288 Fábrica de Doroña

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Vilarmaior
  • Parroquia: Santa María de Doroña
  • Lugar: Cioi
  • Paraxe: A Ponte Carnota
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.3671107418157
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.139812350273132
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 569.823,92 m / Y 4.802.156,78 m
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel e cartón (papel de estraza).
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de tinas
  • Comarca: Betanzos
  • Marco Xeográfico: Ribeira do Baxoi na freguesía de Doroña
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Ferrol, dirixímonos cara a Miño, ben pola autoestrada AP-9 ou pola estrada nacional N-651. Ao chegarmos a Pontedeume continuamos até Campolongo e alí apartamos á esquerda pola estrada AC-131 uns mil catrocentos metros até Os Loureiros, onde continuaremos pola carreteira AC-151 uns setecentos metros cara ao interior do país. A pouco máis de setecentos metros, pasado Os Chaos, apartaremos á dereita por Breanca e A Fraga cara a Cioi. Cruzaremos o río Baxoi pola Ponte Carnota, e alí mesmo atoparemos, na marxe esquerda do río, a que fora a fábrica de papel de Doroña, hoxe chamada muíño de Cioi.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun creaba no corazón de China o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasaba a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.

Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos). A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde os operarios de Abu-Masayfa fabricaban de liño un papel de gran calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ó do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin, financiado nos seus traballos polos irmáns Sealy e Henry Fourdrinier.

O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ó aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta.

A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.

A escaseza de enerxía, e os altos prezos dos trapos e produtos químicos, maioritariamente importados, contribuían a facer a produción española moi pouco competitiva. Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, empregándose cordas, esparto ou palla, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación asociados ao emprego do carbón, o cloruro de cal e a sosa.

A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica construíuse na freguesía de Doroña, no paraxe do Cioi, na ribeira esquerda do río Baxoi ao seu paso polo termo municipal de Vilarmaior.

Construcción:

Antes de 1878, ano en que presenta mostras na Exposición Rexional de Lugo, e despois de 1849, pois non aparece citada no Madoz.

Abandono:

Como fábrica de papel, posibelmente nos comezos da década de 1910. Reconvertida en muíño fariñeiro, e cunha turbina de produción de electricidade, traballaría até finais da década de 1970.

Descrición:

Consonte aos datos recollidos, a fábrica de papel de Doroña sería construída despois do ano 1849 e antes do 1878 na marxe esquerda do río Baxoi, onde crúzase o río ao lugar coñecido como Cioi (Gayoso menciona Palai, un quilómetro máis ao norte) no paraxe da Ponte Carnota. Trala súa conversión en muíño fariñeiro, coñécese hoxe co nome de Muíño de Cioi.

A fábrica sería construida por Ramón Millarengo “de Puentedeume”, quen presentaba mostras de papel de estraza da súa fábrica na Exposición Rexional de Lugo de 1878. O despacho comercial facíase en Pontedeume, a uns sete quilómetros, por ser a poboación máis próxima con nó de comunicacións. No adro da igrexa de Santa María de Doroña atopamos o sepulcro de don Ramón Millarengo, morto o 5 de novembro de 1903 aos 74 anos.

A fábrica de papel de Ramón Millarengo aparece citada nos Bailly-Bailliere de 1833 a 1888. Nos posteriores, de 1900 a 1906 figura Francisco Millarengo como propietario en Doroña dunha fábrica de papel de estraza e un serradoiro de madeiras.

Coa xeneralización da subministración de electricidade nos anos seguintes á Guerra Civil (1936-1939) e a chegada dos muíños e as serras eléctricas, os muíños e serras accionados pola auga foran perdendo competitividade e serían a pouco abandonados.

Tralo o completo abandono da que fora fábrica de papel nos anos derradeiros do século XX, dende os comezos do século XXI, José Millarengo, o seu actual propietario, acometeu obras para adaptálas vellas instalacións como segunda vivenda.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose aos caudais que levara o río.

Sistema de produción:

O proceso tradicional de fabricación do papel pode describirse diferenciado nas súas cinco etapas fundamentais: 1) preparación da materia prima (fundamentalmente trapos), aventado, clasificación, esgazado, abatanado e fermentación en auga con cal; 2) preparación da pasta nas pías, desfacendo as fibras cos mazos do muíño (trinchado, afinado e refinado) ou elaborándoa nos cilindros refinadores; 3) formación das follas de papel na tina ou na máquina continua, filtrando coidadosamente co molde ou forma a pasta xa refinada; 4) prensado das follas de papel para eliminar a auga residual; e 5) secado das follas de papel.

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos bastante para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga con cal e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ao meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ao muíño de mazos.

Un apresamento construído nunha revolta do río permitía derivar as augas a unha canle construída na marxe esquerda, que, tras un percorrido de uns setenta metros, conducíaas ás instalacións da fábrica de papel, onde accionaban unhas rodas horizontais (rodicios) como as dos muíños fariñeiros.

Os rodicios viraban uns eixes verticais que contaban cuns mecanismos de coroa e piñón para a transmisión do xiro a uns eixos horizontais de accionamento dos diferentes mazos. Estes eixes tiñan unhas levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

Descoñécese a configuración precisa e detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi posible que contase xa dende o primeiro momento con muíños ou cilindros refinadores, cilindros nos que terían lugar as labores específicas de esfiañado, afinado e desleído e homoxeneización da pasta, tralo que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ao seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través da malla, pero as fibras nel retidas ao enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario. Similar proceso tiña lugar na máquina continua de Foudrinier, ben con máis rendemento.

Retirados os pregos dos moldes púñanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ao seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ao aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ao proceso de encolado co zume obtido ao espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ao aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ao sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

A chegada da electricidade supuxo en moitos casos a modernización das instalacións, substituíndo as rodas motrices por unha turbina hidráulica que arrastraba un xerador eléctrico, sendo entón a electricidade a que movía a maquinaria fabril.

No propio proceso de elaboración da pasta, a refinadora holandesa substituía ás vellas pías de esfiañado, afinado e disolvido. Nalgúns casos, a máquina semicontinua, tamén chamada redonda, de bombo o picardo, substituía o traballo do alabrén (o operario que fai a folla de papel na tina coa axuda do molde) e do poñedor (o que toma a forma do alabrén e pon a folla sobre o sayal para levala á prensa) e con ela se elaboraba o equivalente a catro ou cinco tinas.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do trapo, así como no levado das follas ao secadoiro. Persoal masculino no resto das labores, na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trapos.

Produtos Elaborados:

Papel de estraza.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Asunción Pastor, J., 2002. El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración. Barcelona: Parramón. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Bailly-Bailliere e hijos, 1895 a 1937. Almanaque Bailly-Bailliere. Pequeña enciclopedia popular de la vida práctica. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, J.L., 1966. “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Gayoso Carreira, G., 1965. “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994. Historia del papel en España. 3 vol., 2ª ed. 2006, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, Lugo. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Ministerio de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas de la industria del papel y cartón. publicadas de 1934 a 1943, Madrid.

Verea y Aguiar, J., 1803. Proyecto económico para promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia. Santiago de Compostela.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-III Pontedeume // Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 569.823,92 m / Y 4.802.156,78 m

Data de Actualización:

31 agosto 2013