298 Aguas de Mondariz

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Mondariz-Balneario (anteriormente, até 1924, Mondariz)
  • Parroquia: Nosa Señora de Lurdes de Troncoso (esgazada de Santa Olaia de Mondariz)
  • Lugar: Mondariz Balneario
  • Paraxe: Chan da Gándara
  • Dirección: Avenida de Enrique Peinador, s/n – 36890 Mondariz Balneario (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.22696023791463
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.465920686721802
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 544.222,44 m / Y 4.675.293,03 m
  • Clasificación: Balneario e embotelladora de auga
  • CNAE: 11.07 Fabricación de bebidas no alcohólicas; produción de augas minerais e outras augas embotelladas. 55.90 Otros alojamientos (
  • Tipoloxía: Augas de mineralización débil-media, bicarbonatadas sódicas, fluoruradas, litínicas e sulfuradas
  • Comarca: O Condado
  • Marco Xeográfico: Val do río Xabriña na súa confluencia co río Tea
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Vigo colleremos a autoestrada A-52 cara a Ourense e Madrid, que deixaremos tomando a saída 294 cara a Ponteareas e Mondariz. Continuaremos uns oito quilómetros pola carreteira PO-254, e tras pasar Ponteareas, chegaremos ás modernas instalacións hostaleiras que inclúen balneario e campo de golf.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

O complexo pódese visitar libremente polo exterior, tanto na zona da fonte de Troncoso como na da fonte de Gándara, xardíns e paseos. Para información do Balneario de Mondariz, Tel: +34 986 656 156, Fax: +34 986 656 186, URL: http://www.balneariomondariz.es

Historia:

O aproveitamento con fins máxicos, sacros ou curativos, das surxencias de augas de especiais características de temperatura, color, olor ou sabor, pérdese nas revoltas dos tempos idos. Na meirande parte dos aproveitamentos do que hoxe denominamos augas mineiromedicinais, os datos máis antigos remóntanse á ocupación romana, arredor do século primeiro da era cristiana.

Como ocorrera antes na Europa Central, a práctica dos baños termais váise recuperar en España nos comezos do século XVIII, co redescubrimento das caldae romanas, numerosas ao longo das viae que atravesaban a Península Ibérica, e das alhamas árabes, de importancia nas terras meridionais dela, xunto coa difusión das novas ideas sobre a saúde corporal, co apoio da química analítica no estudo científico das augas e as súas aplicacións terapéuticas.

A primeira reglamentación sectorial, reinando Fernando VII, xurde en 1816, e entre outros aspectos vaise estabelecer a figura do Director Médico, retribuído pola Administración Pública e que vai responsabilizarse da sanidade e hixiene dos centros balnearios. As primeiras casas de baños con regulación oficial en Galicia van ser as de Caldas de Cuntis, Caldas de Reis, e Caldelas de Tui, na provincia de Pontevedra, e Cortegada, na de Ourense.

A partires da segunda metade do século XIX, a concurrencia de enfermos ás instalacións balnearias vai ampliarse coa nova figura do bañista ou auguista, un personaxe fundamentalmente urbano que vai acudir coa súa familia a pasá-lo verán nunha estación termal, como era xa moda nos balnearios alemáns, franceses e suizos. Sen perder a súa natureza terapéutica, os baños van mudar en poderosos centros de sociabilidade que alternaban actividades deportivas, culturais, lúdicas e festivas. Os novos establecementos balnearios van complementar as fondas e casas de veciños existentes coa construción dun “gran hotel” para aloxar aos bañistas.

Nos primeiros anos do século XX vai comenzar a decadencia balnearia, co deterioro do paradigma hixienista polos avances da medicina hospitalaria e farmacolóxica como remedio para as doenzas. Un primeiro capítulo dos balnearios españois váise pechar coa Guerra Civil (1936-1939) e unha longa posguerra que vai facer caer a renda dos españois durante máis de vinte anos.

Xa nos anos finais da década de 1980, o esforzo dos propietarios e as axudas das administracións públicas, van recuperar o turismo balneario, nesta volta con novos criterios comerciais, máis dinámicos e modernos, orientados a usuarios de tóda-las edades e condicións.

No que atinxe a Mondariz, dise que a finais do século XI había uns baños na zona, quizabes de orixe romana, a carón dunha das tres ramas na que se dividía a cuarta vía militar de Braga a Astorga. Fora como fose, como os demais baños dos seus reinos, serían derrubados a instancia de Afonso VIII de Castela e León despois da batalla de Uclés (1108), por afeminar ás súas tropas.

Porén, di a tradición que no verán de 1282 casara neste burgo de Troncoso o rei Dinís de Portugal coa infanta Isabel de Aragón, quen tomaba as augas destas fontes pola súa delicada saúde.

Probabelmente, as augas serían aproveitadas ao longo da Idade Media polos moradores do próximo Castelo de Sobroso, baixo cuxa xurisdición manteríanse as terras de Mondariz até o fin do Antigo Réxime.

Unha das primeiras referencias modernas (1772) atópase na obra de Pedro Gómez de Bedoya encol as fontes minerais de Galicia, na que describe a fonte medicinal do lugar de Saedoiro, no burgo de Troncoso, a carón do río Tea. Xa contra 1845, Pascual Madoz recoñecía dúas fontes medicinais na freguesía de Santa Olaia de Mondariz, unha “nitrosa, boa para enfermidades cutáneas” (a fonte de Troncoso) e “ferruxinosa, que facilita a dixestión e abre o apetito” a outra (a fonte de Gándara).

As augas de Mondariz figuran tamén citadas por Pedro María Rubio no seu Tratado Completo de las Fuentes Minerales de España (1853). Porén, considérase que as augas da fonte de Troncoso descubríranse cara a 1862 por Domingo Blanco Lage, un sacerdote afeccionado á meiciña que as mandaría analizar e daríaas a coñecer, e quen as explotaría en solitario coa axuda financeira que supuñan as esmolas dos auguistas.

A corporación municipal acordaría contra 1867 mellorar as precarias condicións da fonte de Troncoso, abrir un camiño de acceso e construir en cantería un pequeno pío ou baño de sesenta centímetros de profundidade e metro e medio de lado, e unha tosca fonte de pedra con cano de ferro. Malia as dificultades, medraba o número de doentes que achegábanse ao manacial.

Comezaba a década de 1870 cando o médico Sabino Enrique Peinador Vela, na compaña do enxeñeiro de minas Isidoro Sebastián Buceta Solla, atopaban no cercano val de San Pedro e a pouco máis de oitocentos metros da fonte de Troncoso, o manancial de Gándara, unha charca de pouco máis dun metro cadrado na que burbullaban as augas.

Confirmada a mineralización das augas, Enrique Peinador adquiriu o terreo no que abrollaban, e xunto coa súa nai e o seu irmán Gumersindo Ramón, estabelecería a razón social “Señora Viuda e Hijos de Peinador”, orientada á explotación das augas medicinais de Mondariz.

O 22 de febreiro de 1873, Gumersindo Ramón Peinador Vela, empregado na Deputación Provincial de Pontevedra, solicitaba ante o Ministerio da Gobernación a declaración da utilidade pública das augas, a autorización de apertura dun establecemento de augas minerais nun predio da súa propiedade cercano ao manancial e “a concesión de explotación dunha filtración de auga de idénticas características na beira do río Tea”, mención ambigüa que agochaba o nome da fonte de Troncoso. O Goberno da Primeira República declarou a utilidade pública en orde do 16 de xuño de 1873, autorizando unha casa de baños e unha hospedería.

Malia os recursos presentados polo Concello de Mondariz, denunciando o subterfuxio para a apropiación da fonte de Troncoso, un predio comunal utilizado gratuitamente polos veciños, o 1 de febreiro de 1905, despois de trinta anos de litixios, a Audiencia Territorial da Coruña concedía a propiedade da fonte de Troncoso aos irmáns Enrique e Ramón Peinador Vela.

Xa no verán de 1873, a fonte de Gándara foi acondicionada para tomar as augas con certa comodidade, e amais de administrar as augas en bebida e proporcionar algúns baños nas casas veciñas en condicións precarias, os irmáns Peinador comezaran o embotellado e distribución das suas augas, que sería a primeira fonte de ingresos da sociedade.

En 1880 inaugurabase a primeira casa de baños, un modesto edificio de dúas plantas con cinco salas de baño e dezasesis cuartos de hóspedes, amais das dependencias da dirección e as oficinas. Cunha capacidade de corenta a cincuenta baños diarios, a capacidade do estabelecemento axiña deveu insuficiente, con case un milleiro de enfermos ao ano dende 1886.

O sono dunha vila termal orientada ás necesidades e gustos da alta sociedade da época comezaría en 1898, coa inauguración do Gran Hotel deseñado polo arquitecto Genaro de la Fuente Domínguez.

Xubilado Enrique e baixo a xestión do seu fillo, Enrique Peinador Lines, acometeríanse varias reformas proxectadas polo arquitecto Antonio Palacios Ramilo e o seu socio Joaquín Otamendi, comezando pola remodelación da estrutura que revestía a fonte de Gándara, na que iría entestada no soar da antiga casa de baños, unha nova planta de embotellado, capaz de producir ata dez mil botellas diarias e que inauguraríase en 1914.

A fonte de Troncoso, rematado o litixio co Concello, sería tamén obxecto de reformas e acondicionamiento, mellorando a captación do manancial, levantando un muro de protección fronte ás cheas do río Tea, e construíndo unha protección de ferro e vidro para os auguistas e un taller de embotellado cara a 1910.

Baixo a dirección de Palacios, complexo iríase completando cun novo Hotel Sanatorio (1909), o edificio de Comunicacións Postais e Dirección Médica (1912), e un pasaxe cuberto designado como “La Baranda” (1915-1926) no que se instalaron pequenos comercios e cuxas arcadas servían de piso a vivendas e gabinetes destinados a terapéutica física. Este último edificio é o que acolle ao moderno balneario.

Nas primeiras décadas do século XX comezará unha lenta decadencia, que vai acelerarse arredor de 1933 coa marcha de Enrique Peinador Lines, a conversión das instalacións en hospital militar durante a Guerra Civil (1936-1939), e o acceso á xerencia na década de 1940 dun home de confianza do Banco Pastor.

O 9 de abril de 1973 un incendio destruiu o Gran Hotel e o conxunto das instalacións viviría uns anos de incerteza e abandono. Finalmente, o 1 de xullo de 1988 tiña lugar a absorción de “Aguas de Mondariz, Hijos de Peinador, S.A.” pola sociedade “Aguas de Mondariz, Fuente del Val, S.A.” (que en 1898 iniciara a explotación doutro manancial cercano), que facíase deste xeito co control de ámbalas dúas sociedades e comezaba un ambicioso proxecto de recuperación coa potenciación do embotellado nunha moderna planta construida nas instalacións da Fonte do Val.

A recuperación da vila termal continuou dende 1994 coa restauración do edificio “La Baranda”, á que seguiría a restauración e modernización das outras edificacións, a construción do Palacio da Auga e do campo de golf, configurando dende o ano 2005 un moderno complexo lúdico e terapéutico.

Descrición Xeral do Entorno:

O balneario acomodouse no val situado na ribeira esquerda do río de Xabriña na súa confluencia co río Tea, tamén na súa marxe esquerda, na surxencia de augas mineiro medicinais coñecida como Fonte do Chan da Gándara.

Construcción:

Non se teñen datos das construcións máis primitivas e da súa época de actividade. O complexo balneario “moderno” construiriase dende 1873 en adiante, cos fitos anteriormente sinalados, a primeira casa de baños en 1880, o gran hotel en 1898, etc. A recuperación da actividade balnearia comezou contra 1994 e deuse por rematada no ano 2006 na súa actual configuración.

Abandono:

Caera en práctico desuso dende a década de 1940. Dende o ano 1987 comezou a recuperación do complexo, que, xunto cunha moderna planta de embotellado situada na Fonte do Val, inclúe un moderno balneario e un conxunto lúdico-termal, un hotel de primeira categoría, un centro de congresos e convencións, e un campo de golf.

Descrición:

Consonte o estudo da Xunta de Galicia, as augas son bicarbonatadas sódicas, fluoruradas, litínicas e sulfuradas, e xurden con caudais e temperaturas de 180 l/min e 14 ºC (Fonte do Val), 18 l/min e 16 ºC (Fonte de Gándara), 1’3 l/min e 17 ºC (Fonte de Troncoso). Nas novas instalacións balnearias, aproveitánse tamén augas máis fondas dun novo pozo no Chan de Gándara que xurden cun caudal de 168 l/min a 17 ºC.

Ademáis das edificacións arriba descritas, nas proximidades do Gran Hotel atópanse os restos da casa de máquinas, ferrería e talleres, onde unha máquina de vapor de sesenta e cinco cabalos proporcionaba a enerxía para o accionamento das serras de tablilla para envases, o vapor para o lavadoiro, o secadoiro e o pasador, o fluído eléctrico para as duas mil cincocentas lámpadas, e mesmo o accionamento preciso para preparar as etiquetas das botellas e os impresos da explotación, amais de editar o semanario “La Temporada en Mondariz”.

Outras edificacións distribuianse polos arredores para dar acollida a clientes que demandaban meirande intimidade e sosego.

Xunto coas cocheras e as cortes dos cabalos, un invernadoiro e un campo de xogos, con croquet e tennis, completaban as instalacións da vila termal.

Tempo de uso:

A tempada oficial estendíase cada ano do primeiro día de xuño até o derradeiro día de setembro. Hoxe en día, as instalacións permanencen abertas todo o ano.

Sistema de produción:

Tanto no caso da fonte de Gándara, como no da fonte de Troncoso e a fonte do Val, as augas descubertas no manancial minero medicinal canalizabanse até unha fonte da que bebían os pacientes e auguistas, cunha derivación ás respectivas plantas de embotellado. Ademais, as canalizacións prolongabanse até as salas de baños propiamente ditas.

Hoxe en día mantéñense en uso as fontes de Troncoso e de Gándara. O manancial de Gándara aproveitase ademais para os baños e piscinas do balneario. As augas da fonte do Val dedícase exclusivamente ao embotellado.

Actividades laborais:

Foran numerosos os empregados do complexo, dende a xerencia e a dirección médica, até os carpinteiros e ferreiros, pasando por caixeiros, contadores, cociñeiros, camareiros, limpiadoras, xardiñeiros, etc.

Emprego:

En 1914 a empresa mantiña ao seu cargo 352 empregados.

Materias Primas:

Augas minero medicinais.

Produtos Elaborados:

Oferta balnearia, medicinal, lúdica e estética, e auga minero medicinal envasada.

Distribución e comercialización:

Internacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L.; Lindoso Tato, E.; Vilar Rodríguez, M., 2011: O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia 1700-1936. Vigo: Galaxia. DL VG-54-2011. ISBN 978-84-9865-350-2.

Asociación de Balnearios de Galicia. ”Balneario de Mondariz” Balnearios de Galicia [en línea]. Disponible en Internet: http://www.balnegal.com/ [Acceso 12 de octubre del 2013].

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Castillo Campos, M.J. del, 2005. Mondariz, un agua con historia. La pasión de una burbuja. Publicación conmemorativa del 125 aniversario de la Declaración de Utilidad Pública de los Manantiales de Mondariz 1873-1998. Mondariz-Balneario: Fundación Mondariz Balneario. DL S-425-2005.

Nadal Oller, J.; Carmona Badía, X., 2005. Galicia industrial (c. 1750-2005). Catálogo de la exposición: Vigo, 28 oct. 2005-22 ene. 2006; A Coruña, 2 mar. 2006-4 jun. 2006. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2469-2005. ISBN 84-95892-18-9.

Ruiz Pérez, M.; Menéndez Suárez, C. (coord.), 1995. As augas minerais en Galicia. Geomecánica y Aguas S.A., Santiago de Compostela: Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia. DL C-1839-1995. Fixérase versión en castelán, DL C-1840-1995.

Sobrino Fagilde, I., 2008. Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur), Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia [en línea]. Disponible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 27 de junio del 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 224-III Ponteareas // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 544.222,44 m / Y 4.675.293,03 m

Data de Actualización:

17 outubro 2013