344 Conservas Alfageme

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo (até 1904, Bouzas)
  • Parroquia: San Miguel de Bouzas
  • Lugar: Bouzas
  • Paraxe: Rúa Tomás Alonso
  • Dirección:
    Rúa Tomás Alonso, 186 – 36208 Vigo
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.22383079714323
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.748519763824447
  • Coordeadas UTM: Datum Europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 520.880,86 m / Y 4.674.872,35 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas de peixe
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conservas de mariscos e peixes).
  • Tipoloxía: Conserva hermética de peixe en envase metálico
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Punta de San Gregorio, beiramar entre a que fora a praia de Coia e a praia de Bouzas, na marxe esquerda da ría de Vigo.
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso:
    En Vigo, localizaremos a rúa Tomás Alonso, camiño de Bouzas, e na beira dereita, no número 186, atópase a finca da que fora a primeira conserveira española.
  • Tipo de propiedade: Privada
  • Visitable: Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O 13 de xullo de 1872, o comerciante zamorano Bernardo Alfageme Pérez casaba na vila mariñeira de Candás (Carreño, Asturias) con Elena Delfina Fernández-Luanco García-Barrosa, filla dun matrimonio propietario dun almacén de salga.

Despois dunha estadía en Oviedo, en 1882 o matrimonio voltaba a Candás e Bernardo establecíase como fabricante de salga e escabeche. En 1890 vendía o seu negocio peixeiro e orientaba a súa actividade ao comercio de tecidos e á explotación dunha hospedaxe.

En 1898, Bernardo Alfageme volta ao negocio alimentario, instalando na súa fonda a maquinaria requirida para unha fábrica de conservas alimenticias de carnes e peixes. Ao ano seguinte, o do seu quincuaxésimo cumpleanos, participa na Exposición Regional de Gijón con unha selección dos seus produtos baixo a marca “La Legalidad, gran fábrica de conservas alimenticias, salazón de pescados y exportación de frescos.”

En 1903, xa baixo a dirección do seu único fillo, Hermenegildo Alfageme Fernández, a industria comezaba a súa expansión e adquiría no porto de O Barqueiro (Mañón, Coruña) un edificio destinado a fábrica de salga, cun total de 1.124 metros cadrados, “con sus malecones por la parte confinante a la ría, columnas de cantería, paredes, veinte pilos para salar pescado, dos para recoger grasa, tres para encascar, con caldera y horno, prensa para cuarenta cascos, un salón con dos cocinas en los extremos y otras dependencias. A fabricación de salga, escabeche de peixe e conservas alimenticias no Barqueiro rematará aos tres anos (18 decembro 1903 a 28 decembro 1906) pola escaseza do peixe na zona, e Bernardo Alfageme venderá a fábrica á muller de Hermenegildo, Rita del Busto Fonte.

Non pasara moito tempo cando Hermenegildo Alfageme, teimudo na aventura galega, instalaba contra 1910 unha pequena fábrica de conservas na Punta de San Gregorio, na praia de Coia (Vigo). Mentres, a fábrica de Candás medraba ata o centenar de traballadores, mormente mulleres, e no 1914, a empresa rexistraba a que sería a súa marca estrela: ¡¡Miau!!

En 1920 a fábrica viguesa de Alfageme trasladabase de maneira provisoria ao barrio do Areal, coa idea de construir en Bouzas, cerca do vello emprazamento de Coia, unha gran fábrica de conservas, que, proxectada polo arquitecto Manuel Gómez Román en 1928, vai converterse no emblema da empresa e nunho dos símbolos da industria local.

Xa nos comezos da década de 1930, a fábrica de conservas de Alfageme era das principais de Vigo, e enlataba sardiña, principalmente, e tamén cefalópodos (lura, pota e xiba) e moluscos (ameixa, mexillón e berberecho).

A traxedia da Guerra Civil, co fusilamento en 1937 en Gijón do seu pai, Bernardo Alfageme, e do seu fillo, Hermengildo Alfageme del Busto, decidiron a Hermenegildo Alfageme Fernández ao abandono da actividade empresarial en Candás, centrándose exclusivamente na factoría de Vigo.

En 1941, a empresa adquiriu dos grandes vapores construidos nos estaleiros Freire en 1929, para a pesca no Gran Sol, aos que se uniría en 1946 un moderno pesqueiro de aceiro con motor Diesel, construido nos estaleiros Barreras e que levará o nome de “Bernardo Alfageme”. Nese ano de 1946, a empresa viguesa convértese en sociedade anónima, figurando Antonio Alfageme del Busto como seu director xeral.

Á morte de “don Hermene”, en 1962, Conservas Alfageme tiña 198 traballadores censados na planta de Vigo, e 119 na que construira en Algeciras na segunda metade da década de 1950. Os seus fillos, Antonio e Braulio Alfageme del Busto quedan ao cargo dunha empresa que ten unha difícil situación financeira. Dende 1967, o fillo de Braulio, Braulio Alfageme de Riva, será o principal executivo da empresa familiar ata a súa morte en 1991.

Na difícil década de 1970, Braulio Alfageme de Riva vai orientar a empresa ás conservas de cefalópodos e de moluscos, pechando a fábrica de Algeciras, adquirindo novas factorías en Galicia e especializando as producións. En Meloxo (O Grove), envasará mexillón, berberecho e lura baixo a razón social “Mariscos San Cayetano”; en Ponte Castrelo (Cambados), traballará a sardiña; e na fábrica matriz de Bouzas (Vigo), o atún tropical. En 1988, Alfageme era a terceira do sector, tras Garavilla e Calvo.

En 1991 morría Braulio, facéndose cargo o seu irmán Bernardo da dirección xeral, morto en 1999 e a quen sucederá o seu sobriño, Braulio Alfageme Pernas. Malia as boas perspectivas da empresa, a posición de algúns accionistas non executivos, desconformes coa retribución do capital, levará á desaparición de Conservas Alfageme no ano 2006.

Unha sentencia xudicial puña no 2012 o epitafio a unha das meirandes desfeitas empresariais galegas da década. O fallo declarou culpable o concurso de Alfageme, condeando ao seu primeiro administrador, Gustavo Lago Rey, a cinco anos de inhabilitación para a administración de bens, ademais de obligalo a indemnizar aos demais acreedores da conserveira con once millóns oitocentos mil euros.

Sinalou o xuiz que Lago fixo pagos por tal cantidade “a favor de una empresa del grupo, que terminó engullendo todo el capital social en detrimento de los acreedores, y contribuyó a generar o agravar la insolvencia”. O resultado da manobra foi que uns douscentos traballadores da conserveira más antiga de España, perderon o seu traballo, a marca “¡¡Miau!!” desapareceu, e malgastaronse uns corenta millóns de euros de fondos públicos.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase orixinariamente na ribeira de Coia, próxima á Punta de San Gregorio, trasladándose en 1920, de maneira provisoira, ao Areal. Moveríase en 1929 ao seu definitivo emprazamento, tamén cerca da Punta de San Gregorio, pero xa en Bouzas, entre a Avenida de Beiramar e a rúa Tomás Alonso.

Construcción:

1929.

Abandono:

2006, por administración desleal e insolvencia culpable.

Descrición:

As instalacións de Conservas Alfageme, que foran ampliándose a partir da nova fábrica de 1929, chegarían a ocupar unha enorme parcela de máis de trece mil metros cadrados, con cen metros de fondo entre a rúa Tomás Alonso e a avenida da Beiramar, e unha fronte de uns cento trinta e catro metros ata rúa Simancas. Os almacéns da beiramar, teñen unha fronte de 76 m cara á avenida da Beiramar, e un fondo de 60 m, más seis metros de peirao, ata o mar.

No interior da parcela distribuénse, ademais da primitiva fábrica, a vivenda familiar e os xardíns, as diferentes naves que foran edificándose para dar servizo aos incrementos da producción.

A nova fábrica encargouselle a Manuel Gómez Román, o arquitecto vigués de máis sona na época, e o edificio acomodouse a carón da mar, próximo á Punta de San Gregorio e na estrema esquerda da praia de Coia. De planta trapezoidal, cunha fronte de 56 m mirando ao sueste (rúa Tomás Alonso), uns laterais de 81 m, o que mira ao suroeste, e de 63 m, o do nordés, e o cerramento posterior, con 58 m fronte ao mar, e saída por dúas ramplas acaroadas no mesmo borde do peirao.

A nave foi construída en perpiaño e coa estutura interior metálica, con tres corpos a xeito de dúas naves xémeas, de 15x81 m e 15x63 m, acaroadas á nave central de 26 m de fronte e 71 m de fondo no seu eixe. As cubertas actuais son a dúas augas en fibrocemento (uralita).

Na construción, o proxecto foi modificado polo arquitecto, engadíndolle altura e replantexando as fachadas, nas que incorporó aperturas verticais a dúas plantas, diferenciando compositivamente os tres corpos do edificio.

Na fachada principal, cun xardín diante que limita coa rúa Tomás Alonso, ábrense no corpo central catro grandes ocos a cada lado da abertura central, que da acceso á fábrica; como se ten dito, os ocos dan apertura vertical a planta baixa e á primeira planta. A fachada continúa en altura con tres ocos regulares máis pequenos, e por riba deles, o paramento remata na parte superior con un frontón recto no que pon “Bernardo Alfageme” e sobre o que salienta unha composición en azulexos coa centenaria marca ¡¡Miau!!!, o debuxo dos tres gatiños axexando a lata de conservas, e a lenda “Conservas de Pescado”.

A cada lado do corpo central, cada un dos corpos simétricos ábrese en tres grandes ocos ás dúas plantas, e unha porta central en cada un deles franquea o acceso ao interior.

Os esquema compositivo repítese na fachada traseira, non sendo que carece do frontón decorado e que ábrese un pequeno oco a cada lado dos tres ocos superiores. Ademais, encostadas contra a fachada, unha rampla a cada lado da porta central, unidas fronte dela, daban acceso ao mar e permitían a descarga da materia prima dende as embarcacións.

Tralo recheo da beiramar e a construción do novo molle, a fachada marítima da fábrica quedou afastada do mar pola nova Avenida de Beiramar, construíndose entre ela e a liña de costa dous almacéns xémeos. Os almacéns levantáronse a ámbolos dous lados dun corredor central de 60 m de lonxitude, que remata nunha rampla para o acceso dende as embarcacións. O almacén do poñente ocupa un rectángulo de 30x30 m e desenvólvese en seis naves iguais de dez metros de fronte e trinta de fondo, encostadas unha contra a outra lonxitudinalmente. O esquema reitérase no almacén do levante, non sendo que o fondo das naves comeza en trinta e catro metros na Avenida de Beiramar, e remata en vinteséis metros pola banda do mar. Van construidos en perpiaño, con cubertas de tella a catro augas, e a súa fasquía mira de acomodarse á do edificio principal.

As diferentes ampliacións da industria foron engadindo naves e recintos ao principal, principalmente polo poñente.

Tempo de uso:

Dependendo fundamentalmente das mareas da pesca ou do marisqueo dos produtos elaborados.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado. Nas modernas fábricas, o proceso facíase xa no interior delas.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ao vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra. A mecanización permitía que as fábricas de Alfageme produciran máis de cento cincuenta millóns de latas anuais, e que unhas cincuenta mil toneladas de conservas saíran cada ano das súa instalacións.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación da vianda. Persoal masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

Ainda que en anos anteriores chegou a ter uns catrocentos empregados, no mes de novembro do ano 2010, o Xulgado do Mercantil de Pontevedra decretaba a extinción do empleo para os cento noventa traballadores cos que entón contaba o Grupo Alfageme.

Materias Primas:

Peixes e mariscos, principalmente sardiña, lura, mexillón e atún tropical (Thunnus albacares, chamado rabil ou atún blanco, tamén yellowfinn tuna).

Produtos Elaborados:

Conservas de peixes, cefalópodos e moluscos.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.
Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Niese, H., 1942. “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 643-647.

Rodríguez Rodríguez, M.R., 2011. “Los Alfageme: la saga de una gran marca, Conservas Miau”, Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (dir. e coord.). Fundación Cluster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA, Pontevedra: Diputación de Pontevedra, p. 306-331. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo // Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 520.880,86 m / Y 4.674.872,35 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Data de Actualización:

21 novembro 2014