322 Minas de Carballal da Vila

Galería de Fotos

VerVerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: Petín
  • Parroquia: Santa María de Mones
  • Lugar: As Fontelas
  • Paraxe: Valdecouso
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.36957872259131
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.115750312805176
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): Fuso 29 // X 655.150,02 m / Y 4.692.868,19 m
  • Clasificación: Minería metálica
  • CNAE: 07.29 Extracción de outros minerais metálicos non férreos (Mineral de cobre).
  • Tipoloxía: Minería de cobre
  • Comarca: Valdeorras
  • Marco Xeográfico: Aba noroccidental do Alto de Campelo, nos faldreos da orla montuosa que, co eixo no río Sil, enmarca a comarca natural de Valdeo
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Ourense colleremos a estrada nacional N-120 que leva a Monforte de Lemos e Quiroga, e continuaremos por ela ata chegar a Petín, onde apartaremos a dereita pola OU-0363 cara á presa do encoro de Santoalla. A uns tres quilómetros, na aldea de Carballal e a uns dosucentos metros á esquerda da carreteira, atópanse as vellas explotacións cupríferas, case encostadas nas ribeiras do regueiro de Valbarrán.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Todo comeza hai uns trinta ou corenta mil anos, a primeira vez que obsérvase con valor de pregunta o residuo que queda no lume dos primeiros fogares, fose barro endurecido, po branco ou nódulos metálicos: o humano primitivo comeza aquí unha busca que inda non rematou pero que foi deixando respostas e significados. O barro endurecido pola acción da calor daría paso á cerámica; o po branco levaría á preparación da cal e o xeso; e as brillantes gotas de metal fundido solidificadas en nódulos metálicos serían o comezo da metalurxia.

Algunhas pedras, como a malaquita ou a azurita, sometidas ao calor intenso do fogar ou do forno desprenderían brillantes gotas de cobre fundido. Nalgún momento o humano relacionaría estas gotas solidificadas co metal nativo achado na natureza, comprendería o fenómeno e esta primeira calcinación non intencionada vai dar paso á calcinación consciente na procura do metal (antes do 4.000 a.C.). O proceso, intuitivo e paciente, require sucesivos tratamentos térmicos seguidos da forxa para liberar ao metal impuro dos seus contaminantes.

Unha vez aproveitados os minerais de maior riqueza en metal, os primitivos metalúrxicos houberon de perfeccionar os procedementos para deixar libre a mena do mineral; é o que hoxe coñecemos como a mellora da escorificación, engadindo fundentes que se combinen coa ganga para liberar ao metal puro.

Ao esgotarse o cobre nativo presente libre na natureza (hai achados de utensilios de cobre nativo do 7.000 a.C.), iniciaríase a metalurxia do cobre. O mineral de partida pode estar na forma de óxidos (cuprita e melaconita), piritas ou sulfuros (calcosina, Cu2S; covellina, CuS; calcopirita, S2CuFe) ou carbonatos (malaquita, CO3(OH)2Cu2; azurita, (CO3)2(OH)2Cu3). Os primeiros crisois para producir cobre metálico a partir de carbonatos mediante reducións con carbón datan do 5.000 a.C., inicio da Idade do Cobre ou período calcolítico.

Contra o 3.500 a.C. vanse esgotando os xacementos de carbonatos na Europa, pero descóbrese polos kurganes, no Cáucaso ou no Oriente Próximo, a obtención de cobre (cobre arsenical) engadíndolle arsénico aos sulfuros de cobre, con xacementos moito máis abundantes. As veces precisarían unha calcinación previa para eliminar o xofre presente e formar os óxidos (obtención de mata e escoura) que se reducirían nunha segunda calcinación (afinado) para obter o cobre purificado.

No período calcolítico, para escorificar a ganga cuarcífera, os metalúrxicos aprenderon a incorporar óxidos de ferro e de manganeso na carga do forno de beneficio do cobre. E cabe pensar que nalgún momento ocorreu unha afortunada confusión, engadíndolle “galena ocre” (casiterita, dióxido de estaño) como escorificante, co que nacía un espléndido cobre –en realidade bronce, aliaxe de cobre e estaño– máis duro e especialmente apto para a elaboración de pezas metálicas en moldes (3.600 a.C.): o calcolítico deixaba paso á Idade do Bronce, datada dende o 3.000 a.C. no Oriente Próximo, no 2.500 a.C. en Troia e o Danubio, e no 2.000 a.C. na China.

Xa neste tempo teríamos dúas tipoloxías de fornos derivados do forno cerámico: o forno de beneficio ou calcinación previa, pechado e cunha ou varias tobeiras para insuflar aire e acadar altas temperaturas para a oxidación e concentración do metal, primeiro e a súa posterior redución; e o forno de fusión do metal aluvial, que o requirir menores temperaturas xa non necesitaría tobeiras e contaría cunha canle para a saída do metal fundido para a conformación dos lingotes.

O latón –aliaxe de cobre e cinc– descóbrese cara o ano 600 a.C. Tamén neste tempo fabrícase o vellón ou vélaro –aliaxe de prata e cobre– para acuñar moeda pola penuria da facenda pública na illa de Lesbos (Grecia).

Descrición Xeral do Entorno:

As minas localízanse nunha ampla zona das estribacións sudoccidentais do val de Valdeorras, cunha intrusión polo sur no veciño termo municipal de O Bolo.

Construcción:

Sen descartar uns primeiros e pouco exitosos labores superficiais, a explotación comezaría en 1720.

Abandono:

A partir de 1754, cun intento de recuperación, axiña abandonado, a comezos do século XX.

Descrición:

Posiblemente hai que remontarse a Idade dos Metais para saber das primeiras explotacións do cobre na zona cuprífera de Valdeorras.

O cobre da zona preséntase en forma de carbonatos, sendo o mineral presente malaquita, CO3(OH)2Cu2, ás veces acompañado de azurita, (CO3)2(OH)2Cu3).

Sen desbotar unhas primeiras labores superficiais primitivas, hai constancia do achádego na zona da mina de cobre de O Seixo nos comezos do século XVII, segundo testemuña de 1609 do capitán Alonso Ponce de León, veciño de O Bolo, quen pide ao rei Felipe III “dar provisión para efecto de trabajar en el benficio de la dicha mina”.

En 1720, vai ser o veciño de Zamora Pedro Cambrón Riberot, quen faga ao rei Felipe V o pedimento para o ensaio do cobre, con algunha liga de prata, descuberto nunha mina en Valdecouso. Cambrón vai asociarse na explotación da mina con José Casariego Trelles e o seu irmán Miguel, e con Pedro Timiraos Casanoba, pero a sociedade vai cancelarse en pouco tempo por desavenencia entre os seus membros.

Descubertas varias minas más nas proximidades de Carballal da Vila (“Santa Polonia”, 1722; “Nuestra Señora del Rosario”, 1726) e tras numerosos pleitos, unha real cédula concedida en 1747 por Fernando VI confirmaría ao negociante madrileño Juan Alonso González Masagranzas o aproveitamento dos criadeiros “Jesús Nazareno”, “Nuestra Señora del Rosario” e “Santa Polonia”.

Traballaría nelas personal cualificado procedente de Linares (Jaén), de Inglaterra, de Flandes, de Escandinavia, a cargo das tareas de fundidor e refinador.

Consonte recolle Larruga, as tres minas citadas e unha cuarta nomeada “Telleira” foron “trabajadas continuamente para perfeccionarlas y ponerlas al corriente”, e contaban con nove lavadoiros, “tres de escoba y seis de cubo”, e un machador con tres pilóns que moían dous operarios “a causa de la penuria de agua en dicho ámbito”.

En 1752 Masagranzas fixo cesión das minas a favor do fidalgo valdeorrés Joseph Nocilás de Quiroga y Nava. As explotacións irían sendo abandonadas “por sobra de agua y falta de caudales”.

Aínda contra 1846, Madoz mencionaba a denuncia da mina “La Peregrina”, de cobre de superior calidad que, “por el poco genio minero en el país y falta de capitales ha sido otra vez abandonada”.

Noutra nova volta, recolle Risco que nos primeiros anos do século XX as antigas minas de Carballal da Vila foran obxecto dun tímido intento de explotación, pero “dieron tan poco resultado que fueron abandonadas”.

Tempo de uso:

Todo o ano, con labores intensificados nos meses máis secos (maio a setembro).

Sistema de produción:

Os labores realizáronse por medio de socavóns prolongados en galerías subterráneas que seguían a masa de mineral que íase presentando co fin de arrancar axiña, sen ter en conta precaución algunha para controlar a gran cantidade de auga que producen as filtracións na época de inverno, polo que os traballos chegaron a paralizarse pola inundación dos tallos.

Ao non contar a empresa cos medios precisos e seren dificultosa a posibilidade de desaugue natural das minas, pasáronse varios anos de probas e tentativas frustradas para limpar os labores empezados e poder continuar traballando, o que levaría a frecuentes paralizacións e cambios nas condiciones das explotacións.

Os socavóns e galerías das minas complementabanse coas contraminas de comunicación, limpeza de desmontes e saca do mineral, ademáis dos pozos de ventilación, desaugues e respiradoiros.

Nas proximidades das minas construíronse os lavadoiros para depurar as menas extraidas dos criadeiros, as fábricas de fundición e afinación do mineral, os mazos ou martinetes para bati-lo cobre, e os demáis inxenios propios da actividade.

O traballo das forxas e ferrarías precisa da proximidade dun curso de auga capaz de accionar os foles para soprar nas fraguas e os mazos para bater no metal, e aquí foi o río Xares o que proporcionou a enerxía requerida por dous importantes centros metalúrxicos locais: a Ferrería do Millarado, no paraxe de O Castelo, entre O Seixo e Barxa, e a Ferrería do Mondón, hoxe na marxe dereita da cola do encoro de Santoalla, a carón do paraxe chamado Souto da Ferrería e fronte do “balneario” de Beto (en realidade, casa de tomar as augas). Cadansúa ponte sobre o Xares facilitaba o tránsito entre as dúas ribeiras.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Cara a 1737, as minas de Carballal da Vila contaban cuns vintecinco traballadores, entre os operarios cualificados (sarxento de minas; oficial de minas; carpinteiro; ferreiro; fundidor; refinador; barrenador; picador; ministro ou administrador), e os non cualificados ou xornaleiros de minas (picadores en contramina; picadores en mina; peóns lavadeiros; carreteiros).

Materias Primas:

Mineral de cobre (malaquita, carbonato de cobre, CO3(OH)2Cu2).

Produtos Elaborados:

Cobre metal afinado, obtido trala cocción (calcinación) da vea de cobre, a fusión e o refino. Larruga informaba que en pouco máis de dous anos (entre o 16 de novembro de 1735 e o 6 de decembro de 1737) se afinaran nas fábricas de Carballal da Vila unhas 4.060 libras de cobre fino (uns 1.905 quilogramos), e no quinquenio 1742-1746, o volume do mineral afinado rendiú un total de 49.384 libras de cobre fino de a 16 onzas de Castela (uns 23.166 quilogramos).

Distribución e comercialización:

A meirande parte do cobre producido levábase á Real Casa de Moneda de Segovia para cuñar moeda.

Referencias Bibliográficas:

Álvarez, J.C., 2010. Oro, cobre, estaño: antiguas minas en Valdeorras, Juan Carlos Álvarez [en línea]. Disponible na Internet: http://pradaweb.blogspot.com.es/2010/07/estudios-sobre-la-mineria-en-valdeorras.html [Acceso 25 de marzo do 2013].

Bauer, G. (Georgius Agricola), 1556. De re metallica. Fasimil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Último acceso 7 de abril del 2011].

Cornide Saavedra, J.A., 1783. Memoria sobre las minas de Galicia y otras producciones del reino mineral, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Acceso 21 de agosto del 2009].

Cueto y Noval, R. del, 1928. La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Acceso 21 de agosto del 2009].

Fernández Negral, J., 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

Ferrero Arias, A., et al., 2013. Mapa de Patrimonio Minero de Galicia, Madrid: Instituto Geologico y Minero de España (IGME). NIPO: 728-13-018-6.

Labrada Romero, J.L., 1804. Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja, Vigo: Galaxia.

Lara Coira, M., 2010. “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Larruga Boneta, E., 1784-1800. Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los reales decretos, órdenes, cédulas, aranceles y ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento, tres series previstas, primera serie de 45 tomos en cuarto, sólo cuatro publicados (Castilla la Vieja, Castilla la Nueva, Extremadura y Galicia), imprenta de Benito Cano, 1787-1800, Madrid.

Meijide Pardo, A., 1985. La antigua minería del cobre en el Valle de Valdeorras, Santiago de Compostela: Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia. DL C-797-1985. ISBN 84-505-1790-7.

La minería de Galicia, 1991, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Martínez Risco, V, 1928. “Provincia de Orense”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, La Coruña: Ediciones Gallegas.

Mirre, J.C., 1990. Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Pérez Fraga, S. (silvia.perez.fraga@gmail.com), 18 de marzo do 2014. Minas de cobre en Valdeorras. Comunicación persoal a M. Lara Coira (mlara@asociacionbuxa.com).

Pérez Fraga, S. (silvia.perez.fraga@gmail.com), 25 de marzo do 2014. Minas de Carballal e de O Seixo. Comunicación persoal a M.Lara Coira (mlara@asociacionbuxa.com).

Real Orden de 9 de diciembre de 1852, por la que se determinan las tablas de correspondencia recíproca entre las pesas y medidas métricas y las actualmente en uso. Madrid: Diccionario jurídico-administrativo, 1858.

Schulz, G., 1835. Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada (Coruña): Ediciós do Castro.

Viejo Viñas, R., 1985. “La minería en Galicia”, Papeles de Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 3, Galicia, Fundación Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros (FUNCAS), Madrid.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 190-III A Rúa // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 655.150,02 m / Y 4.692.868,19 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Data de Actualización:

14 xullo 2014