391 Cerámica Artística Gallega

Galería de Fotos

Ver
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Pontecesures
  • Parroquia: San Xulián de Pontecesures
  • Lugar: San Xulián
  • Paraxe: O Cantiño
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.72594343192574
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.651273593780502
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 528.673,00 m / Y 4.730.656,79 m
  • Clasificación: Industria cerámica
  • CNAE: 23.41 Fabricación de artigos cerámicos de uso doméstico e ornamental.
  • Tipoloxía: Fabricación de louza decorativa
  • Comarca: Caldas
  • Marco Xeográfico: Ribeira esquerda do esteiro do río Ulla en San Xulián de Pontecesures, no lugar coñecido como O Cantiño, a carón da vía do ferro
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Santiago de Compostela enfiaremos a estrada nacional N-550 (ou ben a autoestrada AP-9) cara a Padrón e Pontevedra. Xa en Padrón, continuaremos pola mesma estrada nacional N-550 cara a Pontevedra, e na mesma saída da ponte sobre o río Ulla, apartaremos na estación de servizo á esquerda, polo camiño que leva a San Xulián, e nada máis cruzar as vías do ferrocarril, atoparemos á dereita o obradoiro da cerámica.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Todo comeza a primeira vez que obsérvase con valor de pregunta o residuo que queda no lume do fogar, fose barro endurecido, po branco ou nódulos metálicos: o humano primitivo comeza aquí unha busca que inda non rematou pero que foi deixando respostas e significados. O barro endurecido pola acción da calor daría paso á cerámica; o po branco levaría á preparación da cal e o xeso; e as brillantes gotas de metal fundido solidificadas en nódulos metálicos serían o comezo da metalurxia.

O forno cerámico foi a primeira estrutura específica que permitiu transforma-la maleabilidade da arxila nun sólido ríxido. Os primeiros obxectos de arxila cocida teñen vinte e sete mil anos e as primeiras vasillas feitas no Xapón datan de hai catorce mil anos. Unha vez descuberto o feito do endurecemento do barro pola acción prolongada da calor, os primeiros fornos eran sinxelas acumulacións de materiais combustibles amoreados nun burato canda os obxectos cerámicos, todo elo cuberto dunha capa de barro. O obxectivo de tan sinxela estrutura era triplo: reducir as perdas de calor; aumentar a temperatura do lume; e controlar o aire de combustión para variar o resultado do proceso.

Coa aparición do torno de oleiro e o incremento da produción cerámica chega a necesidade de contar con estruturas estables que faciliten a operación e permitan o control das temperaturas. E aparece o forno cerámico de cúpula e cámara dupla, unha sinxela estrutura abovedada de barro, de planta oval ou redonda, na que se introducían as pezas a cocer e que permitía un certo control da temperatura, do tempo de cocción e da atmosfera no seu interior (7.000 a.C.).

En Pontecesures, Vilagarcía, Panxón, Bueu, Lugo, Boimorto e As Neves tense localizados fornos redondos de cocción de ladrillo e tella de finais do século III.

A produción oleira e telleira en Galicia ten ata finais do século XVIII características exclusivamente artesanais e rurais, con zonas que acadan unha certa especialización como agrupacións de vivendas-taller e actúan como centro de distribución comarcal, como foi o caso de Betanzos, Buño, Mondoñedo, Bonxe, Samos, Gundivós, Lobios, Niñodaguia, Portomourisco, Ramirás, Tioira, Bamio ou Prado, entre outras.

No entanto convén deixar constancia dalgunhas fracasadas iniciativas de industrialización: en 1765 a fábrica de louza ordinaria de don Pedro Costal en Tui; e en 1786 a fábrica de louza basta de don Lorenzo de Riba Otero en San Caetano de Mondoñedo. Por suposto, e xa nos comezos do século XIX, hai que salientar a fábrica de “auténtica louza ó estilo de Bristol” promovida por don Raimundo Ibáñez en Sargadelos e que traballaría entre 1804 e 1875 cunha produción de elevada calidade.

Xa na segunda metade do século XIX van ir aparecendo outros centros de elaboración de cerámica cunha certa organización industrial orientada cara a fabricación de produtos para construción (tella, ladrillos e baldosas), como Ares, Narón, San Clodio, Viveiro, Santa Cruz, As Pontes, Catoira, Lestrove, Sanxenxo, Cesantes, A Guarda, O Rosal, Guillarei, Salvaterra, Maceda, Valdeorras ou Rubiá.

A partir da segunda década do século XX, algunhas industrias cerámicas especializadas en materiais de construción emprenderían a definitiva reconversión a instalacións industriais, modificando estruturas, procesos e fornos para adaptarse aos novos criterios da produción capitalista.

Descrición Xeral do Entorno:

O pequeno obradoiro localízase na ribeira esquerda do esteiro do río Ulla en San Xulián de Pontecesures, no lugar coñecido como O Cantiño, a carón da vía do ferrocarril, no camiño que vai da ponte ás Cortiñas.

Construcción:

1925.

Abandono:

1927.

Descrición:

En 1925, apenas dous anos despois ter aberta a Cerámica de Campaña (vid. ficha 312), o empresario Eugenio Escuredo Lastra, home emprendedor e inquieto, porá en funcionamento no lugar do Cantiño, unha área tradicionalmente anegada polas cheas do Ulla, no camiño de San Xulián, en Pontecesures, un obradoiro de cerámica artística inspirado no modelo que coñecera en Sargadelos e ao que chamará “Cerámica Artística Gallega”.

Para levar o obradoiro, Escuredo contrataría a un artesán portugúes de Brancelos e entraría en contacto co artista Francisco Asorey en Compostela, quen realizará os deseños dos primeiros moldes que saíron da cerámica: "Os tesouros", o "Pórtico da Gloria", a "Naiciña", o "Sepulcro do Apóstol" e outras pezas fabricadas coa imaxe de Galicia. Todas as pezas serían deseñadas xunto a Victor García García-Lozano e Oría Moreno, esta última encargada do coloreado e retocado das pezas no taller.

Ainda que chegara a vender a produción en Inglaterra e, sobre todo, en Cuba e Arxentina, a calidade do barro empregado era baixa para tal tipo de cerámica e pronto terá dificultades, polo que Escuredo abandonará a experiencia e, xa no 1927, venderá os moldes das figuras ao industrial Ramón Diéguez Carlés, quen trasladará a produción do obradoiro de cerámica ás instalacións que tiña na fábrica “Caleras del Ulla” (vid. ficha 326) e fundará alí a “Cerámica Celta” nese mesmo ano (vid. ficha 390).

Malia que o obradoiro artístico creado por Escuredo funcionará apenas dous anos, entre 1925 e 1927, será a semente e cerna da “Cerámica Celta”, importantísima iniciativa empresarial e artística que, ao decir de Xosé Filgueira Valverde, sería un chanzo intermedio entre a antiga e a nova industria de Sargadelos, entre Raimundo Ibáñez e Luis Seoane, unha experiencia única, onde converxeron unha clase empresarial ilustrada, cunha vehemente aposta pola industria de calidade ligada a artesanía, e un grupo de artistas renovadores da arte galega, atraídos por este clima favorable.

Tempo de uso:

Todo o ano, cunha certa preferencia polo tempo máis seco.

Sistema de produción:

O proceso de fabricación da cerámica consta de tres fases diferentes, das que dúas, o moldeado da pasta e a cocción, aplícanse a tódolos obxectos cerámicos, namentres que a terceira fase, a aplicación de óxidos metálicos e unha segunda cocción, só aplicábase ás vasillas e azulexos aos que se lles quería dar un revestimento vítreo. O sector cerámico do barro cunha soa cocción (tellas, ladrillos e baldosas) coñécese como sector do biscoito.

O proceso cerámico comeza coa extracción e recollida do barro (a arxila, silicato alumínico hidratado) e a súa preparación engadíndolle fundentes (limo, feldespato, calcaria, se non os leva xa) e desengraxantes (area cuarcífera, a sílice, e mesmo cerámica machucada, a chamota). Ven despois un tempo de maduración na balsa de podrecer para a eliminación dos residuos orgánicos que puidera conter e a obtención dun barro máis puro, de doada hidratación e gran plasticidade.

Tras unha nova depuración por lavado e sedimentación dos materiais pesados, a masa arxilosa amasábase repetidamente para eliminar posibles bolsas de aire, podendo nesta fase mesturar diferentes clases de barro, tralo que a materia prima quedaba preparada para ser traballada.

A etapa seguinte é a do moldeado do barro, coa adición da auga precisa para mellor traballalo. O moldeado podía facerse de tres maneiras: a man, dándolle forma á pela ou bola de barro; en molde, introducindo o barro ben preto e estendido na forma, unha estrutura de madeira axeitada para a elaboración de tellas, ladrillos ou azulexos; e ó torno, empregado para facer vasillas dándolle forma á pela posta encol dunha roda horizontal que se facía virar a man (torno lento ou baixo) ou impulsando co pe outra roda unida á primeira por un eixe vertical solidario con ámbalas dúas rodas (torno rápido ou alto, roda de olaría).

Rematado o moldeado, as pezas déixanse secar lentamente, no caso da olería a cuberto da acción directa do sol que podería fender o barro aínda fresco. Nesta etapa facíase tamén o decorado das pezas de olería de cerámica común (non vidrada) con incisións, impresións, raiados e punzados sobre o barro aínda húmido. Na vasilla xa seca aplicábaselle a pintura (branca, de cal ou álcali; roiba, de óxido de ferro; ou negra, de manganeso) ou o engobe (estrato sutil e continuo de fina arxila) antes de metela no forno para remata-lo secado e proceder á cocción.

O proceso de cocción consiste no quecemento das pezas de barro xa secas para transformalas en cerámica (silicato de alumina anhidro), un material duro e poroso que non incha coa absorción de auga. A cocción é un proceso delicado que require un lento quecemento inicial para que as pezas non se deformen ou creben mentres perden o que lles queda de auga; a cocción propiamente dita, na que o barro vaise transformar en cerámica; e un demorado enfreado evitando calquera entrada de aire frío que puidera regañar as pezas.

O control do proceso tiña lugar, obviamente, de maneira totalmente empírica, atendendo aos fenómenos observables, como o color dos fumes (brancos na fase inicial de quecemento, negro cando tiña que comezar a cocción) e das pezas (do pardo do barro verde ao roibo das pezas cocidas). Dependendo da calidade do barro, a cocedura podía levar de seis a oito días.

As pezas de cerámica poden someterse ao vidrado, que consiste en recubrir a superficie cunha cuberta vítrea transparente. Para elo cubríase a parte a vitrificar cunha mestura de óxido de chumbo e area e sometíase despois a peza a unha segunda cocción, na que se formaba a película vítrea, impermeable, transparente e brillante. Nesta fase podíase ademais modificar a coloración orixinal da peza, incorporando á mestura a vitrificar outro óxido metálico da color desexada: ferro para os ocres e roibos; cobre para os verdes; antimonio para os marelos; cobalto para o azul.

Os fornos clásicos son os de cámara dupla sobreposta, nos que a cámara inferior –a caldeira, que normalmente vai medio escavada no chan– é na que se queima o combustible, e vai cuberta por un teito furado (grellado) para que a calor e os fumes pasen á cámara superior –o forno propiamente dito–, da que é o piso, na que colocábanse as pezas a cocer, cubertas por unha grosa cúpula semiesférica de barro para mantela calor no interior do forno. Para mante-las pezas dentro do forno separadas entre elas mesmas incorpóranse uns soportes cerámicos chamados cacetas, moitas veces simplemente feitos con cachos de pezas rotas. Nos fornos máis sofisticados, construíase baixo a caldeira un cinceiro para recoller as borrallas.

O forno conta con dúas portas, normalmente enfrontadas (aínda que nalgúns están en ángulo). A porta de encanar é a empregada para carga-lo forno e da ao interior do cuberto ou pallete no que se amorean as pezas xa secas e listas para cocer. A outra porta, a de desencanar, está tapada e só se abre para descarga-lo forno. Algúns fornos teñen uns chantos nunha das paredes exteriores para poder acceder á parte superior e controlar a cocción.

A cuberta do forno pode ter variadas conformacións, dende un sinxelo cuberto elevado por riba da parte superior do forno feito de madeira e tella, ata a sofisticada cuberta de botella con bufardas practicables para vixia-la cocción. Ademais do leñeiro, normalmente a carón do pallete, a telleira contaba coa eira, un espazo amplo, co piso duro e liso, no que se realizaban os diferentes traballos e se secaban as pezas, e as pías, escavacións circulares pouco fondas e de tres a seis metros de diámetro nas que amolecíase e traballábase o barro antes de darlle forma ás pezas.

Con poucas modificacións conceptuais ou estruturais os fornos cerámicos conservaron durante séculos as primitivas estruturas de cocción descontinua, formando en ocasións conxuntos industriais e complexos fabrís con varios fornos que permitían fornadas secuenciais e cíclicas para así poder atender ao incremento da demanda.

Actividades laborais:

Para atender cumpridamente ás instalacións da cerámica, era precisa a participación de numerosas persoas: deseñadores, modelistas, ceramistas, decoradores e, por suposto, traballadores participantes na extracción do barro e no transporte de materias primas e produtos elaborados.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Barro (silicato de alúmina hidratado, Al2O3·2SiO2·H2O) e caolín, masas arxilosas cun elevado contido en caolinita Si2O5Al2(OH)4, amais dos combustibles, leñas e carbón vexetal.

Produtos Elaborados:

Louza (cerámica, silicato de alúmina anhidro) e louza decorada.

Distribución e comercialización:

Rexional e internacional, principalmente nos países con máis emigración galega.

Referencias Bibliográficas:

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Palicio, A., 2010. As telleiras de Valga e comarca e as fábricas de cerámica (1850-1965), XV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo (Valga, Pontevedra), Baixo licencia Creative Commons [en línea]. Disponible na Internet: http://www.tecnoloxiasapropiadas.wordpress.com/2012/10/09/hello-world/ [Acceso 13 abril 2014].

García Alén, L., 1999. “A fábrica Cerámica Celta de Pontecesures (1925-1963)”, El Museo de Pontevedra, núm. 53, homenaxe a Xosé Filgueira Valverde, p. 393-402. ISSN 0210-7791.

García Domínguez, R. (Borobó), 2003. O Cesures de Don Victor. Pontecesures: Concello de Pontecesures.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: Oleiros e telleiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 516-530.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Oleiros e telleiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 80-94. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Schünhoff, F., 1942. “Tejería”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo VIII: Cerámica y vidrio, sección I, p. 882-897.

Urbschat, E., 1942. “Alfarería y cerámica fina”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo VIII: Cerámica y vidrio, sección II, p. 897-920.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en liña]. Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 120-IV Padrón // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 528.673,00 m / Y 4.730.656,79 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Data de Actualización:

6 marzo 2016