329 Fábrica de Soutovello

Galería de Fotos

VerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Fene
  • Parroquia: San Salvador de Maniños
  • Lugar: A Marnela
  • Paraxe: Souto Vello
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.453057139070665
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.198086023330688
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 565.003,90 m / Y 4.811.653,92 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en pías (noques)
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda do río Baa no Souto Vello, na zona de transición da costa ao interior da marxe esquerda da ría de Ferrol.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Sairemos de Ferrol pola estrada nacional N-651, cara a Fene. A uns cinco quilómetros, chegaremos a Perlío, e apartaremos pola dereita pola Carreteira AC-133, cara a Ares e Mugardos. A pouco uns tres quilómetros e medio, no cruce da Ribeira, apartaremos á esquerda cara a Armada e catrocentos metros máis adiante, antes de pasar a vía do ferrocarril, enfiaremos na man dereita a carreteira do Pote. Sesenta metros máis adiante, antes de cruzar o río Baa e na man dereita, nun espazo a xeito de praciña, atoparemos o curtidoiro do Souto Vello.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos pilos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en pilos prestados ou en pilos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento, no tránsito do século XVIII ao XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ao mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

Consonte os datos do Catastro de Ensenada, contra 1752 o gremio de zapateiros de Betanzos contaba con cincuenta e catro inscritos, pero tan só seis desenvolvían moi rudimentarias tarefas de curtume. Vai ser contra os comezos da década de 1770 cando aparecen nas contornas de Ferrol os primeiros curtidoiros estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada, coa introdución de capital privado e de emprego asalariado, liberados do control gremial.

Ao curtidoiro de Soutovello correspóndelle o mérito de ser o primeiro asentado na ría de Ferrol. Foi estabelecida no ano 1770 por Miguel del Padró Clinch, comerciante catalán aveciñado na Coruña, asociado con Miguel Daubanch, comerciante vascofrancés orixinario de Hasparren e aveciñado en Ferrol.

De alí a pouco, a propiedade da fábrica de curtume pasaría á compañía creada por Miguel Daubanch asociado con Juan Pablo Genovés, un comerciante catalán, aveciñado na Coruña. En 1777 incorpórase á firma “M. Daubanch y Cía.” un tercer socio, o catalán Tomás Cucurella, en calidade de experto en curtume.

No informe do Administrador de Rentas Provinciales á Junta de Comercio en 1785 indica que “Empléanse en ella un maestro e sete oficiales. Curte al año mil corregeles a la irlandesa, 1.200 suelas del país, 400 baquetas, 300 becerrillos, 80 badanas y 50 cabritillos. Y promete por su situación ser utilísimo establecimiento”.

En 1797 morre Miguel del Padró. En 1803 o seu fillo solicitaba axuda económica para poder atender á competencia xerada polas dez novas fábricas de curtidos estabelecidas na ría de Ferrol tralo seu exemplo. A fábrica, que tiña entón 144 pes de largo por 97 de ancho, elaborándose unhas 3.000 peles ao ano, resultará destruída polos invasores franceses en 1809, e vai ser, infrutuosamente, posta en pública subhasta en 1811.

Queda entón ao fronte o empresario asturiano Ramón Casariego Villaamil (que dende 1779 tiña asú propia fábrica en Pontedeume), afincado na Coruña e casado con María del Padró Genovés, filla do consocio de Daubanch. No intento de mellorar a competitividade, procede contra 1815 á ampliación das instalacións asociado cos comerciantes composteláns Silverio Moreno Ibáñez e León Fernández Bobadilla. Pouco despois os composteláns abandonan a sociedade e Casariego e a súa esposa subscriben unha obriga hipotecaria para avalar un préstamo que lles fixera o negociante José de Villegas.

Os negocios non deberon marchar ben, e en 1817 a industria, coa casa-vivenda, as oficinas, almacéns, currais anexos e unha horta circundada, era adquirida en remate público por León Fernández Bobadilla, que constituía unha nova empresa mercantil coas firmas “Galcerán e Hijos”, da Coruña, e “Galcerán, Riba y Cía.”, de Ferrol, co obxecto de reemprender e continuar o curtido de peles en Maniños; a dirección da industria encoméndaselle á firma “Galcerán e Hijos”, que designa un factor que debe residir “a pie quieto” no distrito da mesma, co fin de vixiar as operacións de curtido, e mirar polo acopio de casca e demais ingredientes precisos para a elaboración dos pelicos.

Morto León Fernández en 1818, a súa viúva Rosa Galcerán liquida a súa parte a favor do seu pai, Pedro Galcerán e do seu tío, Juan Ventura Galcerán.
Inda que a curtidoría continuará traballando na década de 1820 dirixida polo catalán Marset, como consecuencia de desavenencias entre os socios a partir de 1827, a sociedade vai entrar nun proceso de liquidación. En 1839 cotizaba pola fábrica de Soutovello o industrial Sebastián Rivas.

Algúns datos apuntan a que en 1854 a fábrica pertencía a Gervasio Medina, que vai asociarse en 1860 con José Roquer Mauregat, propietario da curtidoría de Barallobre. En 1864 figura ao fronte da industria Donapetry, curtidor tamén en Ortigueira. En 1867 os propietarios son José Reguera y Eduardo Carro.

A fábrica fora adquirida en 1872 por Andrés Carballo Neda, e á súa morte vai pasar ao ferrolán Carlos Lapique Suárez, que mediado o século XX, a cede en aluguer a Ladislao Pérez Llanos. Ao fin, a curtidoría vai ser vendida a Dionisio Valverde, de Villamariel (Palencia), quen porá ao fronte da industria a Pío Guerra Guerra, encargado canda o seu fillo Ángel dunha explotación especializada no curtido de pelellos de coello e que vai manterse en funcionamento ata o ano 1977.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica sitúase no barrio de A Marnela, cerca de A Armada e a carón do camiño real de O Seixo a Pontedeume, nunha pequena chaira da ribeira esquerda do río Baa.

Construcción:

1770.

Abandono:

1977.

Descrición:

A fábrica de curtumes de Soutovello tiña en 1803 144 pes de largo por 97 de ancho (48 x 32 varas ou 40 x 27 m), elaborándose unhas 3.000 peles ao ano.

A construción sería do tipo de pavillón único, cos secadoiros no piso superior. Na planta térrea estaría, do lado do río, o patio para os traballos de ribeira e o muíño de casca, e os pozos de casca, os pelamios e os caleiros do outro lado.

O conxunto industrial completariase coa casa-vivenda, as oficinas, os almacéns, os currais anexos, a horta, parra e viñedo, e un prado de regadío. Atopábase razoablemente situado, a pouca distancia do Camiño Real do Seixo a Pontedeume e non lonxe dos peiraos do Seixo e de Perlío.

O edificio actual é un cuadrilongo de 25 m de largo na beira do río e 24 m na traseira, e 14 m no frontal meridional (encostado a unha vivenda) e 10 m no septentrional. Na traseira, común á fábrica e a vivenda encostada, hai unha gran parcela cuadrangular de uns 36 metros de lonxitude e 34 m (sur) e 22 m (norte) con herba e arboreda. Polas dimensións do conxunto, pode que fose todo parte da primitiva finca de 1803.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelellos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ao efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel aos pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón aos pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e voltaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos aos outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso, a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun murete circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ao seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida, o pelico. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.

O curtido ao alume ou curtido en branco segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas.
Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas tenerías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), badanas (carneiro ou ovella), cordobáns (cabra), baldeses (adelgazadas para luvas), baquetas (vaquetas, tenreira para albardeiría) e corregeles (tamén chamado crupón, folla enteira de coiro flexible e groso de boi ou vaca, para solas e correas).

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

En 1785 tiñan un mestre e sete oficiais.

Materias Primas:

Coiros, peles, pelellos.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas, pelicos.

Distribución e comercialización:

Local, rexional e nacional.

Referencias Bibliográficas:

Abelleira Bouza, D., 28 de julio del 2014. Fábrica de curtidos de Maniños. Comunicación personal a Manuel Lara Coira; entrevista en Ferrol.

Arias Rei, M.J.; Sanfiz Raposo, H., 1994. Maniños no pasado, Fene: Concello de Fene. DL C-1620-1994.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Industrias del tejido y del cuero”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 225-233. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Feal Rey, M.C., 2010. Historia de Maniños, Perlío (Fene, Coruña): Imprenta Sanesteban. DL C-3240-2010.

Fernández Negral, J., 2002, Las fábricas de curtidos en la ría de Ferrol, 1783-1956, Cadernos do seminario de Sargadelos, O Castro-Sada (Coruña): Ediciós do Castro. DL C-174-2002. ISBN 84-8485-049-8.

Labrada Romero, J.L., 1804. Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja, Vigo: Galaxia.

Larruga Boneta, E., 1784-1800. Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los reales decretos, órdenes, cédulas, aranceles y ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento, tres series previstas, primera serie de 45 tomos en cuarto, sólo cuatro publicados (Castilla la Vieja, Castilla la Nueva, Extremadura y Galicia), imprenta de Benito Cano, 1787-1800, Madrid.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 550-558.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Curtidores ou coireiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 123-133. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Último acceso 17 octubre 2009].

Meijide Pardo, A., 1986. “Las primeras industrias del curtido en Betanzos”, Untia. Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns, núm. 2, p. 27-43, Betanzos. DL C-528-1984. ISBN 398-7401-4. [en línea]. Disponible en Internet: http://hemeroteca.betanzos.net [Último acceso 20 de octubre del 2012].

Meijide Pardo, A. 1987, “Estirpes catalanas en La Coruña: J.V. Galcerán, hombre de negocios y político liberal (1765-1837)”, Pedralbes: revista d’historia moderna, núm. 7 (1987), p. 205-226, Barcelona. ISSN 0211-9587.

Meijide Pardo, A., 1998, “Entre 1770 y 1814 se establecen 14 fábricas de curtidos en la comarca ferrolana”, Anuario Brigantino, nº 21, p. 167-182, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Meijide Pardo, A., 2000. “Aportación a la historia económica y social de Pontedeume en la primera mitad del siglo XIX”, Anuario Brigantino, nº 23, p. 239-254, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Núñez Barros, R., 1994. "A industria do curtido en Pontedeume”, Cátedra. Revista eumesa de estudios, núm. 1, Pontedeume, Coruña, p. 7-18. ISSN 1133-9608.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754. 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en línea]. Disponible en Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Último acceso 3 de agosto de 2009].

Wagner, A., 1942. “Curtido y elaboración de pieles”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 703-744.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 565.003,90 m / Y 4.811.653,92 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1960. De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Data de Actualización:

6 agosto 2014