253 Talleres Mecánicos Alonarti

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: San Mariño de Coia
  • Lugar: Campo de Coia
  • Paraxe: Praza da Industria
  • Dirección:
    Rúa Coruña, 27 - 36208 Vigo (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.22522432352095
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.73686671257019
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 521.834,73 m / Y 4.675.035,23 m
  • Clasificación: Taller mecánico
  • CNAE: 25.92 Fabricación de envases e embalaxes metálicos lixeiros. 28.93 Fabricación de maquinaria para a industria da alimentación, b
  • Tipoloxía: Montaxe e reparación de maquinaria. Fabricación de tubos comprimibles de chumbo estañado
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Casco urbano da cidade de Vigo
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso:
    No casco urbano de Vigo, no barrio de Coia
  • Tipo de propiedade: Privada
  • Visitable: Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Contra 1900, o coruñés José Suárez Pumariega instalaba no Areal vigués un taller de envases para a puxante industria conserveira. Pouco despois, asociábase cun grupo de conserveiros locais e fundaban unha sociedade anónima para o litografado e fabricación de envases metálicos: nacía La Metalúrgica, S.A.

Foron os socios fundadores Juan Antonio Alonso Santodomingo, Salvador Aranda Graña, Marcelino Barreras Casellas, Federico Barreras Massó, José Barreras Massó, Guillermo Curbera Tapias, Manuel Goday Goday, Esperanza Massó Ferrer, Daniel Rodríguez Valdés e José Suárez Pumariega.

Os comezos foron complicados e o mal funcionamento da empresa nos primeiros anos levaría a José Suárez Pumariega a abandonar a empresa, para fundar en 1903 e no Campo de Coia unha nova fábrica de envases metálicos litografados: La Artística.

Coa forte expansión da industria conserveira nestes anos, as industrias metalgráficas non daban abasto, polo que Germán Suárez Pumariega, irmán de José e propietario de La Artística coruñesa, “ante la acumulación de pedidos a los que no puede dar abasto en su taller de La Coruña” decidiu constituír en Vigo, a sociedade regular colectiva “Germán Suárez, Salgado y Fadrique”, tamén dedicada á industria cromolitográfica sobre metal.

As dificultades das conserveiras pola primeira crise sardiñeira galega, que vai estenderse do 1909 ao 1013, leva consigo unha forte caída na demanda de envases, e os irmáns Germán e José Suárez Pumariega deciden crear un novo estabelecemento litográfico na cidade portuguesa de Oporto, ademais de fusionar as súas empresas viguesas, constituíndo a finais do 1910 a sociedade regular colectiva “Hermanos Suárez, Salgado y Fadrique”, que xiraría baixo a razón social de “La Artística. Manufacturas de hoja de lata”. A nova sociedade vai centrarse na litografía e potenciar a fabricación de envases de folla de lata, creando unha nova sección dedicada á produción de aneis másticos, pola crecente importancia dos novos envases de conservas, que empregaban un aro de goma para lograr o hermetismo do cierre.

A coruñesa La Artística de Germán Suárez Pumariega, xunto coas viguesas La Metalúrgica e máis La Artística, van situarse na cabeza do sector en España, cubrindo por máis de medio século a meirande parte da demanda de envases de folla de lata na Península Ibérica.

As innovacións nos procesos de fabricación e cerre dos envases, co progresivo abandono do soldado das tapas e a súa substitución polo rebordado ou sertido, provocou un aumento na demanda de nova maquinaria. A situación derivada da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), co difícil abasto de materias primas e de maquinaria procedentes do estranxeiro, xeraría un intenso proceso de substitución das importacións, coa reinversión dos beneficios acumulados na creación de talleres destinados á produción de maquinaria para a industria conserveira.

No caso das industrias metalgráficas, esta diversificación produtiva dende a litografía e a produción de latas cara as construcións mecánicas, vai sustentarse nas seccións coas que contaban para a reparación da súa propia maquinaria. No ano 1916 La Artística comezaría a fabricación de maquinaria, manual e automática: engomadoras, sertidoras para latas redondas e rectangulares, etc.

A demanda de maquinaria medraría tanto nos seguintes anos que a comezos de 1921 os socios van constituír “Talleres Mecánicos Alonarti, S.A.”, cuxo obxecto social vai ser dedicarse exclusivamente “a la fabricación y la reparación de maquinaria”.

A deficiente evolución de Alonarti, que fora languidecendo até ficar convertida no taller de mantemento de La Artística, levaron á instalación dunha sección para a produción de tubos comprimibles de chumbo estañado para pastas, pomadas e similares, que era un mercado en expansión e que contaba con poucas fábricas en España. Mercáronse as máquinas na Alemaña e no mes de setembro de 1934 comezaron a chegar os pedidos, con tal éxito que ao ano seguinte houberon de ampliar as instalacións.

Porén, non se abandonou o deseño e construción mecánica, orientándose ao montaxe de maquinaria e servizo postvenda, adaptación e reparación de maquinaria, asinando coa empresa francesa J.J. Carnaud y Forges de Basse Indre un contrato de exclusiva para España e Portugal.

Nos anos da Guerra Civil (1936-1939) a empresa vai ser nacionalizada para a fabricación de material de guerra. A sección de tubos de Alonarti beneficiaríase duns mercados en expansión, co incremento da demanda para fins farmacéuticos e ao ser a única fábrica de tubos comprimibles existente na zona franquista; de feito, xa en 1937 a produción de tubos vai duplicar á anterior ao conflito.

A Segunda Guerra Mundial (1939-1945) vai supor unha chea de problemas para a meirande parte das empresas españolas, polas dificultades de todo tipo nas relacións internacionais, e en particular, a práctica imposibilidade de adquisición de materias primas ou maquinaria nos mercados internacionais.

Na década de 1950 as empresas conserveiras foran substituíndo os aneis másticos de peche dos envases pola chamada goma líquida, que permitía mecanizar o proceso de engomado das latas, aumentando a productividade e aforrando man de obra. Cara a 1958, a sección química de La Artísitica solucinou os atrancos cos que se atopara para a obtención da maquinaria precisa, e comezou a vender goma líquida. As máquinas necesarias para a súa aplicación aos envases polos conserveiros desenvolveríanse nos talleres de Alonarti.

En 1970 La Artística, S.A. vai transformarse nunha nova empresa “Litografía La Artística Carnaud, S.A.” (Artiscar), resultado do acordo estratéxico coa empresa francesa Carnaud-Forges de Basse Indre. O complexo conxunto de La Artística-Alonarti comeza a desmembrarse en 1994, cando o grupo inversor Schöders adquire a sección química da empresa, co nome de La Artística Química. Alonarti vai quedar co sector dos tubos metálicos, incluídas as factorias de Valença do Minho e de Torrejón de Ardoz.

En 1996 créase Instalaciones y Servicios La Artística, dedicada á promoción inmobiliaria da parcela que acollera ao conxunto empresarial. No ano 2002 La Artística Química abandonaba as instalacións de Coia e mudábase ao Polígono Industrial da Granxa, no Porriño.

Entre os anos 2004 e 2005 vai ser Alonarti a que abandona as instalacións de Coia, desplazándose ao Polígono Industrial das Gándaras, tamén no Porriño.

Finalmente, no 2005 a sociedade La Artística, S.L. foi absorbida polo grupo Crown Cork e incorporada a La Artística Carnaud.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica construíuse no entón Campo de Coia, hoxe contornos da Praza da Industria, no que era daquela un barrio periférico.

Construcción:

1916

Abandono:

2005

Descrición:

Trátase de un edificio de planta rectangular con cuberta a dúas augas, levantado en fábrica de perpiaño granítico perfectamente labrado e escuadrado.

A fachada principal vai ordenada en tres rúas verticais dispostas nunha estrutura de forma piramidal con ocos rectangulares de proxección fundamentalmente vertical. A rúa central actúa como eixo de simetría, acollendo o portón de acceso, gorecido baixo un arco de medio punto. Sobre o portón, tres grandes fiestras verticais.

O remate en altura é un edículo coa inscrición “TALLER MECÁNICO” en altorrelevo, e no flanco lateral esquerdo figura a inscrición “AÑO”, con “1919” no dereito.

Cada unha das tres rúas vai coroada en altura con pequenos frontóns flanqueados por pináculos de planta cuadrangular de clara inspiración modernista.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso comeza polo deseño e o debuxo de detalle do produto a fabricar, construír ou reparar.

Sigue entón a selección dos materiais precisos e a preparación das pezas a ensamblar.

Remata o proceso produtivo co montaxe e axuste final.

Actividades laborais:

Man de obra cualificada (delineantes, mecánicos, montadores, axustadores).

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Maquinaria, pezas de maquinaria. Chumbo, estaño.

Produtos Elaborados:

Maquinaria. Tubos comprimibles de chumbo estañado.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional (Portugal)

Referencias Bibliográficas:

Berea Cruz, E.; García Movilla, C., 1993. Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, X., 2006. “José Barreras Massó (1867-1950)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 258-281. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Consultora Galega, S.L., 1993-2008. Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. Catálogo de Bens Culturais, Vigo.

Cunqueiro Mora, A.; Álvarez Blázquez, J.M., 1980. Vigo en su historia. Vigo: Caja de Ahorros Municipal de Vigo.

Entremos na Panificadora. “Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. Fichas.” Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo (IHPIRV) [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 25 de marzo do 2013].

Giráldez Rivero, X., 2009. “Eugenio Fadrique González (1879-1971)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 334-361. DL C-948-2009. ISBN 978-84-96982-37-6.

Giráldez Rivero, J., 2010. “Las empresas metalgráficas en Galicia (1890-1936)”, Investigaciones de Historia Económica, vol. 6, núm. 17, junio 2010, p. 119-148.

Muñoz Abeledo, L., 2002. Los mercados de trabajo en las industrias marítimas de Galicia. Una perspectiva histórica, 1870-1936, Tesis doctoral, Dept. de Economía e Historia Económica, Universidad Autónoma de Barcelona, Barcelona.

Muñoz Abeledo, L., 2004. El mercado de trabajo en empresas marítimas: Massó y La Artística, Departamento de Historia e Instituciones Económicas, Universidad de Santiago de Compostela.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo // ED 1950: H 29 // X 521.834,73 m / Y 4.675.035,23 m

Data de Actualización:

3 abril 2013