633377075
  • Coordeadas UTM: ED 1950: H 29 // X 548.087,36 m / Y 4.801.432,67 m
  • Clasificación: Industria metalgráfica.
  • CNAE: 25.92 Fabricación de envases e embalaxes metálicos lixeiros.
  • Tipoloxía: Litografado e fabricación de envases de folla de lata.
  • Comarca: Coruña.
  • Marco Xeográfico: Casco urbano da cidade da Coruña.
  • Ámbito: Urbano.
  • Acceso: No casco urbano da Coruña.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Non procede.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Contra 1890, o avogado coruñés Germán Suárez Pumariega fundaba La Artística, un establecemento dedicado ao estampado de folla de lata e papel, e á fabricación de envases metálicos para toda clase de industrias.

Consonte Tettamancy, a nova fábrica contaba cunhas caldeiras multitubulares da fábrica bilbaína Babcock and Wilcox cuxo vapor accionaba unha turbina Laval da que se tiraba a forza motriz para a maquinaria de impresión, estampa, rebordeado, etc. Ademais das estufas para a fixación dos colores á folla de lata, a industria tiña o seu taller de carpintería e de ferrería para a preparación dos troqueis e outras tarefas auxiliares.

As necesidades financeiras levaron á entrada en 1899 dun socio capitalista, Manuel Salgado Rosendo, converténdose en sociedade regular colectiva que xiraba baixo a denominación de Germán Suárez y Salgado,S.R.C.

En 1909 os socios deciden prorrogar a sociedade, mais reducindo o capital inicial, posiblemente para atender á capitalización da nova La Artística, establecida en Vigo polo irmán de Germán, José Suárez Pumariega, e outros socios do sector conserveiro.

Nas décadas de 1910 e 1920, esta fábrica, xunto coas viguesas La Metalúrgica e La Artística, van situarse na cabeza do sector en España, cubrindo por máis de medio século a meirande parte da demanda de envases de folla de lata na Península Ibérica.

As innovacións nos procesos de fabricación e cerre dos envases, co progresivo abandono do soldado das tapas e a súa substitución polo rebordado ou sertido, provocou un aumento na demanda de nova maquinaria. A situación derivada da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), co difícil abasto de materias primas e de maquinaria procedentes do estranxeiro, xeraría un intenso proceso de substitución das importacións, co reinvestimento dos beneficios acumulados na creación de talleres destinados á produción de maquinaria para a industria conserveira.

No caso das industrias metalgráficas, esta diversificación produtiva dende a litografía e a produción de latas cara as construcións mecánicas, vai sustentarse nas seccións coas que contaban para a reparación da súa propia maquinaria, talleres mecánicos e de fundición anexos ás fábricas.

A sociedade coruñesa con Salgado tíñase disolvido en 1919, e contra 1930 a empresa volta a rexistrarse, agora co nome de La Artística-Suárez Pumariega, con María de la Encina González Blanco, María, Antonia e Luis Suárez González (a viúva e os fillos de Germán) como socios fundadores e xa co establecemento identificado co número 102 da rúa Juan Flórez).

A empresa aproveitou as circunstancias da Guerra Civil (1936-1939) e a subministración de conservas á intendencia do exército e ás poboacións ocupadas, e mesmo ás exportacións a Alemaña, construíndose unha nova nave e un edificio para almacéns. Pero esta favorable situación vai tornar desfavorable coa militarización sufrida en outubro de 1938 para a fabricación das bombas de man Laffitte, que ocasionará trastornos e dificultades á boa marcha do negocio, incrementadas coas restricións as importacións de folla de lata, colores, vernices, caucho e papel, e que van durar ata ben avanzada a década de 1950.

A empresa, xa controlada pola terceira xeración empresarial, vai investir en 1953 en nova maquinaria francesa, formadora-soldadora e rebordeadora-tamponadora, coa previsión de substituir tamén as vellas litográfica planas polas modernas rotativas.

Coa diversificación do sector da conserva (bonito, berberecho e mexillón) pola escaseza de sardiña, en 1963 a empresa promove unha ampliación de capital, e no ano 1965 traslada as instalacións da rúa Juan Flórez á carreteira de Nostián, nas parroquias periurbanas de Visma e Pastoriza. Porén a empresa xa non recuperaría o seu anterior pulo, e veríase grandemente afectada pola crise conserveira da década de 1970 e primeiros anos da do 1980, presentándose un expediente de suspensión de pagos o 14 de setembro de 1981.

Nun derradeiro esforzo de supervivencia, en 1982 crearíase La Artística Laboral, pero, incapaz de competir nos novos mercados, entraría no 1984 en baixa provisional no Rexistro Mercantil, que tornaríase definitiva o 14 de abril de 1989.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica localizábase no número 50 do Camiño Novo, que pasaría a ser o número 102 da agora chamada rúa Juan Flórez, na esquina coa rúa Nicaragua.

Construcción:

Cara a 1890.

Abandono:

1965, trasladándose á carreteira de Nostián.

Descrición:

A documentación gráfica e fotográfica mostra un conxunto de edificacións de planta baixa acaroadas a xeito de u aberta mirando ao mar, con cubertas de tella a dúas augas.

Nunha ampliación posterior volve a repetirse o esquema, desta volta edificado tralo primeiro nun nivel superior.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A elaboración dos envases de folla de lata litografados pode describirse diferenciado nas súas etapas fundamentais:

- abastecemento de folla de lata, estaño, chumbo, vernices;
- preparación da folla de lata para a impresión;
- litografado;
- construción dos envases;
- expedición e venda.

A organización interna do traballo viña estruturada en dúas seccións ben diferenciadas, a litografía, e a construción dos envases.

Na primeira sección decorábase a folla de lata, trasladando os modelos proporcionados polos conserveiros o elaborados pola propia empresa ás matrices litográficas. Trala descomposición nas tintas requiridas para conseguir os colores desexados, preparábase unha nova matriz para levar a cabo o proceso de impresión.

A impresión facíase nos primeiros tempos con pedras litográficas e pranchas de aluminio nas máquinas de estampar planas. Posteriormente, faríase en rotativas, de moito maior rendemento (até dúas mil follas á hora, fronte as cincocentas da máquina plana). Tamén introduciríanse procedementos fotomecánicos.

A sección de fabricación dos envases na metalgráfica iría asociada ao proceso de cambio técnico que a partires de 1900 vai substituír a destreza dos soldadores da folla de lata (verdadeira aristocracia obreira, con elevados xornais e gran poder de negociación colectiva) pola mecanización dos talleres coa introdución de prensas, embutidoras, sertidoras, soldadoras, cerradoras e outras innovacións técnicas que permitían o seu manexo por mulleres, adolescentes e nenos, forza de traballo máis barata, menos conflitiva e non sindicada.

A xeneralización dun novo tipo de envase ou lata de conservas, na que a soldadura de estaño e chumbo que ás veces contaminaba o produto envasado vai ser substituída pola presión dunhas pestanas practicadas na base e no corpo do envase sobre un ariño de goma que garantía o hermetismo do peche.

Nos envases de dúas pezas, o corpo fabricábase por embutido, dándolle forma á folla de lata nunha matriz. Nos envases de tres pezas, o corpo soldábase mecanicamente, xuntándose co fondo empregando os ariños de goma na rebordeadora ou sertidora. En calquera caso, o cliente recibía o envase coa súa tapa, xa fora para soldar ou para sertir.

Actividades laborais:

Man de obra moi cualificada (debuxantes, reportistas, litógrafos, impresores) no litografado; tamén nos primeiros tempos da fabricación (soldadores), aínda que vai ser substituída coa mecanización do proceso.

Emprego:

Consonte Alonso (2008), contra 1902 daba emprego a uns sesenta operarios.

Materias Primas:

Folla de lata, estaño, chumbo, colores, vernices, caucho, papel.

Produtos Elaborados:

Envases de folla de lata litografados, para conservas.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., Lindoso Tato, E., y Vilar Rodríguez, M., 2008. “La Artística Suárez Pumariega, S.A., 1890-1987”, Construyendo empresas: la trayectoria de los emprendedores coruñeses en perspectiva histórica, 1717-2006, 2 vol., Vigo: Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC), vol. 2 p. 89-101. D.L. VG-1476-2008.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Giráldez Rivero, X., 2009, “Eugenio Fadrique González (1879-1971)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 334-361. ISBN 978-84-96982-37-6.

Giráldez Rivero, J., 2010. “Las empresas metalgráficas en Galicia (1890-1936)”, Investigaciones de Historia Económica, vol. 6, núm. 17, junio 2010, p. 119-148.

Tettamancy Gastón, F., 1900. Apuntes para la Historia Comercial de La Coruña. Edición facsímil de 1994. A Coruña: Ayuntamiento de A Coruña.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-III A Coruña // ED 1950: H 29 // X 548.087,36 m / Y 4.801.432,67 m

Data de Actualización:

14 nov. 2012