287 Muíño de Ferreñas

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Vilarmaior
  • Parroquia: Santa María de Doroña
  • Lugar: Socamiño
  • Paraxe: Ferreñas
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.36745781994165
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.127970397472382
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 570.790,50 m / Y 4.802.231,61 m
  • Clasificación: Muíño de río
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño de canle
  • Comarca: Betanzos
  • Marco Xeográfico: Marxe dereita do río Baxoi, uns douscentos metros augas abaixo da xunta do río Anduriña co río de Vilariño, e uns cento trinta m
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Ferrol, dirixímonos cara a Miño, ben pola autoestrada AP-9 ou pola estrada nacional N-651. Ao chegarmos a Pontedeume continuamos até Campolongo e alí apartamos á esquerda pola estrada AC-131 uns mil catrocentos metros até Os Loureiros, onde continuaremos pola carreteira AC-151 cara ao interior do país. Ao chegarmos a Santa María de Doroña, apartaremos á dereita por Taeda, O Lodeiro e Rieiro cara a Socamiño. Antes de cruzar o río Baxoi pola Ponte do Pico, apartamos á esquerda por unha carreteira estreita; a pouco máis de cen metros atopamos o muíño de Ferreñas.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O aproveitamento da enerxía dos cursos de auga agáchase no principio dos tempos históricos. Primeiro como vía de comunicación a favor da corrente, aproveitando o natural discorrer das augas para o traslado e transporte de persoas e mercadorías varias. Xa nunha fase posterior do coñecemento técnico, para facer virar unha roda con fins diversos: elevación de auga para rega e abastecemento (noras); transmisión do xiro para moenda (aceas e rodicios); conversión do xiro en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras).

En moito tempo a enerxía hidráulica foi a única fonte para obtención de enerxía mecánica. Nas ribeiras dos ríos, necesitadas de enerxía para o accionamento das súas primitivas ferramentas, asentáronse as primeiras mostras da industria: muíños de cereal, batáns, forxas, teares, serras, muíños papeleiros…. O desenvolvemento da máquina de vapor liberou ás instalacións industriais do condicionamento espacial que supuñan os aproveitamentos hidráulicos, e o carbón, que substituiría á leña como fonte calorífica, tamén desprazou á enerxía hidráulica como fonte principal de recursos enerxéticos mecánicos.

Con todo, na derradeira década do século XIX a enerxía hidráulica habería ter un espléndido rexurdir vinculada a unha forma de enerxía que coñecería a maior difusión en todo o mundo: a electricidade.

As referencias máis antigas de muíños movidos pola auga lévannos á primeira metade do século III a.C., cun muíño de roda horizontal en Bizancio (Turquía), e ao ano 240 a.C., cun muíño de roda vertical en Alexandría (Exipto).

Os muíños de roda vertical figuran ben documentados por Vitrubio cara ao ano 25 a.C., con evidencias arqueolóxicas dos comezos do século I d.C. achadas en San Giovanni di Ruoti (Italia) e do ano 57 d.C. descubertas en Avenches (Suiza). Os traballos máis recentes sobre o complexo muiñeiro de Barbegal (Francia) o datan nos comezos do século II d.C. Do 275 d.C. é o muíño escavado en Roma (Italia), e de finais deste século II d.C. o de Martres-de-Veyre (Francia).

As evidencias arqueolóxicas dos muíños de roda horizontal máis antigas son de finais do século III en Chemtou e Testour (Túnez), e do ano 630 en Cork (Irlanda).

Consonte as evidencias arqueolóxicas, os muíños de roda vertical (aceas) foron difundidos por todo o Imperio Romano dende o século I despois de Cristo, mentras que os de roda horizontal (rodicios) non foran difundidos ata finais do século III, tamén d.C.

Malia a indiscutíbel gran difusión da muiñaría hidráulica, non é doado atopar vestixios porque os muíños construíanse a medio de estruturas de madeira e moitas veces sobre barcas ou aproveitando as pías das pontes, tamén de madeira. Só cando a construción faise con sólidas estruturas pétreas a súa pegada pode permanecer ao longo dos séculos.

No caso de Galicia, “o país dos mil ríos”, os cursos de auga van ser cumpridamente aproveitados ao longo da historia, e aínda que non contemos con evidencias arqueolóxicas, malia a case segura existencia de restos de madeira enterrados baixo os arrastres dos ríos e as lamas dos esteiros, os muíños do río Belelle (Neda) aparecen solidamente documentados dende a Idade Media, cando no ano 1111 dona Munia Froilaz de Traba funda o Mosteiro de Pedroso, en lembranza dun fillo morto nas augas do río Grande de Xubia.

A enerxía hidráulica vai ser tamén o motor fundamental da primeira industrialización. De feito, xa contra 1775 dátanse os primeiros aproveitamentos hidráulicos da Ilustración no río Xubia, na ría de Ferrol, os muíños de Lestache, construídos coa vontade de obter grandes producións de fariña para o abasto comarcal e aínda a exportación.

O muíño de Ferreñas aproveita as augas do río Baxoi na freguesía de Doroña (Vilarmaior, A Coruña), e fora edificado a finais do século XVIII, e muiñou, día e noite e sen atrancos, case douscentos anos, até o ano 1975, aproximadamente.

A propiedade do muíño repartíase entre dezaseis casas da parroquia, dos lugares de Brea, Casanova, Castro, Socamiño e Vilar. Cada un dos propietarios tiña unha "Concesión de Molienda", que estipulaba o tempo que lle correspondía moer a cada un deles, e as "Roldas" eran os turnos ou quendas nas que lle tocaba a cada quen, podendo intercambiarse en función das necesidades dos veciños, ou da disponibilidade do gran.

Traballábase fundamentalmente con mainzo e centeo, e con trigo en menor medida. As tarefas de mantemento do muíño, como a limpeza do cano, o retellado da construción ou a reposición de pezas do muíño, eran realizadas polos veciños.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño localízase nun entorno rural, na marxe dereita do río Baxoi, uns douscentos metros augas abaixo da xunta do río Anduriña co río de Vilariño, e uns cento trinta metros augas arriba da ponte do Pico.

Construcción:

Finais do século XVIII

Abandono:

1975

Descrición:

A presa érguese nunha revolta do río, derivando as augas pola marxe dereita por unha gabia ou cano de uns cincuenta metros de lonxitude que vai conformado case na súa totalidade por mampostos de pedra de gra ben escuadrados e remata nunha cal de gran pendiente que vaise estreitando cara ao rodicio, cun salto de algo máis de dous metros por riba do inferno do muíño. As augas volven ao leito do río tras un recorrido de algo máis de vinte metros.

No tramo final da cal, un rebaixe no seu hastial esquerdo permite aliviar as crecidas das augas e devolvelas ao río sen danar o muíño.

A construcción é de planta rectangular dunha soa altura, cunha superficie de aproximadamente 40 metros cadrados, feita con pedra mamposta e teito de lousa a dúas augas sobre cuberta de madeira. O chan do muíño e tamén de mampostos de pedra.

A porta ábrese mirando ao norte e un único oco, pequeno, sitúase sobre o socaz, na parede do poñente. O muíño construíuse cun so rodicio.

Entre a presa e o muíño, aproveitando a mesma levada da auga, construíuse máis recentemente un amplo lavadoiro cuberto.

O conxunto foi recuperado grazas as axudas da Unión Europea.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo do caudal que levara o río.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada aos recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.

O elemento ou conversor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar o eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ao non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de conversores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ao asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ao longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ao 60%.

A instalación do Muíño de Ferreñas ten un só rodicio (roda hidráulica horizontal), solidario cun eixo vertical que arrastra a moa xiratoria (capa) do muíño.

Actividades laborais:

Un só muiñeiro bastábase para sacar adiante o traballo, aínda que as veces contara con axudantes.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Centeo e millo (maínzo), e trigo en menor medida.

Produtos Elaborados:

Fariña de centeo, de millo, de trigo, e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Madrid: Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). ISBN 84-86850-64-9.

Fernández Lavandera, E.; Fernández Rodríguez, C.M., 1998. Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. ISBN 84-89908-29-X.

García-Diego Ortiz, J.A.; García Tapia, N., 1987. Vida y técnica en el Renacimiento. Manuscrito de Francisco Lobato, vecino de Medina del Campo. Valladolid: Universidad de Valladolid. ISBN 84-7762-104-7.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Madrid: Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros. ISBN 84-7790-147-3.

Lorenzo Fernández, X., 1983. Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, A.R., 2006. Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology. Leiden (The Nederlands): Brill. ISBN 978-90-04-14649-5.

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Granada-Madrid: J.M. Reyes-Fundación Juanelo Turriano. ISBN 84-89685-46-0.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-III Pontedeume // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 570.790,50 m / Y 4.802.231,61 m

Data de Actualización:

31 agosto 2013