325 Canteira da Redonda

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Mugardos
  • Parroquia: San Xulián de Mugardos
  • Lugar: A Redonda
  • Paraxe: A Canteira
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.46262257183198
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.270296454429626
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): Fuso 29 // X 559.157,58 m / Y 4.812.640,67 m
  • Clasificación: Canteira
  • CNAE: 08.11 Extracción de pedra ornamental e para a construción.
  • Tipoloxía: Granito en bloques para construción
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Punta da Redonda, na estrema esquerda da enseada do Baño, na marxe esquerda interior da entrada da ría de Ferrol
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Sairemos de Ferrol pola estrada nacional N-651, cara a Fene. A uns cinco quilómetros, chegaremos Perlío, e apartaremos pola dereita pola Carreteira AC-133, cara a Ares e Mugardos. A pouco máis de cinco quilómetros, no cruce de A Gallada, enfiaremos a carreteira AC-122, e cinco quilómetros máis adiante chegamos a Mugardos. Alí continuaremos pola carreteira AC-131 por O Baño ata chegar á Redonda de Arriba, e un pouco máis adiante baixaremos pola dereita até a beiramar, onde atoparemos a canteira e os restos de edificacións a carón do embarcadoiro da praia.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente (está abandoada)

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O emprego da pedra na construción pérdese no comezo dos tempos, obténdose os materiais apañando as pezas soltas das pedreiras dos montes ou os croios (pedras roladas) das marxes dos ríos.

A precariedade e limitacións do procedemento máis primitivo, vai dar paso ao estabelecemento das canteiras, abertas na tona da terra nos lugares nos que a abundancia de pedra permite arrigala e collela sen moito traballo.

Os materiais aproveitados dependen lóxicamente da súa presencia e abundancia en cada comarca, sendo os máis empregados en Galicia o granito, a lousa, a serpentina e o mármore.

Unha canteira é unha explotación mineira, xeralmente a ceo aberto, na que se obteñen rochas industriais, ornamentais ou áridos para construción. As canteiras adoitan ser explotacións de pequeno tamaño, aínda que o conxunto delas representa, probablemente, o maior volume da minaría mundial.

Os produtos obtidos nas canteiras, a diferenza do resto das explotacións mineiras, non son sometidos a concentración, xa que van ser expedidos en bloques.

Os bloques, perpiaños e cachotes transportabanse por terra con gran traballo, dada a precariedade das vías de comunicación. Por iso, sempre que era posible, escollíase o transporte por mar, máis doado e barato, e moitas das canteiras (o mesmo que as barreiras e telleiras) abríanse nas beiramares, singularmente nas proximidades dos portos en construción.

Ademáis das antigas grandes canteiras existentes, como as do Vispón ou da Redonda, na ría de Ferrol, o desenvolvemento urbanístico das vilas costeiras no primeiro terzo do século XX, alumeó numerosas explotacións, facilmente identificables nas paisaxes de Cedeira, Sada, Coruña, Malpica, Corme, Rande ou Meira.

Toda canteira ten unha certa vida útil polo cal, unha vez esgotada, o abandono da actividade pode orixinar problemas de carácter ambiental, principalmente relacionados coa destrución da paisaxe. Porén, algúns dos espazos abertos polas canteiras, co paso do tempo, poden crear novas e harmoniosas paisaxes, como é o caso presente.

Descrición Xeral do Entorno:

A canteira foi aberta na faldra septentrional do monte da Bailadora, na punta Redonda e na mesma beiramar, o que faría máis doado o transporte ao seu destino dos materiais extraidos da canteira.

Construcción:

Cara a 1752.

Abandono:

Sen datos.

Descrición:

A canteira ocupa a aba de levante da faldra septentrional do monte da Bailadora, moi preto da punta Redonda, na estrema esquerda da enseada do Baño, xa no interior da ría de Ferrol.

Segundo se recolle en diversos documentos, os traballos eran desempeñados por escravos turcos capturados pola Mariña de Guerra española, para que picaran pedra para a construción do Arsenal e os Estaleiros de Esteiro, en Ferrol.

Un curioso documento recolle a fuxida dun destes pobres desgraciados, a quen axudara Pedro Bizoso, un veciño de Mehá co que topara en Rilo, que o liberara das cadeas que tiña nos pes. Perseguido día e noite, o fugado foi atrapado nas proximidades de Ribadeo e retornado á canteira. O labrego libertador foi encadeado no Castelo da Palma.

Era daquela o encargado dos traballos de arranque da pedra nas canteiras da Redonda, don Pedro Serrano, director tamén nas reales fábricas dos castelos de San Martiño, A Palma, e A Redonda, na entrada da ría de Ferrol.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Nos primeiros tempos, o traballo era ben sinxelo: íase á pedreira ou ao coiñal, escollíanse consonte o destino previsto as pezas que puideran interesar polo seu tamaño e a súa forma, e trasladabanse ao lugar da obra.

As limitacións do procedemento darán paso ao estabelecemento das canteiras, abertas na tona da terra nos lugares nos que a abundancia de pedra permite arrigala e collela sen moito traballo.

No traballo das canteiras, cumpre distinguir ao pedreiro, que facilita o material arrigando a pedra, e o canteiro, que vai dar forma á peza desexada. Isto no é sempre así, xa que son moitos os canteiros que elixen e arrigan a pedra que lles cumpre. O traballo do canteiro pódese facer na mesma canteira, nun taller ou na propia obra.

Decidida a canteira, xeralmente penedías sobre o terreo nun sitio de carrexo doado, límpase a terra que puidera cubrir os penedos e, posta a pedra ao descuberto para arrigala, búscaselle o andar (a dirección na que ha rachar) e sinálase cunha liña, ao longo da que vanse abrindo uns buratos, afondándoos coa acodadeira ou cincel.

Despois ponse un guillo (cuña de ferro) en cada burato e cálcase co martillón, golpeando deica parti-lo penedo. No tempo no que os guillos eran de carballo, botábase auga na madeira, que ía enchoupando e ao inchar, faguía fende-la pedra.

Segundo o uso que se lle dera á pedra, seguíase fendendo en prismas estreitos e longos para postes, ou curtos e anchos para perpiaños.

Preparadas as pezas, as máis grandes trasládanse aos rebolos ou sobre roletes até o camiño no que as ha collé-lo carro. As pequenas pódense levar en cestos ou padiolas.

Nas obras nas que a pedra ponse tal como se atopa (alicerces, muros de cimento, ou de cachotes), o canteiro limítase a lle “busca-lo ser” para que asente ben no seu sitio, se cadra quitándolle algunha esquina que lle sobre.

Se a obra é de perpiaño, é preciso labra-lo paralelepídedo sacado da canteira, para que as súas caras ofrezan superficies chairas e asenten entre elas sen precisar calzos. Co punteiro e a maceta desbástanse as pedras, e co pico achairanse ben as caras, rematando coa labra a cincel cando se quere pulila máis.

O primeiro paso na mecanización da cantaría foi arrigar co emprego da dinamita en forma de barrenos, cargando con eles os buratos e facéndoos estalar para estourar a pedra, separando despois os cachos coa axuda de palancas. Hoxe en día, ademáis de voaduras controladas con moi pequenas cantidades de explosivos de baixa potencia (pólvora de mina), empréganse tamén martelos neumáticos, sopretes, e ferramenta de corte de diamante.

Para a carga, que facíase primeiro a man ou coa axuda de planos inclinados e polipastos, empregaríanse pas escavadoras accionadas a vapor, e despois con motores de combustión interna.

O transporte, por terra nos carros do país ou, preferentemente, por mar nas embarcacións de cabotaxe (galeóns, lanchas), faríase despois, respectivamente, en camións ou en gabarras remolcadas por barcos de vapor.

Os diferentes labores da explotación dunha canteira receben nomes característicos e propios da técnica: banco, berma, pista, noiro final, noiro de traballo, támaras da escavación, praza, curta, etc.

Actividades laborais:

Persoal masculino (pedreiros, canteiros e peóns) en todo o proceso produtivo. Mulleres no carrexo do material aos carros e ás embarcacións.

Emprego:

Segundo se recolle en diversos documentos, os traballos eran desempeñados por escravos turcos capturados pola Mariña de Guerra española, para que picaran pedra para a construción do Arsenal e os Estaleiros de Esteiro, en Ferrol.

Materias Primas:

Pedra.

Produtos Elaborados:

Bloques de pedra parcial ou totalmente elaborada.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carneiro Rey, J.A.; Rodríguez Vázquez, M.A., 2004. Historia de Mugardos. Mugardos: Concello de Mugardos e Reganosa. DL C-913-2004.

Gutiérrez Morán, A., 2006, “Ferrocarril de Betanzos a Ferrol (El Ramalillo)”, Anuario Brigantino 2006, nº 29, p. 239-272, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: pedreiros e canteiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 508-514.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Pedreiros e canteiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 67-76. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madel, H., 1942. “Explotación a cielo abierto”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo II: Laboreo de minas, sección IV: Preparación y beneficio de yacimientos, p. 268-270.

La minería de Galicia, 1991, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Pereira González, D., 1999. Imaxes da fatiga: crónica gráfica do traballo na Galiza, Vigo: A Nosa Terra. DL VG-613-1999, ISBN 84-89976-87-2.

Rodríguez Fraiz, A., 1994. “Peripecia dun turco apresado pola Mariña de Guerra a mediados do século XVIII”, Cuaderno de Estudios Gallegos, tomo XLI, Fascículo 106, 1993-1994. Santiago de Compostela: Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 20 abril 2014].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 559.157,58 m / Y 4.812.640,67 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1960. De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Data de Actualización:

18 xullo 2014