228 Pozo da Neve

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Santiago de Compostela
  • Parroquia: San Caetano
  • Lugar: Meixonfrío
  • Paraxe: Pozo da Neve
  • Dirección: Parque do Cruceiro da Coruña, s/n, 15705 Santiago de Compostela (A Coruña)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.89799256769148
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.52889358997345
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 538.603,62 m / Y 4.749.866,95 m
  • Clasificación: Neveiro.
  • CNAE: 32.99 Outras industrias manufactureiras (fabricación e venda de xeo).
  • Tipoloxía: Pozo.
  • Comarca: Santiago.
  • Marco Xeográfico: Alto do Meixonfrío, na periferia norte da cidade de Santiago de Compostela.
  • Ámbito: Urbano.
  • Acceso: En Santiago de Compostela, buscaremos o Parque do Cruceiro da Coruña ou do Pozo da Neve, na marxe dereita da entrada á cidade pola estrada nacional N-550 á altura do Cruceiro da Coruña e no desvío para o barrio do Meixonfrío. Na esquina da vía de servizo da avenida do Cruceiro da Coruña coa rúa do Tambre, atópase o parque que fora castro e no que se construíra o pozo da neve.

Tipo de propiedade:

Municipal.

Visitable:

Pódese ver o lugar próximo onde estivera o neveiro, hoxe desaparecido.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

A actividade dos neveiros artificiais coñécense cos romanos, cara o ano 2.000 a.C., porén o gran desenvolvemento da comercialización do xeo estendeuse do século XVI até finais do século XIX, e mesmo empregárase nalgures até mediado o século XX, cando definitivamente vai desaparecer coa comercialización dos primeiros refrixeradores ou frigoríficos. Até entón, o aproveitamento dos alimentos só era posible coas salmoiras, os adobos, os afumados, os deshidratados por secado, as conservas herméticas e o frío.

O emprego do frío obtido do xeo elaborado nos neveiros deu traballo a moita xente, enchendo os montes de xornaleiros en época de nevadas (documéntase unha en Alcoi, Albacete, os días 5 e 6 de marzo de 1762, que mobilizara a mil persoas e setecentos cabalos), en unha profesión que vai sobrevivir nalgúns lugares até a década de 1930.

Xa na antigüidade clásica prescribían os médicos o emprego do frío con fines medicinais, uso que foi recuperado con pulo no renacemento, coñecéndose varias publicación ao respecto que o recomendan como antitérmico en procesos febrís, calmante en conxestións cerebrais, hemostático en hemorraxias, e anti-inflamatorio en traumatismos, escordaduras ou fracturas. E, ademais das aplicacións médicas e da conservación dos alimentos, non fora pequena a importancia do consumo en ambientes refinados de alimentos e bebidas fríos ou xeados.

No ámbito peninsular, sería o Reino de Valencia un dos principais consumidores de xeo: a finais do século XVIII sábese que chegaban a Valencia uns dous millóns de quilogramos de xeo cada ano, e dende Alacante mandábase xeo a Ibiza e aos portos do norte de África.

A implantación progresiva de fábricas de xeo en varias cidades a partires de 1890 foi o comezo do fin de tan singular industria do xeo natural obtido nos neveiros.

As primeiras noticias documentais do aproveitamento da neve en Galicia datan da Idade Media, coincidentes co levantamento dos grandes mosteiros, cuxos monxes construíron as primeiras neveiras para a produción e almacenamento de xeo. Cita Fernández Nogueira (1974) as verbas de Rodríguez Fraiz ao falar do mosteiro de Aciveiro: “tódolos grandes mosteiros do Císter en Galicia tiñan neveiras, cando menos para uso propio” Estas neveiras lembraban ás construcións castrexas, circulares ou ovais con diámetros de catro a oito metros, medio soterradas e construídas aproveitando lugares sombrizos ao abeiro das abas setentrionais das montañas e elevacións do terreo, en lugares que de seguro ocuparían nas friaxes os neveiros naturais.

A abundancia da neve naqueles tempos tiña que ser grande, xa que os neveiros adoitan estar en lugares de acceso doado (entre outras, A Paradanta, na Franqueira; Casadenebi, en Celanova; Tourón, na Cañiza; O Faro, en Chantada; O Navego, en Oseira). Da importancia dos neveiros e do negocio dos grandes mosteiros é boa mostra o que chegase o xeo á Coruña dende as neveiras de Aciveiro.

Os neveiros que de xeito natural formábanse nas zonas sombrizas do Meixonfrío foron aproveitados dende tempo inmemorial polos veciños para conservar ou arrefriar os alimentos, e tamén para obter xeo da auga acumulada nos buratos.

Con esta experiencia, o Pozo da Neve construíuse aproveitando os ocos existentes no que fora un castro romanizado, chamado castro do Cruceiro da Coruña ou do Meixonfrío, datado entre o século V a.C. e os comezos do século I d.C., do que recolle Acuña (1987) que nel atopáranse tres torques de ouro, con remates de perilla, e dous brazaletes do mesmo material, que seica estaban nunha urna funeraria. Das escavacións feitas alí obtivéranse moitos restos (fálase de case medio millar de pezas, tanto da Idade de Ferro coma da ocupación romana).

Nos finais do século XVII, posiblemente polo quecemento do clima, o negocio das neveiras vai esmorecendo na Galicia atlántica, aínda que nalgúns casos mantivéranse ata ben entrado o século XIX pequenos neveiros próximos ás vilas para subministrar xeo a clientes particulares e a negocios locais. A industria do xeo dos neveiros desaparecerá totalmente coa construción das primeiras fábricas de xeo a partires dos finais da década de 1890, como por exemplo ocorrera con Pozo da Neve cando botaran a andar unha fábrica de xeo na que fora fábrica de papel de Vidán.

O Pozo da Neve do Meixonfrío, quedaría cegado e soterrado cando se acometeran as obras da Avenida do Cruceiro da Coruña e a ampliación do acceso norte a Compostela a finais da década de 1990. A ampliación da estrada partiría en dous co desmonte feito o xacemento castrexo alí existente.

No ano 2006 o concello urbanizou o lugar e construíu un pequeno parque, tapando definitivamente o pozo e destruíndo o que quedaba das construcións castrexas. Unha taberna chamada "Pozo da Neve" sitúase aproximadamente fronte o que fora o emprazamento do neveiro, onde arrancan as escaleiras de pedra que soben ao parque.

Descrición Xeral do Entorno:

O pozo situábase na ladeira noroccidental dunha elevación existente na estrema norte da cidade de Santiago de Compostela, no barrio do Meixonfrío. A elevación atópase a 346 metros por riba do nivel do mar, destaca claramente na planicie da súa contorna e está ben exposta aos ventos dominantes do nordeste, fríos e secos.

Construcción:

Aínda que os veciños xa aproveitaban os neveiros que espontáneos aparecían no castro, o neveiro chamado Pozo da Neve sería posibelmente construído a comezos do século XVII.

Abandono:

Finais do século XIX.

Descrición:

O neveiro, neveira ou pozo da neve, construción coñecida en toda a Península Ibérica e nas Illas Baleares, e chamada cos nomes de pozo de nieve, cava de neu, pou de neu, pou de gel, pou de glaç, elurzulo, cases de neu, nevero, nevera e ventisquero, según a comarca de asento, é un pozo máis ou menos fondo escavado na terra e consolidado con robustos muros de contención que sobresaen uns palmos por riba do nivel do terreo no que se furou. Pode ir cuberto e ter teitume, deixándolle unhas aberturas para botar a neve dentro, baixar a preparala e sacar o xeo no seu tempo.

O Pozo da Neve do Meixonfrío era tamén unha construción circular, de pedra e cuberta cunha laxe. Tiña unha apertura frontal cuadrada pola que podíase acceder ao interior do pozo e sacalo xeo coa axuda dun cubo. Ao carón do pozo había unha pequena construción que ao decir dalgúns veciños era unha fábrica de xeo, posiblemente onde preparábanse as barras de xeo sacadas do pozo que se distribuirían pola cidade.

Tempo de uso:

Dependendo das oscilacións climáticas, cun período de acumulación da neve de setembro a maio, que podía garantir a extracción de xeo até o final do verán.

Sistema de produción:

Os traballos nos neveiros adoitaban comezar na primaveira, despois das derradeiras nevadas do inverno. A neve introducíase no pozo e pisábase para compactala, reducindo o volumen ocupado e transformándose en xeo, que consérvase ben máis de tempo ca neve. Completada unha capa, cobríase con terra, palla, follas e pequenas ramiñas, e procedíase a botar por riba outra capa de neve coa súa cobertera, formando capas homoxéneas ata chegar á superficie do pozo.

Chegadas as calores, na proximidade do mencer cortábanse bloques de xeo, que, antes que chegara a calor do día, transportabanse no lombo das bestas ou en carretas ata a cidade para a súa venda.

Os primeiros arrefriadores eran uns armarios ou despensas nos que, coas barras de xeo, gardábanse os alimentos a enfriar. A aparición dos sistemas de frío industrial para a fabricación de xeo (contra 1890) sería o comezo da desaparición da industria do xeo natural dos neveiros, industria que sería totalmente relegada coa comercialización dos frigoríficos domésticos dende finais da década de 1920.

Actividades laborais:

Os obreiros da neve, tamén chamados neveiros, xa fosen apañadores, pisadores, ou cortadores, traballaban en condicións certamente penosas, polo frío do seu entorno cotián de traballo e a carencia da vestimenta apropiada.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga na forma de neve.

Produtos Elaborados:

Auga na forma de xeo.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Acuña Castroviejo, F. (dir.), 1987. “Castro del Cruceiro da Coruña”, Catalogación de yacimientos prerromanos del Ayuntamiento de Santiago. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura de la Xunta de Galicia, p. 141-142.

Barceló Pons, B., 1959. El comercio de la nieve en Mallorca. Boletín de la Cámara Oficial de Comercio, Industria y Navegación, nº 623, Palma de Mallorca.

Calvo Barco, A.M., 1997. “Los neveros, una actividad desaparecida en nuestras montañas”. Zainak, nº 14 (1997), p. 203-213. ISSN: 1137-439X

Cruz, J.; Segura, J.M., 1996. El comercio de la nieve: la red de pozos de nieve en las tierras valencianas. Valencia: Conselleria d’Educació i Cultura de la Generalitat.

Fernández Nogueira, F.J., 1974. “Neveira”, Gran enciclopedia gallega, 30 vol., Otero Pedrayo, R. (dir.), Silverio Cañada Editor, Gijón, vol. 22, p. 167. DL VI-415-1974. ISBN 84-7286-029-9 (general). ISBN 84-7286-193-7 (tomo XXII).

Llano Cabado, P. de, 1983. Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas. Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. DL VG-375-1983. ISBN 84-85665-08-2.

Mallol, J., 1991. Alicante y el comercio de la nieve en la edad moderna. Valencia: Ajuntament de València.

Neveras de Bizkaia, 1994. Bilbao: Diputación Foral de Bizkaia.

Planhol, X.de, 1995. L’eau de neige. Le tiède et le frais. París: Fayard.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 94-IV Santiago de Compostela // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 538.603,62 m / Y 4.749.866,95 m

Data de Actualización:

21 nov. 2012