245 La Industriosa

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: Santiago de Vigo
  • Lugar: Vigo.
  • Paraxe: O Areal, inicialmente; trasladada a Avenida García Barbón.
  • Dirección: Avenida de García Barbón, 68 - Vigo.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.23819287320818
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.709813952445984
  • Coordeadas UTM: ED 1950: H 29 // X 524.089,59 m / Y 4.676.504,44 m
  • Clasificación: Fundición e ferraría.
  • CNAE: 24.51 Fundición de ferro. 24.52 Fundición de aceiro. 24.53 Fundición de metais lixeiros. 24.54 Fundición de outros metais non fé
  • Tipoloxía: Industrial.
  • Comarca: Vigo.
  • Marco Xeográfico: Casco urbano da cidade de Vigo.
  • Ámbito: Urbano.
  • Acceso: No casco urbano de Vigo, no barrio do Areal estivo o primeiro obradoiro; trasladouse despois á Avenida de García Barbón.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Non procede, ao non haber pegada algunha.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Contra 1863 Antonio Sanjurjo Badía, un fundidor orixinario de Sada (A Coruña), ao seu regreso de Cuba establecía en Vigo un taller de fundición orientado á produción de máquinas de vapor, bombas aspirantes, turbinas, e outros artefactos mecánicos, ademais dos clásicos potes, cociñas ou balcóns para as vivendas.

No obradoiro inicial, Sanjurjo empregaría algúns operarios que se formaran na fundición viguesa de Ortega Vaamonde, sucesora da pioneira fundición de Alejandro Lelabourier, “La Fundidora” (1856). En 1873 ocupa xa a máis de sesenta operarios e o taller non deixa de medrar.

O forte crecemento da industria pesqueira e conserveira nestes anos orientou a produción da fundición ao montaxe e reparación de caldeiras e máquinas de fabricación inglesa nas embarcacións construídas en Vigo. Tamén comezarían a fabricar algunhas máquinas ferramenta para a industria conserveira, como prensas, cizallas, torradores e autoclaves.

Ao quedar pequena a instalación do Areal, en 1880 La Industriosa vai trasladarse a unhas novas instalacións na chamada Avenida del Duque de la Victoria (hoxe Avenida de García Barbón).

En 1886, cando comezaban a funcionar en España os primeiros pesqueiros a vapor, montábase nos talleres da Industriosa a primeira máquina de vapor mariña construída nas súas instalacións.

Co crecemento modifícase a estrutura interna da fábrica, que vai pasar dos dous obradoiros primeiros (fundición e ferraría) ás oito divisións de que dispón en 1895: dous obradoiros de fundición (un de potes e o outro de pezas), unha fragua, unha caldeiraría, unha carpintaría, sala de tornos, dous postos de axuste, e máis a zona de peonaxe. A fábrica conta entón con máis de cento cincuenta traballadores.

As materias primas eran mercadas nas siderúrxicas asturianas (Duro y Cía.; Moreda) e bilbaínas (Altos Hornos; La Iberia; Tubos Forjados), e transformábanse en produtos destinados a usos finais por seus compradores, xa fosen modestas cazolas ou complicadas máquinas.

A política arancelaria española, cuns aranceis elevados para os aceiros requiridos na caldeiraría e a maquinaria, pero reducidos para as máquinas facían máis rendible a súa importación que a construción. Esta pexa, xunto coa propia limitación do mercado interno, para a supervivencia das empresas de construción mecánica lles obrigaba á aceptación de pedidos de todo tipo, dende máquinas de vapor a campás, impedíndolles a desexada especialización.

En 1903 Antonio Sanjurjo adquiriu Automóviles Compostelanos, fundada en 1900 en Santiago de Compostela para o transporte de viaxeiros entre a cidade e A Coruña, establecendo a nova actividade baixo o nome de La Regional. A flota da empresa eran cinco vehículos Dion Bouton con máquina de vapor a carbón e vinte e dúas prazas, que empregaban cinco horas no percorrido. Sanjurjo foi substituíndo as carruaxes de vapor por vehículos con motor de bencina, conseguindo facer o percorrido a Coruña en menos de tres horas, e establecendo dende 1912 novos servizos de pasaxeiros, paquetaría e correos entre Compostela e Vigo, Pontevedra, e A Estrada, ademais do xa existente a Coruña. En 1918 a empresa sería adquirida por Evaristo Castromil.

No solar do primitivo obradoiro de fundición, no Areal, Sanjurjo abriría en 1911 o seu propio estaleiro e varadoiro, onde xa estaba o gran estaleiro de Hijos de José Barreras e o máis pequeno de Ernesto García.

En 1910 facíase cargo da dirección de La Industriosa Antonio Sanjurjo Otero, o fillo maior, enxeñeiro formado en Inglaterra, quen máis adiante dirixiría tamén o estaleiro. Neses mesmos anos, os negocios composteláns os asumiría o segundo fillo, Manuel, tamén enxeñeiro, pero neste caso formado en Alemaña. O terceiro fillo, Fernando, que estudara enxeñaría en Bélxica, había morto en 1903.

Coa morte do seu irmán Antonio en 1918, Manuel deixaba os negocios composteláns e púñase ao fronte de La Industriosa.

No mes de xaneiro de 1922 faleceu Antonio Sanjurjo Badía.

A empresa trasladaríase despois ao barrio de Coruxo, onde aínda permanece como taller mecánico con nome de Funditesa Sanjurjo, S.A.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase orixinariamente na ribeira do Areal, trasladándose en 1880 ao seu definitivo emprazamento na Avenida de García Barbón.

Construcción:

1863.

Abandono:

En 1880 a industria vai trasladarse do Areal á que hoxe é a Avenida de García Barbón. Co crecemento urbanístico da zona, a industria –reconvertida– vai trasladarse definitivamente a Coruxo.

Descrición:

As primitivas instalacións do Areal contaba con dous obradoiros, o da fundición e o da ferrería.

Co traslado das instalacións á Avenida do Duque da Vitoria (hoxe Avenida de García Barbón), a estrutura de nova fábrica vai ir medrando até acadar contra 1895 oito divisións diferenciadas, conformadas por dous obradoiros de fundición (un de potes e o outro de pezas), unha fragua, unha caldeiraría, unha carpintaría, sala de tornos, dous postos de axuste, e máis a zona de peonaxe.

Polo momento non contamos con datos, debuxos ou planos que permitan unha descrición máis detallada.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso tradicional de fundición comeza pola fusión dun metal, tipicamente aliaxes de ferro (aceiros) e aliaxes de cobre (bronces), nun crisol para vertelo (colalo) nunha cavidade (molde) onde vai solidificarse adquirindo a forma que derámoslle ao molde.

Unha vez solidificado e frío o metal, rómpese o molde para extraer a peza fundida, procedendo a traballala, eliminando rebabas e limando asperezas, ata darlle o acabado final.

O molde prepárase mesturando area, arxila e auga (tipicamente 90-7-3 por cento), obtendo unha masa pastosa, refractaria da calor e permeable aos gases, que vai moldearse coa forma que desexemos darlle á peza a fabricar.

Faise primeiro un modelo a tamaño natural de madeira (ou de metal ou plástico) que vai definir a forma externa de peza que queremos reproducir.

Despois vaise compactar a area (a masa de area e arxila) arredor do modelo, xa introducido na caixa de moldeo. En función da forma da peza a fabricar, o modelo poderá estar configurado por dúas partes, simétricas ou non, que teñen que permitir xuntar e axustar perfectamente as dúas pezas fabricadas para obte-la peza final.

Se a peza a fabricar vai ser oca, haberá que tapar os buratos do molde cos machos para que o metal fundido non penetre nos ocos.

Faise seguidamente a colada, vertendo o material fundido na cavidade do molde e deixándoo arrefriar lentamente para que non aparezan regañas na peza. Rómpese entón o molde para sacar a peza, aproveitando a area para fabricar novos moldes.

Xa só queda o desbarbado, eliminando os condutos de alimentación, as mazarotas (excesos de material nos puntos de rechupe) e as rebarbas xeradas nas xuntas das dúas caras do molde. Nalgúns casos, a peza pode requirir un mecanizado co arranque de labras ou un tratamento térmico (templado, recocido, revenido) para mellorar as súas propiedades mecánicas.

Os traballos de caldeiraría e chapa revisten menor complexidade, podendo resumirse no debuxo e marcado, corte, pregado, montaxe, axuste e acabado.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en tódalas etapas do proceso. Persoal tamén masculino na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Chegaría a superar en 1895 os cento cincuenta operarios.

Materias Primas:

Lingotes, pranchas, perfís, tubos, chapas e arame de aceiro.

Produtos Elaborados:

Pezas de fundición e de caldeirería, maquinaria e as súas pezas (bombas de succión, muíños fariñeiros, trituradoras de uva, serras), materiais de construción (canos, tubaxes, chemineas, balcóns), caldeiras, fornos, cociñas, potes e outros elementos de ferraxería.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, R., 2008, “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 1017-1076.

Lebrancón Nieto, J., 2009. “Antonio Sanjurjo Badía (1837-1922)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), A Coruña: Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, p. 148-171. DL C-948-2009. ISBN 978-84-96982-37-6.

Nadal Oller, J., 1992. Moler, tejer y fundir: estudios de historia industrial. Barcelona: Ariel. ISBN 84-344-6570-1.

Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo // ED 1950: H 29 // X 524.089,59 m / Y 4.676.504,44 m

Data de Actualización:

11 marzo 2013