406 Vidriera Gallega

Galería de Fotos

VerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Redondela
  • Parroquia: San Andrés de Cedeira
  • Lugar: As Muradas
  • Paraxe: Baixada das Muradas
  • Dirección:
    Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.28577197938356
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.653134809753396
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 528.826,00 m / Y 4.681.884,34 m
  • Clasificación: Fabricación de vidro
  • CNAE: 23.13 Fabricación de vidro oco.
  • Tipoloxía: Fabricación de vidro oco para uso industrial, doméstico e ornamental
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: A industria situárase uns catrocentos metro ao leste de Rande, na marxe esquerda da ría de Vigo e á dereita da vía do ferrocarri
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:
    Saímos de Vigo cara a Santiago pola autoestrada de peaxe AP-9 e antes da ponte de Rande apartamos pola dereita cara a Redondela, costeando a marxe esquerda da ría de Vigo pola vella estrada nacional N-552. A un quilómetro e medio, pasado o lugar de Rande, na beiramar vése a plataforma das instalacións portuarias da empresa “Vieira, S.A.”, onde tiveran asento a fábrica da “Vidiera Gallega”, a fábrica da “Compañía Azufrera” e o cargadoiro de mineral da “Minero Siderúrgica de Ponferrada”.
  • Tipo de propiedade: Dominio público marítimo terrestre dende o ano 2006
  • Visitable: Non hai pegada algunha

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Ademais da obsidiana, vidro natural de orixe volcánico, o vidro aparece na humanidade na forma dos esmaltes vitrificados (“fayenza”) das culturas exipcias predinásticas (ca. 3.500 a.C.), e agroma despois nas doas ou abelorios coas que florece a fabricación de vidro en Exipto e Mesopotamia até o 1.200 a.C. Pero vai ser nas costas fenicias nas que se desenvolve no século I a.C. o vidro soprado, que o Imperio espallará dende Roma a Xermania, aprendéndose ademais o reciclaxe do vidro das cristalerías esnaquizadas.

Na Idade Media a técnica melloraría co decorado, a talla, o esmaltado, o dourado e o coloreado, e refinaríase coas aportacións islámicas. Salientarían os resultados decorativos perfeccionados nos mosaicos de teselas de vidro e nas vidreiras.

Unha gran calidade e perfección acadaría o “cristal veneciano”, cos procedementos de fabricación mantidos en secreto na illa de Murano, e co que a República dominó os mercados europeos ata o 1700. Os demais fabricantes de vidro acabarían por copiar as técnicas e decoracións venecianas, incorporando algunhas innovacións, como o gravado con diamante dos artesáns holandeses.

A influencia italiana vai esmorecer no século XVII co desenvolvemento en Alemaña e en Inglaterra de novos métodos de fabricación do vidro, que pronto van coñecerse e xeneralizarse en todo o mundo.

En España, despois da experiencia da fábrica de vidro fino fundada contra 1709 polo baztanés Juan de Goyeneche nas proximidades de Madrid, acadaría gran sona a Real Fábrica de Vidrios y Cristales de La Granja, que comezaría a traballar contra 1727 baixo o impulso do primeiro Borbón, o rei Felipe V. Instalaríase primeiro un pequeno forno para vidros planos para as fiestras e os espellos do palacio, e xa en 1737 melloraríase a fabricación coa técnica de coada co que se obterían pezas de tamaños maiores. En anos posteriores incorporarían técnicas de fabricación francesas e alamanas.

Outras fábricas de vidro levantaríanse con posterioridade en Valencia (1788), Avilés, Alamedillla (Granada), Buenache (Cuenca), San Fernando (Cádiz), Utrillas (Teruel)... Pero vai ser a partir do decenio de 1810, coa xeneralización do emprego do carbón nos fornos, cando a industria vidreira adquira un carácter totalmente industrial.

Laiábase o pai Sarmiento en 1757 de que non se impulsaran fábricas de “louza, vidro, xabón e aceite, os catro carunchos que chuchan de Galicia moito diñeiro”. E sería o incansable Raimundo Ibáñez quen solicitaría en 1806 axuda da Coroa para por en marcha en Sargadelos unha terceira industria, de botellas e cristais.

Pero vai ser o coruñés Juan Antonio del Adalid y Loredo quen en 1827 comece a fabricación e solicite en 1828 privilexio real para o seu proxecto de “unha fábrica de botellas de vidro escuro, como o de Bordeos, e de cristal branco, como o de Francia e Alemaña”. A fábrica, co nome comercial “La Minerva” traballaría até 1851. En 1857 sería absorbida pola sociedade “Ugarte, Villarrubia y Cía.”, dende 1849 fabricantes de vidro oco co nome de “La Coruñesa”. Outras fábricas serían a fallada “La Protegida” e a súa continuadora “La Esperanza” (1858), ademais de a de Español na Palloza (1868-1885).

No mes de decembro de 1917, Fernando Quiñones de León y Elduayen, Marqués de Mos e de Valladares, proxecta, xunto con Manuel Losada Carrera e un fabricante inglés, do que descoñecemos o nome, a creación dunha fábrica de vidro para frascos, botellos e botellas.

En setembro de 1918 a prensa recolle nunha lacónica nota que “Brevemente darán comezo os traballos para a instalación dunha fábrica de cristal en Rande, que establecerá unha compañía inglesa”. A empresa, co nome de “Vidriera Gallega”, presidida por Fernando Quiñones de León, obtén en 1919 a autorización administrativa para aproveitar a area de varias praias da Ría de Vigo para a fabricación de cristal.

Ao falecer o Marqués en 1920, Manuel Losada Carrera é nomeado presidente da compañía, que estima producir entre 30.000 e 40.000 botellas por día.

Nos comezos do mes de maio de 1921, a fábrica construída en As Muradas (San Andrés de Cedeira, Redondela) entra por fin en funcionamento, ocupando a uns 200 obreiros. Algo non foi ben, pois tan só dous meses despois paralízase a fabricación de vidro.

No mes de marzo de 1923 anúnciase que recomezarán os traballos na fábrica, pero aínda no mes de abril do 1936, o Concello de Redondela tentaba abrir de novo esta industria.

A cheminea desta efémera industria sería mercada polo empresario José Regojo Rodríguez na década de 1940, desmontada do seu emprazamento en Rande e volta a montar en Redondela para engalanar a que fora importante empresa téxtil. Tralo peche de Regojo contra 1987, malia a urbanización da zona na década de 1990, a cheminea conservouse como símbolo daquela empresa local, na que tan só cumpriu un papel ornamental.

No decenio de 1960 a zona que acollera á “Vidriera Gallega” foi ocupada polas instalacións do cargadoiro de mineral da “Minero Siderúrgica de Ponferrada” (vid. ficha 159) desaparecendo calquera pegada da frustrada fábrica de vidro.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica edificouse na beiramar da ribeira esquerda da Enseada de San Simón, próxima ao estreito de Rande, na ría de Vigo, nunha zona a carón da vía do ferrocarril de Redondela a Vigo e da estrada Redondela-Vigo, e cun máis que doado acceso marítimo.

Construcción:

1920.

Abandono:

1921.

Descrición:

As instalación da “Vidriera Gallega” comezaron a construírse contra 1919 cun desmonte na marisma e beiramar da baixada de As Muradas, nunha zona abrigada e moi favorábel para o acceso marítimo e o fondeo seguro de embarcacións de bo porte, ademáis de ter a carón a vía do ferrocarril de Redondela a Vigo e a estrada de Redondela a Vigo.

Non temos máis información dos detalles construtivos, non sendo os que podemos tirar das imaxes publicadas en 1920 na revista “Vida Gallega”, onde baixo o epígrafe “Progreso industrial” describe “La Vidirera Gallega, fábrica que acaba de establecerse en Vigo (Rande), vista desde el mar y la vía férrea. Esta industria se debe al espíritu emprendedor y al patriotismo práctico del filántropo gallego D. Manuel Losada”.

Vemos nelas tres naves prismáticas acaroadas lonxitudinalmente en batería, con cadansúa cuberta a dúas augas. Van construídas en cantaría raxada (rebocada) con morteiro de cal, con dirección do oeste ao este, paralelas á vía férrea, nun terreo con forte pendente. As construcións teñen planta baixa, un andar e unha planta baixo cuberta. Polo paramento que mira ao mar ábrense sete ocos rectangulares, repetidos en ámbolos dous niveis. As fachadas que miran ao poñente abren tres ocos rectangulares no primeiro andar (non vemos o baixo nas fotografías) e un óculo baixo a cuberta.

Unha impoñente cheminea de ladrillo e unha pequena construción de planta baixa con cuberta a dúas augas, lixeiramente apartadas das edificacións principais, completan o conxunto. Pola parte traseira asoma unha construción de planta baixa con cuberta a catro augas. O conxunto evidencia unha arquitectura funcional, sen pretensión algunha de representatividade ou fachenda.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O vidro (tamén chamado impropiamente “cristal”) é un material inorgánico duro, fráxil, transparente e amorfo que se atopa na natureza, aínda que tamén pode ser producido polo ser humano. O vidro artificial úsase para facer xanelas, lentes, botellas e unha gran variedade de produtos utilitarios e decorativos. O vidro é un tipo de material cerámico amorfo que obtense quentando en fornos de reverbero entre 1.000 ºC e 1.500 ºC (dependendo do proceso e do tipo de forno) area de sílice (SiO2), carbonato de sodio (natrón, CO3Na2) e carbonato de calcio (calcaria, CO3Ca), moídos e ben mesturados. En función das características do produto desexado, engádense na mestura diferentes substancias, como óxido de manganeso, ácido bórico, litarxirio, alumina, etc.

Os fornos de reverbero, cunha cámara abovedada revestida de ladrillo refractario, poden ser de crisois (recipientes dun material refractario para fundir a mestura) sobre soleira plana, ou ben de cubeta, nos que a soleira forma unha cubeta con lixeira pendente pola que circula o baño xa fundido.

O vidro xa fundido refínase, quentándoo un pouco máis para axudar ao desprendemento das burbullas gasosas que contén no seu seo. Rematado o refino déixase arrefriar para que adquira a pastosidade suficiente para podelo traballar.

A elaboración da peza final faise por prensado, laminado, estirado ou soprado, segundo as características que queiran dárselle.

Os obxectos fabricados de vidro deben someterse a un proceso de arrefriado uniforme para eliminar as tensións internas que puideran ter aparecido polo arrefriamento irregular que sufre a masa vítrea durante a súa elaboración. Con esta finalidade a peza volve a quentarse (recocido) para despois darlle un arrefriado controlado, obtendo así unha peza de meirande dureza e menor fraxilidade.

Actividades laborais:

Os vidreiros tradicionais, fabricante de vidro oco soprado, traballan de maneira artesanal, con producións intermitentes. Os fabricantes de vidro plano, con sistemas de produción modernos, traballan de maneira permanente.

Emprego:

No mes de maio de 1921 dise que ocupa a uns douscentos obreiros.

Materias Primas:

Area de sílice (SiO2), carbonato de sodio (natrón, CO3Na2) e carbonato de calcio (calcaria, CO3Ca), mais outras substancias, como óxido de manganeso, ácido bórico, litarxirio, alumina, etc.

Produtos Elaborados:

Vidro oco para frascos e botellas.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Negral, J., 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

García Alén, L., 1983. La alfarería de Galicia, colaboración de Alfredo García Alén y Xosé M. Gómez Vilasó, edición facsimilar del 2008, Catalogación Arqueológica y Artística de Galicia del Museo de Pontevedra, La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-3508-2008. ISBN 978-84-95892-75-1.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: Oleiros e telleiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 516-530.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Oleiros e telleiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 80-94. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Meijide Pardo, A., 1974-75. “La primera industria coruñesa del vidrio (1827-1850)”. Revista del Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses, número 10-11, p. 143-201. La Coruña: Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses.

Migueles González, J. “As antigas empresas”. Anecdotario Redondelán [en liña]. Dispoñible na Internet: http://anecdotarioredondelan.jimdo.com/as-antigas-empresas/ [Acceso 21 marzo 2013].

Quasebart, K., 1942. “Fabricación del vidrio”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo VIII: Cerámica y vidrio, sección III, p. 920-944.

Román Losada, A., 2009. Sal, sardiña e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo da Enseada de San Simón, Redondela: Asociación Cultural Alén Nos [en línea]. Disponible na Internet: http://issuu.com/salamatu [Último acceso 2 de abril del 2011].

Sobrino Fagilde, I., 2008. Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur), Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia [en línea]. Disponible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 27 de junio del 2013].

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-II Redondela // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 528.826,00 m / Y 4.681.884,34 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

27 xuño 2016