300 Pesqueira do Ponto

Galería de Fotos

VerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Narón
  • Parroquia: San José de Piñeiros
  • Lugar: O Ponto
  • Paraxe: Finca de Coira nas Aceñas
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.51379420470269
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.172873258590698
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): Fuso 29 // X 566.982,06 m / Y 4.818.413,00 m
  • Clasificación: Pesca
  • CNAE: 03.11 Pesca mariña. 03.21 Acuicultura mariña.
  • Tipoloxía: Pesqueira mariña de esteiro
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Enseada do Ponto, no fondo da ría de Ferrol
  • Ámbito: Rural (urbano hoxe en día)
  • Acceso: Dende Ferrol colleremos a coñecida como Carreteira de Castela (a estrada C-641) en dirección Xubia e a uns cinco quilómetros e medio, no lugar do Ponto, apartaremos á dereita polo chamado Camiño do Muíño. A uns trescentos metros comeza a presa e o estanque do muíño de mar de As Aceas ou de Lembeye, que se atopa noutro extremo da presa, no lugar de Outeiro. Dende este estribo esquerdo da presa, á man dereita e bordeando a beiramar cara ao río Freixeiro ou de Santa Cecilia poderemos ver o valado da finca de Coira, construido sobre os muros da que fora pesqueira.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Dende as súas orixes, hai uns 2.000.000 anos, o ser humano intentou aproveitar os medios que a natureza pon ao alcance do seu enxeño e da súa capacidade de transformación para satisfacer as súas necesidades e mellorar as súas condicións de vida. Os frutos da terra e mailos animais da terra e das augas, proveían os mínimos precisos para a súa alimentación e subsistencia.

Aprendería despois a sementar e a aproveitar intelixentemente a enerxía procedente do sol para incrementar as colleitas, ademais de preparar armas e trampas para a captura de animais terrestres, fluviais e mariños. A observación da súa contorna incorporaría ao seu acervo sabedorías varias, e tomando exemplo do que fan os animais, comezaría a capturar peixes atrapados nas fochas dos ríos e nas pozas da beiramar. De camiño aprendería a mellorar o sistema, construíndo os seus propios foxos na procura dun meirande rendemento nas capturas.

Como fixeran outros pobos, ao longo da historia, Galicia conformou a súa identidade colectiva sobre a base principal dos campesiños, aos que non serían alleas as artes da caza e da pesca. Da remota importancia da pesca e da súa conservación falan os píos de salgadura de Bares, Espasante, Cariño, Mugardos, O Grove, Vilagarcía ou Nerga, que configuran unhas verdadeiras factorías nunha xeografía romanizada que non podía curar toda a súa pesca ao aire mareiro, ao xeito que aínda se fai co congro en Muxía.

Dende o século V, tamén a pesca fluvial ten unha importancia preponderante na economía altomedieval. A organización señorial fomenta as instalacións e artefactos necesarios para a pesca entendida como colleita, para a explotación dos produtos dos ríos e das pozas fluviais. Piscarias, caneiros e naseiros proliferan nos cursos de auga, formando parte das dependencias ordinarias de calquera explotación dominical, o mesmo que as praderías, os bosques e os muíños.

Coa expansión dos señoríos monásticos, os métodos de colleita de peixe nos ríos van adaptarse ás novas condicións da pesca na beiramar, documentándose, o mesmo que as saíñas, xa dende o século VI. No canto do naseiro que opera a favor da corrente do río, ármase nas praias a comboa, un cerco rudamente construido con pedras ou madeiros que vai encherse coa preamar e deixará o peixe atrapado co devalo da marea.

Como ocorrera no caso das salinas, a observación da costa e dos ciclos mariños, axudou á preparación nos lugares propicios de cuidados estanques litorais, gaiolas de pedra ás que o peixe accedía co abalo da marea para quedar atrapado coa retirada das augas, sendo daquela doado capturalo con aperos tradicionais como a fisga.

As pesqueiras ou currais de pesca, son parcelas delimitadas por muretes de construción artificial, muretes que ás veces separan a superficie interior da parcela en distintos compartimentos, visibles nas baixamares. Estas parcelas usurpadas ao mar configuran unha arte de pesca de gran antigüidade, e representan unha forma tradicional de aproveitar os recursos mariños documentada xa nalgures dende a época romana.

Entre os muros destas arquitecturas especializadas para a pesca, construídos con pedras e lousas do sustrato, peces, anguías, sepias e pulpos entran cando sobe a marea, e cóllense durante a baixamar, na que tamén pódense marisquear ostras, ameixas, ourizos, camaróns e cangrexos. Ás veces, mesmo sargos e congros, propios de hábitats máis profundos, aliméntanse ou desovan ocasionalmente nas pesqueiras.

As dificultades de construción e explotación das estruturas mariñas en Galicia, de sempre limitadas polas condiciones do seu clima e a bravura do seu mar, van traducirse na pronta desaparición daquelas que estiveran nas contornas máis inhóspitas, pois xa fora polas ondaxes, as preamares, as areas transportadas polo vento, os arrastres e sedimentos fluviais e mariños, ou a acción combinada dos mesmos, dificilmente poderían sobrevivir ao seu abandono e perdurar ao longo dos séculos.

Despois, unha certa decadencia pesqueira nos séculos XVI e XVII, e a debilidade dos gremios, da pé a que as pesqueiras, saíñas e portos dos fondos das rías vaian colmatándose no seu abandono, cos estanques sufrindo os aportes de sedimentos das ribeiras e mesmo desaparecendo enterrados baixo as areas (vid. Muíño de Riocastro) ou ben reconvertidas en cultivos de ostras ou ameixas. Por iso, e con moi poucas excepcións, as pegadas das vellas pesqueiras galegas apenas permanecen non sendo na toponimia, baseándose na cal, e máis nalgúns restos conservados, menciona Alfredo García Alén a presencia dalgúns currais ou gamboas (comboas) no sur de Galicia.

Porén, algunhas instalacións permanecerán en uso esquecidas nas calmas enseadas do fondal das rías, pequenas industrias das que o testemuño histórico recoñece a continuidade até a década de 1950, cando ao diminuír a rendabilidade destas explotacións comeza o seu paulatino abandono.

Descrición Xeral do Entorno:

A pesqueira atopábase na pequena enseada do Ponto, na marxe dereita da ría de Ferrol, entre os ríos Freixeiro (ou de Santa Cecilia) e Salgueiro (ou de San Xulián), na gándara e zona intermareal da marxe esquerda do esteiro de dito río Freixeiro, no interior do estanque do muíño de mareas “das Aceñas”.

Construcción:

Posterior a 1752, data na que non hai referencia algunha no Interrogatorio de San Julián de Narón do Catastro de Ensenada. Posibelmente construida cara a 1785, coa construción do muíño de mareas (vid. ficha 099) e aproveitando o espazo das saíñas (vid. ficha 176).

Abandono:

Abandonada como pesqueira na década de 1930, continuou en uso como embarcadoiro para acceder á barca de recreo na que paseábase polo estanque do muíño de mareas nas pleamares, mentres que os seus propios estanques foran sendo recheados até desaparecer por completo para formar parte das terras de cultivo da finca.

Descrición:

A “Pesqueira do Ponto” foi unha construción anexa á que fora coñecida como “Finca de Coira” (pertencente con anterioridade ao industrial ferrolán Francisco Gascón), unha espaciosa parcela con árbores frutais (maceiras, pereiras, pexegueiras, ameixeiras, castiñeiros, nogueiras), horta (allo, cebola, pemento, leituga, tomate, remolacha) e cultivos (patacas, trigo, millo) adosada á vivenda principal e ao seu cuberto cocheira, ubicados na veira da estrada de Castela e empregadas dende 1980 como vivenda principal e finca de recreo da familia Lara-Coira.

A pesqueira ocupaba unha parcela que fora salina (vid. ficha 176), orientada ao mediodía na praia da enseada do Ponto, no espazo intermareal delimitado pola marxe esquerda do esteiro do río Freixeiro na súa desmbocadura no estanque do muíño de mareas.

É posible que se aproveitara parte do mesmo valado das vellas saíñas, no que se estancaba a auga na preamar, para construir a partir del un amplo estanque de pedras na zona intermareal, sometido a periódicos procesos de inundación co abalo da marea e que iría valeirándose co debalo, deixando atrapados aos peces no seu interior.

Os arrastres do río e a decantación de materiais en suspensión propiciada pola construción da presa do muíño de marea irían enlamando o fondo da pesqueira, favorecendo o avance dos xuncos e da herba, que irían de a pouco cubrindo os estanques, estanques que rematarían cubertos polos recheos feitos polo dono da finca para convertelos en terra de labor.

Nos traballos desenvolvidos para documentar a pesqueira da finca de Coira (que fora anteriormente do industrial ferrolano Francisco Gascón), estableceuse unha primeira cronoloxía para a súa datación “postquem”, xa que non figura referenciada no atlas de Pedro Texeira, encargado por Felipe IV e publicado en 1634 (aínda que aparecen claramente sinalados no esteiro do río Freixeiro os “Molinos del Rey”), nin no informe remitido contra 1639 ao Conde Duque de Olivares (no que figuran debuxadas na enseada do Ponto as “Azeñas de Su Magestad”).

Tampouco aparece a pesqueira na carta náutica de 1764 do “Petit Atlas Maritime” de Jacques Nicollas Bellin titulada “Plan du Port de Ferrol” (non entanto si atopamos claramente sinaladas as “Salines”) nin no Interrogatorio da freguesía de San Julián de Narón recollido no Catastro de Ensenada (1752).

Ao longo do muro que pecha polo sur a que fora a finca de Coira pódese aínda ver na súa base unha anterior estrutura lonxitudinal feita con cachos de lousa, que tiña unhas comportas practicables e que servía para configurar un estanque ou pesqueira no que coas augas da preamar entraban os peixes (robalizas e robalos) e quedaban alí encerrados nas baixamares. Non lonxe dela, na marxe esquerda do esteiro do río Salgueiro, a finca de Cal contaba cunhas pesqueiras en todo semellantes (vid. ficha 299), que desapareceron na década do 2000 coa ampliación dos terreos da empresa MEGASA e a construción da ponte que enlaza a estrada de Castela coa autopista.

A pesqueira da finca de Coira fora xeométricamente constituida por un muro rectilíneo de lousas asentadas que avanzaba cara á ría de oeste a este, cuns trinta e catro metros de lonxitude, para formar un ángulo e continuar tamén en liña recta en dirección surleste uns cuarenta e tres metros, rematando cun tramo rectilíneo de nove metros en dirección norleste, como pode apreciarse nos planos e imaxes adxuntas.

O muro conformaba un estanque ao delimitar o entrante natural da liña de costa neste paraxe. O primeiro tramo do muro, de dazaseis metros de largo, interrompíase nun oco de catro metros, ocupado polo embarcadoiro da finca e pola comporta de paso da auga, na que estaba unha malla ou reixa de madeira para impedir a saída do peixe.
 
Continuaba despois o muro outros sesenta e seis metros até o seu remate contra terra. A altura do muro é regular, de pouco máis de un metro por riba do fondo, e cun ancho de un metro e dez centímetros.

Construtivamente, o muro da presa fora construido con cachotaría de lousa e cachotes de granito asentados a óso, coa mesma técnica da presa do muíño de mareas, polo que tiña que ser coetáneo delas. Non tiña alicerces, pousando diretamente no xabre da ría. A estrutura resistía por gravidade o empuxe das augas e os envites de posibles sólidos por ela arrastrados. A carencia de argamasa no muro permitiría unha máis doada saída das augas na baixamar.

O corpo da presa, orixinariamente illado da terra firme, nunha data descoñecida da primeira metade do século XX (posibelmente cando tamén se lle aplicara o recrecido), foi prolongado en ángulo recto e unido a terra cun muro de cachotaría de lousa de nove metros, pechando así mellor o estanque pola parte de augas abaixo.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose ao abalo e devalo das mareas, e ao valeirado do estanque do muíño de marea.

Sistema de produción:

As construcións que se achegan máis á tipoloxía e filosofía de pesca da Pesqueira do Ponto, son as que Sáñez Reguart define en 1788 como currais: "todo espacio que con artificial conocimiento y dirección en las playas, se haya circunscripto o rodeado de una pared construida expresamente baxo certo orden de igualdad y reglas, formada con muchas piedras, o bien con grandes y gruesas estacas clavadas en el suelo. El significado de esta palabra exprime la entidad de una pesquera que se practica en las costas donde el fluxo y refluxo del mar inunda, y consiguientemente dexa al descubierto una extensión dilatada de los terrenos de ellas".

Desta maneira, co abalo da marea veñen os peixes, aproximándose a comer nas ribeiras areosas e lamacentas. Ao retirarse a marea, os peixes quedan atrapados no interior da pesqueira e poden ser obxecto dunha fácil captura.

Apunta Sáñez a comenencia de construir os currais sen argamasa, co propósito de que salga a agua con máis facilidade. Tamén, a fin de non matar ás crías, aconsella usar portóns de malla de madeira para que poidan sair, e non redes que acabarían con elas.

Á fin, señala Sáñez no seu traballo, Galicia e o resto do Norte de España posúen "ciertos recodos" naturais que poden servir como currais, e á vez poden empregarse como ostreiras ou criadeiros de marisco.

Dende que os fenicios aportaran a súa sabedoría na construción de estanques litorais nos que a evaporación das augas mariñas deixara as costras de sal cristalizada para o seu aproveitamento, estas primeiras estruturas, xunto coa observación dos ciclos mariños das mareas nas costas atlánticas, axudaría á óptima construción de estanques na franxa intermareal costeira, estanques que sen dúbida servirían de referente para a construción das pesqueiras e mesmo dos muíños de marea.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Peixes (robalizas, robalos, reos, sollas) e anguías da ría (eiroas).

Produtos Elaborados:

Pesca fresca para autoconsumo ou consumo local.

Distribución e comercialización:

Local, principalmente autoconsumo.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Bas López, B., 1991, Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Cabeza Quiles, F., 2008. Toponimia de Galicia. Vigo: Galaxia. DL VG-472-2008. ISBN 978-84-9865-092-1.

Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Ferreira Priegue, E.M., 1998. “O desenvolvemento da actividade pesqueira dende a alta idade media ó século XVII”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 51-86. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

García Alén, A., 1979. “Gallego ”, El Museo de Pontevedra, XXXIII, Pontevedra: Museo de Pontevedra, p. 231-238. ISSN 0210-7791.

Ladra Fernández, X.L., 2008. A pesca tradicional nos ríos de Galiza, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. DL C-2848-2008. ISBN 978-84-7824-552-9.

Menéndez Pérez, E., 2008, Las rutas de la sal, Oleiros (Coruña): Netbiblo. DL C-627-2008. ISBN 978-84-9745-096-6.

Montero Aróstegui, J., 1858, Historia y descripción de la villa y departamento del Ferrol, Imprenta de Beltrán y Viñas, Madrid, reedición de 1972 titulada “Historia de El Ferrol del Caudillo”, Ferrol: Gersán.

Pena Graña, A., 2007. Industriais e Reais Fábricas de Narón en Tempos da Ilustración, Epílogo de José María Cardesín Díaz, Concellaría de Cultura do Concello de Narón, Equona Deseño Editorial, Narón, Coruña. ISBN 978-84-920185-81.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754, 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en línea]. Disponible en Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Último acceso 3 de agosto de 2009].

Ricart Guillot, S.; González Fernández, A.; Lamas Alonso, G., 1998. La pesquera tradicional de mareas. O Ponto-Narón. Un ejemplo de arqueología industrial. Adóbrica Arqueoloxía, S.L., Autoridad Portuaria de Ferrol-San Ciprián, Metalúrgica Galaica, S.A. (MEGASA), Narón: Concello de Narón. DL C-1371-1998.

Santos Castroviejo, I., 1998. “Os séculos XVIII e XIX (ata 1870): protagonistas e transformacións”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela , p. 87-138. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Sáñez Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.

Teixeira Albernaz, P. (Pedro Texeira Albornoz), 1634, El Atlas del Rey Planeta. Descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos. Felipe Pereda y Fernando Marías (eds.), cuarta edición actualizada, 2009. San Sebastián: Nerea. ISBN 978-84-96431-62-1.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 7-III Neda // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 566.982,06 m / Y 4.818.413,00 m

Data de Actualización:

17 feb 2014