264 Conservas JOB (Rodríguez & Pascual)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Redondela
  • Parroquia: San Pedro de Cesantes
  • Lugar: Catapeixe
  • Paraxe: Peirao de Cesantes
  • Dirección:
    Avenida de Mendiño, s/n – 36800 Redondela (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.29406813833183
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.615668416023254
  • Coordeadas UTM: Datum Europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 531.805,25 m / Y 4.682.716,85 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conservas de mariscos e peixes).
  • Tipoloxía: Conservas de peixe e marisco en envase metálico
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Enseada de San Simón, na marxe esquerda da ría de Vigo
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso:
    Dende Vigo sairemos pola autoestrada AP-9 cara á Coruña. Antes da Ponte de Rande, apartaremos á dereita en dirección a Redondela pola estrada N-552. Xa en Redondela, apartaremos á esquerda, buscando na beiramar o Porto de Cesantes, onde atoparemos á empresa “Rodríguez, Pascual y Cía., S.L.”, que continúa aínda co negocio conserveiro nas instalacións da que fora Conservas JOB.
  • Tipo de propiedade: Privada
  • Visitable: Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A zona de Vilavella, en Redondela, aínda que lonxe da beiramar, destacaría ao longo do século XX pola actividade de transformación do peixe e do marisco, xa salgado, xa en conserva ou escabeche.

A familia de José Otero Bilbao mantiña dende os comezos do século unha pequena industria familiar de escabechado (principalmente, ameixa, zamburiña, longueirón, navalla) na rúa Francisco Federico (hoxe, rúa Pai Crespo), na mellor tradición do escabeche de ostras que lle dera sona á vila. A pequena fábrica de José Otero Bilbao mesmo obtería en 1901 un premio “aos envases de madeira e escabeche” na exposición que se celebrara en Belém de Pará (Brasil). Á súa morte no mes de setembro de 1921, o negocio continuaría a cargo da súa muller co nome de Sucesores de José Otero Bilbao, e a marca comercial Conservas JOB, baixo a dirección do seu fillo, José Otero González, chamado “Mañas”.

A finais da década de 1920, José Otero González propulsou o marisqueo na enseada de San Simón, principalmente de ameixa e berberecho, dos que sería durante anos o único comprador, abrindo o camiño aos futuros compradores que virían (principalmente de Vigo) para darlle un novo empuxón ao sector. Nas súas instalacións elaboraba tamén longueirón, navalla, sardiña, bonito, palometa e anchoa, pero chegaría a destacar por riba de todo no mexillón en escabeche.

As boas expectativas de evolución do negocio da conserva levaría á familia a adquirir en 1935 un pequeno establecemento de comidas, “El Merendero”, no barrio de Catapeixe, na parroquia de Cesantes. Coa reforma e adaptación do edificio e a construción dun pequeno peirao, José Otero González introduciríase na segunda metade da década de 1930 no mercado das conservas de marisco, salga e anchoado, baixo as marcas “Conservas JOB”, en homenaxe ao seu pai, José Otero Bilbao, e “Dos Puentes”, en clara referencia á vila de Redondela.

Pola necesidade de aumentar a capacidade de produción, en 1939 presentouse un proxecto de ampliación da fábrica de conservas. Contemplábase un aumento das instalacións existentes, así como a construción de muros de contención con escadas de pedra que desen acceso á praia, e un peirao que facilitase o acceso e amarre das embarcacións. Na década de 1940 a fábrica contaba cunha capacidade de algo máis de once metros cúbicos nos autoclaves para a esterilización das latas. A empresa incorporaría unha nova marca comercial: “La Coca”.

Neste mesmo tempo, finais da década de 1930 e comezos da seguinte, José Otero González, arrendaría e logo mercaría á familia Tapias a fábrica de salga da Regasenda (vid. ficha 164), que pasaría a coñecerse como “a de Mañas”, polo alcume do novo propietario. Nela faría algunhas reformas e ampliacións, diversificando a produción, traballando, ademais de sardiña salgada, o bocarte “anchoado”, ao que xa lle quedaría o popular nome de “anchoa”. Tiñan daquela dezaseis fusos de prensado e produciran contra 1962 un total de dez toneladas, entre sardiña e bocarte, chegando a ter nos momentos de maior actividade ata cen mulleres traballando.

Na súa teima de diversificar a produción e garantir as materias primas, no comezo da década de 1950, Otero instalaría un criadeiro de mexillón de mil cincocentos metros cadrados fronte a fábrica da Regasenda, con cuxa produción abastecería á conserveira de Cesantes. Este sistema de cultivo do mexillón era con estruturas fixas (uns setecentos soportes de madeira de tres a sete metros de lonxitude fitos no fondo), ao estilo italiano ou bretón “de bouchot”, no canto das bateas que despois sería o procedemento común en Galicia.

O empresario compraría tamén outra fábrica de conservas na praia de San Francisco, en Louro (Muros), e crearía en Cesantes unha escola para os fillos dos traballadores.

O grupo chegaría a dar emprego a máis de trescentas mulleres, ademáis dos peóns e o persoal técnico e administrativo da empresa. Pero as mudanzas alimenticias da poboación na segunda metade do século XX suporían unha crecente perda de mercado, o que levaría ao peche da salgadeira da Regasenda na segunda metade da década de 1960, e á venda da fábrica de conservas de Cesantes a comezos da década de 1970 á empresa “Rodríguez, Pascual y Cía., S.L.”, desaparecendo o que fora un importante grupo empresarial.

José Otero González morrera o 18 de febreiro de 1968 no Convento de Vilavella (no que traballara a súa avoa como mandadeira), que tiña adquirido contra 1942 e que fora a súa maior paixón, realizando grandes modificacións estructurais para fixar nel a súa residencia, ademais de adaptar algunhas dependencias ás necesidades da empresa, estabelecendo oficinas, talleres e almacéns.

A empresa “Rodríguez, Pascual y Cía., S.L.”, nacera en 1961 promovida por José Rodríguez Lago e Berta Pascual, que arrendarían a vella conserveira de Manuel Otero Lago en Vilavella (Redondela) e a fábrica de Conservas Sueiro en Arcade. A comezos da década de 1970, trasladaría as súas instalación de Redondela e Arcade ás instalacións de Conservas JOB en Cesantes, onde continuaría co negocio conserveiro ata hoxe en día, sendo a única conserveira que queda en activo no termo municipal de Redondela.

Morto José Rodríguez Lago en 1979, serán os seus fillos, José e Ángel Rodríguez Cabaleiro, quen se porán ao fronte do negocio, mantendo a marca comercial “La Coca” e incorporando outras novas, como “Marbela” ou “Raja”, presentes tanto en España e outros mercados europeos (Francia, Reino Unido, Italia, Alemania), como nos mercados americanos (Estados Unidos, Puerto Rico, Cuba, Santo Domingo ou México, entre outros).

Descrición Xeral do Entorno:

A conserveira asentouse na praia de Castañal, no barrio de Catapeixe, no estremo esquerdo do areal de Cesantes da enseada de San Simón, na marxe esquerda da ría de Vigo.

Construcción:

1935

Abandono:

A comezos da década de 1970 remataba a desaparición do grupo empresarial de José Otero González, vendéndose a fábrica á empresa “Rodríguez, Pascual y Cía., S.L.”, que continúa aínda con negocio conserveiro na fábrica de Cesantes.

Descrición:

A industria acomodouse inicialmente na edificación que ocupaba a casa de comidas “El Merendero” nunha leira da beiramar do barrio de Catapeixe, previamente acondicionada para as novas funcións.

O emprazamento ampliaríase cos recheos e a construción dun molle ou peirao, con escadas de pedra para o acceso á praia. E proxectaríase unha ampliación das instalacións fabrís coa construción de dúas naves de planta rectangular con cuberta a dúas augas, nas que un dos espazos ía destinado á preparación do peixe e o outro para as máquinas, torradores e caldeiras.

O proxecto modificado contemplaba o aumento das instalacións existentes cara a terra, coa construción na traseira do edificio dunha ampla nave acaroada de planta case rectangular, con pórticos lonxitudinais nos que descansarían as cerchas e definirían tres espazos transversais con cubertas a dúas augas.

Sen modificacións de importancia nas instalación existentes, a fábrica coñecería novas ampliacións até adquirir o aspecto actual.

Tempo de uso:

Todo o ano, aínda que con certa estacionalidade e intermitencia, dependendo das mareas da pesca ou marisqueo dos produtos elaborados.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ao vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do peixe. Persoal masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos. Persoal de ámbolos dous sexos nas oficinas.

Emprego:

En 1933, case cincuenta persoas, delas corenta mulleres. Na década de 1960 o grupo chegaría a dar emprego a máis de trescentos traballadores, con case trescentas mulleres. Nos tempos finais tiñan vinte e un traballadores na Regasenda e oitenta e tres en Cesantes. Na actualidade, “Rodríguez & Pascual” manteñen entre cincuenta e sesenta traballadores.

Materias Primas:

Marisco e peixe, principalmente mexillón, ameixas e sardiñas.

Produtos Elaborados:

Conservas de mariscos e peixes.

Distribución e comercialización:

Nacional, inicialmente. Nacional e internacional na actualidade.

Referencias Bibliográficas:

Asociación Cultural A Cepa, 2009. As mulleres da conserva. Fernando Cuñarro Pintos (dir.), Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.

Berea Cruz, E.; García Movilla, C., 1993. Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Entremos na Panificadora. “Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. Fichas” Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo (IHPIRV) [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 25 de marzo do 2013].

Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

A Citania Arqueoloxía. Enseada de San Simón. Estudo de Potenciación Turística. Proxecto Marisma [en línea]. Disponible na Internet: http://www.enseadasansimon.com [Último acceso 2 de abril del 2011].

Migueles González, J. “As antigas empresas”. Anecdotario Redondelán [en línea]. Disponible en Internet: http://anecdotarioredondelan.jimdo.com/as-antigas-empresas/ [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Niese, H., 1942. “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 643-647.

Román Losada, A., 2009. Sal, sardiña e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo da Enseada de San Simón, Redondela: Asociación Cultural Alén Nos [en línea]. Disponible na Internet: http://issuu.com/salamatu [Último acceso 2 de abril del 2011].

Román Losada, A., 2011. “De Conservas JOB a Rodríguez Pascual: una conservera en el interior de la ría”, Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (dir. e coord.). Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA, Pontevedra: Diputación de Pontevedra, p. 368-379. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-II Redondela // Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 531.805,25 m / Y 4.682.716,85 m

Data de Actualización:

14 abril 2013