355 Nandín y Vicente

Galería de Fotos

VerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: O Rosal (ata 1847, A Guarda)
  • Parroquia: San Miguel de Tabagón
  • Lugar: O Tamuxe
  • Paraxe: Porto Vello
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 41.91553926625259
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.82787674665451
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 514.400,52 m / Y 4.640.636,75 m
  • Clasificación: Serradoiro de madeira
  • CNAE: 16.10 Serrado e cepillado da madeira.
  • Tipoloxía: Accionado por máquina de vapor
  • Comarca: O Baixo Miño
  • Marco Xeográfico: Ribeira esquerda do río Tamuxe, a uns catrocentos metros da súa desembocadura no río Miño
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Pola autoestrada de peaxe AP-9, chegaremos ata Tui, e dende alí continuaremos pola estrada C-550 cara á Guarda. A uns vinte quilómetros, na Ponte do Tamuxe, apartaremos á dereita en no Porto Vello do Tamuxe atoparemos os restos do serradoiro

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Conta a mitoloxía grega que a serra fora inventada por Perdix, a quen o seu tío, Dédalo, lle aprendera as artes mecánicas. Nunha abraiante mostra do seu enxeño, Perdix imitou as espiñas dun esqueleto de peixe nunha lámina de ferro, inventando a serra.

Alén diso, no verán do ano 2005, no campo de tumbas de Hierápolis (Pamukkale, Turquía), identificábase no sartego de Marco Aurelio Amiano, datado na metade do século III d.C., un baixo relevo representando unha roda hidráulica accionando dúas serras de cortar pedra, a mostra máis antiga coñecida do mecanismo de biela e manivela, que converte un movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo.

Da época tardo romana (século VI) descubríronse tamén restos de serras mecánicas de pedra en Gerasa (Gilead, Jordania) e en Éfeso (Ayasaluk, Turquía). É posible que tamén o sexan uns restos do século II atopados en Augusta Raurica (Augst, Basilea, Suiza).

Esta antiga e incipiente mecanización, que coñecería tamén aplicación na elaboración de táboas de madeira, viría aliviar as incomodidades dos serranchíns no seu fatigoso traballo, totalmente manual, e os serradoiros hidráulicos espallaríanse por todo o mundo civilizado.

Ata a mecanización, o serrado da madeira facíase por dous homes, que ían percorrendo o país, deténdose nos lugares nos que atopaban traballo. Tralo tallado da árbore e o escascado, careábase o tronco, dándolle catro caras, e procedíase ao serrado para obter as táboas, que se deixarían despois a secar amoreadas en castelos. Xa secas, pasarán ás mans dos carpinteiros para a súa utilización ou traballado.

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Levábanse entón os troncos a serrar nas fábricas, nas que tamén quedaban a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Os primeiros serradoiros mecánicos eran accionados pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal convertíase o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela. En España comezaron a empregarse dende a primeira metade do século XII para serrar troncos de madeira e convertelos en puntais e táboas para diversas aplicacións. Os serradoiros máis sinxelos tiñan unha serra simple, namentres que os máis complexos dispuñan de serras, tornos e cepilladoras que se accionaban combinando rodas e correas de transmisión.

As máquinas de vapor foron introducidas en España procedentes de Inglaterra, sendo a primeira unha tipo Newcomen, importada contra 1725, que non chegou a funcionar. Xa contra 1787 quíxose importar unha primeira máquina tipo Watt de efecto simple, pero tamén esta segunda iniciativa fracasou. Froito doutras iniciativas, públicas e privadas, ata 1808 importáranse non máis de unha decena de máquinas de vapor inglesas.

A Guerra de Independencia (1808-1814) supuxo un freo no incipiente proceso de modernización iniciado en España nas últimas décadas do século XVIII. A partir de 1814 retomaríase a importación de máquinas de vapor, aínda que non acadaría certa importancia até a década de 1830.

Malia que o enxeñeiro canario Agustín de Betancourt y Molina deseñara en 1789 unha máquina de vapor de dobre efecto, “inspirada” nas fabricadas por “Boulton and Watt” e que se construíra en Francia, habería que esperar ata a década de 1840 para a consolidación dos primeiros talleres españois de fabricación de máquinas de vapor: os barceloneses “Talleres Nuevo Vulcano” (1836), xunto coas fundicións madrileñas de José Bonaplata (1839) e de José Safont (1844).

A definitiva implantación desta tecnoloxía tería lugar na década de 1850 da man de dous grandes empresas barcelonesas: a dos irmáns escoceses Alexander (1849) e “La Maquinista Terrestre y Marítima” (1855), as que so se compararía naqueles anos a sevillana “Portilla, White y Cía.” (1857).

A introdución da máquina de vapor en Galicia veu da man do enxeñeiro Rafael Clavijo e o mestre Andrés Antelo, coa posta en marcha, en 1796, dunha máquina atmosférica tipo Newcomen para o achique da auga do dique de carenas do Arsenal de Ferrol.

Pasada a crise dos comezos do século XIX, na década de 1840 o Arsenal incorporaría unha serra movida a vapor, e coa posta en marcha en 1855 da nova Factoría de Máquinas, comezaría a construción de máquinas de vapor mariñas de ata 500 CV, das que en 1858 sairía a primeira construída en España.

En Galicia, a industria metálica e mecánica vai medrar dende a metade do século XIX co pulo da industria pesqueira, e os primeiros fundidores (Galiacho, Lelabourier, Malingre, Alemparte) van ampliar a súa oferta e dar paso aos talleres mecánicos: La Vulcano, La Industriosa, La Mecánica, Las Maravillas. A industria de transformación da madeira vai beneficiarse coa a mecanización do traballo de serrado e torneado: carballo para a construción; castiñeiro para a construción, as embarcacións e as carboeiras; buxo para cubertos e escudelas; albedro para fusos e rocas; cortiza de carballo para o curtido.

Na década de 1830 constrúense en Galicia as primeiras serras de auga; os primeiros artefactos mecánicos para a serrado mecánico da madeira aparecen no sur da provincia de Pontevedra, para o abasto da crecente demanda na construción e no envasado da sardiña salgada na área de Vigo.

Os primeiros serradoiros mecánicos movidos por máquina de vapor, serán inicialmente un fenómeno urbano que, a partir de 1850, vai desenvolverse paseniño na Coruña, Vigo e Ferrol. Pero é dende a década de 1880 cando se produce o verdadeiro desenvolvemento do sector mecánico na primeira transformación da madeira. Ademais, a aparición de novos elementos de demanda vai orientarse ao piñeiro galego, no canto das frondosas tradicionais.

Primeiro foron os troncos de piñeiro para apuntalar as minas de carbón, que abastecían como frete de retorno aos buques que traían hulla dos portos galeses. Pero vai ser de meirande importancia o subministro de madeira para caixas, caixóns e embalaxe de mercadorías varias.

A táboa e o cadrado de piñeiro abastecían dende a década de 1860 ás industrias de Málaga e Almería que producían táboa pequena e fina (tablilla) e elaboraban caixas para o envío de uva pasa a Inglaterra. Madeira de primeira serra servía tamén á industria galega de salga en diferentes portos do país.

A crecente demanda de táboa e táboa pequena para as industrias marítimas, levou a que un grupo de industriais vigueses establecera en 1879 “La Industrial Hispano Portuguesa”, para a provisión da madeira para envases do sector pesqueiro, serrada pola nova empresa con máquina de vapor no Areal de Vigo. Nos anos seguintes, co mesmo obxectivo, van instalarse na área viguesa outros serradoiros de vapor, aínda que venderán tamén “tablilla” aos exportadores malagueños e almerienses.

Tres anos despois, en 1882, os irmáns Candeira instalaban en Camposancos (A Guarda) as primeiras serras mecánicas a vapor para a elaboración de táboa miúda. Alí, na desembocadura do río Miño, chegaban río abaixo os troncos galegos e portugueses que se enviaban aos portos andaluces para o seu transformado. Unha nova riqueza vai quedar agora na comarca, e pronto se instalarán na zona máis serras, que converterán ao Baixo Miño nunha das áreas pioneiras nesta industria.

Tralas primeiras serras mecánicas a vapor, viguesas e miñotas, outras industrias de serra van espallarse por toda a Galicia atlántica no primeiro terzo do século XX, cunha meirande concentración no sur da provincia de Pontevedra, na bacía ourensá do río Miño, e na área costeira que vai de Ponteceso a Ferrol, convertendo á rexión na primeira produtora española de táboa e táboa miúda para envases.

No informe de Cosme Fernández Soler sobre a economía da provincia de Pontevedra en 1888, recollía a existencia de tres serradoiros, dous accionados por vapor e un terceiro movido por unha cabalería, admitindo a existencia de máis serradoiros, “no contabilizados porque están escondidos al fisco”. En 1895 xa se contaban vinte un serradoiros na provincia de Pontevedra e cinco na da Coruña, cifras que en 1905 subiron a cincuenta e catro e trinta e sete, respectivamente. Algúns serradoiros do Condado e do Baixo Miño contaban daquela con máis de unha ducia de serras instaladas.

A Gran Guerra (Primeira Guerra Mundial, 1914-1918), coa supresión das importacións de madeira foránea e unha forte subida dos prezos, provocou a expansión dos serradoiros. O remate da guerra abriría unha época difícil, caracterizada polos intentos de concentración que buscaban superar o minifundismo do sector.

Contra 1933, eran 495 os serradoiros galegos con serra de cinta que pagaban a contribución industrial, e, coa súa demanda de piñeiro autóctono, dinamizaban a explotación dos montes do país.

O sector da serra, cunha excesiva especialización na primeira transformación da madeira, con apenas valor engadido, enfiaría un forte proceso de reestruturación a partir da década de 1940, do que xurdiría o sector dos taboleiros fabricados, primeiro, por agregación de chapas de madeira natural encoladas, o contra chapado (Peninsular Maderera, en Ferrol, 1945), e despois, a partir de madeira triturada, encolada e prensada, o aglomerado (Tafisa, en Pontevedra, 1958).

A “Peninsular Madereira” desaparecería en 1976, pero a pioneira experiencia de Tafisa tería unha brillante continuidade cun pequeno grupo de empresas dedicadas á fabricación de taboleiros madeira aglomerada, de partículas, de fibras, e de fibras de media densidade: Finsa (Pontecesures, 1963), Ecar (Mondoñedo, 1964), Losan (Curtis, 1965), e outras ata sumar once establecementos en Galicia, a metade dos existentes en España.

Descrición Xeral do Entorno:

Ribeira esquerda do río Tamuxe, a uns catrocentos metros da súa desembocadura no río Miño.

Construcción:

1914.

Abandono:

Sen datos.

Descrición:

O 31 de agosto de 1914 constituíase na vila da Guarda a sociedade mercantil regular colectiva “Nandín, Vicente y Compañía”, da que figuraron como socios, a partes iguais, Ángel Nandín Vicente, Bernardo Vicente Peña e Higinio Troncoso Vicente. Sería o seu obxecto social o da merca e preparación de madeiras para a súa venda, así como o axuste de obras e calquera outro negocio que os socios xulgaran convir aos seus intereses.

Tendo necesidade dunha embarcación para o transporte da madeira elaborada aos portos peninsulares, no mes de marzo de 1918 a sociedade acorda a súa construción nos estaleiros de Antolín Silva Vicente, na Pasaxe de Camposancos. O pailebote “Río Miño”, cunha eslora de 28’45 metros, 7’85 metros de puntal, 2’90 metros de puntal, e 144 toneladas de rexistro bruto, será entregado o cinco de maio de 1919. Construído polo mestre carpinteiro Joaquín Martíns Moreira en madeira de carballo e piñeiro do país, con clavazón de ferro galvanizado, serán propietarios Antolín Silva Vicente, co 75%, e a sociedade “Nandín, Vicente y Compañía”, co 25% restante.

Os traballadores de “Nandín, Vicente y Compañía”, en reclamación polas diferencias salariais cos serradoiros da Guarda, e en pedimento dunha xornada de oito horas laborables, puxéronse en folga no mes de abril de 1922, e a solidariedade obreira paralizou as industrias do Baixo Miño.

En febreiro de 1923, ao falecer Troncoso, e cedidos polos seus herdeiros os seus dereitos aos socios restantes, a razón social pasaría a ser “Nandín y Vicente, S.R.C.”. A sociedade faríase tamén coa participación de Antolín Silva Vicente no pailebote, quedando como única propietaria del. Desgraciadamente, o “Río Miño” afundiría pouco despois na badía de Cádiz.

Tras facelo inventario da empresa, a sociedade entraría en 1927 a formar parte do consorcio “Serrerías del Miño, S.A.” (vid. ficha 350).

O 15 de novembro de 1932, os dous socios sobreviventes, Ángel Nandín Vicente e Bernardo Vicente Peña, acordan declarar disolvida a compañía mercantil “Nandín y Vicente, S.R.C.”, aprobando e dando a súa conformidade ao balance da sociedade, facéndose cargo Nandín da totalidade do activo e do pasivo resultantes.

Tempo de uso:

Todo o ano, aínda que as árbores se cortase preferentemente no inverno.

Sistema de produción:

Un serradoiro é unha instalación, mecanizada ou artesanal, dedicada ao serrado da madeira e, ás veces, tamén ao seu secado. Son industrias de primeira transformación da madeira que proveen de produtos semi-acabados ás industrias de segunda transformación (carpintería, ebanistería, construción) encargadas da fabricación de obxectos ou partes de obxectos de consumo.

Os serranchíns, por canto traballan coa madeira, pódense considerar coma unha caste de carpinteiros, mais non adoitan a seren así considerados xa que limítanse á preparación do material con que han traballar os carpinteiros, diferenciación semellante á que se fai entre os pedreiros e os canteiros.

O primitivo traballo de serra facíase por dous homes que ían percorrendo o país, deténdose nos lugares nos que atopaban traballo. Aínda que non sempre, o seu traballo podía comezar polo tallado da árbore, tralo que levábase á casa do propietario. Unha vez escascado coas machadas, o tronco careábase, tamén a machetadas, dándolle unha forma máis ou menos prismática de catro caras.

Marcado o tronco para facer as táboas, púñase un cabo del no burro, quedando o outro no aire; entón, un dos serranchíns axeonllábase baixo del, namentres o outro rubía ao pao coa serra e comezaban o traballo, alternándose un e outro no posto ocupado.

O corte mantense aberto coas tillas, e cando chega ao burro, sen soltar totalmente a táboa, comézase outra, e a seguinte, até rematar. Rematada a serra, baixase o pau ao chan e vanse tirando as táboas, rachando o anaco do cabo que as mantén xunguidas.

As táboas póñense entón unhas riba doutras, aos pares, e apoiadas nos extremos para que sequen sen empenar (curvarse ou torcerse), formando torres ou castelos de táboas estibadas en pías, que pasarán varios meses ao aire para o secado da madeira. Xa secas, pasarán ás mans dos carpinteiros para a súa utilización ou traballado.

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Coa modificación do serrado, saía máis a conta levalos troncos a serrar nas fábricas, nas que despois quedarían tamén a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Os primeiros serradoiros mecánicos eran accionados pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal convertíase o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela. A dependencia do curso fluvial para a localización do serradoiro viña compensada pola posibilidade de empregalo para o transporte dos troncos de madeira, e mesmo dar saída aos puntais e táboas elaborados. Os serradoiros máis sinxelos tiñan unha serra simple, e os máis complexos dispuñan ademais de serras, tornos e cepilladoras, accionados tamén hidraulicamente combinando rodas e correas de transmisión.

As primeiras serras de movemento alternativo ou de vaivén foron superadas polas serras de cinta, ou serras sen fin, dotadas dunha longa folla dentada de metal flexible, dobrada e unida polos estremos como unha correa de transmisión, que pasa por dous tambores que a manteñen tirante e a arrastran ao xirar, producíndose o corte polo continuo deslizar da serra sobre a peza a cortar.

As “serras de vapor” tiñan a vantaxe adicional de empregar, cando menos parcialmente, os seus propios residuos de proceso como combustible (casca, costeiros, tacos, serraduras). Por outra banda, a técnica era ben sinxela e barata, xa que, superadas as serras de vaivén, reducíase ao emprego dunha serra de cinta, malia que contra a década de 1920 os serradoiros de maior tamaño contaran tamén coas máis custosas serras de carro.

Abandonadas as primitivas serras alternativas (de bastidor e vaivén), ademais das sinxelas serras de cinta (ou sen fin), empréganse serras circulares, serras de tambor (que resultan de acoplar varias serras circulares nunha árbore común) e serras de cadea. A serra (a folla de ferro co fío dentado) pode telos dentes triscados ou sen triscar (nesta, cada dente produce, por si mesmo, o ancho total do suco).

Para completar o traballo de serrado, algúns serradoiros completaban a dotación mecánica con acepilladoras (de arranque de labras e de abrasión), máquinas de por ao groso, tornos, barrenos, fresas, e demais útiles propios da carpintería.

As “serras de vapor” irían sendo substituídas polas serras eléctricas, pero moi lentamente, tanto pola precariedade do subministro de electricidade, como pola economía que supuña o aproveitamento dos seus propios residuos.

Actividades laborais:

A actividade dos serranchíns tradicionais (a meirande parte deles do veciño Portugal) era sempre itinerante, desprazándose en parellas, acompañados ás veces por un axudante para cargar coa ferramenta, polos los lugares nos que se contrataba o seu traballo. Nos sistemas de produción modernos, as árbores lévanse a cortar e secar nas fábricas, nas que as serras son accionadas mecanicamente.

Emprego:

En 1906 tiña setenta traballadores (trinta e cinco homes e trinta e cinco mulleres). En 1919 empregaba a cincuenta e seis traballadores (vinte seis homes e trinta mulleres).

Materias Primas:

Madeira, principalmente, carballo e piñeiro.

Produtos Elaborados:

Tronco limpo, táboas, táboa pequena e fina (tablilla) para envases.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Betancourt: los inicios de la ingeniería moderna en Europa, 1996. Catálogo de la exposición del mismo nombre, celebrada en el Real Jardín Botánico de Madrid, del 26 de marzo al 5 de mayo de 1996. Centro de Estudios Históricos de Obras Públicas y Urbanismo (CEHOPU). Madrid: Ministerio de Obras Públicas, Transportes y Medio Ambiente (MOPTMA). ISBN 84-7790-239-9.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU). Madrid: Turner Libros. DL M-4.836-1992. ISBN 84-7790-147-3.

González Tascón, I., 1997, “Ingenios hidráulicos al servicio de la industria”, Primeras Jornadas Nacionales sobre Molinología, Organizadas por la Fundación Juanelo Turriano en colaboración con el Seminario de Sargadelos y el Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 22 al 25 de noviembre de 1995, Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 75, Sada (Coruña): Ediciós do Castro, p. 805-816. ISBN 84-7492-862-1.

González Tascón, I., 2008, “La difusión medieval del molino hidráulico”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, Madrid, p. 99-117. DL 46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Serranchíns”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 472-476.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Serranchíns”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 12-18. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Nuere Matauco, E., 2008, “Las estructuras de madera en la época medieval”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, Madrid, p. 131-141. DL 46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Rambuscheck, O., 1926. “Máquinas de trabajar la madera”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo II, capítulo III: Máquinas operadoras, sección I: Máquinas-herramienta, apartado B, p. 437-443.

Rico Boquete, E., 1993. A riqueza forestal de Galicia no século XX: producción e explotación, Tesis doctoral, dirigida por el Profesor Ramón Villares Paz, inédita.

Seijas Llerena, D., 2005. “Un caso de demografía industrial de principios del siglo XX: las comarcas de Caldas y O Ullán pontevedrés entre los años 1899 y 1921”. Congreso de Historia Económica, Sesión: Demografía Empresarial, Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Uris Guisantes, J.A., “Patrimonio, arquivo e documentación”, Galicia Suroeste [en liña]. Dispoñible na Internet: http://www.galiciasuroeste.info [Acceso 26 novembro 2014].

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 299-III Salcidos // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 514.400,52 m / Y 4.640.636,75 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1963. De Islas Cíes al Río Miño. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 924, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1143-1971.

Data de Actualización:

6 xaneiro 2015