330 Las Maravillas (Hijos de Miguel M. Ortiz)

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: A Coruña
  • Parroquia: A Coruña (urbana)
  • Lugar: Camiño Novo (hoxe, rúa Juan Flórez)
  • Paraxe: Las Maravillas
  • Dirección: Non procede (aproximadamente na esquina da rúa Juan Flórez coa rúa Cabo Santiago Gómez)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.364747437958094
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.408194184303284
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 548.065,84 m / Y 4.801.698,92 m
  • Clasificación: Fundición
  • CNAE: 24.51 Fundición de ferro. 24.52 Fundición de aceiro. 24.53 Fundición de metais lixeiros. 24.54 Fundición de outros metais non fé
  • Tipoloxía: Artesanal
  • Comarca: A Coruña
  • Marco Xeográfico: Casco urbano da cidade da Coruña
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: Unha vez no centro urbano da Coruña, localizaremos o cruce da rúa Juan Flórez coa rúa Cabo Santiago Gómez; na beira de poñente de Juan Flórez estivera a fundición de Ortiz, coñecida como “Las Maravillas”.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Non hai pegada algunha

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A metalurxia galega preindustrial asentábase, como industria auxiliar da agricultura, dispersa polo territorio en numerosas ferrerías, cunha especial concentración na provincia lucense, e a maioría do tipo coñecido como “foja catalana”. O século XIX foi o do devalo das vellas fraguas, incapaces da adaptación aos novos modos de produción representados pola función de Sargadelos (ficha 211) e, xa que logo, inútiles na transición cara á moderna siderurxia, condicionada pola carestía do carbón, unha forte competitividade extrarexional, e a necesidade dunha produción a grande escala.

Os primeiros talleres coruñeses de fundición foran instalados en 1843 no barrio de Monelos (ata 1912, Ayuntamiento de Santa María de Oza) por Joaquín Galiacho Sierra (vid. ficha XXX), orixinario de Ronda (Málaga). Quebrada a empresa en 1865, pasarían ao mestre ferreiro Baltasar Carballeira Fransesch.

Contra 1880, con crecemento da flota de vapor coruñesa, aparecería unha segunda xeración de fundidores. Nesta segunda vaga de fundicións coruñesas, en 1883, o maquinista e industrial de orixen valenciano Miguel Muñoz Ortiz, estabelecería a fundición "Las Maravillas" no Camiño Novo (hoxe rúa Juan Flórez), asociado co fotógrafo Luis Sellier. A compañía disolviuse en 1885, quedando Muñoz como único propietario.

A fábrica de Muñoz dedicariase á fundición, construción e reparación de toda clase de maquinaria e de pezas de motores, principalmente dos barcos, pero tamén muíños fariñeiros, serras de cinta, carros para serras, máquinas de carpinteiro, limadoras, prensas hidráulicas, martelos pilón, bombas, tubarías, balcóns e cociñas, entre outros moitos efectos.

Nas derradeiras horas do serán do 29 de outubro de 1906, durante unha longa folga do sector da construción (coñecida pola súa duración como “a folga da fame”), Miguel Muñoz Ortiz saía da Cámara de Comercio cara á súa vivenda, contigua aos talleres metalúrxicos da finca “Las Maravillas”. A poucos metros da casa familiar, na rúa Ferrol, tres descoñecidos o asaltaban e apuñalaban ata dez veces, e a pouco moría, mentres na próxima praza de Ourense desangrábase por unha navallada na femoral o dirixente anarquista Ramón Seoane, presidente da agrupación coruñesa de obreiros zapateiros. O asasinato de Muñoz (65 anos) e a morte, pode que accidental, de Seoane (23 anos), quizá un dos asesiños, conmocionou á cidade e levou á negociación de obreiros e patróns, que acordarían, entre outros extremos, unha xornada laboral de oito horas, aplicable a partir de 1908.

En 1910, os seus fillos, os irmáns Miguel, industrial, e Ricardo Muñoz Fernández, enxeñeiro, creaban a sociedade colectiva "Hijos de Miguel M. Ortiz" para continuar co negocio do seu pai. Coa Gran Depresión, liquidabase a sociedade en 1929, aínda que non supuxo o fin da fábrica, que continuou baixo a dirección de Miguel Muñoz Fernández. No bienio 1933-1934, a empresa deu pérdidas, pero comenzó a dar beneficios nos anos seguintes, aunque cunha progresiva descapitalización pola disminución dos seus recursos propios. En 1950, derradeiro ano do que se dispón de datos contables, tivera un beneficio de 256.958 pesetas.

O ano 1972, o Axuntamento da Coruña mercou a Finca Ortiz, desmantelou as instalacións e demoleu as construcións para abrir a rúa Cabo Santiago Gómez.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na periferia da cidade da Coruña, na beira do Camiño Novo (hoxe rúa Juan Flórez) de saída da mesma.

Construcción:

1883.

Abandono:

Década de 1950.

Descrición:

A finca “Las Maravillas” acollía o conxunto das oficinas, os almacéns, os talleres, a fundición e a casa-vivenda.
Polo momento, carécese de máis datos das instalacións fabrís.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso tradicional de fundición comeza pola fusión dun metal, tipicamente aliaxes de ferro (aceiros) e aliaxes de cobre (bronces), nun crisol para vertelo (colalo) nunha cavidade (molde) onde vai solidificarse adquirindo a forma que derámoslle ao molde.

Unha vez solidificado e frío o metal, rómpese o molde para extraer a peza fundida, procedendo a traballala, eliminando rebabas e limando asperezas, ata darlle o acabado final.

O molde prepárase mesturando area, arxila e auga (tipicamente 90-7-3 por cento), obtendo unha masa pastosa, refractaria da calor e permeable aos gases, que vai moldearse coa forma que desexemos darlle á peza a fabricar.

Faise primeiro un modelo a tamaño natural de madeira (ou de metal ou plástico) que vai definir a forma externa de peza que queremos reproducir.

Despois vaise compactar a area (a masa de area e arxila) arredor do modelo, xa introducido na caixa de moldeo. En función da forma da peza a fabricar, o modelo poderá estar configurado por dúas partes, simétricas ou non, que teñen que permitir xuntar e axustar perfectamente as dúas pezas fabricadas para obte-la peza final.

Se a peza a fabricar vai ser oca, haberá que tapar os buratos do molde cos machos para que o metal fundido non penetre nos ocos.

Faise seguidamente a colada, vertendo o material fundido na cavidade do molde e deixándoo arrefriar lentamente para que non aparezan regañas na peza. Rómpese entón o molde para sacar a peza, aproveitando a area para fabricar novos moldes.

Xa só queda o desbarbado, eliminando os condutos de alimentación, as mazarotas (excesos de material nos puntos de rechupe) e as rebarbas xeradas nas xuntas das dúas caras do molde. Nalgúns casos, a peza pode requirir un mecanizado co arranque de labras ou un tratamento térmico (templado, recocido, revenido) para mellorar as súas propiedades mecánicas.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en tódalas etapas do proceso. Persoal tamén masculino na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Ferro.

Produtos Elaborados:

Pezas de fundición (tubarías, balcóns, cociñas, columnas, etc.). Motores estáticos Marvel.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L.; Lindoso Tato, E.; Vilar Rodríguez, M., 2008. “Los empresarios del hierro: Galiacho, Solórzano, Ortiz y Wonenburguer”, Construyendo empresas: la trayectoria de los emprendedores coruñeses en perspectiva histórica, 1717-2006, 2 vol., A Coruña: Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC), vol. I, p. 211-228. D.L. VG-1476-2008.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Colectivo Libunca, 2000. “Fundicións Foira”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 3, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 169-170. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Córdoba de la Llave, R., 2008, “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

González Pérez, C., 1994, A producción tradicional do ferro en Galicia: as grandes ferrerías da provincia de Lugo, Debuxos de José Pena, Lugo: Servicio de Publicacións da Deputación Provincial. DL LU-41-1994. ISBN 84-86824-49-4.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 1017-1076.

Hofman, H.O., 1925: Tratado de metalurgia general. Trad. por Rafael Hernández del original inglés del Instituto Tecnológico de Massachusetts, Barcelona: Gustavo Gili.

Ibáñez, M.; Torrecilla, M.J.; Zabala, M.; Yañiz, S., 2001, La industria del hierro, Colección Bertan, número 16, San Sebastián: Dirección General de Cultura de la Diputación Foral de Guipúzcoa. DL SS-752/2001. ISBN 84-7907-333-0. Disponible en Internet: http://bertan.gipuzkoakultura.net [Acceso 08 agosto 2014].

Vázquez Vaamonde, M.C., 1995. La metalurgia en Galicia de los siglos XVIII al XX: ferrerías, fundiciones y forjas. Departamento de Historia II, Área de Historia Contemporánea, Tesis Doctoral dirixida por Ramón Villares Paz, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-III A Coruña // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 548.065,84 m / Y 4.801.698,92 m

Data de Actualización:

8 agosto 2014