297 Estaleiro de Montenegro

Galería de Fotos

VerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo (anteriormente, até 1941, Lavadores)
  • Parroquia: San Salvador de Teis
  • Lugar: Ríos
  • Paraxe: Areal de Ríos
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.25707889329093
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.692309856414795
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 560.031,03 m / Y 4.814.979,83 m
  • Clasificación: Construción naval
  • CNAE: 30.11 Construción de barcos e estruturas flotantes.
  • Tipoloxía: Carpintería de ribeira industrial
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Enseada de Teis, na marxe esquerda da ría de Vigo
  • Ámbito: Periurbano
  • Acceso: No centro urbano de Vigo buscaremos a rúa García Barbón e seguirémola até o final, cara a Guixar. Na rotonda enfiaremos pola dereita a rúa Sanjurjo Badía que seguiremos até a avenida de Galicia, onde apartaremos á esquerda pola avenida da Marina Española, pola que baixaremos até a beiramar, onda os estaleiros de Ríos

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo-terrestre

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Nunha rexión como Galicia, con extensa costa, algunhas lagoas e numerosos cursos fluviais, debe sen dúbida ser case tan antiga como a aparición do home a industria de construción e reparación de embarcacións, aínda que ata o momento só poidamos remontarnos no tempo ata o achado dunha embarcación prehistórica —a monóxila— feita do tronco oco dunha árbore e desenterrada dos lodos prehistóricos da lagoa de Antela.

Desde este remotísimo descubrimento, e sen dubidar de que a construción de embarcacións mantívose activa en tantos séculos escuros, a falla de máis datos obríganos a un prodixioso salto na historia, que nos leva aos albores do século XII, cando as correrías dos normandos e os zanfoneos dos árabes fixeron, por fin, pensar en defenderse no mesmo elemento mariño.

Iniciada a actividade naval militar en Cantabria e Cataluña, a mariña castelá tomou en Galicia as súas primeiras naves, e contra 1122 Diego Xelmírez emprendeu a tarefa de crear a primeira escuadra galega: ordenou traer desde Arlés, Pisa e Xénova expertos en construción de barcos e homes entendidos nas prácticas do mar. Coa construción baixo a dirección do Mestre Oggiero de dúas galeras birremes nos afamados estaleiros de Iria Flavia, establécese a primeira base naval da armada galega no mar de Arousa.

O inicio do século XIV trasládanos á desembocadura do río Belelle no mar de Xubia (ría de Ferrol) para encontrar os arsenais nos que os carpinteiros de Neda construíron as naves que en 1340 ao mando do capitán Alonso Esquío combateron aos berberiscos no sur peninsular, e cuxa destacada intervención moveu á concesión por Alfonso XI de foros e privilexios á Vila de Neda.

A finais do século XV, cando os Reis Católicos confirmaron á Vila de Foz as súas franquías e inmunidades, os seus estaleiros eran dos principais de Galicia, destacando tamén nesta época os estaleiros de Pontevedra e –xa a principios do XVI– os diversos arsenais da ría ferrolá fundamentalmente ocupados na construción de galeras para a armada real.

Se xa en 1346 se documenta o transporte de vino desde Ribadeo a Brest, non é de estrañar a solvencia dos seus varadoiros, nos que tamén se reparaban as embarcacións que transportaban madeira a Andalucía e retornaban co valioso sal.

Noia é outra poboación costeira que destaca no século XVII, xunto coas xa nomeadas, pola calidade dos seus estaleiros e varadoiros.

Serían sen dúbida numerosos, ademais destes establecementos principais, os pequenos estaleiros e carpinteiros de ribeira diseminados polas praias e enseadas galegas. Recoñécese incluso como frecuente o desprazamento dos mestres y operarios de algún estaleiro para a construción das embarcacións que se demandaban en circunstanciais emprazamentos que se configuraban como varadoiros para a ocasión.

A pesca e o comercio marítimo souberon das gabarras de Viveiro; as bucetas de O Barqueiro; os barlotes de Bares; os traiñóns de Cariño; os trincados de Maniños e Barallobre; as miñotas de Miño e as sadiñas de Sada; as lanchas de Fisterra; os galeóns de Arousa; as batelas e os anguleiros de Tui; os botes, menuetas, chalupas, gamelas, chalanas, faluchos,pataches… e, por suposto, as dornas: dornas de O Son, de Castiñeiras, de O Grove…

Estaleiros de Domaio, de Baldráns, de Cangas, de Coruxo… Afortunadamente podemos recuperar a memoria de moitos deles nos traballos de Staffan Mörling ou de José María de Juan-García. Non son, sen embargo, demasiados os que hoxe sobreviven á invasión do ferro e, sobre todo, dos plásticos. Aínda estamos a tempo de fixar no recordo a pegada da maioría de eles e aínda quizá de conservar a memoria viva do traballo amoroso de algún dos que, en verbas de Antón Avilés de Taramancos, “na outra banda do mar…están a construír a torre de cristal da miña infancia”.

Descrición Xeral do Entorno:

Os estaleiros sitúanse a carón do que fora a Base Naval de Ríos, despois Escuela de Transmisiones y Electrónica de la Armada (ETEA), na marxe esquerda da ría de Vigo.

Construcción:

Cara a 1940.

Abandono:

A construción en madeira rematara aló por 1982. A construción en aceiro e as reparacións continuarían até o ano 2009.

Descrición:

A empresa “Astilleros Varaderos Montenegro, S.A.” fora estabelecida contra 1940 por Francisco Montenegro Martínez, quen traballara no estaleiro de Francisco Cardama en Vigo, polo que chamábanlle tamén “Cardamilla”.

Tres dos seus fillos continuaron co estaleiro, que evoluiría á construción en aceiro dende a de madeira.

Cara a 1982 construirían os derradeiros barcos de madeira, Crucero de Síngulis, Crucero de Io, e Cardamiña, destinados a pasaxe de viaxeiros.

Os estaleiros de Montenegro irían deixando de construir barcos para dedicarse únicamente ás reparacións de buques, e cara ao ano 2002 a empresa arrendaría parte das súas instalacións á construtora naval MCíes. Ámbalas dúas empresas suspenderían pagos e entrarían en concurso de acreedores no ano 2009.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso de construción que tradicionalmente seguiron os carpinteiros de ribeira artesanais é de tipo secuencial.

O barco contrátase sobre a base dunhas dimensións principais (eslora total, manga fora de forros e puntal de construción) e unha sinxela especificación de materiais, cuxa complexidade aumenta co tamaño.

O carpinteiro define a forma do casco coa elaboración da maqueta ou maqueto, un modelo a escala reducida do medio casco en madeira, ou ben, no canto de embarcacións menores, mediante a construción e o montaxe dos elementos principais (roda, codaste, unha ou varias cadernas), que sérvenlle de elementos directores para obter a superficie empregando rixideiras (junquillos).

A elaboración das pezas que van formar a estrutura comeza coa selección da madeira, e continua co trazado e o corte. O proceso construtivo, así sinxelamente descrito, remata co montaxe a bordo e o ensamblaxe dunhas pezas coas outras.

No traballo tradicional xeralmente non se facían planos, gozando dunha ampla liberdade para definir as formas do casco e os aspectos construtivos da estrutura, respectando as dimensións principais e os escantillóns dos elementos básicos do proxecto. As montaxes mecánicas as realizaba normalmente persoal alleo ao estaleiro.

Ademais da propia dimensión empresarial, a carpintería de ribeira industrial tiña como diferenzas significativas o feito de que traballábase sempre sobre plano e de que dispuñan de un cadro de persoal estable, ademais de que xeralmente levaban a cabo as montaxes mecánicas nos seus propios talleres.

Os traballos en aceiro de caldeiraría e chapa revisten menor complexidade, podendo resumirse no debuxo e marcado, corte, pregado, montaxe, axuste e acabado.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

No momento da suspensión de pagos (2009) tiña vinte traballadores na plantilla.

Materias Primas:

Madeira, estopa e brea, cravazón e pernería, e pintura.

Produtos Elaborados:

Embarcacións de variado porte.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Artime González, A., 1994. La construcción de embarcaciones de madera en los astilleros de Luanco, Luanco: Museo Marítimo de Asturias. ISBN 84-86889-28-6.

Ateneo Ferrolán, 2009. A construcción naval na ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Berea Cruz, E.; García Movilla, C., 1993. Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, X., 2009. “El patrimonio industrial maritimo en Galicia: la conservación de la pesca y la construcción naval”. Il patrimonio industriale marítimo in Italia e Spagna. Strutture e territorio (Genova, 26-27 ottobre 2007). A cura di A. di Vittorio, C. Barciela López, P. Massa. Societá Italiana degli Storici dell’Economia e Universitá degli Studi di Genova, p. 167-186. Genova: De Ferrari.

Entremos na Panificadora. “Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. Fichas” Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo (IHPIRV) [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Acceso 5 de outubro do 2013].

Giráldez Rivero, X., 1987. O antigo concello de Lavadores. Unha aproximación histórica, 2ª ed. 2007, Asociacion Veciñal Cultural e Deportiva de Lavadores, Pontevedra: Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra. DL PO-81-2007. ISBN 978-84-8457-281-1.

Juan-García Aguado, J.M. de, 2001. La carpintería de ribera en Galicia (1940-2000), Monografías nº 95, A Coruña: Servicio de Publicacións da Universidade da Coruña. DL C-2261-2001. ISBN 84-95322-71-4.

Lara Coira, M., 2009, “Carpintería de ribera”, Gallegos, número 5, I trimestre 2009, Ensenada de Ézaro, Santiago de Compostela, p. 94-97. DL VG-549-2008. ISSN 1889-2590.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Carpinteiros de ribeira”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, Vol. II, p. 486-491. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, X., 1983, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Massó y García-Figueroa, J.M., 1992, Barcos en Galicia. De la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre, (2ª ed.), Diputación Provincial de Pontevedra, Pontevedra. ISBN 84-86845-7629-3.

Mörling, S., 1989. As embarcacións tradicionais de Galicia, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. DL C-1237-1989. ISBN 84-453-0070-9.

Pazos Pérez, L.J., 2009. Aqueles barcos de madeira. Carpinterías de ribeira. Apuntamentos para una memoria marítima de Galicia. Pontevedra: Damaré Edicións. ISBN 978-84-935835-8-3.

Sobrino Fagilde, I., 2008. Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur), Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia [en línea]. Disponible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 27 de junio del 2013].

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-I Cangas // Fuso 29 // X 560.031,03 m / Y 4.814.979,83 m

Data de Actualización:

6 outubro 2013