249 Hijos de J. Barreras

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: San Martiño de Coia
  • Lugar: Vigo
  • Paraxe: Inicialmente, O Areal; trasladado á Beiramar de Coia
  • Dirección:
    Avenida de Beiramar, 2 (estaleiro) e rúa Tomás Alonso, 72 (fábrica de motores) – 36208 Vigo.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.22602277062348
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.739066123962402
  • Coordeadas UTM: Datum Europeo 1950 (ED 1950): H 29 // X 521.652,27 m / Y 4.675.127,62 m (estaleiro) // X 521.694,40 m / Y 4.674.889,46 m (fábric
  • Clasificación: Taller mecánico e estaleiro
  • CNAE: 24.51 Fundición de ferro. 24.52 Fundición de aceiro. 25.11 Fabricación de estruturas metálicas e os seus compoñentes. 25.11 Fabr
  • Tipoloxía: Industrial
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Casco urbano de Vigo, na beiramar da marxe esquerda da ría de Vigo.
  • Ámbito: Urbano.
  • Acceso:
    No casco urbano da cidade de Vigo, no Barrio do Areal, primeiro; en Beiramar, dende os primeiros anos da década de 1900.
  • Tipo de propiedade: Privada
  • Visitable: Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Nos primeiros anos do século XIX asentábase na Pobra do Caramiñal o “fomentador da pesca” José Barreras de Faus, orixinario de Blanes (comarca da Selva, Girona). O seu fillo, José Barreras Casellas, trasladábase a Vigo mediada a década de 1860, continuando co tradicional negocio da salga (salgadeira do Muxieiro, en Cíes, e salgadeira da Congorza, en Cangas) e iniciando o transporte marítimo entre os portos galegos, o Mediterráneo, Canarias, Cuba e Porto Rico, amais da moi rendíbel condución de emigrantes cara ás Antillas.

Ademais de continuar cos veleiros, a partires de 1871, José Barreras Casellas comezou a mercar barcos de vapor na Inglaterra, chegando en 1877 a ter tres, cos nomes de Primeir Barreras, Segundo Barreras e Tercer Barreras.

Seguindo a tradición do grupo dos fomentadores cataláns, Barreras casaría con Esperanza Massó Ferrer, filla de Salvador Massó Palau, o vello piloto tamén oriúndo de Blanes que se asentara na vila de Bueu e cuxos fillos, Gaspar e Salvador Massó Ferrer fundaran no ano 1883 a emblemática fábrica de conservas “La Perfección” xunto cos franceses Dargenton e Domingo.

No 1889, á morte do fundador, a empresa toma o nome de “Viuda de J. Barreras y Casellas”, que trocaría de novo contra 1895 polo de “Viuda e Hijos de J. Barreras”, xa cos fillos maiores, José e Federico Barreras Massó, como socios industriais.

José Barreras Massó, formado na Escola de Enxeñeiros Industriais de Barcelona, comezara a súa actuación empresarial co montaxe en Vigo en 1888 dunha pequena fábrica de xeo para o subministro aos vapores e ao ferrocarril de Madrid.

En 1892, ao abeiro da crecente demanda de pesqueiros de vapor, o enxeñeiro Barreras vai estabelecer no Areal vigués un taller de reparación e montaxe de máquinas de vapor da empresa inglesa Plenty & Son. En 1895 o taller vai complementarse cun pequeno estaleiro.

Xa no final do século a sociedade ampliará o negocio conserveiro e estabelecerá unha fábrica de conservas en A Rebouza (Guixar, Vigo), en 1899, e unha segunda en Menduíña (Cangas), en 1903, en asociación cos irmáns Bolívar Massó, das que se responsabilizará o irmán Julio Barreras Massó regresado dos seus estudos en Hannover e Bruxelas. A compañía mudará en 1907 o seu nome en “Hijos de J. Barreras”, agora cos irmáns José, Federico e Julio como accionistas.

Na expansión das actividades industriais, José quedará ao fronte da fundición e as construcións mecánicas, incluído o estaleiro. Coa experiencia acumulada, a finais do século ofertará tamén a montaxe de fábricas completas, especialmente de conservas.

Ao quedar pequenas as instalacións do Areal, os talleres e o estaleiro van ir trasladándose dende os comezos do século a unhas novas instalacións en Coia, nas que comezan a traballar en 1919.

En 1923 completábanse os talleres de fundición, forxa e caldeiraría, xunto con cinco grandes naves para maquinaria, montaxe, axuste e modelaxe. En 1924 instalábase a soldadura eléctrica e comezábase a construción de buques de aceiro.

A fábrica de conservas da Rebouza pechara en 1923, e a de Menduíña en 1928, ano en que a empresa mudaba de novo para incorporar ao irmán pequeno, Fernando, converténdose en “S.A. Hijos de J. Barreras”. A vella fábrica de salga de punta Balea era a única que quedara no negocio familiar de conservación de peixe.

En 1934 “S.A. Hijos de J. Barreras” chegaba a un acordo coa empresa holandesa Werkspoor para a cesión das patentes de fabricación de motores diésel, converténdose na terceira fábrica española deste tipo de motores, xunto coa Constructora Naval de Sestao e La Maquinista Terrestre y Marítima de Barcelona.

A guerra civil española (1936-1939) vai supor a militarización de Barreras, convertida xa dende 1936 en fábrica de bombas e espoletas para aviación, granadas para morteiro, proxectís de artillería, tanques para auga e gasolina, e outros elementos mecánicos.

A posguerra traería un forte crecemento na construción de pesqueiros, aproveitado por Barreras para aumentar o tamaño das instalación e talleres, amais de construír un novo peirao de armamento e introducir a estandarización nos procesos de enxeñaría e fabricación.

O 29 de xuño de 1950 falecía José Barreras Massó, deixando o meirande e máis moderno dos estaleiros privados existentes en Galicia, xunto cunha das flotas pesqueiras máis importantes de España.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase orixinariamente na ribeira do Areal, ao final da actual rúa Colón, trasladándose entre 1903 e 1919 ao seu definitivo emprazamento na Avenida de Beiramar.

Construcción:

O taller do Areal, en 1892. En 1895 o pequeno estaleiro do Areal. O conxunto industrial de talleres e estaleiros fora traslado a Beiramar entre 1903 e 1919.

Abandono:

No período de 1903 a 1919 a industria vai trasladarse do Areal a Coia, ocupando un gran solar, entre as rúas Estación e Ramón Soler, dende a Beiramar até a rúa Tomás Alonso. Aínda que o resto das instalacións sigue en activo, a fábrica de motores fechou en 1988; a súa fachada á rúa Tomás Alonso está protexida no Plan Xeral de Ordenación Urbana, pero o interior foi demolido no 2009.

Descrición:

As primitivas instalacións do Areal contaba coa fundición, a ferrería, un modesto obradoiro de caldeiraría e montaxe, e o pequeno estaleiro.

Co traslado das instalacións a Coia (entre a Avenida de Beiramar e a rúa Tomás Alonso), a estrutura de nova fábrica vai ir medrando até contar contra 1923 con talleres de fundición, forxa e caldeiraría, xunto con cinco grandes naves para maquinaria, montaxe, axuste e modelaxe, amais dos peiraos e gradas do estaleiro.

O edificio da fábrica de motores, na rúa Tomás Alonso, é un antigo complexo configurado por un bloque lonxitudinal edificado en catro alturas, con fachadas de cantearía en granito do país, perfectamente labrado e escuadrado.

O paramento do bloque ten unha fasquía marcadamente horizontal, cunha serie de xanelas isódomas e equidistantes, dispostas por igual en tódolos andares do edificio. Entre as xanelas dispóñense pequenas claves graníticas que levan esculpidas engrenaxes dentadas decoradas con motivos vexetais.

No extremo esquerdo da construción levántase unha torre de planta cuadrangular con dous plantas que se levantan por riba da cornixa, coas xanelas substituídas por triplos ocos verticais.

Polo momento non contamos con datos, debuxos ou planos que permitan unha descrición máis detallada.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso tradicional de fundición comeza pola fusión dun metal, tipicamente aliaxes de ferro (aceiros) e aliaxes de cobre (bronces), nun crisol para vertelo (colalo) nunha cavidade (molde) onde vai solidificarse adquirindo a forma que derámoslle ao molde.

Unha vez solidificado e frío o metal, rómpese o molde para extraer a peza fundida, procedendo a traballala, eliminando rebabas e limando asperezas, ata darlle o acabado final.

O molde prepárase mesturando area, arxila e auga (tipicamente 90-7-3 por cento), obtendo unha masa pastosa, refractaria da calor e permeable aos gases, que vai moldearse coa forma que desexemos darlle á peza a fabricar.

Faise primeiro un modelo a tamaño natural de madeira (ou de metal ou plástico) que vai definir a forma externa de peza que queremos reproducir.

Despois vaise compactar a area (a masa de area e arxila) arredor do modelo, xa introducido na caixa de moldeo. En función da forma da peza a fabricar, o modelo poderá estar configurado por dúas partes, simétricas ou non, que teñen que permitir xuntar e axustar perfectamente as dúas pezas fabricadas para obte-la peza final.

Se a peza a fabricar vai ser oca, haberá que tapar os buratos do molde cos machos para que o metal fundido non penetre nos ocos.

Faise seguidamente a colada, vertendo o material fundido na cavidade do molde e deixándoo arrefriar lentamente para que non aparezan regañas na peza. Rómpese entón o molde para sacar a peza, aproveitando a area para fabricar novos moldes.

Xa só queda o desbarbado, eliminando os condutos de alimentación, as mazarotas (excesos de material nos puntos de rechupe) e as rebarbas xeradas nas xuntas das dúas caras do molde. Nalgúns casos, a peza pode requirir un mecanizado co arranque de labras ou un tratamento térmico (templado, recocido, revenido) para mellorar as súas propiedades mecánicas.

Os traballos de caldeiraría e chapa revisten menor complexidade, podendo resumirse no debuxo e marcado, corte, pregado, montaxe, axuste e acabado.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en tódalas etapas do proceso. Persoal tamén masculino na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Cento cincuenta operarios en 1911, catrocentos en 1916. Sen máis datos polo de agora.

Materias Primas:

Lingotes, pranchas, perfís, tubos, chapas e arame de aceiro.

Produtos Elaborados:

Pezas de fundición e de caldeirería, maquinaria e as súas pezas (caldeiras, fornos, maquinaria para a industria conserveira, motores mariños), materiais de construción (canos, tubaxes, estruturas metálicas).

Distribución e comercialización:

Local, rexional, nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Berea Cruz, E.; García Movilla, C., 1993. Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, X., 2006. “José Barreras Massó (1867-1950)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 258-281. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Consultora Galega, S.L., 1993-2008. Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. Catálogo de Bens Culturais, Vigo.

Córdoba de la Llave, R., 2008, “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Entremos na Panificadora. “Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. Fichas. 075 Barreras, estaleiro (Coia)” Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo (IHPIRV) [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 25 de marzo do 2013].

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 1017-1076.

Nadal Oller, J., 1992. Moler, tejer y fundir: estudios de historia industrial. Barcelona: Ariel. ISBN 84-344-6570-1.

Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo // ED 1950: H 29 // X 521.652,27 m / Y 4.675.127,62 m

Data de Actualización:

28 marzo 2013