410 Fábrica dos tres picos

Galería de Fotos

VerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Muros
  • Parroquia: San Xoan de Serres
  • Lugar: Anido
  • Paraxe: Praia de Ariño
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.78649763928249
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -9.056324468872049
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 495.516,43 m / Y 4.737.313,92 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas de peixe
  • CNAE: Fabricación de conservas de peixe (Conservas de sardiña e outros).
  • Tipoloxía: Conserva hermética en envase metálico
  • Comarca: Muros
  • Marco Xeográfico: Fondal da enseada de Muros, na praia de Ariño, ao pé de Boavista.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Santiago de Compostela, coller a estrada AC-553 cara a Noia, para dende alí continuarmos pola estrada AC-550 cara a Muros. Ao acercármonos á vila, deterémonos no barrio de Boavista, e apartaremos pola man esquerda cara á beiramar, onde miraremos a construción abandonada que ía ser fábrica de conservas.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nun vello salgadoiro; en Bueu apareceron restos de salgadoiros e ánforas de barro romanas; e en Noville (Mugardos) estudárase unha completa e señorial industria romana de salga.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ó aire con destino aos portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban a Levante importantes cantidades de sardiña ao longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Coa falta de abasto nos seus mercados e de mercados foráneos para os seus produtos, os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares, e as primeiras vagas de comerciantes cataláns que recalan nas costas galegas por mor de vender viños, augardentes, aceites e xabóns, e mercan para os retornos sardiña que preparan cos métodos de salgadura desenvolvidos no Mediterráneo, ocorren a partires de 1750, aínda que só permanecen acó entre abril e decembro –a tempada da pesca da sardiña– tornando despois ao Levante ata a seguinte campaña, que chamaban “costeira”.

As primeiras actividades comerciais desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados a carón do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” aos mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés.

A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade dos salgadoiros, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca.

Tres foron as innovacións introducidas polos fomentadores cataláns: as redes de arrastre (a xávega) máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco (chinchorro, traíña, xareta), e por iso rexeitadas polos gremio galegos, partidarios dunha pesca sustentábel; as novas técnicas de salgadura (o salpresado fronte ó escochado); e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

A esterilización do peixe e o seu posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de 1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ao seu cume a finais do século, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída polo “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.

A primeira fábrica española de conservas herméticas de pescado foi a que en Oviedo establecera José María Tubiano no ano 1828, á que axiña seguirían outras dúas, tamén en Asturias, e, xa en 1836, a de Francisco Zuloaga na Ponte Gaiteira (Oza, A Coruña). Dende 1850 van establecerse máis conserveiras, pequenos talleres que envasaban manualmente en frascos de vidro sardiña, pescada, ollomol, ostras, caza, verduras e froita, e que chegarían a seren corenta contra 1880, das que trece estaban en Cantabria, dez no País Vasco, nove en Asturias e sete en Galicia.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa de Arousa, cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Procedente de Blanes (Girona), no ano 1806 chegaba ao porto de Esteiro (Muros) Joseph Romaní Ytllas, para dedicarse á pesca e salga da sardiña capturada na ría de Muros. O seu almacén de salga sería o primeiro que vai instalarse en Esteiro, na Ribeira do Maio, a iniciativa dos cataláns. Xa nos comezos do decenio de 1820, chegaría para establecerse en Esteiro a súa dona, Rosa Cruz Roura, coas súas fillas, Teresa e Joaquina. En Esteiro nacerían os seus fillos, Gaspar José (1824), Félix (1826) e Benancio (1828) Romaní Cruz.

En 1854 Micaela Bermúdez Gómez, dona de Benancio Romaní Cruz faríase coa propiedade do almacén de salga que Joan Roca e a súa dona, Rufina Roura, ámbolos dous naturais de Sant Pol de Mar (el Maresme, Barcelona) explotaban en Anido dende 1840. É posíbel que este almacén de salga fora edificado nas primeiras décadas do século XIX polo natural de Calella (Barcelona) Joseph Grau Font, quen explotaba outro no Porto do Son dende 1818 (vid. ficha 409).

Os asuntos de Benancio non marchaban ben polo que en 1867 véndelle o almacén ao seu irmán Félix. Dende entón, o almacén de salga permanecería na familia Romaní. Despois de Félix Romaní Cruz, sería o propietario o seu fillo Abelardo Romaní González, quen o daría en herdanza ao seu fillo Félix Romaní Mariño.

Como fixera o seu irmán José no almacén de Anido (vid. ficha 408), tamén contra 1920 Félix Romaní Mariño comezaría a traballar escabeches e conservas herméticas nas súas instalacións, e comezaría a construír nunha finca case adxacente a que ía ser unha moderna fábrica de conservas.

Félix morrería nun accidente de motocicleta o 22 de abril de 1922 e o proxecto da nova fábrica sería abandonado.

Descrición Xeral do Entorno:

Fondal da enseada de Muros, na praia de Ariño, ao pé de Boavista.

Construcción:

Cara a 1921.

Abandono:

Coa morte do promotor, en 1922, o proxecto foi abandonado.

Descrición:

A Gaceta de Madrid do 20 de marzo de 1920 publicaba unha Real Orde asinada polo Director Xeral de Obras Públicas pola que se autorizaba a construción na praia de Ariño dunha fábrica de conservas de peixe, ocupando o dominio público ademais do terreo do concesionario.

A fábrica comezara a construírse enriba da plataforma pétrea levantada sobre o pequeno areal coñecido como praia de Ariño, ao pé do alto de Boavista e ao abeiro dos ventos do nordés, cun acceso ben doado para as embarcacións. A plataforma que sirve de base á edificación ten cincuenta metros de fronte, e está construída en sólida cachotería de granito e ten unha igualmente sólida rampla de atraque, de catro metros de ancho e uns dezaseis metros de lonxitude, para o servizo da fábrica na súa estrema de levante.

A fábrica, co interior sen divisións, configúrase con tres corpos rectangulares iguais aliñados en dirección norte-sur, de doce metros de fronte e trinta metros de fondo, rematados por cadansúa cuberta a dúas augas e forte pendente. En cada unha das tres fachadas meridionais que miran ao mar, ábrense dous ocos a cada lado da porta en posición central. No triángulo superior da fachada, “o pico”, ábrese unha terceira ventá sobre a porta.

A construción fíxose con granito na cantería, os vaos de portas e ventás, e mailos esquinais, e con cachotería regular, tamén de granito, nas paredes. As cubertas van a dúas augas, pero, como o resto do proxecto, quedaron sen facer pola morte do propietario.

Tempo de uso:

Aínda que non chegara a funcionar, o uso previsto neste tipo de industria adoita ser estacional, dependendo fundamentalmente das mareas da pesca da sardiña e do marisqueo dos produtos elaborados.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas nas embarcacións modernas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, nos peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para a preparación das conservas.

Para moitos veciños as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado. Nas modernas fábricas, o proceso facíase xa no interior delas.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ao vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido (engastado ou peche mecánico por compresión). As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoira, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra. A mecanización permitía que as fábricas produciran enormes cantidades, de decenas de millóns de latas anuais, e que decenas de miles de toneladas de conservas saíran cada ano das súa instalacións.

Actividades laborais:

Neste tipo de industria a man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do peixe e a vianda. Persoal masculino na supervisión dos procesos, a atención da maquinaria e o traballo administrativo nas oficinas.

Emprego:

A fábrica nunca chegou a completarse, e descoñecemos as previsións do proxecto.

Materias Primas:

Sardiña, principalmente, aínda que procesarían tamén outros peixes (bocarte, xarda, agulla) e mariscos (navallas, berberechos, ameixas).

Produtos Elaborados:

As previsións apuntaban mormente á sardiña en aceite, aínda que envasarían tamén xurelo e xarda, e, posiblemente tamén navallas, mexillóns e berberechos.

Distribución e comercialización:

Pretendíase unha comercialización rexional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Asociación Cultural A Cepa, 2009. As mulleres da conserva. Fernando Cuñarro Pintos (dir.), Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.

Carmona Badía, J., 1985. «La industria conservera gallega, 1840-1905», Papeles de Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 16, Galicia. Madrid: Fundación Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros (FUNCAS), p. 177-191. ISSN 1136-4777.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Casanova, C., 1998, “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

García Fernández, A., 2006. "Construcións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados, Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.

Llovo Taboada, S., 2014. Anaquiños de historia do Concello de Muros. Douscentos anos de salgaduras e conserveiras. Noia: Toxosoutos. DL C-1244-2014. ISBN 978-84-942224-7-4.

López Capont, F., 1998. El desarrollo industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a Galicia, La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-769-1998. ISBN 84-89748-26-8.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. A conservación da pesca: a salazón”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 441-451.

Lorenzo Fernández, X., 1982. “A conservación da pesca: a salazón”, O mar e os ríos, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 165-179. DL VG-425-1982. ISBN 84-7154-421-0.

Mariño del Río, M., 1996. A industria derivada da pesca no Concello de Porto do Son. As salgadeiras (1774-1934), Muros: Toxosoutos. DL C-1001-1996. ISBN 84-89129-20-7.

Niese, H., 1942. “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo V, p. 643-647.

Pazos Pérez, L.J., 2015. Memoria gráfica de un patrimonio: salazones y conserveras (vestigios de una época de esplendor). Pontevedra: Damaré Edicións. DL PO-105-2015.

Pereira González, D., 2008. Elaboración do inventario do patrimonio marítimo pesqueiro no ámbito das confrarías de pescadores de Muros, Lira, O Pindo, Fisterra e Laxe. A Coruña: Fundación Lonxanet para la Pesca Sostenible. [en liña]. Dispoñible na Internet: http://pindomarino.org/arquivos/Informe_Memoria_Inventario_Pat_Cult_191208.pdf [Acceso 7 xullo 2016].

Romaní García, A., 1991: A revolución tecnolóxica na industria salgadeira de Galicia. Vigo: Unipro Editorial. DL 1179-1991. ISBN 84-87917-01-1.

Romaní García, A., 1998. Unha industria salgadeira catalana en Galicia: orixe, apoxeo e ocaso da familia Romaní. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 978-84-453-2101-0.

Santos Castroviejo, I., 1998. “Os séculos XVIII e XIX (ata 1870): protagonistas e transformacións”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 87-138. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Soraluce Blond, J.R., y Fernández Fernández, X. (directores), 1998. Arquitecturas da provincia da Coruña, vol. III. Comarca de Muros e Noia: Carnota, Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña. DL C-1422-1998. ISBN 84-89652-67-8.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en liña]. Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 2 abril 2016].

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 119-I Muros // H 29 // X 495.516,43 m / Y 4.737.313,92 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1961. De Cabo Villano a Monte Louro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 927, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1523-1972.

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1964. De Cabo de la Nave a la Isla Sálvora. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 926, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1427-1972.

Data de Actualización:

8 xullo 2016