291 Muíño da Fonte de Ínsua

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ferrol
  • Parroquia: Ferrol (urbana)
  • Lugar: Canido
  • Paraxe: A Fonte de Ínsua
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.48459416587993
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.243565559387207
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): Fuso 29 // X 561.252,51 m / Y 4.815.061,15 m
  • Clasificación: Muíño de vento
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño de torre fixa con cuberta xiratoria
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: As alturas de Canido, en Ferrol, totalmente expostas aos ventos dominantes no interior da ría, do primeiro e do terceiro cuadran
  • Ámbito: Rural (hoxe en día, urbano)
  • Acceso: No barrio de Canido, no casco urbano de Ferrol, na zona hoxe en día definida pola rúa Ínsua e a rúa Muíño de Vento

Tipo de propiedade:

Urbanizada

Visitable:

Non queda pegada algunha ao terse retirado a pedra para aproveitala noutras construcións da zona

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O aproveitamento da enerxía contida no vento mediante a súa conversión en enerxía mecánica foi levado a cabo pola humanidade desde a máis remota antigüidade. Se exceptúase a enerxía de orixe animal, cabe dicir que, xunto coa enerxía obtida dos cursos de auga, a enerxía do vento foi o recurso enerxético natural máis antigo na historia das civilizacións.

Ademais da navegación a vela (aparece xa nun gravado exipcio do Alto Imperio, uns 4.500 anos a.C.), cara ao ano 1700 a.C., Hammurabi, rei de Babilonia, chegou a proxectar o regadío da rica meseta de Mesopotamia con auxilio da enerxía eólica. Estes primitivos muíños de vento debían de ser de eixo vertical, sen dúbida análogos a aqueles cuxas ruínas aínda subsisten na meseta iraniana. En calquera caso, Persia, Iraq, Exipto e China considéranse o berce do aproveitamento da enerxía do vento.

Un estudo sobre pneumática de Herón de Alexandría no século III a.C., describe por primeira vez unha máquina eólica de eixo horizontal de catro pas en forma de cruz que accionaba unha bomba de aire para alimentar as frautas dun primitivo órgano.

En calquera caso, até o século IX non é posible atopar un documento histórico irrefutable no que se faga mención ao uso dos muíños de vento como práctica xeneralizada. Este documento é o Libro de Enxeños Mecánicos, dos irmáns Banu Musa, datado no ano 850.

A difusión do muíño de vento como máquina capaz de producir enerxía mecánica segue dúas canles ben diferentes: o primeiro, coa civilización islámica, ocupa todo o Mediterráneo e chega até a metade sur da Península Ibérica; o segundo parte do triángulo formado por Bretaña, Inglaterra e os Países Baixos.

Os muíños de vento aparecen na Idade Media (séculos XII e XIII) en Italia, Francia, España e Portugal. Algo máis tarde localízanse en Alemaña, Países Baixos e Inglaterra. Atópanse documentados muíños de vento en Lisboa (1182), Alcobaça (1262), e Évora (1303), e desde o ano 1350 utilizábanse muíños de vento con catro aletas dispostas en cruz para a desecación dos polders holandeses. Tamén utilizábanse xa nestas datas para extraer o aceite de noces e grans, serrar madeira, transformar trapos vellos en papel, preparar colorantes en po e elaborar pólvoras.

Pode entón dicirse que, aínda que o aproveitamento da enerxía eólica data das épocas máis remotas da humanidade, é a partir dos séculos XII e XIII cando empeza a xeneralizarse o uso dos muíños de vento para a elevación de auga e a moenda de gran, baseados en deseños moi rudimentarios que, con diversas melloras, especialmente nos sistemas de regulación e orientación, manteranse até ben entrado o século XIX.

O desenvolvemento dos muíños de vento interrómpese coa revolución industrial e a utilización masiva do vapor, a electricidade e os combustibles fósiles como fontes de enerxía motriz. Os muíños eléctricos pronto viñeron substituír aos muíños fariñeiros accionados pola forza do vento, do mesmo xeito que a aqueles outros que eran accionados pola auga dos ríos ou do mar.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño de Canido situárase nas alturas da vila ferrolana que dominan o interior da ría. O emprazamento é moi favorable para os ventos do primeiro e terceiro cuadrantes, os ventos do nordés e os do suroeste que varren a ría de Ferrol.

Construcción:

Atópase documentado arredor do ano 1782 nunha pintura de Pedro Grolliez de Servier.

Abandono:

A súa desaparición foi paulatina, posibelmente acelerada dende mediado o século XIX e consumada xa nos comezos do século XX, coa chegada dos muíños de vapor e da electricidade.

Descrición:

O barrio de Canido foi desenvolvéndose a partires das casas e os rueiros que atopábanse ao longo do vello camino que subían dende a capela de San Roque ata o cumio do monte, para baixar despois pola fonte de Ínsua cara á Malata e a Serantes.

A aldea de Canido era daquela eminentemente rural, coa meirande parte dos veciños labradores e gandeiros, e nela salientaba un amplo edificio de catro corpos, A Tafona, e o muíño de vento próximo á fonte.

A fonte de Ínsua sería desprazada en 1789 polo enxeñeiro Dionisio Sánchez Aguilera uns dezaseis metros máis abaixo da súa localización primitiva, dotando á nova fonte con dous canos, un lavadoiro público e un bebedoiro para o gando. O lavadoiro vai ser substituído en 1958 por outro de nova construción.

O muíño da Fonte de Ínsua figura representado na pintura de Pedro Grolliez de Servier de 1782, polo que ten que ser anterior a esa data. Figura tamén no plano de López Sopeña de 1786 e en ilustración e planos datados con posterioridade.

Na documentación á que se tivo acceso identifícanse na beira norte da ría de Ferrol tres muíños: o primeiro no alto de Brión; o segundo na Punta da Barca (ficha 196), e o terceiro, este do alto de Canido.

Os muíños de vento tiveron notábel importancia, xa que eran daquela a única alternativa de moenda próxima para muitos veciños, que tiñan senón que desprazarse a moer ata os muíños de río existentes nos vales próximos, ou empregar os modestos muíños de man domésticos.

A tipoloxía dos muíños iría sen dúbida evolucionando e introducindo melloras técnicas co paso dos anos. Nalgunha das representacións existentes figuran o que poden ser muíños de pivote; noutras os muíños semellan seren de torre e cuberta fixa, coas aspas sen posibilidade de orientación. Mesmo nalgún documento fálase dun muíño “de aspas interiores” contraposto aos “de aspas bolantes por fuera”, no que parece ser unha referencia a un muíño de eixo vertical.

Os muíños máis modernos eran da tipoloxía de torre fixa e cuberta xiratoria, e posibelmente contaban con dúas moas. Non coñecemos os datos certos da súa descrición, polo que se xunta unha xenérica desta tipoloxía, que semella acaída para o muíño da Fonte de Ínsua, en Canido.

A construción adoitaba realizarse en cachotería de granito, cunha planta circular de uns tres metros e medio de diámetro e unha altura sobre o chan de cerca de catro metros e medio. A iso dun metro e medio sobre o piso dispúñase no interior unha repisa de madeira todo arredor, accesible a medio dunha escaleira tamén de madeira para o acceso ás moas.

A cuberta e o teito se conformaba con táboas de madeira dispostas a modo de cono sobre unha estrutura ou trabe circular cunhas rodiñas que rulaban nun raíl encaixado na soleira da parede e que permitían xirar todo o teito, co eixe e as aspas a il suxeitas, para orientalo muíño ao vento. A tal fin, a cuberta contaba cun pau inclinado cara ó chan (o rabo) situado na parte contraria as aspas e que o muiñeiro podía manexar dende fora do muíño para virar a cuberta na procura da orientación desexada. O rabo (ou goberno) atábase a unhas estacas ou cepos espichados no chan para asegurar a posición elixida.

Na cuberta apoiaba horizontalmente o eixo do muíño, chamado árbore, coas aspas dispostas no exterior e cunha roda dentada (a coroa ou catalina, de entre un metro dez e un metro cincuenta de diámetro) solidaria co eixe na parte interior do muíño.

A catalina engrenaba cunha roda pequena (o piñón, lanterna ou farol) construída con dous discos de madeira de uns vinte e catro centímetros de diámetro xunguidos entre si por travesas tamén de madeira. Este mecanismo transfería o xiro do eixe horizontal ó eixo vertical que facía xirar a capa (moa xiratoria ou pedra voandeira) sobre o pe (moa fixa ou pedra durminte) do muíño. O mesmo que nos muíños hidráulicos, o eixo vertical descansaba sobre unha trabe que podía subir e baixar, para regular a finura da moenda variando a altura da capa sobre o pe.

O extremo exterior da árbore vai atravesada radialmente por catro paus de uns cinco metros e medio de longo, dispostos perpendicularmente e que configuran as oito vergas nas que ían as catro velas triangulares suxeitas con cordas.

Ademais da porta de entrada, o muíño adoitaba contar na súa metade superior con unha ou dúas ventás situadas unha fronte a outra.

Tempo de uso:

Todo o ano, ¡sempre que houbera vento bastante!

Sistema de produción:

A distribución non uniforme da enerxía absorbida pola atmosfera, e a consecuente formación de gradientes térmicos, é a causa primaria do movemento das masas de aire e por tanto, orixe da enerxía eólica, ou enerxía do vento.

A radiación solar, absorbida irregularmente pola atmosfera, dá lugar a masas de aire con diferentes temperaturas e polo tanto, diferentes densidades e presións. Estas masas de aire, ao desprazarse desde as altas presións cara ás baixas presións, dan lugar ao fenómeno meteorolóxico coñecido como vento.

Por conseguinte, podería entenderse como aproveitamento dos recursos eólicos calquera forma de aproveitamento da enerxía do vento, dos que existen non poucos exemplos: dende a navegación a vela á dispersión de contaminantes atmosféricos. Con todo, é costume agrupar baixo tal designación a conversión da enerxía do vento en enerxía mecánica, e emprégase este termo cada vez con máis frecuencia para referirse á conversión da enerxía do vento en enerxía eléctrica.

Ao actuar sobre as pas do muíño de vento, as masas de aire en movemento ceden ao mecanismo parte da súa enerxía cinética e obrígano a virar ao redor do seu eixo, proporcionando así unha enerxía mecánica de rotación que pode despois aplicarse a distintos fins, como facer virar un muíño, accionar unha bomba, mover unha serra, ou mesmo arrastrar unha dínamo ou un alternador para producir enerxía eléctrica.

Nos muíños de vento construídos en Galicia para moenda de cereais, as aspas están dispostas sobre un eixo horizontal, polo que hai que transferir o xiro mediante unhas engrenaxes (coroa e lanterna) a un eixo vertical, que é o que acciona a capa ou moa xiratoria do muíño. Ademais, normalmente o conxunto das aspas pode virarse á vontade do muiñeiro para orientalas e enfrontalas ao vento da mellor maneira para o aproveitamento enerxético.

Nalgún caso, como ocorre cos existentes en Catoira, os muíños foron construídos co eixo na dirección dos ventos dominantes no seu emprazamento e sen posibilidade de orientación, dotándoos por iso de pas en ámbolos dous extremos para aproveitar os ventos principais e os seus opostos, que son os que alí sopran habitualmente.

Actividades laborais:

O muiñeiro, e ás veces un axudante eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Centeo, trigo, e millo (maínzo).

Produtos Elaborados:

Fariñas de centeo, de trigo, de millo (maínzo), e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, B., 1991. Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Cádiz Deleito, J.C., 1992. Molinos de viento. Historia de las máquinas eólicas, ilustraciones de Juan Ramos Cabrero, Empresa Nacional de Electricidad S.A. (ENDESA), Madrid: Tabapress. DL M-39267-2011. ISBN 84-7952-096-5.

Caro Baroja, J., 1952. "Disertación sobre los molinos de viento”, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, VIII, Madrid, p. 212-366. ISSN 0034-7981.

Caro Baroja, J., 1983. Tecnología popular española. Colección ‘Artes del Tiempo y del Espacio’, 6. Madrid: Editora Nacional. ISBN 84-27605-88-9.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Lara Coira, M., 1990. Las energías renovables y Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-1531-1990. ISBN 84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-544-1991. ISBN 84-604-0101-4.

Llano Cabado, P. de, 1983. Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas. Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. DL VG-375-1983. ISBN 84-85665-08-2.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 671-681.

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Fundación Juanelo Turriano, Granada: J.M. Reyes. DL GR-506-2001. ISBN 84-89685-46-0.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 561.252,51 m / Y 4.815.061,15 m

Data de Actualización:

7 setembro 2013