243 Muíño dos Amenadás

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Narón
  • Parroquia: Santa Icía de Trasancos
  • Lugar: Os Amenadás
  • Paraxe: O Muíño dos Amenadás
  • Dirección: Travesa dos Amenadás, s/n
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.51025001708674
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.194636702537537
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 565.212,66 m / Y 4.818.015,49 m
  • Clasificación: Muíño de río.
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño de cubeto.
  • Comarca: Ferrol.
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda do río Freixeiro ou de Santa Icía, uns catrocentos metros augas abaixo da xunta do rego de Leixa co río Seco.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: En Ferrol colleremos a estrada C-641 cara a Xubia, e a uns catro quilómetros, no lugar de Freixeiro, apartaremos a esquerda pola vella carreteira AC-113, cara a Cedeira. Uns trescentos corenta metros máis adiante pasaremos sobre a vía do ferrocarril, e continuaremos outros cento trinta metros antes de apartármonos a esquerda, pola rúa Bimbieiro, pasando baixo a nova estrada a Cedeira, uns douscentos metros máis adiante. Xa doutro lado, podemos baixar pola esquerda, cara ao río de Santa Icía, e virar despois á dereita subindo até dar coa mesma porta do muíño, ou continuármonos pola dereita baixando pola travesa dos Amenadás ata o muíño.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

O aproveitamento da enerxía dos cursos de auga agáchase no principio dos tempos históricos. Primeiro como vía de comunicación a favor da corrente, aproveitando o natural discorrer das augas para o traslado e transporte de persoas e mercadorías varias. Xa nunha fase posterior do coñecemento técnico, para facer virar unha roda con fins diversos: elevación de auga para rega e abastecemento (noras); transmisión do xiro para moenda (aceas e rodicios); conversión do xiro en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras).

En moito tempo a enerxía hidráulica foi a única fonte para obtención de enerxía mecánica. Nas ribeiras dos ríos, necesitadas de enerxía para o accionamento das súas primitivas ferramentas, asentáronse as primeiras mostras da industria: muíños de cereal, batáns, forxas, teares, serras, muíños papeleiros…. O desenvolvemento da máquina de vapor liberou ás instalacións industriais do condicionamento espacial que supuñan os aproveitamentos hidráulicos, e o carbón, que substituiría á leña como fonte calorífica, tamén desprazou á enerxía hidráulica como fonte principal de recursos enerxéticos mecánicos.

Con todo, na derradeira década do século XIX a enerxía hidráulica habería ter un espléndido rexurdir vinculada a unha forma de enerxía que coñecería a maior difusión en todo o mundo: a electricidade.

As referencias máis antigas de muíños movidos pola auga lévannos á primeira metade do século III a.C., cun muíño de roda horizontal en Bizancio (Turquía), e ao ano 240 a.C., cun muíño de roda vertical en Alexandría (Exipto).

Os muíños de roda vertical figuran ben documentados por Vitrubio cara ao ano 25 a.C., con evidencias arqueolóxicas dos comezos do século I d.C. achadas en San Giovanni di Ruoti (Italia) e do ano 57 d.C. descubertas en Avenches (Suiza). Os traballos máis recentes sobre o complexo muiñeiro de Barbegal (Francia) o datan nos comezos do século II d.C. Do 275 d.C. é o muíño escavado en Roma (Italia), e de finais deste século II d.C. o de Martres-de-Veyre (Francia).

As evidencias arqueolóxicas dos muíños de roda horizontal máis antigas son de finais do século III en Chemtou e Testour (Túnez), e do ano 630 en Cork (Irlanda).

Consonte as evidencias arqueolóxicas, os muíños de roda vertical (aceas) foron difundidos por todo o Imperio Romano dende o século I despois de Cristo, mentras que os de roda horizontal (rodicios) non foran difundidos ata finais do século III, tamén d.C.

Malia a indiscutíbel gran difusión da muiñaría hidráulica, non é doado atopar vestixios porque os muíños construíanse a medio de estruturas de madeira e moitas veces sobre barcas ou aproveitando as pías das pontes, tamén de madeira. Só cando a construción faise con sólidas estruturas pétreas a súa pegada pode permanecer ao longo dos séculos.

No caso de Galicia, “o país dos mil ríos”, os cursos de auga van ser cumpridamente aproveitados ao longo da historia, e aínda que non contemos con evidencias arqueolóxicas, malia a case segura existencia de restos de madeira enterrados baixo os arrastres dos ríos e as lamas dos esteiros, os muíños do río Belelle (Neda) aparecen solidamente documentados dende a Idade Media, cando no ano 1111 dona Munia Froilaz de Traba funda o Mosteiro de Pedroso, en lembranza dun fillo morto nas augas do río Grande de Xubia.

A enerxía hidráulica vai ser tamén o motor fundamental da primeira industrialización. De feito, xa contra 1775 dátanse os primeiros aproveitamentos hidráulicos da Ilustración no río Xubia, na ría de Ferrol, os muíños de Lestache, construídos coa vontade de obter grandes producións de fariña para o abasto comarcal e aínda a exportación.

A gran demanda de fariña xurdida coas obras de construción dos Reais Arsenais de Ferrol levaría tamén á construción de muíños de marea, o que se faría na década seguinte (1785) no esteiro do río de Freixeiro, construíndose os muíños de Lembeye, máis coñecidos como As Aceas do Ponto.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño localízase nun entorno rural, na marxe esquerda do río Freixeiro ou de Santa Icía, uns catrocentos metros augas abaixo da xunta do rego de Leixa co río Seco. O que fora nun tempo un entorno illado, atópase hoxe en día rodeado de vías de comunicación de alta capacidade (autoestrada á Coruña, autovía a Valdoviño, ferrocarril a Ribadeo, etc.) e próximo a un entorno industrial e urbano degradado.

Construcción:

1813.

Abandono:

Posiblemente na década de 1930.

Descrición:

O veciño de Xubia Juan Lestache, de nación francés, recibía o 18 de xaneiro do 1813 o foro outorgado por don Pedro María Bermúdez, dono da casa chamada Pazo do Monte de Santa Icía. Concedíalle a Lestache dez ferrados de terra no monte chamado dos Amenadás ou Ameneiros, para o estabelecemento dun muíño fariñeiro, coas condicións de facer Lestache a súa costa un camiño carreteiro do monte ao muíño, e mais a canle ata o muíño para levar as augas á súa moenda.

A gabia para leva-las augas non podería exceder un ancho de vara e media (1’25 m, aproximadamente), e tería que contar cunha ponte que servira de paso. Asemade, o Señor do Monte e quen chegara coa súa orde poderían moe-los grans precisos para a súa casa sen ter que pagar cousa algunha polo servizo.

A presa levantárase nunha revolta do río, derivando as augas pola marxe esquerda por un cano de uns douscentos vinte metros de lonxitude que remataba nun gran estanque de acumulación, cun salto de uns tres metros por riba do inferno do muíño. As augas volvían ao leito do río tras un recorrido de algo máis de cento trinta metros.

O muíño construírase con dous rodicios e coa posibilidade de instalar até seis. Os dous muíños eran do tipo de cubo (tamén chamados de dorna ou caldeira), cos rodicios encaixados en cadanseu cilindro de pedra, aproveitando mellor desta maneira as augas do río.

O muíño atópase nun entorno rural illado. É de planta rectangular con dúas alturas, ocos estreitos e carpintería de madeira.

Enriba de perpiaños de granito, os muros son de pedra, recebados e pintados. A cuberta é a dúas augas con tella curva do país. No patio de acceso consérvase unha das primitivas moas.

O muíño quedara abandonado e fora adquirido contra 1970 por os seus actuais propietarios, quen acometeran a súa recuperación, modernizándoo para vivenda. Os arruinados pisos de madeira foron substituídos por terrazo.

A gabia ou canal foi entubada e cuberta até o caz do muíño, e o estanque recheo e convertido en terra de labor. Malia a conversión, aínda traballa un dos muíños, moendo para os seus propietarios e para eventuais demostracións públicas.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo do caudal que levara o río.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada ós recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.

O elemento ou conversor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar ó eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ó non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de conversores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ó asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ó longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ó 60%.

As instalacións do Muíño dos Amenadás tiñan dous rodicios (rodas hidráulicas horizontais) encaixados en cadanseu cubeto, e cada un deles solidario cun eixo vertical que arrastraría a moa xiratoria de cadanseu muíño.

O muíño designado en galego como muíño de cubeto, muíño de dorna ou muíño de caldeira, corresponde á denominación castelá de “molino de regolfo”, a lo que parece unha invención totalmente española da metade do século XVI.

Actividades laborais:

Un só muiñeiro bastábase para sacar adiante o traballo, aínda que as veces contaran con axudantes.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trigo, centeo e millo (maínzo).

Produtos Elaborados:

Fariña de trigo, de centeo, de millo, e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Bélidor, Bernard Forest de, 1737. Architecture hydraulique, ou l'Art de conduire, d'élever et de ménager les eaux pour les différents besoins de la vie. 4 volumes. Paris: Jombert.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Madrid: Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). ISBN 84-86850-64-9.

Descriptions des Arts et Métiers, faites ou approuvées par messieurs de l'Académie Royale des Sciences, 1761-1789. Reimpresion facsimile de 1984, 25 vol. Géneve: Slatkine Reprints. ISBN 2-05-100610-5.

Fernández Lavandera, E.; Fernández Rodríguez, C.M., 1998. Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. ISBN 84-89908-29-X.

García-Diego Ortiz, J.A.; García Tapia, N., 1987. Vida y técnica en el Renacimiento. Manuscrito de Francisco Lobato, vecino de Medina del Campo. Valladolid: Universidad de Valladolid. ISBN 84-7762-104-7.

García Tapia, N., 1987. “Pedro Juan de Lastanosa y Pseudo-Juanelo Turriano". Llull: Revista de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas, Vol. 10, Nº 18-19, 1987, p. 51-74. ISSN 0210-8615.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Madrid: Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros. ISBN 84-7790-147-3.

González Tascón, I., 2008, “La difusión medieval del molino hidráulico”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 99-117. ISBN 978-84-7790-470-0.

Lorenzo Fernández, X., 1983. Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, A.R., 2006. Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology. Leiden (The Nederlands): Brill. ISBN 978-90-04-14649-5.

Pena Graña, A., 1997, “A muiñeiría industrial de Narón”, Primeras Jornadas Nacionales sobre Molinología, Organizadas por la Fundación Juanelo Turriano en colaboración con el Seminario de Sargadelos y el Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 22 al 25 de noviembre de 1995, Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 75, Sada (Coruña): Ediciós do Castro, p. 713-723. DL C-1775-1997. ISBN 84-7492-862-1.

Pseudo-Juanelo Turriano, 1983. Los veintiún libros de los ingenios y de las máquinas. Prólogo de José Antonio García-Diego Ortiz. Madrid: Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos, Colección Ciencias, Humanidades e Ingeniería. Editado en 1984 por Ediciones Turner.

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Granada-Madrid: J.M. Reyes-Fundación Juanelo Turriano. ISBN 84-89685-46-0.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 6-IV San Salvador de Serantes // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 565.212,66 m / Y 4.818.015,49 m

Data de Actualización:

4 marzo 2013