299 Pesqueira da Gándara

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Narón
  • Parroquia: San Xulián de Narón
  • Lugar: A Gándara do Ponto
  • Paraxe: Finca de Cal
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.516167254601775
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.16760540008545
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 567.384,13 m / Y 4.818.685,49 m
  • Clasificación: Pesca
  • CNAE: 03.11 Pesca mariña. 03.21 Acuicultura mariña.
  • Tipoloxía: Pesqueira mariña de esteiro
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Enseada do Ponto, no fondo da ría de Ferrol
  • Ámbito: Rural (urbano hoxe en día)
  • Acceso: Dende Ferrol colleremos a coñecida como Carreteira de Castela (a estrada C-641) en dirección Xuvia e a uns seis quilómetros, pasado o lugar do Ponto, chegaremos á rotonda que enlaza coa autoestrada AP-9, construida sobre a ponte do rego Salgueiro ou de San Xulián. Uns vinte metros máis adiante, á dereita da estrada, atopábase a que fora fábrica de curtidos, na Finca de Cal, e que contaba cunha pesqueira e embarcadoiro na beiramar

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre

Visitable:

Non queda pegada algunha, tralo recheo da enseada pola empresa “Metalúrgica Galaica, S.A.” (MEGASA) e a construción da nova estr

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Dende as súas orixes, hai uns 2.000.000 anos, o ser humano intentou aproveitar os medios que a natureza pon ao alcance do seu enxeño e da súa capacidade de transformación para satisfacer as súas necesidades e mellorar as súas condicións de vida. Os frutos da terra e mailos animais da terra e das augas, proveían os mínimos precisos para a súa alimentación e subsistencia.

Aprendería despois a sementar e a aproveitar intelixentemente a enerxía procedente do sol para incrementar as colleitas, ademais de preparar armas e trampas para a captura de animais terrestres, fluviais e mariños. A observación da súa contorna incorporaría ao seu acervo sabedorías varias, e tomando exemplo do que fan os animais, comezaría a capturar peixes atrapados nas fochas dos ríos e nas pozas da beiramar. De camiño aprendería a mellorar o sistema, construíndo os seus propios foxos na procura dun meirande rendemento nas capturas.

Como fixeran outros pobos, ao longo da historia, Galicia conformou a súa identidade colectiva sobre a base principal dos campesiños, aos que non serían alleas as artes da caza e da pesca. Da remota importancia da pesca e da súa conservación falan os píos de salgadura de Bares, Espasante, Cariño, Mugardos, O Grove, Vilagarcía ou Nerga, que configuran unhas verdadeiras factorías nunha xeografía romanizada que non podía curar toda a súa pesca ao aire mareiro, ao xeito que aínda se fai co congro en Muxía.

Dende o século V, tamén a pesca fluvial ten unha importancia preponderante na economía altomedieval. A organización señorial fomenta as instalacións e artefactos necesarios para a pesca entendida como colleita, para a explotación dos produtos dos ríos e das pozas fluviais. Piscarias, caneiros e naseiros proliferan nos cursos de auga, formando parte das dependencias ordinarias de calquera explotación dominical, o mesmo que as praderías, os bosques e os muíños.

Coa expansión dos señoríos monásticos, os métodos de colleita de peixe nos ríos van adaptarse ás novas condicións da pesca na beiramar, documentándose, o mesmo que as saíñas, xa dende o século VI. No canto do naseiro que opera a favor da corrente do río, ármase nas praias a comboa, un cerco rudamente construido con pedras ou madeiros que vai encherse coa preamar e deixará o peixe atrapado co devalo da marea.

Como ocorrera no caso das salinas, a observación da costa e dos ciclos mariños, axudou á preparación nos lugares propicios de cuidados estanques litorais, gaiolas de pedra ás que o peixe accedía co abalo da marea para quedar atrapado coa retirada das augas, sendo daquela doado capturalo con aperos tradicionais como a fisga.

As pesqueiras ou currais de pesca, son parcelas delimitadas por muretes de construción artificial, muretes que ás veces separan a superficie interior da parcela en distintos compartimentos, visibles nas baixamares. Estas parcelas usurpadas ao mar configuran unha arte de pesca de gran antigüidade, e representan unha forma tradicional de aproveitar os recursos mariños documentada xa nalgures dende a época romana.

Entre os muros destas arquitecturas especializadas para a pesca, construídos con pedras e lousas do sustrato, peces, anguías, sepias e pulpos entran cando sobe a marea, e cóllense durante a baixamar, na que tamén pódense marisquear ostras, ameixas, ourizos, camaróns e cangrexos. Ás veces, mesmo sargos e congros, propios de hábitats máis profundos, aliméntanse ou desovan ocasionalmente nas pesqueiras.

As dificultades de construción e explotación das estruturas mariñas en Galicia, de sempre limitadas polas condiciones do seu clima e a bravura do seu mar, van traducirse na pronta desaparición daquelas que estiveran nas contornas máis inhóspitas, pois xa fora polas ondaxes, as preamares, as areas transportadas polo vento, os arrastres e sedimentos fluviais e mariños, ou a acción combinada dos mesmos, dificilmente poderían sobrevivir ao seu abandono e perdurar ao longo dos séculos.

Despois, unha certa decadencia pesqueira nos séculos XVI e XVII, e a debilidade dos gremios, da pé a que as pesqueiras, saíñas e portos dos fondos das rías vaian colmatándose no seu abandono, cos estanques sufrindo os aportes de sedimentos das ribeiras e mesmo desaparecendo enterrados baixo as areas (vid. Muíño de Riocastro) ou ben reconvertidas en cultivos de ostras ou ameixas. Por iso, e con moi poucas excepcións, as pegadas das vellas pesqueiras galegas apenas permanecen non sendo na toponimia, baseándose na cal, e máis nalgúns restos conservados, menciona Alfredo García Alén a presencia dalgúns currais ou gamboas (comboas) no sur de Galicia.

Porén, algunhas instalacións permanecerán en uso esquecidas nas calmas enseadas do fondal das rías, pequenas industrias das que o testemuño histórico recoñece a continuidade até a década de 1950, cando ao diminuír a rendabilidade destas explotacións comeza o seu paulatino abandono.

Descrición Xeral do Entorno:

A pesqueira atopábase na pequena enseada do Ponto, na marxe dereita da ría de Ferrol, entre os ríos Freixeiro (ou de Santa Cecilia) e Salgueiro (ou de San Xulián), na gándara e zona intermareal da marxe esquerda do esteiro de dito rego Salgueiro.

Construcción:

Posterior a 1752, data na que non hai referencia algunha no Interrogatorio de San Julián de Narón do Catastro de Ensenada. Posibelmente construida cara a 1787, coa ampliación da fábrica de curtidos.

Abandono:

Aínda que cesara a actividade da fábrica de curtidos en 1858, a pesqueira continuou en uso como embarcadoiro e para pesca de autoconsumo. Deixaría de utilizarse como pesqueira na década de 1950. Empregada despois como piscina e estanque de recreo. Desparecida a finais da década de 1990 co recheo da enseada pola empresa “Metalúrgica Galaica, S.A.” (MEGASA) e a construción da estrada de conexión coa autoestrada AP-9.

Descrición:

A “Pesqueira da Gándara” era unha construción anexa á que fora coñecida como “Finca de Cal” unha espaciosa parcela con varias edificacións que albergaran no seu día a fábrica de curtidos de Francisco García de Seijas (vid. ficha 64), empregadas nos últimos tempos como vivenda e finca de recreo da familia Cal.

Nos traballos desenvolvidos para documentar a pesqueira anexa á antiga casa fábrica de curtidos da Gándara (tamén nomeada como de San Xulián de Narón), estableceuse unha primeira cronoloxía para a súa datación “postquem”, xa que non figura referenciada no atlas de Pedro Texeira, encargado por Felipe IV e publicado en 1634 (aínda que aparecen claramente sinalados no esteiro do río Freixeiro os “Molinos del Rey”), nin no informe remitido contra 1639 ao Conde Duque de Olivares (no que figuran debuxadas na enseada do Ponto as “Azeñas de Su Magestad”).

Tampouco aparece a pesqueira na carta náutica de 1764 do “Petit Atlas Maritime” de Jacques Nicollas Bellin titulada “Plan du Port de Ferrol” (non entanto si atopamos claramente sinaladas as “Salines”) nin no Interrogatorio da freguesía de San Julián de Narón recollido no Catastro de Ensenada (1752).

O primeiro documento atopado no que aparece mencionada a pesqueira da Gándara é o Edicto de Embargo publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 22 de xuño de 1858. Consonte ao seu contido, inclúese nos bens embargados na parroquia de San Julián de Narón a don José Ángel García y García, e está definida como unha pequena presa para pesca construída cun muro de lousa nun ángulo ou enseada sita no lugar da Gándara e integrada no conxunto da Casa Fábrica de Curtidos. O terreo e as propiedades pasarán deste xeito ás mans de don Manuel de Cal.

A fábrica de curtidos edificárase nos terreos adquiridos en 1782 e 1784 polos comerciantes ferroláns Manuel Martín e Francisco García, e ampliada en 1787 por Francisco García de Seijas, daquela o seu único propietario. Cabe supor que éste ou algún dos seus descendentes construirían a pesqueira, que de certo traballaba como tal no dito 1858.

A pesqueira atopábase no lugar de A Gándara-O Ponto, na parroquia de San Julián de Narón, concello de Narón, na marxe esquerda da desembocadura do río Salgueiro, situada ao sur da fábrica e unida ao muro da horta. Construida na zona intermareal, estaba sometida a periódicos procesos de inundación co abalo da marea, e convertida nun estanque que ía valeirándose co debalo, deixando atrapados aos peces no seu interior.

Fora xeométricamente constituida por un muro rectilíneo de cento catorce metros de lonxitude que avanzaba en dirección nor-noroeste a sur-surleste cara á ría, e comezaba en ángulo na súa unión con terra cun paramento de catro metros que acollía o embarcadoiro da finca.

O muro conformaba un estanque ao delimitar o entrante natural da liña de costa neste paraxe. O primeiro tramo do muro, de cincuenta e oito metros de largo, interrompíase nun oco de dous metros, a comporta de paso da auga na que estaba unha malla ou reixa de madeira para impedir a saída do peixe. Continuaba despois o muro outros cincuenta e catro metros até o seu remate contra terra.

A altura do muro era irregular, máis alto acaroado ao embarcadoiro e na zona da comporta. O ancho era de un metro e dez centímetros e levaba un recrecido de formigón de corenta a cincuenta centímetros aplicado con posterioridade en data indeterminada.

Construtivamente, o muro da presa fora construido con cachotaría de lousa e cachotes de granito asentados a óso, coa mesma técnica do resto das instalacións fabrís, polo que tiña que ser coetáneo delas. Non tiña alicerces, pousando diretamente no xabre da ría. A estrutura resistía por gravidade o empuxe das augas e os envites de posibles sólidos por ela arrastrados. A carencia de argamasa no muro permitiría unha máis doada saída das augas na baixamar.

O corpo da presa, orixinariamente illado da terra firme, nunha data descoñecida da primeira metade do século XX (posibelmente cando tamén se lle aplicara o recrecido), foi prolongado en seis metros e medio e unido a terra cun muro de morteiro de formigón de catro metros, pechando así mellor o estanque.

Agúns autores suxiriron que, amais da utilización para o autoconsumo de peixe, a pesqueira puidera ter algunha relación co proceso de fabricación de curtidos, quizá para o engraxe das peles, substituíndo o saín de sardiña por graxa obtida das anguías, abondosas na zona.

Os arrastres do río e a decantación propiciada pola presa irían enlamando o fondo do estanque e favorecendo o avance dos xuncos e da herba no interior do estanque. Máis recentemente, xa a finais da década de 1990, os recheos para a ampliación dos terreos da devandita MEGASA e a construción do enlace coa autopista, farían desparecer todo rastro da fábrica de curtidos e da súa pesqueira.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose ao abalo e devalo das mareas.

Sistema de produción:

As construcións que se achegan máis á tipoloxía e filosofía de pesca da Pesqueira da Gándara, son as que Sáñez Reguart define en 1788 como currais: "todo espacio que con artificial conocimiento y dirección en las playas, se haya circunscripto o rodeado de una pared construida expresamente baxo certo orden de igualdad y reglas, formada con muchas piedras, o bien con grandes y gruesas estacas clavadas en el suelo. El significado de esta palabra exprime la entidad de una pesquera que se practica en las costas donde el fluxo y refluxo del mar inunda, y consiguientemente dexa al descubierto una extensión dilatada de los terrenos de ellas".

Desta maneira, co abalo da marea veñen os peixes, aproximándose a comer nas ribeiras areosas e lamacentas. Ao retirarse a marea, os peixes quedan atrapados no interior da pesqueira e poden ser obxecto dunha fácil captura.

Apunta Sáñez a comenencia de construir os currais sen argamasa, co propósito de que salga a agua con máis facilidade. Tamén, a fin de non matar ás crías, aconsella usar portóns de malla de madeira para que poidan sair, e non redes que acabarían con elas.

Á fin, señala Sáñez no seu traballo, Galicia e o resto do Norte de España posúen "ciertos recodos" naturais que poden servir como currais, e á vez poden empregarse como ostreiras ou criadeiros de marisco.

Dende que os fenicios aportaran a súa sabedoría na construción de estanques litorais nos que a evaporación das augas mariñas deixara as costras de sal cristalizada para o seu aproveitamento, estas primeiras estruturas, xunto coa observación dos ciclos mariños das mareas nas costas atlánticas, axudaría á óptima construción de estanques na franxa intermareal costeira, estanques que sen dúbida servirían de referente para a construción das pesqueiras e mesmo dos muíños de marea.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Peixes (robalizas, robalos, reos, sollas) e anguías da ría (eiroas).

Produtos Elaborados:

Pesca fresca para autoconsumo e consumo local.

Distribución e comercialización:

Local, principalmente autoconsumo.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Cabeza Quiles, F., 2008. Toponimia de Galicia. Vigo: Galaxia. DL VG-472-2008. ISBN 978-84-9865-092-1.

Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Ferreira Priegue, E.M., 1998. “O desenvolvemento da actividade pesqueira dende a alta idade media ó século XVII”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 51-86. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

García Alén, A., 1979. “Gallego ”, El Museo de Pontevedra, XXXIII, Pontevedra: Museo de Pontevedra, p. 231-238. ISSN 0210-7791.

Ladra Fernández, X.L., 2008. A pesca tradicional nos ríos de Galiza, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. DL C-2848-2008. ISBN 978-84-7824-552-9.

Menéndez Pérez, E., 2008, Las rutas de la sal, Oleiros (Coruña): Netbiblo. DL C-627-2008. ISBN 978-84-9745-096-6.

Montero Aróstegui, J., 1858, Historia y descripción de la villa y departamento del Ferrol, Imprenta de Beltrán y Viñas, Madrid, reedición de 1972 titulada “Historia de El Ferrol del Caudillo”, Ferrol: Gersán.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754, 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en línea]. Disponible en Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Último acceso 3 de agosto de 2009].

Ricart Guillot, S.; González Fernández, A.; Lamas Alonso, G., 1998. La pesquera tradicional de mareas. O Ponto-Narón. Un ejemplo de arqueología industrial. Adóbrica Arqueoloxía, S.L., Autoridad Portuaria de Ferrol-San Ciprián, Metalúrgica Galaica, S.A. (MEGASA), Narón: Concello de Narón. DL C-1371-1998.

Santos Castroviejo, I., 1998. “Os séculos XVIII e XIX (ata 1870): protagonistas e transformacións”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela , p. 87-138. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Sáñez Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 7-III Neda // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 567.384,13 m / Y 4.818.685,49 m

Data de Actualización:

10 novembro 2013