236 La Magdalena

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Betanzos
  • Parroquia: San Pedro das Viñas
  • Lugar: A Magdalena
  • Paraxe: A fábrica
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.28294619605257
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.220466375350952
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 563.375,12 m / Y 4.792.747,32 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos.
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en píos (noques)
  • Comarca: Betanzos.
  • Marco Xeográfico: Aba sudoriental do couto de Illobre, próximo á marxe esquerda do río Mendo na súa xunta co río Mandeo, no comezo da ría de Betan
  • Ámbito: Urbano.
  • Acceso: En Betanzos, marcharemos cara ao entronque da estrada nacional N-VI coa estrada comarcal C-540, xa no mesmo barrio da Madalena. Antes de chegármonos ao Carregal, onde está o parque do Pasatempo, atoparemos as ruínas do vello curtidoiro.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Si, exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos pilos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en pilos prestados ou en pilos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento no tránsito do século XVIII ó XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ó mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

Consonte os datos do Catastro de Ensenada, contra 1752 o gremio de zapateiros de Betanzos contaba con cincuenta e catro inscritos, pero tan só seis desenvolvían moi rudimentarias tarefas de curtume. Vai ser contra os comezos da década de 1770 cando aparecen nas contornas de Ferrol os primeiros curtidoiros estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada, coa introdución de capital privado e de emprego asalariado, liberados do control gremial.

Foi o comerciante rioxano Juan del Muro Pastor quen, contra 1774, poría en marcha o primeiro curtidoiro brigantino coa nova organización e estrutura, obtendo en 1781 real cédula para o traslado ao Rego de Montellos da fábrica e tenería de curtidos, que habería de ser unha das principais da provincia de Betanzos.

Nos anos finais do século XVIII, afincaba en Betanzos o nedense Baltasar Rodríguez Romero, quen cara a 1800 poría en marcha outra industria de curtume no barrio da Madalena, en termos da freguesía de San Pedro das Viñas. Trala crise xerada pola Guerra de Independencia, Rodríguez conseguía en 1815 un préstamo para o fomento da súa industria, e xa en 1825 constituía co seu fillo José María Rodríguez Contas e o sogro deste, Antonio Vázquez Martínez, unha sociedade mercantil para o xiro do curtidoiro.

En 1840 Baltasar Rodríguez vendía as instalacións a Domingo Etcheverría, quen daría un notable impulso aos curtumes, convertendo a fábrica da Madalena nunha das primeiras de Galicia. Domingo Etcheverría (cuxo verdadeiro nome era Dominique Etcheverry Harriague), procedente da localidade vasco francesa de Bonloc (Labourd, Aquitania) e de familia de curtidores, establecérase en Betanzos na década de 1830 ao abeiro do Real Decreto de Estranxeiría, que favorecía a instalación de curtidores vascos en Galicia.

Para a explotación do curtidoiro, Domingo Etcheverría vai asociarse con Ramón María Rodríguez, comerciante de Santa Marina do Vilar (Serantes, Ferrol), quen aportaría os dous terzos do capital da nova empresa. Mentres Rodríguez aportaba circulante, Domingo Etcheverría invertía en activos fixos, e quedaría como único propietario da fábrica cando en 1860 os dous socios decidiron liquidar a compañía.

Tres dos seus once fillos, Marcelino, Germán e Manuela Etcheverría Vila, quedarían en 1878 ao fronte do negocio familiar, que xiraba entón baixo o nome “Hijos de Domingo Etcheverría”.

A industria do curtido galego comezaría o seu decaemento contra 1880, non acertando a introducir os procesos de curtume rápida que vanse impondo no mundo, aínda que a fábrica “La Magdalena” manteríase, coa eumesa de Rodrigo Pardo e os irmáns Tenreiro, a compostelán de Harguindey e a padronesa de Novo y Sierra, entre as catro máis importantes de Galicia no primeiro terzo do século XX.

E vai ser Domingo Etcheverría Naveira, fillo de Marcelino, quen tras aproveitar a conxuntura bélica da Gran Guerra 1914-1918 para facer ingresos extraordinarios que serían a base da capitalización do Banco Etcheverría, pecharía en 1919 a fábrica de curtidos, para dedicarse unicamente ao negocio bancario da familia.

No curso da Guerra Civil española (1936-1939), as instalacións da fábrica de curtidos van a servir por uns meses como campo de concentración de presos republicanos.
Nos comezos da década do 2000, a fábrica foi incluída no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), coa intención de conservar as ruinas como parte do futuro Parque da Magdalena.

No outono do ano 2007, realizáronse pola familia Etcheverría obras de consolidación da chimenea, que comezaba a amenazar ruina.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica sitúase no barrio de A Magdalena, a carón do camiño real de Coruña a Madrid, nun altiño situado por riba da valgada da ribeira esquerda do río Mendo.

Construcción:

As instalacións primeiras serían do ano 1800, ampliadas e modernizadas contra 1878 por Marcelino Etcheverría.

Abandono:

1919.

Descrición:

A fábrica de curtidos “La Magdalena” contaba cando fora adquirida en 1840 por Domingo Etcheverría con 52 pozos de cantería e cachotería, almacéns para casca e coiro, muíño para cabalería, e todo o necesario para moer cortiza, ademais dunha casa para vivir con comodidade seis ou oito familias.

Ademais de situarse a pouca distancia do Camiño Real da Coruña a Madrid e do peirao próximo ao que fondea un bergantín a tiro de pistola, a propiedade incluía unha granxa de horta, parra e viñedo que producirá de catro a cinco pipas de viño, e un prado de regadío para herba de primeira calidade, de tres a catro ferrados de sementeira.

Con posterioridade, a fábrica incorporaría maquinaria moderna, accionada mecanicamente. Polas chemineas pódese deducir que a industria contaría con dúas caldeiras de vapor que proporcionarían a enerxía para o movemento dos muíños de casca, tornos para as reparacións da fábrica e martelos para o batido da sola.

Na relación de contribuíntes da Matrícula Industrial de Betanzos do período 1896-1897, “Hijos de Domingo Etcheverría” figura coa fábrica de curtidos, cunha capacidade de 520’50 m3, e cun muíño para triturar cortiza para uso da súa fábrica.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelicos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ó efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel ós pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón ós pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e voltaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos ós outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.
No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun murete circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ó seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ó cromo suplantaría totalmente ó curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.
O curtido ó alume ou curtido en branco segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas.

Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas tenerías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), cordobáns (cabra), badanas (carneiro ou ovella) e baquetas.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

No tempo da venda a Domingo Etcheverría, a industria estaba dotada “de toda clase de artefactos que se necesitan para trabajar de diez a doce operarios”.

Materias Primas:

Coiros, peles e pelicos.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas.

Distribución e comercialización:

Local. rexional e nacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L.; Lindoso Tato, E.; Vilar Rodríguez, M., 2008. “La América de R. Pardo y Cía (Pontedeume), 1864-1970”, Construyendo empresas: la trayectoria de los emprendedores coruñeses en perspectiva histórica, 1717-2006, 2 vol., Vigo: Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC), vol. 1, p. 247-266. D.L. VG-1476-2008.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Industrias del tejido y del cuero”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 225-233. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

García Otero, J.M., 2005. “Aspectos de la vida económica de Betanzos en el siglo XVIII”, Anuario Brigantino, nº 28, p. 433-442, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Labrada Romero, J.L., 1804. Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja, Vigo: Galaxia.

Larruga Boneta, E., 1784-1800. Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los reales decretos, órdenes, cédulas, aranceles y ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento, tres series previstas, primera serie de 45 tomos en cuarto, sólo cuatro publicados (Castilla la Vieja, Castilla la Nueva, Extremadura y Galicia), imprenta de Benito Cano, 1787-1800, Madrid.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 550-558.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Curtidores ou coireiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 123-133. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Último acceso 17 octubre 2009].

Maixé Altés, J.C., 2009. “Marcelino Etcheverría Vila (1844-1914) e Domingo Etcheverría Naveyra (1889-1987)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 172-195. ISBN 978-84-96982-37-6.

Meijide Pardo, A., 1986. “Las primeras industrias del curtido en Betanzos”, Untia. Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns, núm. 2, p. 27-43, Betanzos. DL C-528-1984. ISBN 398-7401-4. [en línea]. Disponible en Internet: http://hemeroteca.betanzos.net [Último acceso 20 de octubre del 2012].

Meijide Pardo, A., 1991. “Aspectos de la vida económica de Betanzos en el siglo XVIII”, Anuario Brigantino, nº 14, p. 51-70, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Meijide Pardo, A., 2000. “Aportación a la historia económica y social de Pontedeume en la primera mitad del siglo XIX”, Anuario Brigantino, nº 23, p. 239-254, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Núñez Barros, R., 1994. "A industria do curtido en Pontedeume”, Cátedra. Revista eumesa de estudios, núm. 1, Pontedeume, Coruña, p. 7-18. ISSN 1133-9608.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754. 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en línea]. Disponible en Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Último acceso 3 de agosto de 2009].

Vilar Rodríguez, M.; Lindoso Tato, E. 2008, “Análisis comparado de dos élites brigantinas: la trayectoria empresarial de los Núñez y los Etcheverría desde una perspectiva histórica (c. 1717-1955)”, Anuario Brigantino 2008, nº 31, p. 111-140, Betanzos. ISSN 1130-7625. [en línea]. Disponible en Internet: http://anuariobrigantino.betanzos.net [Último acceso 31 de diciembre del 2012].

Wagner, A., 1942. “Curtido y elaboración de pieles”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 703-744.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 45-II Betanzos // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 563.375,12 m / Y 4.792.747,32 m

Data de Actualización:

31 decembro 2012