384 Alfares de Pontesampaio (PONTESA)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Soutomaior
  • Parroquia: Santa María de Pontesampaio
  • Lugar: O Souto
  • Paraxe: O Recheo
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.347348586255116
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.61276626586914
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 532.022,66 m / Y 4.688.653,31 m
  • Clasificación: Industria cerámica
  • CNAE: 23.41 Fabricación de artigos cerámicos de uso doméstico e ornamental.
  • Tipoloxía: Fabricación de louza fina vitrificada de uso doméstico e ornamental
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do esteiro do río Verdugo, no fondal norte da Enseada de San Simón, na ría de Vigo.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Santiago de Compostela enfiaremos a estrada nacional N-550 (ou ben a autoestrada AP-9) cara a Pontevedra. Xa en Pontevedra, continuaremos pola mesma estrada nacional N-550 cara a Redondela e Vigo, e saíndo de Paredes, pouco despois do quilómetro 130, atoparemos na beira dereita á que fora fábrica de louza fina vitrificada.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Corría o ano 1891 cando Manuel Álvarez Pérez, nado dezaoito anos antes en Gomesende (Ourense), como tantos outros paisanos, marchaba para Cuba. Alí exercería diferentes oficios ata que fundou un pequeno serradoiro no que elaboraba táboa fina para a embalaxe do tabaco, actividade coa que acadaría un certo desafogo económico.

Casará en Santa Clara coa cubana Clara O’Farrill O’Farrill, coa que terá numerosa descendencia. En 1918, rematada a Gran Guerra (1914-1918), regresará coa súa familia á metrópole, establecéndose en Vigo. Dedicado á especulación en divisas, estará a piques da ruína pola depreciación do marco alemán, ameaza que vai converter en oportunidade desfacéndose dos marcos coa compra en Silesia (daquela Alemaña, e dende 1945, Polonia) dun gran lote de porcelana, louza e cristal da fábrica de Koenigszelt.

Descoñecedor do negocio, en 1922 funda a sociedade “Álvarez y Rey”, asociado co comerciante local Manuel Rey Vázquez. O socio comercial separaríase en 1927 e Álvarez establecerá unha nova sociedade baixo a razón “Manuel Álvarez e Hijos”, da que os seus fillos, Manuel e Moisés, serán socios industriais. A actividade comercial a complementarán co decorado da louza branca, empregando un pequeno forno ou “mufla” para a fixación dos debuxos nas pezas.

A boa marcha dos negocios fará que as actividades trasládense a unhas novas instalacións no barrio de Casablanca, na periferia da cidade e sen urbanizar aínda. Alí se construirá a vivenda familiar, un despacho de louza e porcelana, unha fábrica de vidro, dous talleres de tallado de cristal e de decorado de porcelana, louza e cristal, almacéns, e catro tendas de venda polo miúdo. Cando comezaba a Guerra Civil (xullo 1936) empregaba a setenta e sete traballadores, mulleres na súa maioría.

Na nova situación, coa perda dos principais mercados urbanos españois, na zona republicana, Álvarez orientou a produción aos xoguetes e o vidro, industrias practicamente inexistentes na zona dos sublevados. O encargo en 1937 dun importante pedido de frascos de vidro para os laboratorios alemáns Merck, decidirá ao empresario a construír unha nova fábrica de vidro, e unha fábrica de porcelana.

O crecemento das vendas animará á empresa a construír unha nova fábrica en Cabral (daquela concello de Lavadores), que o promotor non chegaría a ver, pois morrería en 1938, cando xa traballaban para el catrocentas sesenta e dúas persoas. O primeiro forno do complexo comezaría a traballar na primavera de 1938, e en 1941 a empresa “Manuel Álvarez e Hijos” tiña en funcionando a pleno rendemento as tres novas fábricas: a de vidro baixo a marca comercial “Casablanca”; a de louza coa de “Royal China”; e a de porcelana coas de “Santa Clara”. O complexo contaba tamén cunha barriada de vivendas para os traballadores, escola, igrexa e servizo médico. Ademais, abrirían tendas de comercialización dos seus produtos co nome de “Establecimientos Álvarez” en numerosas cidades de toda España. As instalacións do barrio de Casablanca traballarían ata os comezos da década de 1950, e serían adquiridas vinte anos despois para inaugurar en 1975 a primeira sucursal do “Corte Inglés” en Galicia.

Tras un longo e complicado período sucesorio, que suporá a descapitalización e a posterior intervención da sociedade polos bancos acredores, Moisés Álvarez O’Farrill quedará en 1952 como único propietario e xerente da empresa do seu pai, que adaptará a súa razón social co nome de “Manuel Álvarez e Hijos, S.A.” (MAHSA), e que naquel ano acadara os tres mil trinta e tres empregados.

Aproveitando as súas relacións co novo réxime, Moisés Álvarez conseguiría en 1957 recuperar o control da súa empresa, que perdera nesta xeira practicamente a metade dos seus traballadores. O empresario continuaría entón coa súa angueira de crecemento e diversificación de riscos, segregando en empresas distintas o desenvolvemento de novas actividades.
No mesmo ano de 1957, Moisés Álvarez crearía a empresa “Alfares de Pontesampaio” (PONTESA), que inauguraría en Pontesampaio, no mes de setembro de 1961, as súas instalacións para a fabricación de louza fina vitrificada para servizos de mesa.

Continuando no seu tirar cara adiante, o establecemento en 1964 na área Vigo-Porriño dun Polo de Desenvolvemento, con vantaxes de todo tipo para a implantación industrial (expropiación de terreos, exención de impostos, subvencións e crédito oficial), daríalle pé á creación de tres novas empresas: “Vidrios Automáticos del Noroeste” (VANOSA), en Cabral, que fabricaría servizos de mesa de vidro recocido, irrompibles, marca “Dural”; “Moisés Álvarez e Hijos” (MOAHSA), en Coruxo, especializada en louza monococción, de baixo prezo, destinada a colexios, cuarteis e similares; e “Porcelanas Sanitarias de Pontesampaio” (PONTASANI), en O Porriño, orientada inicialmente á fabricación de material sanitario (pratos de ducha, lavabos, bañeiras, bidés, etc.), pero cuxa produción, ante unha chea de problemas, reorientaríase a complementar ás de outras empresas do grupo.

Aínda poría en funcionamento “Porcelanas Vigo” (POVISA), que fabricaría as calcomanías para a decoración da louza, e “Refractarios Álvarez” (REALSA) para fabricar os refractarios empregados nos procesos de cocción. O complexo industrial de Álvarez contaba en 1973 con nove fábricas cun cadro de persoal de catro mil douscentos traballadores, pero non era quen de liberarse do seu crónico endebedamento.

En 1975, no vertixe dunha desesperada situación financeira, reorganizábase o grupo empresarial por concentración de sociedades, constituíndose coa parte industrial o “Grupo de Empresas Álvarez” (GEA), mentres que “Manuel Álvarez e Hijos” quedaba coa comercialización da produción nos seus trinta e tres establecementos de venda polo miúdo.

Trala morte de Moisés Álvarez en outubro de 1975, as sociedades serán intervidas polo “Instituto Nacional de Industria” (INI) e a “Sociedade para el Desarrollo Industrial de Galicia” (SODIGA) para a súa reestruturación. Fracasado o intento malia gastar nel máis de vinte mil millóns de pesetas, comezará en 1991 un proceso de reprivatización no que se sucederán tres empresarios diferentes, e que rematará sen éxito coa suspensión de pagos e o peche sucesivo das diferentes instalacións industriais, apagándose os fornos da derradeira delas, VANOSA, no mes de marzo do ano 2002.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica edificouse no recheo efectuado na marisma da ribeira dereita do esteiro do río Verdugo, no fondal norte da Enseada de San Simón, na ría de Vigo.

Construcción:

1961.

Abandono:

2001.

Descrición:

As instalación de “Alfares de Pontesampaio” (PONTESA) comezaron a construírse contra 1959 cun recheo na marisma e beiramar de O Souto, entre as desembocaduras do río Ulló e o río Verdugo e a recentemente construída variante da estrada nacional de Pontevedra a Vigo, nese tramo case paralela á vía do ferrocarril.

A superficie ocupada foi de uns 46.980 metros cadrados, e construíronse nela seis naves longitudinais acaroadas de 15 metros de anchura e de 196 a 222 metros de lonxitude e dirección sueste noroeste, pero cuxa planta remata no tramo final nunha sorprendente curva, adaptándose á traza da carreteira que discorre ao seu carón. Unha sétima nave, de 170 metros de lonxitude e o mesmo ancho, continúa á que está arrimada á estrada nacional.

As naves son abovedadas e van unidas, feitas con estrutura de formigón armado, con cubertas de láminas de formigón con curvatura parabólica, que, xunto cos contrafortes exteriores danlle unha imaxe característica a este asentamento industrial, ocupante dun paraxe de grande fraxilidade paisaxística.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso de fabricación da cerámica consta de tres fases diferentes, das que dúas, o moldeado da pasta e a cocción, aplícanse a tódolos obxectos cerámicos, namentres que a terceira fase, a aplicación de óxidos metálicos e unha segunda cocción, só aplicábase ás vasillas e azulexos aos que se lles quería dar un revestimento vítreo. O sector cerámico do barro cunha soa cocción (tellas, ladrillos e baldosas) coñécese como sector do biscoito.

O proceso cerámico comeza coa extracción e recollida do barro (a arxila) e a súa preparación engadíndolle fundentes (limo, feldespato, calcaria, se non os leva xa) e desengraxantes (area cuarcífera, a sílice, e mesmo cerámica machucada, a chamota). Ven despois un tempo de maduración na balsa de podrecer para a eliminación dos residuos orgánicos que puidera conter e a obtención dun barro máis puro, de doada hidratación e gran plasticidade.

Tras unha nova depuración por lavado e sedimentación dos materiais pesados, a masa arxilosa amasábase repetidamente para eliminar posibles bolsas de aire, podendo nesta fase mesturar diferentes clases de barro, tralo que a materia prima quedaba preparada para ser traballada.

A etapa seguinte é a do moldeado do barro, coa adición da auga precisa para mellor traballalo. O moldeado das pezas cerámicas (olas, vasos, pratos, etc.) facíase inicialmente a man, dándolle forma ao barro mentres vira no torno do oleiro, e, de se lo caso, moldeándolle despois o bico e engadíndolle os demais complementos, como as asas ou a billa.

Na industria moderna as pezas confórmanse de maneira totalmente diferente, co método chamado moldeado á “barbotina”, que é unha mestura cerámica moi fluída de arxila, caolín e carbonato de calcio. Este proceso comeza co deseño e a realización do modelo, do que vai obterse un molde en xeso, no que se introducirá a “barbotina” que vai configurar a peza.

Rematado o moldeado, as pezas déixanse secar lentamente, a cuberto da acción directa do sol que podería fender o barro aínda fresco. Nas modernas instalacións o secado é acelerado e controlado colocando as pezas en cámaras de secado nas que se fai chegar aire quente, o que reduce o tempo de secado e melloran a calidade que vai ter o produto antes de metelo no forno para remata-lo secado e proceder á cocción.

O proceso de cocción consiste no quecemento das pezas de barro xa secas para transformalas en cerámica (silicato de alumina anhidro), un material duro e poroso que non incha coa absorción de auga. A cocción é un proceso delicado que require outras tres fases: un lento quecemento inicial para que as pezas non se deformen ou creben mentres perden o que lles queda de auga; a cocción propiamente dita, na que o barro vaise transformar en cerámica; e un demorado enfreado evitando calquera entrada de aire frío que poida regañar as pezas.

As pezas xa cocidas poden comercializarse rematada esta fase ou ben someterse a unha segunda cocción para o seu vitrificado. Previamente aplícanselle óxidos metálicos, e pódense tamén decorarse por esmaltado, xa a man, xa por aplicación de calcomanías, imaxes coloreadas preparadas con trementina sobre papel ou cartolina que se aplican ás pezas para o seu transporte e fixación na segunda cocción.

Os fornos clásicos son os de cámara dupla sobreposta, nos que a cámara inferior –a caldeira, que normalmente vai medio escavada no chan– é na que se queima o combustible, e vai cuberta por un teito furado (grellado) para que a calor e os fumes pasen á cámara superior –o forno propiamente dito–, da que é o piso, na que colocábanse as pezas a cocer. Para mante-las pezas dentro do forno separadas entre elas mesmas incorpóranse uns soportes cerámicos chamados cacetas, moitas veces simplemente feitos con cachos de pezas rotas. Nos fornos máis sofisticados, construíase baixo a caldeira un cinceiro para recoller as borrallas.

A cuberta do forno pode ter variadas conformacións, dende un sinxelo cuberto elevado por riba da parte superior do forno feito de madeira e tella, ata a sofisticada cuberta de barro con forma de botella para mantela calor no interior do forno, e con zapóns practicables para vixia-la cocción.

Con poucas modificacións conceptuais ou estruturais, os fornos cerámicos conservaron durante séculos as primitivas estruturas de cocción descontinua, formando en ocasións conxuntos industriais e complexos fabrís con varios fornos que permitían fornadas secuenciais e cíclicas para así poder atender ao incremento da demanda.

Habería que esperar deica a metade do século XIX para que aparecera unha novidade significativa: en 1858 o arquitecto alemán Friederich Hoffmann patentaba un forno de cámaras contiguas en disposición anular que ían sendo quentadas de maneira secuencial introducindo o carbón triturado polo teito das cámaras e avanzando o lume da quente á fría: unha cámara cocendo ía precedida pola que estaba enfreando e seguida pola que comezaba o quentamento; en total tiñan de catorce a vinte cámaras, e un total de sesenta a cen metros de lonxitude.

Con este sistema non é preciso apagar o forno en cada ciclo de cocción, logrando así unha adaptación progresiva da temperatura das cámaras ás distintas fases do ciclo de cocción, unha produción continua por lotes, e un gran aforro de combustible, cun consumo inferior á terceira parte do dos fornos ordinarios. Porén, e aínda que coñeceu un éxito indiscutible no sector do biscoito (barro cunha soa cocción, tellas, ladrillos e baldosas), demandante de grandes producións, apenas foi empregado na fabricación de pezas de olería, o que continuaría a facerse preferentemente en pequenos fornos artesanais descontinuos.

A seguinte innovación no sector cerámico foi a introdución do forno de pasaxe ou forno túnel de cocción continua (desde 1930 no levante peninsular). Neste tipo de fornos, a diferenza dos fornos Hoffmann, o lume é fixo e o que se vai trasladando son as cargas a cocer que móvense sobre vagonetas atravesando moi lentamente o longo túnel do forno que dispón na súa metade da zona de lume. Estes fornos, tamén de gran aplicación no caso das grandes producións, si que foron utilizados na fabricación de pratos, cuncas e pezas similares, adaptábeis á fabricación de grandes series.

Como novidade no deseño do forno de pasaxe, en Fazouro (Lugo) a empresa “Industrias Pardiñas” (vid. ficha 317) desenvolvera na década de 1980 un forno continuo no que a cámara é unha coroa circular case completa (como un “C” moi pechado) e o piso unha gran plataforma xiratoria na que se desprazan os paquetes de ladrillos a cocer.

Unha derradeira innovación foi a introdución do proceso de monococción, no que os esmaltes aplícanse directamente sobre a pasta prensada e crúa, que sométense a unha única cocción a temperaturas de ata 1.200 ºC nun ciclo que tan só require corenta ou cincuenta minutos no forno. Ademais da lóxica economía deste proceso, é moi doada a súa automatización, coa conseguinte redución dos custos de fabricación e o resultado dun produto de características homoxéneas e de gran calidade.

Actividades laborais:

A actividade dos oleiros tradicionais sigue a ser artesanal, con producións intermitentes, mentres que nos sistemas de produción modernos, as instalacións teñen un alto grao de automatización e traballan de maneira permanente, contando para elo con persoal fixo asignado ás diferentes fases do proceso cerámico.

Emprego:

Chegarían a empregar ata mil douscentos traballadores, a meirande parte mulleres.

Materias Primas:

Auga, arxila, caolín e carbonato cálcico.

Produtos Elaborados:

Louza fina vitrificada de uso doméstico e ornamental.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Entremos na Panificadora. “Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. Fichas.” Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo (IHPIRV) [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 25 de marzo do 2013].

Fernández Negral, J., 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

García Alén, L., 1983. La alfarería de Galicia, colaboración de Alfredo García Alén y Xosé M. Gómez Vilasó, edición facsimilar del 2008, Catalogación Arqueológica y Artística de Galicia del Museo de Pontevedra, La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-3508-2008. ISBN 978-84-95892-75-1.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: Oleiros e telleiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 516-530.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Oleiros e telleiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 80-94. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Navas Novas, A.M., 2006. “Manuel Álvarez Pérez (1873-1938) e Moisés Álvarez O’Farrill (1904-1975)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 318-343. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Sobrino Fagilde, I., 2008. Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur), Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia [en línea]. Disponible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 27 de junio del 2013].

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Urbschat, E., 1942. “Alfarería y cerámica fina”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo VIII: Cerámica y vidrio, sección II, p. 897-920.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 185-IV Soutomaior // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 532.022,66 m / Y 4.688.653,31 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

16 novembro 2015