303 Fábrica de curtidos de Furelos

Galería de Fotos

VerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Melide
  • Parroquia: San Xoán de Furelos
  • Lugar: Furelos
  • Paraxe: A Fábrica
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.904588374570515
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.002579808235168
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 581.559,42 m / Y 4.750.939,26 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en pías (noques)
  • Comarca: Terra de Melide
  • Marco Xeográfico: Aba de poñente do couto do Castro, na marxe esquerda do río Furelos, poucos metros augas arriba da presa do Folicheiro.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saímos de Santiago de Compostela pola N-547 cara a Lugo. Chegados a Melide, continuaremos un par de quilómetros, e tras cruzar a ponte sobre o río Furelos, apartaremos á dereita pola carreteira que leva a Piñor. Despois de case un quilómetro, atoparemos as instalacións do vello curtidoiro, hoxe parcialmente transformadas como aproveitamento gandeiro.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos pilos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en pilos prestados ou en pilos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense; Noia e Caldas, na de Santiago; Vilalba e Chantada, na de Lugo; e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento no tránsito do século XVIII ó XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ó mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

Consonte os datos do Catastro de Ensenada, contra 1752 o gremio de zapateiros de Betanzos contaba con cincuenta e catro inscritos, pero tan só seis desenvolvían moi rudimentarias tarefas de curtume. Vai ser contra os comezos da década de 1770 cando aparecen nas contornas de Ferrol os primeiros curtidoiros estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada, coa introdución de capital privado e de emprego asalariado, liberados do control gremial.

A ley do Comercio Libre con América, promulgada por Carlos III en 1778, contribuiría á decisiva extensión das curtidorías nas contornas da ría de Ferrol pola masiva introdución de coiros “al pelo” chegados de Arxentina, vía Buenos Aires, e de Uruguay, vía Montevideo.

A industria do curtido galego comezaría o seu decaemento contra 1880, non acertando a introducir os procesos de curtume rápida que vanse impondo no mundo, aínda que a fábrica betanceira de Etcheverría (ficha 236), coa eumesa de Pardo e Tenreiro (ficha 234), a compostelán de Harguindey (ficha 084) e a padronesa de Novo e Sierra, manteríanse entre as catro máis importantes de Galicia no primeiro terzo do século XX.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase no barrio de Furelos, na marxe esquerda do río Furelos, nos faldeos do couto do Castro na súa aba de poñente.

Construcción:

1817

Abandono:

1965

Descrición:

A fábrica de curtidos de Furelos foi fundada por don Andrés Varela das Seixas en 1817, e aparece citada no “Diccionario geográfico universal redactado por una sociedad de literatos” editado en Barcelona en 1831.

José Varela, fillo do fundador do estabelecemento, continuaría ao fronte da fábrica até ser sucedido pola súa filla, Elisa Varela.

Ricardo Sánchez Varela, fillo de Elisa e coñecido como “don Ricardo da fábrica”, sacerdote e avogado, sería o seu derradeiro propietario, e a alugaría a un tal Romero, quen a dirixiría de 1944 a 1948. A collerían despois Ricardo Vázquez e Xesus Pintor, quen a traballarían até o seu peche en 1965.

Especializaríase na elaboración de solas e curtidos de becerro polo sistema chamado “antigo” ou “curtido á gallega”, empregando tan só cortiza de carballo como curtinte, conseguindo uns produtos de gran calidade que acadarían unha gran fama por todo o país.

As instalacións ocupan un amplo espazo, prácticamente cadrado, de 58 m de lonxitude e 53 m de anchura, situado na beira dereita do camiño que de Furelos leva a Piñor e coa súa dimensión máis longa na alineación nordeste-suroeste. A edificación principal, ou casa vivenda, de dous corpos (baixo e planta), ten forma de ele, co vértice mirando a poñente. Os dous brazos da ele teñen nove metros de ancho, con cuberta de tella a dúas augas. Os obradoiros cos píos ocuparían parte da planta baixa. Na fachada interior que mira ao sueste, unha escaleira cun pequeno patín permite o acceso a planta superior do edificio.

A esquina do levante está ocupada por un cuberto a dúas augas, de planta cuadrada de catorce metros aberto pola súa fachada do suroeste. Un muro entre o edificio e o cuberto pecha o recinto polo lado nordés. Outro tanto ocorre no lado sueste, no que ábrese o portón de entrada ao recinto.

As paredes son de cachotaría irregular, asentada con argamasa, que vai recebada e encalada nas paredes da casa vivenda.

O tellado está caído nalgunhas zonas da edificación, e a ruína alcanza xa ao que foran ás construcións auxiliares.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelicos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ó efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel ós pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón ós pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e voltaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos ós outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun murete circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ó seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría totalmente ó curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.
O curtido ao alume ou curtido en branco segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas.

Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas tenerías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), cordobáns (cabra), badanas (carneiro ou ovella) e baquetas (vaquetas, de vacún).

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Coiros, peles e pelicos.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Industrias del tejido y del cuero”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 225-233. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 550-558.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Curtidores ou coireiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 123-133. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Último acceso 17 octubre 2009].

Wagner, A., 1942. “Curtido y elaboración de pieles”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 703-744.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 96-IV Palas de Rei // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 581.559,42 m / Y 4.750.939,26 m

Data de Actualización:

27 mar 2014