341 Hijos de Solórzano

Galería de Fotos

VerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: A Coruña (anteriormente, até 1912, Oza)
  • Parroquia: Santa María de Oza
  • Lugar: Monelos
  • Paraxe: Corrales
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.355422805472
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.402525529739364
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 548.493,61 m / Y 4.800.717,93 m
  • Clasificación: Fundición
  • CNAE: 24.51 Fundición de ferro.
  • Tipoloxía: Artesanal
  • Comarca: A Coruña
  • Marco Xeográfico: Casco urbano da cidade da Coruña
  • Ámbito: Rural (hoxe en día, urbano)
  • Acceso: No centro urbano da Coruña, localizaremos o barrio de Monelos. No entorno do cruce da rúa Ramón y Cajal coa rúa Alcalde Marchesi estivera a Horta de Galiacho, onde establecérase Solórzano.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Non hai pegada algunha, pois a zona foi totalmente alterada e urbanizada.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

A metalurxia galega preindustrial asentábase, como industria auxiliar da agricultura, dispersa polo territorio en numerosas ferrerías, cunha especial concentración na provincia lucense, e a maioría do tipo coñecido como “forja catalana”. O século XIX foi o do devalo das vellas fraguas, incapaces da adaptación aos novos modos de produción representados pola función de Sargadelos (ficha 211) e, xa que logo, inútiles na transición cara á moderna siderurxia, condicionada pola carestía do carbón, unha forte competitividade extrarexional, e a necesidade dunha produción a grande escala.

Os primeiros talleres coruñeses de fundición foran instalados en 1843 no barrio de Monelos (ata 1912, Ayuntamiento de Santa María de Oza) por Joaquín Galiacho Sierra (vid. ficha 334), orixinario de Ronda (Málaga). Quebrada a empresa en 1865, pasarían ao mestre ferreiro Baltasar Carballeira Fransesch.

Manuel Solórzano Ibáñez presentabase contra 1864 como fabricante de fundición de ferro coado instalado no lugar de Castiñeiras de Arriba, no barrio de Santa Lucía, daquela extramuros da cidade da Coruña. As contratas coa corporación municipal coruñesa, coa Fábrica de Cobrería de Xubia (vid. ficha 114), e co Ferrocarril do Noroeste, permitiríanlle xa en 1873 adquirir os restos da fundición de Galiacho e construir unha nova fundición na coñecida como “Horta de Galiacho”, lugar de Corrales (Monelos) no veciño termo municipal de Oza.

Coa boa marcha dos negocios, Solórzano vai asociarse en 1882 co carpinteiro Casimiro Macía Canal e co tecedor Andrés Camprubí Genesca para instalar unha fábrica textil en Présaras. Ao ano seguinte, disolveríase a efémera sociedade, quedando Manuel como único propietario da fábrica (vid. ficha 201).

Contra 1880, con crecemento da flota de vapor coruñesa, aparecería unha segunda xeración de fundidores. Nesta segunda vaga de fundicións coruñesas, en 1883, o maquinista e industrial de orixen valenciano Miguel Muñoz Ortiz, estabelecería a fundición "Las Maravillas" no Camiño Novo (vid. ficha 330).

Morto Manuel en 1895, a súa viúva, Basa Freire Fan, e os seus fillos, José Fernando, Rosa, e Fernando José, constituirían a razón social “Viuda e hijos de Solórzano”, baixo a que continuarían explotando a fundición ata 1923, cando, morta Basa, a sociedade pasa a denominarse “Hijos de Solórzano”.

En 1936 morría José Fernando; Fernando José en 1938, e Rosa deixaba a sociedade, que vai disolverse e dar paso a “Talleres Solórzano, S.L.”, ao fronte da cal estarán as viúvas e fillos dos falecidos. Julio Solórzano Rodríguez quedará como xerente dos talleres, aos que especializará na fabricación máquinas de vapor e maquinillas para os pesqueiros, amais de turbinas e muíños fariñeiros, ocupación que compatibilizará co seu traballo na fábrica de fariñas “La Magdalena”, na coruñesa rúa San Roque, cerca da rúa Panadeiras.

En 1971 a industria vai trasladarse ao Ventorrilo, no Polígono Industrial Agrela-Bens. A xerencia dos novos talleres estará ao cargo de Eugenia Solórzano Rodríguez, curmá de Julio. A crisis da década de 1970 e a competencia dos emerxentes países asiáticos vai levar á quebra á empresa, que sé acollerá á suspensión dos pagos en 1979 e o 10 de marzo de 1980 declarábase a súa insolvencia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na periferia da cidade da Coruña, na ribeira do río de Monelos e augas arriba da Ponte Gaiteira e do esteiro que fora desecado contra 1764, cando desviárase o río cara a Os Castros, para construir no espazo gañado da zona intermareal o peirao e as instalacións dos Correos Marítimos (por onde hoxe atópase a Casa do Mar e a Estación de San Diego). Pódese situar, de maneira aproximada, no cruce da rúa Ramón y Cajal coa rúa Alcalde Marchesi.

Construcción:

1873, en Monelos; 1971, no Ventorrillo.

Abandono:

1979, suspensión de pagos e insolvencia.

Descrición:

Polo momento, carécese de datos das instalacións fabrís de Solórzano na ribeira do río de Monelos.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso tradicional de fundición comeza pola fusión dun metal, tipicamente aliaxes de ferro (aceiros) e aliaxes de cobre (bronces), nun crisol para vertelo (colalo) nunha cavidade (molde) onde vai solidificarse adquirindo a forma que derámoslle ao molde.

Unha vez solidificado e frío o metal, rómpese o molde para extraer a peza fundida, procedendo a traballala, eliminando rebabas e limando asperezas, ata darlle o acabado final.

O molde prepárase mesturando area, arxila e auga (tipicamente 90-7-3 por cento), obtendo unha masa pastosa, refractaria da calor e permeable aos gases, que vai moldearse coa forma que desexemos darlle á peza a fabricar.

Faise primeiro un modelo a tamaño natural de madeira (ou de metal ou plástico) que vai definir a forma externa de peza que queremos reproducir.

Despois vaise compactar a area (a masa de area e arxila) arredor do modelo, xa introducido na caixa de moldeo. En función da forma da peza a fabricar, o modelo poderá estar configurado por dúas partes, simétricas ou non, que teñen que permitir xuntar e axustar perfectamente as dúas pezas fabricadas para obte-la peza final.

Se a peza a fabricar vai ser oca, haberá que tapar os buratos do molde cos machos para que o metal fundido non penetre nos ocos.

Faise seguidamente a colada, vertendo o material fundido na cavidade do molde e deixándoo arrefriar lentamente para que non aparezan regañas na peza. Rómpese entón o molde para sacar a peza, aproveitando a area para fabricar novos moldes.

Xa só queda o desbarbado, eliminando os condutos de alimentación, as mazarotas (excesos de material nos puntos de rechupe) e as rebarbas xeradas nas xuntas das dúas caras do molde. Nalgúns casos, a peza pode requirir un mecanizado co arranque de labras ou un tratamento térmico (templado, recocido, revenido) para mellorar as súas propiedades mecánicas.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en tódalas etapas do proceso. Persoal tamén masculino na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Ferro.

Produtos Elaborados:

Pezas de fundición, tubarías, balcóns, cociñas, columnas, etc.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L.; Lindoso Tato, E.; Vilar Rodríguez, M., 2008. “Los empresarios del hierro: Galiacho, Solórzano, Ortiz y Wonenburguer”, Construyendo empresas: la trayectoria de los emprendedores coruñeses en perspectiva histórica, 1717-2006, 2 vol., A Coruña: Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC), vol. I, p. 211-228. D.L. VG-1476-2008.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Colectivo Libunca, 2000. “Fundicións Foira”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 3, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 169-170. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Córdoba de la Llave, R., 2008, “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

González Pérez, C., 1994, A producción tradicional do ferro en Galicia: as grandes ferrerías da provincia de Lugo, Debuxos de José Pena, Lugo: Servicio de Publicacións da Deputación Provincial. DL LU-41-1994. ISBN 84-86824-49-4.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 1017-1076.

Hofman, H.O., 1925: Tratado de metalurgia general. Trad. por Rafael Hernández del original inglés del Instituto Tecnológico de Massachusetts, Barcelona: Gustavo Gili.

Ibáñez, M.; Torrecilla, M.J.; Zabala, M.; Yañiz, S., 2001, La industria del hierro, Colección Bertan, número 16, San Sebastián: Dirección General de Cultura de la Diputación Foral de Guipúzcoa. DL SS-752/2001. ISBN 84-7907-333-0. Disponible en Internet: http://bertan.gipuzkoakultura.net [Acceso 08 agosto 2014].

Vázquez Vaamonde, M.C., 1995. La metalurgia en Galicia de los siglos XVIII al XX: ferrerías, fundiciones y forjas. Departamento de Historia II, Área de Historia Contemporánea, Tesis Doctoral dirixida por Ramón Villares Paz, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-III A Coruña // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 548.493,61 m / Y 4.800.717,93 m

Data de Actualización:

9 agosto 2014