266 Conservas Sueiro

Galería de Fotos

VerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Soutomaior
  • Parroquia: Santiago de Arcade
  • Lugar: Molle de Laforet
  • Paraxe: A Granxa
  • Dirección: Rua do Peirao, 19 – Arcade, 36690 Soutomaior (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.339961907956976
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.612653617582737
  • Coordeadas UTM: Datum Europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 532.024,25 m / Y 4.687.807,53 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas de peixe
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conservas de mariscos e peixes).
  • Tipoloxía: Conserva hermética de peixe e de marisco en envase metálico
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Areal de Arcade, na marxe esquerda do esteiro da desembocadura do río Verdugo no fondal da ría de Vigo
  • Ámbito: Rural no seu tempo, hoxe en día urbano
  • Acceso: Dende Pontevedra sairemos pola estrada N-550 cara a Vigo. No quilómetro 133 cruzaremos a ponte sobre o río Verdugo e, inmediatamente despois, xa en Arcade, apartaremos á dereita baixando polo Barrio da Estación cara ao Peirao de Laforet e o que fora o Areal, hoxe en día recheo e totalmente modificado. A parcela que se atopa ao sueste da praciña co monumento á mariscadora, acolle aínda o conxunto de Conservas Sueiro.

Tipo de propiedade:

Privada; anteriormente no dominio público marítimo-terrestre.

Visitable:

Exterior e interiormente, previo acordo co propietario

Xestión de visitas:

Directamente co propietario, don José Ramón Ovidio Soto González, neto do fundador.

Historia:

Ramón González Sueiro, nado o quince de setembro de 1885 na Barca (Santo Estevo de Anllo, Sober, Lugo), comezaría traballando como tendeiro nunha casa de comidas, emigrando despois a Cuba, e de alí a Arxentina.

De volta a Galicia, poría en marcha un serradoiro en San Pedro do Canabal (Sober), xunto cunha panadería e unha fábrica de gasosas de nome “La Gloria”.

Tendo coñecemento por boca dun peixeiro das meirandes posibilidades de negocio na costa, no outono de 1940 vai achegarse a Arcade (Soutomaior, Pontevedra), onde voltará cada ano no derradeiro cuadrimestre, durante a tempada do marisqueo. Para a comercialización do produto en Madrid, disporá dende 1943 dun posto no Mercado Central como “Asentador de pescado y marisco”.

Cara a 1944, o comerciante lugués comezará a construción da casa vivenda e fábrica na proximidade do peirao de Arcade, coa intención de dedicarse á cría, engorde e comercialización de ostras, ameixas e berberechos. Cos oportunos permisos da Comandancia de Mariña para ocupacións de trescentos a cincocentos metros cadrados, preparou viveiros de ameixas e de ostras en Arcade e en Fontán (Soutoxuste, Redondela), ademais de mercar ostras que traía de Bueu, en barco, e de Cambados, en furgoneta. Colocaba a meirande parte da súa produción nos mercados de Madrid, Barcelona, Bilbao e Zaragoza.

En 1946 poría en marcha unha pequena conserveira e fábrica de salga, habilitando con tal propósito o baixo da súa vivenda e unha boa parte da súa finca, onde acomodou un total de trescentos metros cadrados que acollían as zonas de salgado, manipulado e envasado dos moluscos e peixes, ademais do alfolín e dos almacéns para os envases e para os produtos xa preparados para a súa comercialización.

A esterilización das latas da conserva facíaa nun autoclave de dous metros cúbicos de capacidade que lle construíran nos talleres León de Vigo.

A pequena industria contaba tamén cunha embarcación de dez metros de eslora que se empregaba para mercar a flote as capturas dos mariscadores e para transportar o mexillón das bateas até a fábrica.

En 1955 a empresa adquiriu tres bateas na zona de Rande, dedicándose tamén ao cultivo do mexillón.

Na década de 1960, Ramón González Sueiro (quen morrería o 31 de xaneiro de 1969), ante negativa dos seus fillos de continuar co negocio, abandonaría a produción conserveira, alugándolle as instalacións a outros empresarios do sector. Jaime Díaz Montenegro sería o primeiro, e por pouco tempo, xa que a finais da década sería o grupo empresarial de José Rodríguez e Berta Pascual (vid. ficha 264) quen arrendaría a fábrica.

A comezos da década de 1970, “Rodríguez, Pascual y Cía.” trasladarían as súas instalacións ás de Conservas JOB en Cesantes, e a fábrica de Arcade sería ocupada como cocedoiro de marisco polo empresario de Vilaxoán, Alipio Santiago Ferro, quen despois enviaba as viandas que preparaba a fábricas de Arousa e de Vigo.

En 1978 a conserveira de Arcade pecharía definitivamente as súas instalacións, mantendo a maquinaria e útiles das instalación en bo estado de conservación.

Descrición Xeral do Entorno:

A conserveira asentouse na parte baixa do chamado Barrio da Estación, no estremo esquerdo do areal de Arcade, ao outro lado do peirao de Laforet, na marxe esquerda da desembocadura do río Verdugo no fondal da ría de Vigo.

Construcción:

1945.

Abandono:

1978.

Descrición:

A industria acomodouse no baixo da vivenda do propietario na proximidade do peirao de Arcade. Na súa finca, duns trinta metros de ancho e mais de cen metros de fondo, orientada do levante ao poñente, construiría tamén unhas dependencias anexas.

No conxunto, cun total de uns seiscentos cincuenta metros cadrados construidos, disporía as zonas de manipulación, envasado e almacén, ademais do comedor dos empregados, as oficinas e a casa vivenda.

A fábrica, no mesmo beiril do peirao, contaba daquela con acceso directo ao mar dende o patio, por medio dunha rampla e dunhas escaleiras, que daban acceso directo á praia, onde estaban algúns dos viveiros de moluscos propiedade da fábrica.

As instalacións contaban tamén cun acceso polo leste da finca, co portal a menos de cen metros da estación do ferrocarril, dende a que se despachaba moita produción para diversos puntos de España.

Tres pozos de auga potable na finca, cun depósito elevado (hoxe desaparecido) para reserva nos periodos de escaseza, garantían o abastecemento de auga ás instalacións fabrís e á vivenda. Para a limpeza e baldeo, contabase coa subministración de auga do mar por medio de bombas e uns sesenta metros de tubería.

Na estrema de poñente da finca, unha edificación rectangular, de cinco por trece metros e planta baixa, acollía o alfolín (depósito do sal) e os píos de salga. Enriba dela construiriase un primeiro andar para usos administrativos e oficinas da fábrica. Fronte deste edificio e doutro lado do patio, unha construción de planta baixa (hoxe en día desaparecida) servía como vestiario e comedor do persoal da fábrica.

Encostada polo leste, atópase a construción principal, de quince metros de fronte e doce de fondo, de dous corpos, co baixo con funcións de produción e a casa vivenda no andar superior. A planta térrea acollía as prensas da salga, a mesa de empaque e aceitado dos produtos, e as máquinas de engastado dos envases (chamadas sertidoras).

Acaroadas tras desta construción, atópanse tres naves rectangulares encostadas unha coa outra lonxitudinalmente, de catorce metros de fondo e, respectivamente, sete metros (a do norte), catro metros (a central), e seis metros (a do sur) de anchura. Nelas estaba a caldeira de vapor, o autoclave de esterilización, as mesas de escolleita e as pailas de preparación das frituras e salsas.

Nun almacén de oito metro de fondo e trece metros de ancho, acaroado pola fachada do leste das naves e que remata as instalacións da fábrica, depositabanse os produtos fabricados, envasados e preparados para a expedición.

Na actualidade, no interior das instalacións fabrís, conservase moito do equipamento produtivo, do que son merecedoras dun comentario singular as prensas do salpresado, construidas á maneira dalgunhas empregadas na elaboración do viño, cun parafuso central que xuntaba a fiola ou feixe (a travesa superior) e o pé da prensa, e co que se apertaban de a dous os espichadores contra os cascos (os barrís sicilianos) para extraerlle o saín ás sardiñas. Este sistema, ainda que so permite prensar dous barrís cada vez, ten a vantaxe da súa movilidade fronte os tradicionais, ao non precisar machos, argolas ou sables fixos no chan ou na parede, nin tampouco fusos afincados no chan ou no teito.

Consérvanse aínda: a caldeira de vapor; un autoclave duns tres metros cúbicos de capacidade (construido nos talleres León, en Vigo); dous pequenos autoclaves de un metro cúbico de capacidade (fabricados nos talleres David Ferrer, en Barcelona); unha antiga sertidora (engastadora) Somme; unha sertidora Somme tipo 115 (fabricada en Bilbao); unha sertidora Reinerts (fabricada bajo licencia por Somme, en Bilbao); unha sertidora Lubin & Weinfenbach (fabricada en Paris); unha sertidora Somme tipo 312 (fabricada en Bilbao).

Ademais destes equipos principais, consérvanse tamén unha afiadora, unha cortadora de folla de lata para a fabricación dos envases (sen identificación) e outra Oscar Haussner (fabricada en Chemnitz, Sajonia, Alemania); unha trituradora Alexanderwerk; carros de cocción, fritidoras, salseiras, pailas, balsinas, bidóns de aceite, grellas, mesa de escolla, mesas de aceitado e peche, máquina de cintaxe e peche de caixas…

Xunto coa maquinaria e instrumentos propios da industria, incluindo matrial de oficina, un amplo abano de ferramentas de caldeirería, carpintería e mecánica para o servizo e mantemento da fábrica completan a dotación que aínda pódese admirar na vella conserveira de Arcade.

O estado xeral de conservación é moi bo, e algunhas das pezas teñen sido coidadosa e curiosamente restauradas polo propietario. O conxunto pasa por ser o máis completo e representativo que existe en Galicia da industria da conserva de peixe e de marisco da segunda metade do pasado século XX.

Tempo de uso:

Todo o ano, aínda que con certa estacionalidade e intermitencia, dependendo das mareas da pesca ou do marisqueo dos produtos elaborados.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ao vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión (engastado). As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

O proceso de salpresado comezaba coa descarga do peixe das embarcacións e o traslado ao almacén ou salgadeira. Unha vez lavado, o peixe –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas– metíase nos píos da chanca coa salmoira (disolución saturada de sal en auga) onde se deixaba a salgar durante unha ou dúas semanas.

Rematada a salga, sacábase o peixe e levábase ao morto, onde colocábase coidadosamente nos cascos, que se tapaban poñéndolles un morto (o peso para prensar o peixe) enriba da tapa, axudando coas prensas para mellor extraerlle a graxa, graxa que escoaba dos cascos e ía por unhas canles ata os pozos do saín.

Este novo proceso de salpresado rendía moito máis que o primitivo salgado do peixe previamente descabezado, eviscerado e limpado, e as sardiñas – ao non teren graxas– non amarelaban como as do tradicional escochado e tiñan moito mellor aspecto, aínda que ao dicir dos entendidos non eran igual de saborosas que aquelas.
Unha variante moito máis laboriosa, que comezara a practicarse co bocarte, é a do anchovado ou anchoado, (do nome xenovés do bocarte) proceso que esixe que se lle retire a pel ao peixe e se prepare aberto, fileteado, eviscerado, sen raspa e desangrado antes de proceder ao seu salgado. Empregado principalmente co bocarte, ata o punto de quedarlle o nome de anchoa ao bocarte así preparado, o mesmo proceso e presentación da vianda nun tempo utilizárase tamén coa sardiña, sardiña anchoada.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do peixe. Persoal masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

Entre cincuenta e sesenta mulleres ocupábanse do preparado e enlatado do marisco. Un encargado controlaba o proceso e preparaba os mollos. Outro home miraba pola caldeira e polas instalacións. O terceiro home era o patrón do "Primavera", o barco da conserveira. O dono ocupábase da administración e das xestións comerciais da empresa.

Materias Primas:

Marisco e peixe, principalmente mexillón, ameixas, croques, sardiñas e bocarte.

Produtos Elaborados:

Bocarte salgado (anchoa) e conservas de mariscos e peixes, principalmente mexillón en escabeche, ameixas, croques en mollo de tomate, e sardiñas e xoubas en aceite.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Asociación Cultural A Cepa, 2009. As mulleres da conserva. Fernando Cuñarro Pintos (dir.), Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.

Berea Cruz, E.; García Movilla, C., 1993. Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Entremos na Panificadora. “Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. Fichas” Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo (IHPIRV) [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 25 de marzo do 2013].

Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

A Citania Arqueoloxía. Enseada de San Simón. Estudo de Potenciación Turística. Proxecto Marisma. [en línea]. Disponible na Internet: http://www.enseadasansimon.com [Último acceso 2 de abril del 2011].

Migueles González, J. “As antigas empresas”. Anecdotario Redondelán [en liña]. Dispoñible na Internet: http://anecdotarioredondelan.jimdo.com/as-antigas-empresas/ [Acceso 21 de marzo do 2013].

Niese, H., 1942. “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 643-647.

Román Losada, A., 2009. Sal, sardiña e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo da Enseada de San Simón, Redondela: Asociación Cultural Alén Nos [en línea]. Disponible na Internet: http://issuu.com/salamatu [Último acceso 2 de abril del 2011].

Román Losada, A., 2011. “De Conservas JOB a Rodríguez Pascual: una conservera en el interior de la ría”, Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (dir. e coord.). Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA, Pontevedra: Diputación de Pontevedra, p. 368-379. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Soto González, J.R.O., 10 de octubre del 2014. Conservas Sueiro. Comunicación personal a Manuel Lara Coira; entrevista en Arcade (Soutomaior, Pontevedra).

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 185-IV Soutomaior // Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 532.024,25 m / Y 4.687.807,53 m

Data de Actualización:

20 abril 2013 / 19 outubro 2014