319 Muíño de Riocastro

Galería de Fotos

VerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Cabanas
  • Parroquia: San Martiño do Porto
  • Lugar: Riocastro
  • Paraxe: Enseada do Lapido
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.42392708719638
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.185635209083557
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 566.053,12 m / Y 4.808.426,52 m
  • Clasificación: Muíño de marea
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Descoñecida
  • Comarca: Entre Ferrol e Eume
  • Marco Xeográfico: Marxe dereita da ría de Ares, próximo á desembocadura do río Eume
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Ferrol pódese chegar a Cabanas xa pola autoestrada AP-9, xa pola estrada nacional N-651. Dende alí colleremos a AC-122 cara a Ares, e a pouco máis dun quilómetro, pasado San Martiño do Porto, apartaremos á esquerda ata Riocastro. Na beiramar atoparemos os restos do muíño.

Tipo de propiedade:

Pública no dominio marítimo-terrestre

Visitable:

Si, aínda que so asoman os restos enterrados na area e os de dúas paredes do edificio.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

O aproveitamento da enerxía dos cursos de auga agáchase no principio dos tempos históricos. Primeiro como vía de comunicación a favor da corrente, aproveitando o natural discorrer das augas para o traslado e transporte de persoas e mercadorías varias. Xa nunha fase posterior do coñecemento técnico, para facer virar unha roda con fins diversos: elevación de auga para rega e abastecemento (noras); transmisión do xiro para moenda (aceas e rodicios); conversión do xiro en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras).

En moito tempo a enerxía hidráulica foi a única fonte para obtención de enerxía mecánica. Nas ribeiras dos ríos, necesitadas de enerxía para o accionamento das súas primitivas ferramentas, asentáronse as primeiras mostras da industria: muíños de cereal, batáns, forxas, teares, serras, muíños papeleiros…. O desenvolvemento da máquina de vapor liberou ás instalacións industriais do condicionamento espacial que supuñan os aproveitamentos hidráulicos, e o carbón, que substituiría á leña como fonte calorífica, tamén desprazou á enerxía hidráulica como fonte principal de recursos enerxéticos mecánicos.

Con todo, na derradeira década do século XIX a enerxía hidráulica habería ter un espléndido rexurdir vinculada a unha forma de enerxía que coñecería a maior difusión en todo o mundo: a electricidade.

No caso de Galicia, “o país dos mil ríos”, a enerxía hidráulica vai ser o motor fundamental da primeira industrialización. De feito, xa contra 1775 dátanse os primeiros aproveitamentos hidráulicos da Ilustración no río Xubia, na ría de Ferrol, os muíños de Lestache, construídos coa vontade de obter grandes producións de fariña para o abasto comarcal e aínda a exportación.

A gran demanda de fariña xurdida coas obras de construción dos Reais Arsenais de Ferrol levaría tamén á construción de muíños de marea, o que se faría na década seguinte (1785) no esteiro do río de Freixeiro, construíndose os muíños de Lembeye, máis coñecidos como As Aceas do Ponto (ficha 099).

Con todo, antes desas datas tense xa documentados outros muíños de marea en Galicia: Acea da Ama (Culleredo, 1550), Aceas do Burgo (Culleredo, 1580), Muíño do Rei (Neda, 1609), A Seca (Cambados, 1622), Muíño das Torres de Cereixo (Vimianzo, 1647), As Aceas da Illa (Illa de Arousa, 1681), Aceñas da Ponte Gaiteira (A Coruña, 1751).

Posteriores ao referente ilustrado de Lembeye ou Aceas do Ponto (Narón, 1785), van ser As Aceas dos Verxeles (Viveiro, 1795), Muíño das Mareas (Muros, 1815), Aceas de Ove (Ribadeo, 1868), Muíño do Cura (Catoira, 1870), Muíño do Mar (Ortigueira, 1905).

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño situouse na zona intermareal da desembocadura do rego de Riocastro, na marxe dereita da ría de Ares, próximo ao esteiro do río Eume.

Construcción:

Sen datos.

Abandono:

Sen datos (pode que a finais do século XIX).

Descrición:

Segundo indica Begoña Bas (1991), na linde marítima do concello de Cabanas co de Fene, encontranse as ruinas do que fora un pequeno muíño de mar. Anota que os veciños non lembran do muíño a traballar, e nin siquera en bo estado; porén, os maiores lembraban que lles contaban a eles de cando funcionaba e se achegaba en barca xente da outra banda da ría.

Na carta de navegar 929 do Instituto Hidrográfico da Marina (titulada De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña), editada en 1967 con levantamentos non datados e correcciós ata 1978, figura representado un viveiro entre Redes e a punta Madalena, pero sen indicación algunha da existencia dos restos do muíño.

A presa do muíño, construída de cachotería miuda, ten uns dez metros de lonxitude, cun groso de pouco menos de un metro, e remata no estibo esquerdo cos seis metros da parede do edificio do muíño.

O edificio con cuberta a dúas augas, construído tamén en cachotería miúda no estribo esquerdo da presa e cunha planta de oito metros de longo e catro metros de ancho, albergaría o mecanismo de rotación na parte baixa (o inferno) e o muíño na planta superior (o tremiñado).

A situación no fondo da ría, nun entrante con pouco movemento das augas, propiciou a sedimentación das areas no estanque e mesmo na enseada, enterrando pouco a pouco a presa, hoxe en día case totalmente cuberta.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo do abalo e devalo das mareas e do caudal que levara o pequeno rego que desemboca no estanque formado na enseada.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada ós recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.

O elemento ou conversor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar ó eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ó non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de conversores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ó asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ó longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas, ceñas ou bruias) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ó 60%.

Supoñemos que as instalacións do muíño de Riocastro tería un só rodicio (roda hidráulica horizontal) do tipo de dorna (caldeira), solidario cun eixo vertical que arrastraría a moa xiratoria do muíño.

O muíño designado en galego como muíño de dorna ou muíño de caldeira, corresponde á denominación castelá de “molino de regolfo”, ao que parece unha invención totalmente española da metade do século XVI.

O rodicio neste tipo de muíño traballa dentro dunha cámara cilíndrica (a caldeira) totalmente de pedra, de altura variable e de un metro de diámetro, totalmente integrada na parte baixa da construción, que carece de inferno. A auga chega por unha canle prácticamente horizontal, cuxas paredes van estreitándose até remataren nunha regaña duns dez ou quince centímetros de ancho, pola que se verte pola periferia da caldeira o abondoso caudal. O xiro, e por riba de todo, o peso da columna de auga fan virar o rodicio e auga sae pola grecha, unha abertura no fondo da caldeira.

Cando a configuración do muíño mestura o deseño dos de canle (forte pendente) co dos de dorna (rodicio en caldeira), recebe o nome de muíño de tinalla, estando esta construida en dúas pezas semicilíndricas non integradas na construción, que xacen dentro dun inferno sen tocar as paredes.

Actividades laborais:

Un só muiñeiro bastábase para sacar adiante o traballo, aínda que as veces contaran con axudantes.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trigo e centeo.

Produtos Elaborados:

Fariña de trigo e de centeo.

Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, B., 1991. Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Madrid: Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). ISBN 84-86850-64-9.

Fernández Lavandera, E.; Fernández Rodríguez, C.M., 1998. Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. ISBN 84-89908-29-X.

García-Diego Ortiz, J.A.; García Tapia, N., 1987. Vida y técnica en el Renacimiento. Manuscrito de Francisco Lobato, vecino de Medina del Campo. Valladolid: Universidad de Valladolid. ISBN 84-7762-104-7.

García Tapia, N., 1987. “Pedro Juan de Lastanosa y Pseudo-Juanelo Turriano". Llull: Revista de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas, Vol. 10, Nº 18-19, 1987, p. 51-74. ISSN 0210-8615.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Madrid: Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros. ISBN 84-7790-147-3.

González Tascón, I., 2008. “La difusión medieval del molino hidráulico”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 99-117. ISBN 978-84-7790-470-0.

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1960. De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Lorenzo Fernández, X., 1983. Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, A.R., 2006. Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology, Brill, Leiden, The Nederlands. ISBN 987-90-04-14649-5.

Pseudo-Juanelo Turriano, 1983. Los veintiún libros de los ingenios y de las máquinas. Prólogo de José Antonio García-Diego Ortiz. Madrid: Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos, Colección Ciencias, Humanidades e Ingeniería. Editado en 1984 por Ediciones Turner.

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Granada-Madrid: J.M. Reyes-Fundación Juanelo Turriano. ISBN 84-89685-46-0.

Teixeira Albernaz, P. (Pedro Texeira), 1634, El Atlas del Rey Planeta. Descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos. Felipe Pereda y Fernando Marías (eds.), cuarta edición, 2009. San Sebastián: Nerea. ISBN 978-84-96431-62-1.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-I Fene // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 675.615,99 m / Y 4.820.581,45 m

Data de Actualización:

24 maio 2014