343 Minas de Valborraz ou de Casaio

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: Carballeda de Valdeorras
  • Parroquia: Santa María de Casaio
  • Lugar: A Rabiceira
  • Paraxe: As minas dos alemáns
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.29352531129952
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -6.765943512794479
  • Coordeadas UTM: (ED 50): H 29 // X 684.299,47 m / Y 4.685.037,08 m
  • Clasificación: Minas de volframio
  • CNAE: 07.29 Extracción de outros minerais metálicos non férreos (Scheelita, WO4Ca, con Wolframita, WO4Fe / WO4Mn).
  • Tipoloxía: Pozos e galerías
  • Comarca: Valdeorras
  • Marco Xeográfico: Zona montañosa da bacía alta do río Casoio, nas abas occidentais da serra de Trevinca
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Ourense colleremos a estrada N-120 cara a O Barco de Valdeorras, onde continuaremos pola estrada N-536 ata Sobradelo. Alí apartaremos á dereita pola estrada OU-122, que pola marxe dereita do río Casoio, hanos levar por Viladequinta e Portela do Trigal cara a Casaio. No quilómetro dezasete, en vez de apartar á dereita para Casaio, seguimos pola OU-122 cara á Estación Invernal de Trevinca, e catro quilómetros e setecentos metros máis adiante, apartaremos pola dereita polo chamado Camiño da Mina. Uns oito quilómetros cara ao sur atoparemos as “minas dos alemáns”.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Coa chegada do século XX, o volframio, habitualmente asociado ao estaño, anima o panorama mineiro galego cando empeza a ser utilizado na industria: para filamentos das lámpadas de incandescencia, primeiro; na preparación de aliaxes duras para ferramentas de corte, despois; e, finalmente, para ánimas de pezas de artillería e para blindaxes militares.

Os traballos de Lucas Mallada y Pueyo (1908 e 1909) sobre o volframio de Casaio e a crecente demanda deste metal para atender ás necesidades duns exércitos que se preparan para o inminente conflito bélico europeo (a Gran Guerra de 1914 a 1919), ademais de elevar as súas cotizacións a cifras impensables poucos anos antes, abren novas posibilidades á minería galega.

Dende esta Primeira Guerra Mundial, os beneficios do volframio e do estaño discorren parellos, e pese a que aumentan as cantidades extraídas, non se modifican os métodos e técnicas para o seu beneficio, con desordenados e rudimentarios labores feitos por aventureiros en busca de rápidos beneficios, estimulados polos elevados prezos que lles pagan os acopiadores. Esta empobrecedora situación mantense practicamente durante os vinte anos que configuran o período comprendido entre as dúas guerras mundiais (1919 a 1939).

Coa ocupación de gran parte do sueste asiático polos xaponeses e o acaparamento do estaño boliviano polos estadounidenses, durante a Segunda Guerra Mundial (1939 a 1945) ten lugar unha notable elevación das cotizacións, que vivifica as explotacións de estaño e volframio dos xacementos europeos.

En particular, o goberno alemán deu un significativo impulso á explotación de estaño e volframio en Galicia nos primeiros anos corenta, establecendo as bases dunha investigación máis eficaz, aínda que cun claro afán espoliador. Finalizada a Segunda Guerra Mundial, a chamada Comisión Aliada de Control faise inicialmente cargo das minas galegas propiedade do goberno alemán, aínda que as vai paulatinamente cedendo ao consideralas de escaso interese, e a inercia e o tedio aprópianse de novo da minería galaica.

Descrición Xeral do Entorno:

As minas de volframio de Valborraz localízanse nas abas occidentais do macizo de Trevinca.

Construcción:

Sen descartar unhas primeiras labores superficiais contra 1909, os labores mineiros modernos, tanto superficiais como subterráneos, comezarían en 1913.

Abandono:

A primeira fase da explotación remataría contra 1928, coa marcha dos belgas. Na segunda fase, os traballos serían abandonados en 1945, coa derrota das tropas xermanas na Segunda Guerra Mundial. As minas aínda voltaran a ser explotadas ao abeiro da Guerra de Corea, nos comezos da década de 1950, e de novo finalmente abandonadas cara a 1963.

Descrición:

No ano de 1486, os montes de Trevinca pasaron do conde de Lemos ao marqués de Villafranca, quen, xa en 1509, arrendou o dereito de explotalos ás freguesías de Santa María de Casaio e San Tirso de Lardeira.

Xa nos anos finais do século XIX, un enxeñeiro belga descubriu que nas altas serras de Trevinca había volframio, un mineral moi escaso no resto de Europa, pero abondoso no macizo hespérico, que abrangue prácticamente a metade occidental da Península Ibérica (Galicia, El Bierzo, Salamanca, Extremadura, Portugal). Moi prezado pola súa capacidade para soportar as altas temperaturas que acadan as ferramentas de corte e perforación, e as armas de fogo.

A primeira fase da explotación do volframio das minas de Casaio, entre 1913 e 1928, levouna ao cabo a compañía belga “Mines de Wolfram de Balborraz”, estabelecida en Bruxelas como sociedade anónima, cun capital social de un millón cincocentos mil francos. Os traballos desenvolvéronse inicialmente baixo a dirección do enxeñeiro Edgar D’Hoore Vandecasteele, quen, no ABC do 4 de marzo de 1914, solicitaba nun anuncio “Contramaestre-capataz, activo, instruido y escriba bien, puede dirigirse a don Edgar D’Hoore, minas Wolfran-Balborraz, Sobradelo de Valdeorras”. O enxeñeiro belga morrería en extrañas circunstancias nun dos retretes do Gran Hotel Miño, en Ourense, disque vítima dos servizos secretos alemáns nos comezos da Gran Guerra (28 xullo 1914 – 11 novembro 1918).

Unha segunda fase de explotación comezaría cara a 1937, cando o goberno alemán do III Reich enviou a Valborraz persoal técnico e equipamento, construindo novas instalacións e mellorando o acceso ás minas. Neste periodo, enmarcado na Segunda Guerra Mundial (1 setembro 1939 – 8 maio 1945) o coto mineiro acadou un nivel extractivo máis mecanizado e industrializado, chegando a traballar nel máis de mil persoas.

A zona coñeceu unha febril actividade, á que no foron alleos os servizos secretos do Reino Unido e os Estados Unidos, que facían o posible por impedir a chegada do volframio a Alemaña, saboteando os labores e o transporte, e mercando todo o mineral posible aos mineiros e demais traballadores, que, ás veces, tamén revendían o roubado aos alemáns. O volframio tiña así tres prezos: o prezo oficial na explotación; o prezo que pagaban os ingleses para facerse coa maior cantidade posible de mineral e impedir que chegase aos alemáns; e o prezo que pagaban os alemáns para recuperar o volfram roubado. Desta maneira, o mineral roubado nas minas chegaba a triplicar ou cadruplicar o seu prezo no mercado de estraperlo.

Entre 1942 e 1944, as minas de Valborraz sirveron de campo de concentración de militantes republicanos e guerrilleiros antifranquistas, que alí redimían as penas cos traballos forzados. Os presos cobraban oito pesetas ao día, das que pagaban dúas pesetas diarias pola comida. Os penados de Valborraz movíanse libremente, ata que unha fuga rematou coa experiencia. Chegou haber até catrocentos sesenta e un presos, a maioría andaluces, extremeños, madrileños e asturianos.

En 1945, coa guerra mundial a piques de rematar, unha explosión provocada na sala de máquinas puña fin a este segundo periodo extractivo, facéndose cargo da propiedade a chamada Comisión Aliada de Control, ata facerse cargo dela o Banco Central, dándolle ao coto mineiro o nome de “Grupo Casayo”.

A terceira e, ata hoxe, derradeira etapa vai ter lugar co trasfondo da Guerra de Corea (25 xuño 1950 – 27 xullo 1953). Nesta volta, a explotación vai levarse ao cabo por empresas españolas, que aproveitarán as infraestruturas construidas polo alemáns e construirán algunha nova, como o forno de calcinación de arsenopirita na parte final do proceso de refinado do volframio. Rematada a guerra, a explotación irá esmorecendo ata 1963, ano no que as instalacións do “Grupo Casayo” serán de novo abandoadas e a maquinaria vendida a “Pizarras Europeas”. Nesta terceira fase destacara o empresario de Riodolas, Leoncio Fernández Real, quen deixaría o volframio en 1961, e constituiría a empresa louseira Cupire Padesa.

Baixo a presión dos veciños, os dereitos do couto mineiro, que foran adquiridos polo empresario Ulpiano Rodríguez Galloso, a quen os louseiros non querían pagar dereitos e o quixeran matar tirandoo monte abaixo cunha escavadora, van ser vendidos ao industrial Félix Segovia Amaya en 1973, nun tempo no que o beneficio da lousa tiña xa relevado ao do volframio.

No inverno do 2010, os refugallos e entullos dunha louseira viñéronse abaixo coa neve e a chuvia, destruindo parte das antigas infrestruturas mineiras.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A wolframita é wolframato de ferro e manganeso, que aparece asociado ao cuarzo cunha cor gris escura brillante. O seu punto de fusión é o máis alto de tódolos metais (3.410 ?C), e é moi refractario e resistente aos ácidos. Foi definida como "Lupiespuma" polo romano Cneo Julio Agrícola no seu Tratado de Minas ("porque e pedra que se come o estaño como lobo as ovellas").

Na explotación traballárase un paquete de filóns de cuarzo con volframita, un mineral pesado, gris escuro e brillante, composto de volframato de ferro e manganeso. Os filóns atacábanse por fendas dende as que se atacaban as galerías subterráneas.

Na segunda etapa da explotación, na sala de máquinas, unha caldeira de vapor do tamaño dunha pequena locomotora, xeraba a electricidade suficiente para o servicio de edificios e galerías. Funcionaba con torgos, as raíces da uz, chamada torga e moi abundante en todo o macizo de Trevinca.

Despois de triturado o mineral, lavado, secado e totalmente libre de cuarzo, o volframio gardábase en sacos de cincuenta quilos, e quedaban baixo a vixilancia de gardas no almacén.

O transporte dos sacos realizábase en camións dende Valborraz ata Casaio por pistas de terra e baixaban polo “Camiño da Mina” ata Sobradelo, e de alí, por carreteira, chegaban ao Barco de Valdeorras para continuar en ferrocarril ata Vigo, onde embarcábase rumbo ao seu destino final.

Polo 1942, cunha poboación mineira de uns oitocentos homes, a mina producía unha media mensual de 30 t de concentrados (uns seiscentos sacos de cincuenta quilos cada un), con leis do 65% en WO3.

Nesa etapa coñecíanse cinco filóns, e a explotación, con labores subterráneas, centrouse no número catro, dunha potencia media de corenta centímetros e leis da orde de 7.000 gramos de volframio por tonelada. O mineral era tan denso e de tanta calidade, que unha pedra do tamaño dunha pelota de golf pesaba máis de medio quilo. O mineral tiña tamén elevados contidos en arsénico,de ata 3.000 g/t.

Actividades laborais:

Os homes eran os encargados dos labores de extracción e transporte coas vagonetas do mineral ao exterior das minas. Na primeira fase chamada dos belgas a extracción realizábase de forma manual usando picos. Na fase dos alemáns efectuábase con maquinaria para barrenar ademais dos punteiros e picos para usar manualmente.

As mulleres encargábanse do lavado, criba, e secado do mineral, sempre labores no exterior das minas.

Os nenos ou pinches traballaban retirando as barrenas moi gastadas para devolvelas afitadas aos barreneiros no interior das galerías. Tamén podían realizar tarefas de lavado de mineral ou axudados cun pequeno martelo separaban o cuarzo do wólfram. As nenas axudaban na cociña.

Os salarios variaban moito segundo a importancia dos traballos. No ano 1940 as mulleres podían gañar nun día de 3 a 5 pesetas, e no 1947 de 8 a 12. Os mineiros que extraían o volframio no interior das galerías alcanzaban cantidades de 20 a 25 pesetas ao día.

Os accidentes graves non eran frecuentes, inda que houbo algúns mortais. Os verdadeiros problemas de saúde e mortandade orixináronse polo traballo no interior das minas, xa que se traballaba sen apenas protección nun ambiente cargado de tóxico po de arsénico. O aire contaminado encargouse de encher os camposantos de Casaio, e dos demais pobos da contorna, de mineiros de tódalas idades.

Emprego:

O número de traballadores oscilaba segundo as necesidades da explotación, e na década de 1940 chegaron a traballar nas minas unha media de oitocentos homes.

Materias Primas:

Cuarzo con scheelita, WO4Ca, e volframita, WO4Fe / WO4Mn.

Produtos Elaborados:

Concentrados de volframio.

Distribución e comercialización:

Internacional.

Referencias Bibliográficas:

Bauer, G. (Georgius Agricola), 1556. De re metallica. Fasimil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Acceso 7 de abril do 2011].

Caba Landa, C., 1947. Wolfram, wolfram (La diplomacia en la bocamina), Ediciones Morata, Buenos Aires.

Cueto y Noval, R. del, 1928. La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Fariña Jamardo, J., 1977. La balada del wolfram, Madrid: Editorial Magisterio Español. ISBN 84-265-7198-0.

Fernández Pena, A., 2007. As minas de wolfram de Vilanova (1918-1952). A Veiga: Concello de A Veiga [en línea]. Disponible en Internet: http://www.xares.com.es [Último acceso 2 de decembro do 2012].

Ferrero Arias, A. (a.ferrero@igme.es), 4 de mayo del 2010. IGME-Santiago: Listado de valoración provisional de zonas a considerar con posible interés como patrimonio minero. Correo electrónico para Manuel Lara Coira (mlara@asociacionbuxa.com).

Ferrero Arias, A., et al., 2013. Mapa de Patrimonio Minero de Galicia, Madrid: Instituto Geologico y Minero de España (IGME). NIPO: 728-13-018-6.

Hofman, H.O., 1925. Tratado de metalurgia general. Trad. por Rafael Hernández del original inglés del Instituto Tecnológico de Massachusetts, Barcelona: Gustavo Gili.

Lara Coira, M., 2010. “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Madel, A., 1942. “Laboreo de minas”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo II, p. 243-314.

Madroñero de la Cal, A., 1994. Una posibilidad de rastreo de los orígenes de la metalurgia del estaño en España, Cadernos do Seminario de Sargadelos, O Castro (Sada, Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-666-1.

Mallada y Pueyo, L., 1895-1911. Explicación del Mapa Geológico de España, 7 vol., Madrid: Viuda e Hijos de M. Tello.

La minería de Galicia, 1991. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990. Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Quittkat, G.; Eckardt, H.; Meldau, R., 1942. “Preparación de los minerales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo IV, Sección I, p. 416-472.

Schulz, G., 1835. Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada (Coruña): Ediciós do Castro.

Valenzuela Otero, R. de, 1980. Era tempo de apandar, Madrid: Akal. ISBN 84-733-9490-9, reeditado en 1997, Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-891-3885-8.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 229-I Pena Trevinca // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 684.299,47 m / Y 4.685.037,08 m

Data de Actualización:

19 novembro 2014