304 Laboratorios Beceiro

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ferrol
  • Parroquia: Ferrol (urbana)
  • Lugar: Ferrol Vello
  • Paraxe: Rúa Espartero, 26
  • Dirección: Rúa Espartero, 26 - Ferrol
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.47977153252132
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.24350118637085
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 561.300,39 m / Y 4.814.589,45 m
  • Clasificación: Fabricación de xabrón
  • CNAE: 20.41 Fabricación de xabóns, deterxentes e outros artigos de limpeza e abrillantamento.
  • Tipoloxía: Industrial por saponificación de aceites residuais
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Casco urbano da cidade de Ferrol
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: No centro urbano de Ferrol buscaremos o Parador de Turismo e dende aló baixaremos cara ao porto pola rúa de Espartero. Na man dereita, no número 26, a carón da sociedade deportiva e recreativa Portuarios, atoparemos o edificio que acollera a antiga fábrica de xabrón

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A fabricación do xabrón foi xa praticada polos exipcios, mesturando potasa ou sosa con aceite. O proceso coñeceuse en Israel e Grecia. Os gregos empregaban unha sal natural rica en carbonato sódico que chamaban natrón. Os romanos mesturaban graxas animais coa potasa contida na cinza de vexetais.

A cultura árabe, transmisora a occidente dos coñecementos de gregos e romanos, traería á Península Ibérica a técnica de fabricación do xabrón.

O xabrón medieval, un produto costoso e limitado aos máis ricos, fabricábase nas almonas ou xabonerías de maneira artesanal e en pequenas cantidades. O proceso básico consistía en ferver graxas (animais ou vexetais) cun álkali forte (sosa ou potasa), deixándo despois arrefriar a pasta obtida.

Na Idade Media, a fabricación de xabrón foi moitas veces monopolizada, controlándose o peso das pezas e marcándoas cun selo.

A caida do comercio da sosa de Oriente (imprescindíbel para a fabricación de vidro e de xabrón) favoreceu dende o século XVI a extensión do cultivo das chamadas “plantas barrilleras”, espontáneas nas saíñas e mariñas e que deixan cando se queiman un produto rico en sales, a sosa (carbonato sódico), tamén coñecida como barrilla ou kali.

As plantas arrancadas de raíz deixábanse secar antes de proceder, nun burato feito no chan, á súa cuidadosa queima, de maneira que as sales se derritieran sen mesturarse co vexetal carbonizado, formándose ao arrefriarse no fondo unha pedra uniforme e limpa de impurezas. Para a súa comercialización, a pedra escachábase en grandes pezas de uns douscentos quilos cada unha.

Trala Guerra de Independencia (1808-1814) comezóu a decadencia da produción de barrilla, ao aparecer nos mercados españois a sosa artificial, que empezaba a producirse nalgúns países europeos.

Ademáis das modestas producións locais, dende as primeiras vagas de comerciantes cataláns a partires de 1750, nas costas galegas estará presente entre os diversos produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceites…) o “xabrón de Marsella”, que chegaba coas outras mercadorías de intercambio coa sardiña das rías.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na parte alta de Ferrol Vello, próxima á Fábrica de Lápices Hispania.

Construcción:

En 1932 a primeira fábrica, na rúa de Lugo. Trasladada desposi ás novas instalacións da rúa Espartero.

Abandono:

En 1967, coa morte do fundador, comezaría o abandono da industria.

Descrición:

En 1918 Manuel Beceiro Hermida saiu de Moeche cara a Cuba, onda comezaría a traballar na fábrica de xabrón e perfumería que os irmáns Crusellas estableceran na Habana contra 1863. Trece anos de traballar arreo déronlle para casar, ter tres fillos cubanos (Blanca, Manolo e Pepe) e voltar á súa terra coa familia e coa idea de montar cos cartos aforrados unha fábrica semellante á da súa aprendizaxe.

Sería cara a 1932 cando Beceiro comezaba a fabricar xabrón nun baixo de uns noventa metros cadrados na rúa de Lugo, unha pequena fábrica cunha capacidad produtiva de cincuenta mil quilogramos ao mes, enriba da que acomodaron a vivenda familiar.

A boa marcha da industria vai permitir a construción no número 26 da rúa Espartero dunha nova fábrica, agora nun solar de mil cincocentos metros cadrados e cunha capacidade de fabricación trescentos mil quilogramos. Nunha casa de tres plantas tiñan todo: no baixo facían o xabrón, no primeiro o papeleo, e no segundo estaba a vivenda da familia Beceiro. Alí naceron Modesta, Julia, Marina e Santiago.

Nas instalacións dos Laboratorios Beceiros elaborábanse xabróns de lavar (Jabón Pucho), de baño e de tocador (Jabón Chuchú), mais unha serie de produtos de beleza Gaviota: brillantina para o cabelo; crema e barra de afeitar; masaxe facial; loción contra a caída do cabelo; pasta e elixir dentífricos; augas de colonia (Lavanda, Ideal, Nueva, Oriental, Katia, Coral Rojo, 1945…). Os seus esforzos empresariais serían premiados polo Goberno coa Medalla do Traballo de Primeira Categoría.

Bo e xeneroso, Manuel Beceiro sufragaría ano tras ano as festas da Virxe do Socorro “A Parrocheira”, do barrio de Ferrol Vello, amais dun xantar para cen pobres que servían as mulleres da familia e outras voluntarias no comedor da factoría da PYSBE na ampliación do porto ferrolán.

En 1967, á morte do fundador, os laboratorios e a meirande parte das propiedades da familia pasarían a mans alleas, no comezo da fin de Laboratorios Beceiro.

No Boletín Oficial do Estado número 239, do 4 de outubro do ano 2012, “ante la acreditada imposibilidad de notificación a la empresa”, se publicaba o anuncio da Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios de notificación do acordo de iniciación do procedimento para deixar sen efecto a autorización de actividades de fabricación e importación de productos cosméticos n.º 1.213-C da empresa Jabones Beceiro, con domicilio na rúa Espartero, 26, 15401 Ferrol.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O xabrón é unha pasta que resulta da combinación dun álcali cos ácidos dos corpos graxos. A pasta é solubel na auga, empregándose para lavar. Na fabricación empréganse lixivia de sosa e graxa de porco, sebo de vacún, ou aceites animais ou vexetais.

A preparación pode facerse en frío emulsionando as graxas con lixivias concentradas de sosa ou potasa, aínda que a saponificación non é completa e prexudica á conservación do produto.

O método clásico, ou marsellés, ten catro etapas: empaste (saponificación); saladura (salinización); cochura (cocción); e liquidación.

O proceso comeza coa mestura das graxas coa sosa até a súa emulsión (empaste), engadíndolle unha disolución salina (saladura) e quentando a pasta resultante (cochura) para a separación das lixivias e a glicerina da pasta de xabrón líquido (liquidación). Esta pasta vértese nuns recipientes rectangulares de madeira (ou mampostos) e déixase arrefriar até obter unhas barras sólidas consistentes. Xa só resta por cortar as barras aos tamaños convenidos para a súa comercialización.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: depósitos de alimentación calefactados, laminadoras arrefriadas, cilindros amasadores, prensas de extrusión, etc.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Na fábrica da rúa Espartero chegaran a traballar ata quince homes.

Materias Primas:

Graxas animais, aceites vexetais, e aceites minerais.

Produtos Elaborados:

Xabróns de lavar, de baño, e de tocador; brillantina para o cabelo; crema e barra de afeitar; loción contra a caída do cabelo; pasta e elixir dentífricos; augas de colonia. Marcas comerciais “Pucho”, “Chuchú”, “Gaviota”.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

ABC, 1947, “Laboratorios Beceiro, fábrica de perfumería, jabones y cosmética. El Ferrol del Caudillo”, ABC, ed. Madrid, 26 de agosto, p. 10.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

López Lorenzo, S., 2013, “Jabones Beceiro”, La Voz de Galicia, ed. Ferrol, 15 de septiembre, p. . ISSN 1888-5136.

Marco Hernáez, J.A., 1945. El Ferrol del Caudillo. Guía de la ciudad. Año I de su publicación. 2ª época. Enero de 1945. La Coruña: Talleres de Litografía e Imprenta Roel.

Mora-Figueroa, Dagmar de, 1998, “Las plantas barrilleras y sus usos industriales”, Los ingenios y las máquinas. Ingeniería y obras públicas en la época de Felipe II, Ignacio González Tascón (coord.), Madrid: Sociedad Estatal para la Conmemoración de los Centenarios de Felipe II y Carlos V, p. 310-317. DL M-23499-1999. ISBN 84-95146-14-2.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol // Fuso 29 / X 561.300,39 m / Y 4.814.589,45 m

Data de Actualización:

27 mar 2014